Hijas de Galicia

Asociación de emigrantes galegas en Cuba

Hijas de Galicia foi unha institución creada en Cuba en 1917 para protexer a mulleres emigrantes galegas dos abusos e discriminacións que sufrían. A asociación xestouse dentro de outra xa existente de emigrados galegos: Solidaridad Pontevedresa. En 1924, Hijas de Galicia abriu o Hospital Concepción Arenal e en 1938 construíu un gran Balneario social para lecer e repouso. Hijas de Galicia converteuse na maior agrupación do mundo de emigradas galegas e descendentes, chegando a ter 58.000 asociadas en 1960. Aínda que a asociación xa non existe como tal, continúa o seu hospital, incautado polo réxime de Fidel Castro en 1959.[1][2]

Hijas de Galicia
Entrada de Hospital Materno Infantíl de Diez de Octubre, La Habana 2019.jpg
Entrada do Hospital Hijas de Galicia coas iniciais HG
Presentación
Data fundación1917
LocalizaciónA Habana

TraxectoriaEditar

AntecedentesEditar

Na primeira grande onda migratoria, entre 1880 e 1930, fóronse a América medio millón de galegos. Ao principio, as mulleres supoñían apenas un 20% do total pero a partir da crise mundial do ano 1929, a porcentaxe subiu ata o 40 ou 45% e Cuba era o destino preferente. Un estudo do profesor cubano Julio César González Pagés cifra en 60.000 o número de mulleres galegas acollidas nese país. As galegas chegaban desprotexidas a Cuba. Moitas chegaron soas ou con nenos pequenos. Analfabetas en moitos casos e sen recursos, traballaban sobre todo como serventas e, a miúdo, eran captadas por intermediarios que as obrigaban a prostituírse[2], o que fixo desta emigración unha das máis estigmatizadas pola poboación cubana.[3]

As galegas sufrían discriminación por xénero, por etnia, por estranxeiras e porque as propias sociedades de emigrantes tíñanas en total abandono: o mesmo Centro Gallego só ofrecía servizos sanitarios aos homes. Ante esa situación, o 16 de xuño de 1912 fundouse Solidariedade Pontevedresa para denunciar a situación das súas paisanas e axudalas.[4] En 1914 decidiron reformar o regulamento desta sociedade para que fose quen establecese un sanatorio para a comunidade galega. Así xurdiu o proxecto que deu orixe á Institución Hijas de Galicia.

Constitución e regulamentoEditar

Na Xunta Xeral do 18 de xaneiro de 1917, despois de discutir o proxecto de novos Estatutos, a Asociación Solidaridad Pontevedresa constituise na sociedade Hijas de Galicia, sociedad sanitaria y de auxilio mutuo, encamiñándose a traballar para aliviar a inseguridade que tiñan as mulleres galegas.[3]

Ademais de construír un hospital e un balneario social, desde a súa fundación, a asociación realizou unha intensa actividade na solución dos trámites burocráticos que as inmigrantes tiñan ao chegar a Cuba e actuaba nas difíciles circunstancias que poideran afectarlles, efectuando reclamacións para a entrada no país, durante a súa estancia en Cuba e, se era o caso, ante o Consulado español establecendo colaboracións para a eventual repatriación.[5]

Desde os seus inicios o goberno da asociación formábano e dirixían homes. Aínda que estaba formada por mulleres, tiña a obriga legal de que a súa xunta directiva estivese formada maioritariamente por homes.[6] O seu primeiro presidente foi Avelino Pérez Vilanova, a quen sustituiu en 1919 Benito Rey Doce, que reformou o regulamento para dar entrada a mulleres nel. Foi a partir do 22 de decembro de 1919 que a asociación tivo por primeira vez na súa Xunta Directiva a mulleres ocupando a segunda vicepresidencia. A primeira elixida para este cargo (foino varias veces), foi a mestra mindoniense Andrea López Chao[1][3]. Tamén o foi a ourensá Jesusa Prado.[7]

O 15 de maio de 1927 foron aprobados uns novos Estatutos que darían unha nova estrutura á Sociedade, aínda que mantendo o espírito fundacional do artigo segundo: "Proporcionar asistencia sanitaria, auxilio e amparo á muller, especialmente ás naturais da Rexión Galega. Concederá os mesmos beneficios ás doutras rexións españolas e aínda de diferente nacionalidade".[3]

HospitalEditar

En 1924 a entidade comprou uns terreos e levou a cabo un proxecto de adquisición dunha clínica situada no barrio de Luyanó. A proposta de Andrea López Chao, o Sanatorio levou o nome Concepción Arenal.[3]En setembro de 1927 aprobouse a construción doutros dous pavillóns e o cercado da parcela que ocupaba o sanatorio.[8]

O Hospital Hijas de Galicia tiña 6 pavillóns de dúas plantas, 10 salas de especialidades e unha flotilla de 6 coches para traslados. Facía consultas a domicilio e traballaban nel 19 médicos, 9 enfermeiras, 26 axudantes e administrativos. Atendía a 206 asociadas e menores ao día e entregaba medicamentos gratis. En 1958, un ano antes de que fose confiscado polo castrismo, inaugurouse o pavillón de oito plantas que albergou a Maternidade e o Fogar-Albergue.[1]

En 1959 o Hospital foi confiscado polo castrismo e continuou prestando os seus servizos.

BalnearioEditar

Outro dos grandes logros da asociación foi o Balneario social. En 1938 autorizouse a construción, que seis anos despois levaría o nome de Concepción Arenal, situado en Marianao,[3][5]con instalacións de repouso, lecer e esparexemento. Alí desenvolveu deportes como kaiak, squash ou voleibol. O equipo de voleibol de Hijas de Galicia foi campión invicto de Cuba de 1956 a 1960.[1][2]O Balneario social converteuse na praia predilecta das familias galegas e na mellor alternativa de recreo para as clases medias brancas, cubanas e estranxeiras, que estando excluídas dos selectos clubs da alta sociedade habanera, rexeitaban mesturarse coa xente de cor nas praias máis populares.[9]

O Balneario Hijas de Galicia foi intervido na primeira metade da década do 60 polo goberno de Fidel Castro e tranformouse no Círculo Social Obreiro “José Luis Tassende".[10][11]

PrensaEditar

A prensa feminina en Cuba tivo un desenvolvemento sostido no século XX. Esta foi de tiradas reducidas e a súa distribución fundamental foi na Habana. Para a comunidade galega que chegou a contar con 71 publicacións, este tipo de prensa feminina fíxose de forma excepcional e dentro destas sitúaronse tres pertencentes a Hijas de Galicia[3]:

  • Fragancias foi a primeira en xurdir en 1931 e só saíu o seu primeiro número. Estivo dirixida por Eduardo P. Marzoa e contou con colaboracións de Luís Martín, Amado Nervo, e as escritoras Concha Espina e Elena Fortún. Esta edición informaba das actividades da Sociedade e incluíu diversos traballos dirixidos ás mulleres. Fixo propaganda de diversos tipos pero sobre todo do Sanatorio para a muller Concepción Arenal, calificándoo como: "O mellor situado", "O máis suntuoso", "O mellor atendido" [12]
  • Faro gallego foi un xornal de pequeno formato que sacou catro números en 1940. Foi o voceiro dunha agrupación opositora á directiva da Sociedade Hijas de Galicia, no que se criticou a administración e a súa orientación. Estivo dirixido por José Trillo Escagedo.[13]
  • Cénit foi unha publicación mensual que se mantivo de 1938 a 1960. Estivo dirixida por José Álvarez Núñez e José Antonio Clark. A súa dirección, a diferenza das outras revistas da asociación, tivo mulleres nela: como xefa de redacción a Amada Borges e como administradora a Rosa Artiles.[14]

RecoñecementosEditar

  • A asociación Hijas de Galicia aparece na novela Sándalo, de María Xosé Porteiro, editada por Galaxia en 2019.[15]
  • O documental histórico Hijas de Galicia, Macorinas, estreado en 2020 e dirixido por Xosé Lois Santiago “Pello” e Fran Naveira, narra a historia da asociación.[16]

NotasEditar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 "Emigrantes de Viveiro y Ribadeo presidieron Hijas de Galicia en Cuba". La Voz de Galicia (en castelán). 2020-03-08. Consultado o 2021-03-19. 
  2. 2,0 2,1 2,2 "Nuestras mujeres emigrantes, olvidadas, invisibles y luchadoras". La Voz de Galicia (en castelán). 2016-03-08. Consultado o 2021-03-19. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 González Pagés, Julio César (2003). Emigración de mujeres gallegas a Cuba: las Hijas de Galicia (en castelán). Departamento de Cultura, Ayuntamiento de Vigo. 
  4. "Andrea L. Chao, una maestra de Mondoñedo en el I Congreso de Mujeres de Cuba en 1923". La Voz de Galicia (en castelán). 2018-05-06. Consultado o 2021-03-21. 
  5. 5,0 5,1 Borge, Julio Hernández; Lopo, Domingo L. González (2008). Mujer y emigración: una perspectiva plural : actas del Coloquio Internacional, Santiago de Compostela, 23-24 de noviembre de 2006. Servicio de Publicaciones. p. 244. ISBN 978-84-9887-010-7. 
  6. Porteiro, María Xosé. “Para dar cun relato da emigración, hai que loitar contra o esquecemento, contra a amnesia inducida e sen mitificar nada”. Praza Pública. Entrevista con Alberto Ramos. Consultado o 24 de xuño de 2019. 
  7. "Jesusa Prado. Álbum de mulleres. culturagalega.org". culturagalega.gal. Consultado o 2021-04-04. 
  8. "Una institución de salud con casi un siglo de historia". www.tribuna.cu (en castelán). Consultado o 2021-04-01. 
  9. Rodríguez, Juan Andrés Blanco (2008). El asociacionismo en la emigracion española a América. Junta de Castilla y León. p. 315. ISBN 978-84-936871-0-6. 
  10. "Clubes privados cubanos convertidos en Círculos Sociales Obreros pronto serán para extranjeros". Radio y Televisión Martí. RadioTelevisionMarti.com (en castelán). Consultado o 2021-04-05. 
  11. "Caos y Cosas de Cuba: Balnearios de la Playa de Marianao robados por la tirania castrista.". Caos y Cosas de Cuba. 2012. Consultado o 2021-04-05. 
  12. "Fragancias / Hemeroteca / Fondos documentais / Consello da Cultura Galega". consellodacultura.gal. Consultado o 2021-03-26. 
  13. "Faro Gallego / Hemeroteca / Fondos documentais / Consello da Cultura Galega". consellodacultura.gal. Consultado o 2021-03-26. 
  14. "Cénit / Hemeroteca / Fondos documentais / Consello da Cultura Galega". consellodacultura.gal. Consultado o 2021-03-26. 
  15. "«Unha mestra de Mondoñedo promoveu a atención a galegas prostituídas en Cuba»". La Voz de Galicia (en castelán). 2019-05-26. Consultado o 2021-03-21. 
  16. "Estreno de Hijas de Galicia, Macorinas. FIC Vía XIV" (en castelán). Consultado o 2021-03-19. 

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

  • González Pagés, Julio César (2003). Emigración de mujeres gallegas a Cuba: Las hijas de Galicia. Departamento de Cultura, Ayuntamiento de Vigo

Outros artigosEditar

Ligazóns externasEditar