Centro Gallego de La Habana

asociación da diáspora galega na Habana

O Centro Gallego de La Habana foi construído pola comunidade galega de Cuba, e é considerado unha das máis importantes obras do seu tipo realizadas nese país. Foi un elemento de gran relevancia no vida dos inmigrantes galegos, proporcionándolles atención sanitaria, un lugar onde instruírse, reunirse e promover a cultura.

Centro Gallego de La Habana
Escudo do Centro Galego da Habana
Tipoasociación
Data de fundaciónnovembro de 1879
SedeA Habana
EnA Habana
PaísCuba
23°08′13″N 82°21′35″O / 23.136827777778, -82.359602777778
editar datos en Wikidata ]

Obxectivos

editar
 
Gran Teatro de La Habana, antiga sede do Centro Gallego de La Habana.

Un dos principais obxectivos do centro era proporcionarlles aos inmigrantes galegos asistencia sanitaria, creando o sanatorio “La Benéfica”. Á vez, buscábase crear unha maior unión entre todos os inmigrantes nun lugar onde puidesen instruírse os tempo que divertirse. Ademais, o centro caracterizouse polo seu labor solidario, axudando a vítimas de catástrofes tanto de Galicia como doutros lugares, e pola súa loita contra a explotación dos inmigrantes galegos. Por outra banda, o centro realizará tamén a gran labor de promover a cultura creando seccións de lírica e filharmónica, a realización de cursos de lingua e cultura galegas, ou impartir cursos artísticos de danza e música. O grupo folclórico de danza e gaitas “Follas Novas”, por exemplo, participará en actos organizados por institucións públicas, destacando o “Quinto Encontro Iberoamericano de Cultura”.

Historia

editar

O centro ten a súa orixe no século XIX. A finais de 1871, un grupo de galegos residentes en Cuba decide fundar a “Sociedade de Beneficiencia de Naturais de Galicia”. Ao ano seguinte fúndase tamén a “Sociedade Coral Ecos de Galicia”. Non sería até máis adiante, en novembro de 1879, cando un grupo de estudantes decide crear unha sociedade á que chamarían “Centro Gallego, Sociedade de Instrucción e Recreo”. En decembro apróbanse os primeiros Estatutos e a Xunta Directiva presídea Nicolás Villageliú.

En 1880 comezan as súas actividades de promoción da cultura coa creación das 3 seccións, “recreo y adorno”, “declamación”, e “instrucción”. A sección “de instrucción” faise cargo dunha escola de ensino xeral e da biblioteca. A pesar de que o Centro só conta cuns 700 asociados, a escola ten 109 persoas no seu alumnado en apenas 1 ano. Pouco tempo despois o Centro crea as seccións de “Lírica” e “filharmónica”.

En 1891 o Centro colabora coa publicación da Historia de Galicia de Manuel Murguía.

No ano 1905 merca o edificio do Teatro Nacional (antes coñecido como Teatro Tacón) e os terreos máis próximos. En 1906 o centro funda unha caixa de aforros, configurándose como entidade bancaria en 1909 baixo o nome de “Caja de Ahorros y Banco Gallego”, permitindo todo isto que o número de socios medre. En 1907 comezou a construción dun edificio-sede, inaugurándose en 1913. Así, configurábase en todos estes terreos o que sería o Pazo Social. Ademais, durante este ano 1907 foi composto o himno galego, no que se empregaría a letra do poema de Eduardo Pondal, Os Pinos.[1] Cabe engadir que ao igual que o himno, a bandeira galega tamén é froito da inmigración en Cuba.[2]

O “Plantel de Concepción Arenal”, instalado no antigo edificio, encárgase da ensinanza primaria e de impartir clases nocturnas de comercio, corte e costura ou taquigrafía. Tamén é de destacar que a Academia de música alcanza o rango de Conservatorio Nacional. Tanto esta Academia de Música como a Academia de Belas Artes están situadas tamén no antigo edificio do Centro. Entre os seus profesores destacaron o pedagogo Vicente Fráiz Andión, o escritor Eduardo Núñez Sarmiento e numerosas mulleres como Andrea López Chao ou Elisa Losada, entre outras.[3]

En 1920 o Centro Gallego contaba con 64 000 socios. O hospital do Centro, chamado “La Benéfica”, tiña xa en 1950 13 pavillóns entre os que se atopan os dedicados ás enfermidades mentais e nerviosas ou á hidroterapia, por exemplo.

Co triunfo da Revolución Cubana producida en 1959, acontecen cambios que afectan ás asociacións dos inmigrantes. Comeza a carecer de sentido a existencia do Centro posto que a saúde era gratuíta no país, mentres que no centro hai unha cota de socio mensual por recibir esa asistencia.

 
Entrada ao sanatorio "La Benéfica" do Centro Gallego de La Habana. Fotografía de Vida Gallega de 1909.

A revolución fai cesar o Centro en 1961 e nacionalizan o patrimonio deste, como o teatro, o palacio da sede, o hospital ou o banco entre outros. O último presidente do Centro Gallego de La Habana é Camilo Vila, que fora vicepresidente até febreiro dese ano, cando renunciou José Pérez Riva.

Situación

editar

Sitúase en pleno corazón da Habana, no espazo que ocupaba o antigo Teatro Tacón (denominado agora García Lorca), o cal se mantén no interior do propio Centro.

 
Fotografía do salón de festas do Centro Gallego de La Habana publicada en Vida Gallega en 1909

Edificio

editar

Edificouse en 1914 e foi obra do arquitecto Paul Beleuy.[4] As súas fachadas ricamente decoradas con esculturas e adornos en mármore e bronce converten este edificio nun monumento ao eclecticismo con matices neobarrocos. Notamos, así pois, certa intención no arquitecto de reescribir as características representativas do Barroco cubano. Ademais, atopamos catro grupos escultóricos na súa fachada que representan alegorías da beneficencia, a educación, a música e o teatro. Dentro do propio centro foi construído un teatro, durante moitos anos o máis grande e luxoso de Cuba. O edificio pertence ao chamado Pazo Social.

Publicacións

editar
  • Boletín de la Asamblea de apoderados. Publícase desde 1915 con periodicidade irregular, habitualmente de forma cuadrimestral. Recóllense os actos e debates da Asemblea de Apoderados, máximo órgano do Centro.
  • La voz del alumno. (Boletín del Plantel Concepción Arenal del Centro Gallego). Publicado dende 1935 e aborda as actividades e os problemas do equipo escolar do Centro Gallego
  • Órgano de afirmación y defensa. Publícase dende 1940 a 1941 cunha periodicidade mensual.
  •  
    Fotografía da Sección de Recreo e Adorno do Centro Gallego de La Habana publicada en Vida Gallega en 1909. Marcados na imaxe o presidente Avelino Pazos (X) e os secretario Jesús Díaz (N) e Pascual Aenlle (V).
    Alma gallega. (Defensora do prestixio e dos dereitos dos galegos residentes en Cuba). Dende 1 de decembro de 1939, con periodicidade mensual. Servía como órgano informativo de Partido Unión Progresista Gallega, Pro Centro Gallego.
  1. "Centro Gallego". Minube (en castelán). Consultado o 2019-02-24. 
  2. Wicek (2007-07-09). "Blog Nacional: Centro Gallego de La Habana". Blog Nacional. Consultado o 2019-02-24. 
  3. "Andrea L. Chao, una maestra de Mondoñedo en el I Congreso de Mujeres de Cuba en 1923". La Voz de Galicia (en castelán). 2018-05-06. Consultado o 2021-03-13. 
  4. "Centro Gallego de La Habana, Cuba - La Arquitectura de La Habana, Cuba". www.arquitecturahabana.org. Arquivado dende o orixinal o 08 de marzo de 2016. Consultado o 2019-02-24. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar