Guerra da Independencia española en Galicia

enfrontamento militar entre España e o Primeiro Imperio Francés

A guerra da Independencia española (1808-1814) foi un enfrontamento militar entre España e o Primeiro Imperio Francés, provocado pola pretensión de Napoleón de instalar no trono español ao seu irmán Xosé Bonaparte, tras as abdicacións de Baiona. Esta guerra, tamén coñecida como a francesada, solápase e confúndese coa que a historiografía anglosaxoa chama "guerra peninsular" (Peninsular War), iniciada en 1807 ao declararlle Francia e España a guerra a Portugal, tradicional aliado do Reino Unido. Tamén tivo un importante compoñente de guerra civil a nivel nacional entre afrancesados e patriotas.

Recreación da batalla de Elviña. 15 de abril de 2012.
A ponte medieval do Burgo, inutilizada polo exército de Moore, e reconstruída no final do século XX.
John Moore. Retrato por Thomas Lawrence. National Portrait Gallery, Londres.
Tumba de sir John Moore. Xardín de San Carlos.
Pablo Morillo, conde de Cartaxena de Indias e marqués de la Puerta, chamado O león de Sampaio. Retrato por Horace Vernet (1789–1863).

O conflito desenvolveuse en plena crise do Antigo Réxime e sobre un complexo contexto de profundos cambios sociais e políticos impulsados polo xurdimento da identidade nacional española e a influencia no campo dos "patriotas" dalgúns dos ideais nacidos da Ilustración e a Revolución francesa, paradoxalmente espallados pola elite dos "afrancesados".

O tratado de Fontainebleau de 27 de outubro de 1807 prevía, de cara a unha nova invasión hispanofrancesa de Portugal, o apoio loxístico necesario para o tránsito das tropas imperiais. Baixo o mando do xeneral Jean-Andoche Junot, as tropas francesas entraron en España o 18 de outubro de 1807, cruzando o seu territorio a toda marcha chegando á fronteira portuguesa o 20 de novembro. Porén, os plans de Napoleón ían máis alá, e as súas tropas, moi superiores en número ao acordado en Fontainebleau, foron tomando posicións en importantes cidades e prazas fortes co obxecto de derrocar a Casa de Borbón e suplantala pola súa propia dinastía, convencido de contar co apoio popular.

Pero o resentimento da poboación polas exixencias de mantemento das tropas estranxeiras, que deu lugar a numerosos incidentes e episodios de violencia, xunto coa grande inestabilidade política xurdida pola querela entre Carlos IV de España e o seu fillo e herdeiro Fernando VII, orquestrada polos franceses, que se iniciou co Proceso de El Escorial e culminou no Motín de Aranjuez e o ascenso ao poder de Fernando VII, precipitou os acontecementos que desembocaron nos primeiros levantamentos no norte de España e a xornada do 2 de maio de 1808 en Madrid. A difusión das noticias da brutal represión e das abdicacións de Baiona do 5 e 9 de maio, estendeu por toda España o chamamento, iniciado en Móstoles, a enfrontarse coas tropas imperiais e decidiu a guerra pola vía da presión popular, a pesar da actitude contraria da Xunta Suprema de Goberno, órgano de rexencia instituído o 10 de abril de 1808 polo rei Fernando VII, que sería a encargada de dirixir os asuntos do reino na súa ausencia, cando tivo que viaxar a Francia convocado por Napoleón, nomeando ao seu tío o infante Antonio Pascual como presidente.

A gloria que foi negada ao pobo galego durante 200 anos recoñécese aquí con nomes, datas e lugares, dixo Francisco Rodríguez Iglesias, presidente de Hércules de Ediciones, na presentación do libro Victorias de Galicia. La Guerra de la Independencia. Cuando el pueblo gallego derrotó a Napoleón do coronel Navas Ramírez-Cruzado. Rodríguez expresou o seu desexo de que ese libro sirva para cambiar o defecto máis grave dos galegos, que é a falta de autoestima, mencionando a famosa frase do duque de Wellington: españois, imitade os inimitábeis galegos!.[1]

Pola súa parte para o autor, coronel de artillaría e durante sete anos director do Museo Militar da Coruña, foi Galicia enteira a que venceu as forzas de Napoleón, non foi o exército español, ou o que quedaba del, nin o inglés que veu axudar e o que fixo foi estorbar, nin os guerrilleiros. Así mesmo, tamén desmitificou outros feitos famosos desta contenda, como o 2 de maio, que morreu o día 3 cos fusilamentos; o levantamento de Zaragoza ou a gran Bailén, que o que fixo foi despertar o furor de Napoleón. Segundo Navas, foi a dignidade atropelada do pobo galego a que se levanta e expulsa os franceses da súa terra en seis meses, nunha guerra que durou seis anos.[1]

Antecedentes

editar

A comezos do século XIX en Galicia, como no resto da Península Ibérica, o poder político, é dicir, o control inmediato dos órganos de decisión política, estaba nas mans das dúas clases que tiñan o poder económico e social: a nobreza e o alto clero. Consolidárase, aparentemente, un equilibrio social formado por dous grandes bloques: o das elites ou perceptores de rendas e dereitos (nobreza e alto clero) e o dos produtores. Unha fina tea separaba aos campesiños ricos dos fidalgos, que formaban o primeiro chanzo da escala nobiliaria. Algúns (poucos) dos primeiros, valéndose de medios legais (comprando a cédula de fidalguía, gañándoa por servizos prestados nas guerras etc.) ou ilegais (prescrición dun suposto título, falsificación de árbores xenealóxicas etc.) conseguían traspasar a fronteira legal instalándose na clase superior. Así mesmo algúns burgueses, chegados de fóra de Galicia no século XVIII, procuraron demostrar a súa fidalguía e, deste xeito, acomodarse socialmente no bloque superior. Mentres isto funcionou, o sistema mantívose, e o equilibrio social parecía consolidado. Pero todo isto quedaría ameazado a partir de 1808. O equilibrio, aparentemente ben consolidado, rompeu.[2]

Crise política

editar
Artigo principal: Crise do Antigo Réxime.

O pensamento ilustrado en Galicia

editar
Artigo principal: Ilustración.
Véxase tamén: Ilustración en Galicia.
 
Frei Martín Sarmiento.

Os ilustrados galegos fixeran unha análise suficientemente correcta das causas que impedían o desenvolvemento económico e social de Galicia paralelo ao que estaban experimentando outros países. Ao lado desta análise presentaban, polo xeral, unhas solucións que, en principio, non cuestionaban a estrutura económico-social do país; así, estimaban que o clero e a nobreza deberían seguir sendo as clases que o vertebrasen socialmente, e non poñían en xuízo, en xeral, o sistema de Señorío, nin o foro como fórmula de ocupación da terra.

Aínda que había un sector máis crítico que, nas súas propostas, se aproximaba a unha solución revolucionaria, polo xeral é preciso dicir que o pensamento ilustrado galego, que contaba nas súas filas con intelectuais como Sarmiento, Lucas Labrada, Luís Marcelino Pereira,[3] Juan Francisco de Castro,[4][5] Cornide e o cóengo Pedro Antonio Sánchez Vaamonde,[6] entre outros, unicamente procuraba eliminar os atrancos que dificultaban que se cumprisen as leis económicas, como os excesivos impostos, as trabas á circulación de mercadorías etc., pero sen ofreceren un programa total de solucións que apunten a un novo equilibrio de poderes.

Os liberais galegos

editar
 
5 de maio de 1789, inauguración dos Estados Xerais en Versalles.
 
Toma da Bastilla, cadro de Jean-Pierre Houel (1735-1813).
 
Patente de Lois XVI na que se promulgou a Declaración dos dereitos do home e o cidadán.
Artigo principal: Liberalismo.

No período que vai de 1789, ano no que suceden importantes acontecementos para a historia:

En 1808 (comezo de guerra da Independencia española) formáronse en Galicia diversos grupos de intelectuais que estaban xa moi afastados das propostas moderadas dos ilustrados e que apuntaban cara a solucións radicais. Ao país, pensaban, non había que reformalo, senón cambialo. Eran os liberais, que se mantiveran un pouco na sombra até 1808 en que a convulsión sufrida por España coa invasión francesa e a aparición da liberdade de prensa lles permitiu presentarse e facer campaña das súas ideas.

A aparición desta xeración de intelectuais e políticos liberais non foi, evidentemente, casual; tivo que ver cos progresos experimentados pola economía europea no último terzo do século XVIII. Unha sociedade que se preocupa das ideas de liberdade, igualdade e democracia revela que ten resolvidos, polo menos en determinadas capas sociais, os problemas económicos máis urxentes.

En Galicia albíscanse unha serie de datos que indican que se estaba a experimentar certa reactivación económica no final do século. Os indicadores máis destacados eran os seguintes:

  • Xeneralización do cultivo do millo, o que permitiu un incremento da actividade gandeira e unha elevación da dieta alimentaria que -como consecuencia inmediata- supuxo un aumento da poboación.
  • Xeneralización do cultivo da pataca, até o punto de que Lucas Labrada puido escribir que, en 1804, as patacas producíanse en todas as comarcas de Galicia.[7]
  • Asociación de novos cultivos, como o dos feixóns (ou fabas) co millo, sen cansazo excesivo da terra.[8]
  • Aumento da superficie cultivada nunhas 200 000 Ha.[9]
  • Crecemento espectacular dos rendementos agrícolas até o punto de que, nalgunhas comarcas de clima privilexiado, como o Salnés, alcanzaríanse no final do século XVIII cotas de produción non igualadas en todo o século XIX.[10]
  • Conxuntura favorábel dos prezos, que beneficiaría non só as clases rendeiras, mais tamén o campesiñado posuidor de terras, grazas á introdución dos novos cultivos, a extensión do campo cultivado e o incremento da produción gandeira.
  • Resposta favorábel da poboación, xa que este proceso de crecemento económico foi posíbel tamén, en boa parte, grazas á acumulación do esforzo.[11]

O levantamento en Galicia

editar

Na guerra da Independencia todo o país galego se converte nunha guerrilla contra o invasor francés. En palabras de Barreiro, a Igrexa entregouse en favor da loita; colgáronse hábitos e sotanas e empuñáronse as armas e, os clérigos que pola idade (ou pola súa pusilanimidade) quedaron na retagarda, apoiárona desde púlpitos e confesionarios. Os fidalgos, que se consideraban señores naturais dos seus súbditos campesiños, en poucas ocasións como nesta puideron exercer un liderado que lles permitise consolidar o prestixio das familias: os pazos foron cuarteis e almacéns onde os campesiños encontraban, desta vez, de todo, desde armas e municións até prórrogas para o pagamento das rendas. A burguesía das cidades marítimas, despois dunha inicial dúbida sobre que partido tomar, entregáronse igualmente á causa achegando diñeiro, enviando os seus fillos ás escolas de cadetes e, sobre todo, asumindo (non desinteresadamente, é certo) as pesadas responsabilidades dunha burocracia militar e civil cada día máis complicada. Todos colaboraron eficazmente. Pero, sobre todo, alí estaba, en primeira liña, o campesiñado (a maioría da poboación). Quizais desde a gran guerra irmandiña nunca os campesiños galegos se entregaran tan vehementemente a unha causa como nesta ocasión. A guerra foi, pois, unha epopea popular.[12]

Levantamento da Coruña

editar

A cidade da Coruña foi, en maio de 1808, a primeira que se levantou en armas contra os franceses, cando os alarmantes rumores sobre a entrega das autoridades, e por tanto do país, a Napoleón inquietaron a poboación. Pouco despois álzase a de Santiago e, a continuación, todas as demais cidades e vilas seguen o exemplo das dúas principais urbes galegas, formando Xuntas de goberno que, a instancias da da Coruña, acabaron confluíndo e integrando a Xunta Suprema do Reino de Galicia que actuou, durante menos dun ano, apenas seis meses, como soberana xa que, impedido Fernando VII, preso e cativo en Francia, actuou, no seu nome, como o goberno dun reino independente.

Segundo Díaz Otero,

"Aínda que sexan moitos os autores que proporcionan información a respecto dos feitos acontecidos na Coruña durante o mes de maio, a verdade é que basicamente hai unha única versión da que moi posiblemente sexa responsable o conde de Toreno. Segundo a devandita versión, os estados de ánimo comezaron a alterarse coa chegada, nos primeiros días de maio, do oficial francés Mougat, que fora comisionado por Murat para inspeccionar os arsenais de fusís e artillería de Galiza."
"Aparentemente, e co propósito de acougar ou sosegar os ánimos, o entón capitán xeneral interino, D. Francisco de Biedma, decidiu instalar unhas pezas de artillería diante do palacio de capitanía. Esta medida produciu efectos contrarios aos previstos e serviu para suscitar receos de conivencia entre Biedma e os franceses. Comezaron entón a aparecer unha serie de rumores, entre os que salientaba o de que Biedma pensaba enviar os soldados para Francia e que serían substituídos por franceses. Adicionalmente, sería feito un recrutamento entre os paisanos, por orde francesa, e serían levados coas mans atadas para Francia. Tal fin atribuían á visita de Mougat."[13]

Cabe preguntarse se estes rumores e este estado de inquietude estaban, ou non, provocados por algún grupo de persoas. A este respecto sábese que un grupo de paisanos se reunía secretamente con oficiais do exército, reunións ás que concorrían, entre outros, Manuel Pardo de Andrade e Sinforiano López. Ademais destes movementos, que poderiamos cualificar de internos, houbo algúns outros externos, que terían gran repercusión. Por exemplo, un enviado da Xunta de Asturias presentouse ante o rexente da Audiencia, Pagola, que, tras ser informado do levantamento asturiano, deu ordes ao enviado de que marchase inmediatamente da cidade (para que non causase ningunha alteración da orde).[14]

Producírase, así mesmo, por aqueles días, a chegada do capitán xeneral Filangieri, que viñera co obxecto de pacificar os ánimos, pero que, cunha das súas medidas (o envío do rexemento de Navarra a Ferrol), non fixo senón exaltalos aínda máis.

"O momento culminante da tensión ocorreu na cidade coa chegada, o 29 de maio, dun estudante leonés, enviado da Xunta, con intención de proporcionar noticias dos contecementos na súa localidade e pedir axuda ao pobo coruñés. O dvandito enviado, após entrevistarse co rexente da Audiencia foi, do mesmo xeito que o asturiano, un estorbo auténtico para as autoridades constituídas, que acordaron recluílo na casa de Correos. Ao decatarse a xente do suceso, foi para o devandito lugar e fixo por derrubar as portas. No momento chegou correndo o xeneral Filangieri, e comezou a dar bastonadas ao pobo e á tropa, que era a primeira na acción".[15]

Estes acontecementos revelan que a poboación da cidade non confiaba nas súas autoridades, crendo -e posibelmente non sen razón- que tanto as supremas autoridades militares, Filangieri e Biedma, como as civís, especialmente o rexente da Audiencia, estaban dispostos a entregarse aos franceses. Nestas circunstancias calquera chispa podía facer saltar ao pobo, traballado subterraneamente por Sinforiano López e outros liberais. E a chispa saltou os días 30 e 31 de maio.

"O día 30 de maio, festa de San Fernando, congregouse un inmenso xentío, composto tamén por mulleres e nenos, diante do palacio da Capitanía, onde se atopaba o capitán xeneral, Filangieri, xunto con bastantes oficiais e cabaleiros da Audiencia. Perante o aumento dos berros e das protestas, baixou o gobernador da praza, Alcedo, para conferenciar co xentío, que pediu que ondease a bandeira, tal como era costume, e que fosen feitas as salvas de rigor. Accedeuse a ambas as cousas e con iso logrouse tranquilizar momentaneamente o tumulto.
Nesa mesma tarde e perante os rumores espallados de que estaban a embarcar armas en Ferrol con destino a Francia, volveu congregar a xente, que invadiu o palacio de Capitanía e apedrou as casas de Filangieri e Biedma, pois decatouse de que aquel dispuxera o traslado do rexemento de Navarra para a cidade departamental. Seguidamente, asaltaron o parque de artillería, levando os fusís existentes, repartíndoos entre todos os alí congregados. Despois de sacar en procesión un retrato de Fernando VII, a xente marchou e deste modo acabaron os incidentes por ese día". [15]

Efectivamente, despois da pacífica procesión cívica, acabáronse os tumultos do día 30 pero, no día seguinte, mantívose a presión popular na rúa. Como as máximas autoridades militares e civís estaban reunidas na sede da Audiencia, novamente a multitude, sen dúbida alentada por Sinforiano López e outros liberais, reclamou en alto que se adoptasen medidas contra os franceses, que se nomeasen xefes militares de confianza en substitución de Filangieri e Biedma, e que se defendersen a relixión, a liberdade e a patria. Resultado desta presión foi a constitución dunha Xunta. Foi así como se levantou en armas a cidade da Coruña, a primeira en facelo en Galicia, cando as autoridades, representantes do Antigo Réxime e moi comprometidas con Godoy, daban mostras de moi pouco, nulo, entusiasmo por levantárense contra os franceses. Esta desconfianza, especialmente con respecto ao capitán xeneral Filangieri, non abandonou nunca os galegos, incluídos -aparentemente- os seus propios soldados que, temerosos de que entregase o exército de Galicia a Napoleón, asasinárono pouco máis tarde.[16] (Véxase: Antonio Filangieri).

Levantamento de Santiago

editar

O 30 de maio, e por dous condutos, chegaron a Santiago as primeiras noticias do alzamento popular da Coruña. Nesta última cidade estaba destacado o P. Conde, vigairo do convento de Santa Clara de Santiago e confesor do arcebispo-señor de Compostela, que o enviara alí co obxecto de seguir de cerca o rumbo que tomaban os acontecementos.[17] O arcebispo Rafael Múzquiz Aldunate era home de Godoy e, posibelmente, dubidaba sobre o partido que debería tomar.[18] Talvez este exceso de precaución axudou a que se tecese unha lenda negra en torno ao arcebispo sobre a súa posíbel connivencia cos franceses. A acusación máis grave contra o prelado foi a do conde de Toreno, que escribiu que:

"O alzamento popular de Galiza contra os franceses foi ollado con torvo rostro polo ex ministro de Godoy, D. Pedro de Acuña, e polo Arcebispo. (...) Celosos partidarios do Príncipe da Paz, asustáronse da chegada ao trono de Fernando VII e traballaron en segredo e confiado afán por desfacer ou embarazar no seu curso a comezada empresa".[19]

Tan pronto como o arcebispo ten noticias dos acontecementos da Coruña, constitúe unha Xunta de armamento e defensa presidida por el mesmo. Segundo López Ferreiro, esta xunta foi constituída esa mesma noite,[20] é dicir, a noite do 30 de maio, o que significaría que a Xunta de Santiago sería a primeira de Galicia. O que si é certo é que, durante esa noite, foron alertadas varias persoas significadas e, baixo a dirección do capitán Armisén, adoptáronse medidas militares, como a incautación de armamento. O día 31 de maio congregouse unha gran multitude na praza do Obradoiro, que foi arengada polo arcebispo en persoa. Ao mesmo tempo, as institucións eclesiásticas (cabido catedralicio, monxes de San Martiño Pinario) reuníronse en segredo para acordar a forma de axudar ao levantamento. Resultado destas xestións foi a entrega inmediata dun millón de reais por parte do cabido e 300 000 do arcebispo co que a xunta podía xa dispoñer de auxilios inmediatos.[21]

Levantamento noutras cidades e vilas de Galicia

editar

Desde o momento en que as dúas cidades máis importantes de Galicia naquela época se alzaron contra o francés creouse unha especie de modelo de organización que, en xeral, foi seguido nas distintas cidades e vilas: os promotores do movemento estaban pendentes do que acontecera en Santiago e na Coruña; en canto chega a posta e reciben a noticia, provocan unha especie de acción popular tocando a rebato as campás das igrexas, congregando o pobo ante a casa do concello, obrigando ás autoridades a pronunciarse diante da xente e constituíndo de inmediato a Xunta.

En poucos días practicamente toda Galicia se pronunciara por Fernando VII e contra os franceses. Como exemplo, podemos ler o sucedido en Tui o 1 de xuño, ao recibirse as noticias do sucedido na Coruña e Santiago, relatado no xornal El Diario de Santiago:

A cidade chea do máis extraordinario gozo presentouse diante do concello proclamando a Fernando; con cuxo motivo plausible houbo salvas de artillería e tocou a maior parte da noite a música da catedral.
El Diario de Santiago.[22]

É de supoñer que a ausencia do exército inimigo facilitaría este entusiasmo popular que, seguramente, non sería tanto se xa estivesen en Galicia as divisións de Soult ou de Ney.[23]

A organización do levantamento

editar

Ao alzamento en cada cidade ou vila, seguiu sempre a constitución dunha Xunta, titulada de forma diversa, aínda que o máis frecuente é que se denominase Xunta de armamento e defensa, encargada de organizar as accións contra os franceses. Xeralmente, as Xuntas constituíronse pactando entre si as forzas sociais máis importantes do momento. Non houbo un modelo único, polo menos nun primeiro momento. A xeito de exemplo, a Xunta da Coruña estaba formada da seguinte maneira:

  • Representantes do Exército, 11.
  • Representantes da Audiencia, 11.
  • Representantes da Igrexa, 9.
  • Representantes do Concello, 6.
  • Representantes do comercio, 3.
  • Outros, 6.[24]

Á vista desta composición está claro que a primeira Xunta da Coruña procurou manter o poder nas mans dos que sempre o exerceran. Non hai ruptura: non se daba entrada aos burgueses, que foran os que máis interviñeran nos preparativos do alzamento; non figuraba ningún dos líderes do momento, como Sinforiano López; dos 46 nomeados, 30 xa pertencían á administración, e 9 son membros do clero, é dicir, non se albisca ningunha intención de realizar un cambio estrutural; iso viría despois.

En Santiago, porén, a elección de representantes foi obra do arcebispo. Os seus 19 membros distribuíanse así:

  • Clero, 6. O presidente era o arcebispo, que tiña como vicepresidente a un cóengo.
  • Universidade, 3.
  • Comercio, 3.
  • Fidalgos rendeiros, 3.
  • Concello, 1. (Xa López Ferreiro indicou que a ausencia de rexedores municipais podería explicarse polo contencioso pendente entre Arcebispado e Concello, aínda que é posíbel que tamén se debese á desconfianza que algúns membros do Concello provocaban no pobo.[25]
  • Outros (posibelmente militares e xuíces), 3.

En Vigo a Xunta, titulada subalterna e consultiva, constituíuse da seguinte forma:

  • Militares:
    • Xefes dos corpos de gornición da praza.
    • Comandante de Mariña.
    • Auditor de Mariña.
    • Asesor de guerra.
    • Sarxento maior da praza.
  • Administración:
    • Administrador de Rendas.
    • Administrador de Correos.
    • Capitán do porto.
  • Nobreza, 2 representantes.
  • Comercio, 2 representantes.
  • Clero, 1 representante.

Neste caso, o predominio de exército e do funcionariado é practicamente total.

Que a designación de representantes destas Xuntas foi argallada entre os dirixentes aparece claro nunha denuncia presentada polo concello de Santiago ao gobernador militar da Coruña. Referíndose á Xunta de Santiago pregunta:

"Onde, cando e por quen foron creados os seus vogais? Que homes bos electos polas freguesías segundo práctica establecida e mandada observar, ben anos hai, polo Supremo Consello concorreron para facer o seu nomeamento? Que xustiza, ou que concello presidiu esta creación? Por ventura houbo nun asunto de tanta gravidade outra formalidade, nin outra orde, máis que a dunha simple listaxe sacada do peto do oficial Armisén, vista por todo o mundo?" [26]

A Xunta Suprema do Reino de Galicia

editar

Constitución e composición

editar

A Xunta local da Coruña manifesta, desde o primeiro momento, a súa pretensión de se converter no núcleo dunha futura Xunta do Reino. Nun comunicado enviado polo presidente da Xunta Francisco de Biedma ás sete cidades con representación na Xunta do Reino o mesmo 31 de maio, dicía que

"Sen poder por si só este pobo determinar o que será máis útil e conducente para o Reino, acordou reunirse este inmediatamente en Cortes nesta capital, e que na súa consecuencia nomee a V.S. un deputado con poderes ilimitados para resolver en unión todo o que puider conducir para a felicidade do Reino".

É dicir, a Xunta da Coruña, que en realidade era simplemente local, convoca a Cortes para constituír unha Xunta Superior.

E aínda máis: o 2 de xuño acorda o seguinte:

Determinou a Xunta, despois do máis detido exame, resolver e declararse por Suprema e Gubernativa no Reino de Galiza no nome da S.M. o Señor D. Fernando Sétimo, sen prexuízo dos dereitos do devandito Reino, chegando a xuntarse; o cal se noticie ás cidades, advertíndolles que non obedezan as ordes que lles foren comunicadas polo goberno actual de Madrid, senón as desta Suprema e as do Xeneral en Xefe do Exército o Excmo. Sr. D. Antonio Filangieri, no nome da S.M. o Señor D. Fernando Sétimo".[27]
 
Pazo de Ximonde, na parroquia de San Miguel de Sarandón (Vedra).

Este acordo é da maior importancia, xa que unha xunta local, que acaba de convocar a unha especie de Cortes de Galicia, sen esperar sequera a esta reunión, autoproclámase Xunta Suprema e Gobernativa de Galicia a *arrógae o dereito a ditar providencias a todas as demais xuntas. Loxicamente estas medidas incomodaron as outras xuntas locais, especialmente á de Santiago, que se sentía preterida (o arcebispo estimaba que el tería que ser o Presidente da Xunta Suprema de Galicia), e que seguiu exercendo pola súa parte un poder practicamente soberano, iniciando deste xeito unha guerra aberta entre ambas as Xuntas.

O día 5 de xuño reuníronse na Coruña os representantes das sete cidades con voto na Xunta do Reino, convocada por Biedma o 31 de maio. A representación das sete cidades foi a seguinte:

Froito da primeira reunión foi unha proclama, asinada o mesmo o 5 de xuño, na que se reafirmaba no seu carácter de soberana (ante a ausencia de Fernando VII) e declara que os obxectivos supremos do alzamento eran a defensa da relixión, da patria e das vidas e facendas do pobo.

Actuacións da Xunta

editar

A Xunta Superior estivo vixente até a chegada dos franceses a Galicia, en xaneiro de 1809 e, neste curto período de tempo, apenas seis meses, efectuou diversas e importantes actuacións, que podemos reunir en tres capítulos:

Militares

editar
 
O capitán xeneral Joaquín Blake.

A Xunta asumiu o alto poder militar aínda que, como é natural, delegouno nunha Xunta de Guerra constituída por militares. Pero é a Xunta quen promove os alistamentos voluntarios e forzosos, efectuando un repartimento máis ou menos proporcional dos efectivos segundo a poboación de cada provincia. Segundo este, correspondían a cada provincia:

Efectivos mobilizados pola Xunta Suprema de Galicia [28]
Provincias Homes
Santiago 13.333
Lugo 6.666
Ourense 6.666
Betanzos 3.611
Mondoñedo 3.611
Tui 3.611
A Coruña 2.502
Total no Reino de Galicia 39.400

O espírito militar que, como se vería posteriormente durante a guerra, animou a poboación galega, non debía de estar moi arraigado en xuño de 1808, xa que moitos dos chamados a filas procuraron escapar da patriótica chamada empregando os máis variados métodos, mesmo a automutilación, como se deduce dun documento militar da época:

..."que destinen ao Rexemento de Artillería todos os mozos a quen falte o dedo índice como pena do enorme delito que cometeron de procurar volverse inútiles para o Real Servizo".[29]

Ademais deste labor de recrutamento, é preciso salientar que a Xunta se reservou o nomeamento dos mandos, polo menos dos superiores, como o demostra o feito da substitución de Filangieri por Joaquín Blake.

Correspondeu tamén á Xunta todo o referente á intendencia do exército e á organización de corpos como o de reserva ou o das Milicias Urbanas.

Facendísticas

editar

Durante a súa actuación, a Xunta non fixo reformas substanciais no sistema contributivo. Tampouco creou un plan racional e extraordinario de recadación de fondos. Simplemente prefiriu basearse en tres capítulos:

  • Cobranza dos impostos tradicionais.
  • Administración das rendas procedentes dos bens incautados ás persoas que fuxiran, ou que foron acusadas de afrancesadas.
  • Administración de donativos internos ou externos.

Aínda que non se poden cuantificar as entradas e saídas de diñeiro durante o período de goberno da Xunta (do 5 de xuño de 1808 a xaneiro de 1809), si é posíbel enumerar algúns capítulos importantes:

  • Inglaterra: préstamo de máis de 30 millóns de reais.
  • O clero participou voluntariamente cunha serie de doazóns importantes:
    • Cabidos de Galicia: uns 2 millóns e medio de reais.
    • Mosteiros: máis dun millón
  • Institucións:
    • Real Consulado: máis de 300 000 reais.
    • Universidade de Santiago: máis de 300 000 reais.
  • Particulares: case un millón de reais.[30]

Política internacional

editar
 
Francisco Sangro, embai­xador de Galicia no Reino Unido.

A Xunta, como depositaria da soberanía, comportouse cara ao exterior como un reino independente. Enviou a Portugal ao brigadier Genaro Figueroa, con poderes e acreditacións, para que contactase cos patriotas portugueses xa en guerra cos franceses. O resultado foi un pacto asinado no Porto o 4 de xullo de 1808 cuxo preámbulo rezaba:

"Artigos preliminares dunha nova e perpetua alianza ofensiva e defensiva entre as dúas nacións, española e portuguesa, xustada polos dous poderes reais, actualmente existentes, na soberanía de España, representada no Goberno de Galiza, no nome do seu Augusto Soberano D. Fernando VII, e a Xunta do Supremo Goberno, instituída na cidade do Porto no nome do príncipe Rexente de Portugal".[31]

No pacto, acordábase loitar pola restitución da soberanía aos seus lexítimos monarcas, expulsando os franceses. Galicia comprometíase a axudar ao exército portugués até "arroxar (...) a tiranía francesa". Á súa vez Portugal comprometíase a axudar a España cando se vise libre. Rogábase a Inglaterra que garantise o pacto. Foi asinado, por parte portuguesa, polo bispo do Porto como Presidente da Xunta de Goberno establecida nesa cidade, e por parte de España polo brigadier Figueroa. Aínda que a Xunta do Reino de Galicia actuaba como soberana, non era a súa intención, evidentemente, declararse como país independente, senón que o facía en canto que consideraba que era posibelmente a única parte libre de España, entón ocupada case por completo por un exército estranxeiro. É dicir, a Xunta de Galicia consideraba que, entón, representaba a soberanía española.[32]

A outra fronte de actuación da diplomacia galega foi Inglaterra. O 16 de xuño de 1808 foron designados como representantes ou embaixadores da Xunta perante a corte de San Xaime Xoaquín Freire de Andrade e Francisco Bermúdez de Castro e Sangro:

"O Reino de Galiza congregado na cidade da Coruña por medio dos seus representantes reasumiu en si a Soberanía e toda a Autoridade Suprema do seu Rei o Sr. D. Fernando VII, pola súa ausencia e detención en Francia, declarándose independente do acual Goberno de Madrid. Quedan coas armas na man os seus fillos e envía o cabaleiro D. Francisco Sangro como o seu enviado para os obxectos de que a V.E. quedará instruído".[33]
 
Sir Arthur Wellesley, I duque de Wellington, por Goya (1812).
 
Lord Stuart de Rothesay (sir Charles Stuart) retratado en 1830.

As peticións que o reino de Galicia transmitía por medio do seu delegado ao Reino Unido eran as seguintes:

  • Apoio militar a Portugal.
  • Auxilios de municións, víveres e diñeiro.
  • Liberdade de comercio desde Galicia a América do Sur, xa que por mor da ocupación de España por Francia, Inglaterra puxera cerco ao comercio que saíse dos portos españois ou entrase por eles.
  • Liberdade para os presos españois en Inglaterra.
  • Posibilidade de que retornase a Galicia o exército que ao mando do Marqués de la Romana estaba en Dinamarca.

A resposta do goberno inglés foi plenamente satisfactoria, xa que se comprometeu a enviar a Portugal un exército ao mando do xeneral Wellesley, obrigouse a transportar o exército de Dinamarca, liberou os prisioneiros, asegurou a libre navegación e comezou a enviar municións e diñeiro, desprazando a Galicia, ademais, a sir Charles Stuart con carácter oficial de embaixador. Os envíos de diñeiro tiñan, naturalmente, varias contrapartidas. Ademais da liberdade de comercio que conseguiu Inglaterra a partir dese momento, que facilitou a entrada masiva de lenzos ingleses con notábel prexuízo para a burguesía galega, as remesas de diñeiro, sen xuros, estaban ben aseguradas.[34] Nun documento datado o 29 de xullo de 1808 e transcrito por Díaz Otero podemos ler as condicións do empréstito:

"O Reino de Galiza, Potestade Suprema e Soberana del, en nome da S.M. o Sr. D. Fernando VII, o seu rei lexítimo (...) preso e detido en Francia (...) declara: Recibir da S.M. o Sr. D. Xurxo III, rei do Reino Unido da Gran Bretaña, Escocia e Irlanda, por entrega do seu enviado Extraordinario o Cabaleiro Don Carlos Stuart arribado a este porto na fragata Algimene, a cantidade de oitocentos trinta e oito mil oitocentos oitenta e tres e tres cuartos pesos fortes, moeda de cuño español (...) que tivo a xenerosidade de emprestar sen interese e con calidade de reintegro (...) constitúe todos os Estados desta Monarquía, o seu Patrimonio Real e Rendas por garantía, obriga e hipoteca xeral (...) e sinaladamente as deste Reino de Galiza, e por hipoteca especial asigna as rendas do tabaco e do sal deste mesmo Reino e as contribucións impostas ou que se impuxeren en diante.

Do éxito da embaixada galega faise eco o historiador conde de Toreno:

"De Inglaterra chegaron tamén a Galiza prontos e cuantiosos auxilios. O seu deputado D. Francisco Sangro foi honrado e obsequido por aquel Goberno, e foron remitidos libres para a Coruña os prisioneiros españois que xemían desde había anos nas pontellas británicas. Arribou ao mesmo porto Sir Charles Sutart, primeiro diplomático inglés que na calidade de tal pisara o solo español. A Xunta (de Galiza) esmerouse en agasallarlle e darlle probas do seu constante anhelo por estreitar os vínculos de alianza e amizade coa S. M. B".[35]

Relacións con outras Xuntas españolas

editar

Así como se enviaran embaixadores a Portugal e Inglaterra, a Xunta tamén enviou un delegado para que contactase coas principais Xuntas de España. Foi elixido para esta delicada misión (xa que se trataba, por un lado, de evitar as suspicacias das demais xuntas, pero tamén de facer notar que a de Galicia estaba máis organizada que as outras) o tenente coronel Manuel Torrado, que saíu da Coruña o 24 de xuño e visitou Cádiz, Sevilla, Cartagena, a un delegado de Cataluña que estaba nesta cidade, Murcia e Valencia, entrevistándose tamén coas autoridades militares inglesas en Xibraltar. Regresou á Coruña no mes de setembro do mesmo ano.

Por outra parte, e xa desde o primeiro momento, houbo relacións continuas coas Xuntas de Asturias e León. A presenza de franceses nesta última provincia determinaría que a Xunta de Galicia apoiase polo xeral as peticións da Xunta de León de auxilios de municións, homes e diñeiro, xa que a mellor defensa de Galicia era a contención do inimigo naquela provincia. En certa maneira foron estas xuntas as que sementaron a idea dunha Xunta Central, da que sería un precedente o Tratado de Unión entre os reinos de Castela, León e Galicia, asinado o 10 de agosto de 1808.[36]

Os puntos establecidos neste tratado eran os seguintes:

  • Recoñecemento da soberanía de Fernando VII.
  • Compromiso de seguir a guerra contra Napoleón.
  • Mantemento das leis vixentes.
  • Os negocios serían decididos polos maxistrados públicos, conforme a lei e a tradición.
  • Na falta do rei, toda a autoridade quedaba na Xunta Soberana. Esta Xunta estaría formada da seguinte maneira:
  • Os 7 representantes das 7 cidades de Galicia con voto na Xunta do Reino, mais o bispo de Ourense e outras tres persoas a designar.
  • Representando a Castela e León estarían 3 individuos das Xuntas de cada un dos reinos, un por cada provincia destes, e Antonio Valdés.
  • Habería un presidente rotatorio con mandatos mensuais.
  • A sede da Xunta sería inicialmente a cidade de Lugo.
  • As débedas e os sacrificios serían compartidos polos tres reinos.
  • Convidábase aos demais reinos a unirse.

Pero a aparición doutro proxecto que callaría na Xunta Central fixo ineficaz este tratado que, na práctica, só funcionou de cara a propor o asunto da integración, ou non, nesta Xunta Central e, despois, para designar os representantes dos tres reinos nela (por Galicia foron nomeados o conde de Ximonde e Manuel María Avalle.[36]

Disolución da Xunta Suprema

editar

As novas autoridades afrancesadas

editar

A invasión de Galicia polos franceses e, sobre todo, a ocupación da cidade da Coruña significou a disolución da Xunta Suprema do Reino de Galicia, que tiña a súa sede naquela cidade. A partir dese momento prodúcese unha duplicidade de poder. Nas cidades e vilas dominadas polos franceses nomeáronse rexedores e xefes de policía afectos ao poder francés. Nas zonas non ocupadas ou non dominadas seguiron a exercer o mando as autoridades anteriores que, en moitas ocasións, foron o xerme da contestación aos franceses e mesmo, nalgún caso, as que programaron o alzamento en armas.

Unha vez máis verificábase o proceso de selección de poder que ten lugar nas grandes conmocións políticas. As comunidades nesas circunstancias encontran un líder, un xefe que acapara todo o poder: militar, administrativo, e mesmo o xudicial, sen necesidade de leis ou regulamentos, chegando a ditar sentenzas de morte contra os traidores e os espías.

Cómpre dicir que as autoridades nomeadas polos franceses non funcionaron, sexa por escaso celo, sexa pola resistencia dos subordinados ou ben por careceren de suficiente poder coercitivo. Só nalgunha cidade, como Santiago, na que había un club afrancesado moi importante, dirixido por Pedro Bazán de Mendoza,[37] chegou a constituírse unha administración enteiramente francesa. Pero incluso nesas circunstancias o poder real (o que outorga a aceptación dos súbditos) non o exercían estes, senón outras persoas (como o cabido ou a antiga corporación municipal) que de feito mantiñan unha influencia constante sobre a poboación.

A resistencia popular, que empezou a partir do día seguinte da ocupación total de Galicia, impediu os franceses sentaren as bases dunha administración municipal xa moi acreditada en Francia. A guerra exixirá a atención constante e total dos invasores e, deste xeito, non poderían prestar o apoio necesario a estas autoridades-monicreques. Á medida que a resistencia foi recuperando territorio, houbo necesidade de crear novas Xuntas locais (formadas sempre polos fidalgos do lugar, os clérigos máis destacados e, nalgunha ocasión, por campesiños) que serían o poder real de Galicia mentres durou a guerra. Estas xuntas adoptaron medidas económicas, solicitando préstamos para adquirir armas e municións, impoñendo impostos aos veciños, nomeando os xefes militares, dando as ordes necesarias para que se mantivese a tranquilidade pública e mesmo ditaminando sobre as grandes medidas militares a tomar cando a operación desbordaba os límites da responsabilidade do xefe. Funcionaba, pois, con absoluta independencia.[38]

A Xunta de Lobeira

editar

Mentres que de feito a organización dos territorios non ocupados polos franceses estaba nas mans destas Xuntas locais, tanto na Xunta Central como en Galicia estimábase a conveniencia de constituír un poder central galego que organizase adecuadamente a guerra contra o invasor. A este respecto había dúas opcións. A de entregar todo o poder ao Marqués de La Romana, ou a de constituír unha nova Xunta do Reino. A primeira era inviábel, dado que o marqués, seguramente por razóns tácticas militares, andaba sempre errante dun lugar para outro fuxindo do inimigo, e non era isto o máis conveniente para exercer a alta dirección da guerra. Posibelmente isto debeu quedar claro na reunión que, no final do mes de xaneiro de 1809, tiveron en Monterrei o cóengo Manuel Acuña Malvar, o tenente coronel Manuel García del Barrio e o alférez Pablo Morillo, que a Xunta Central enviara a Galicia para excitar os ánimos para a rebelión. E a segunda tampouco o era naquelas circunstancias. Estando ocupadas todas as cidades de Galicia e as vilas máis importantes, era imposíbel a súa constitución. De aí que se decidisen por unha terceira solución: a de elevar a unha das innumerábeis Xuntas comarcais á cabeza de todas as demais.[39]

A Xunta de Lobeira -do partido de Bande- fora constituída grazas ao tesón de José Joaquín Márquez, administrador de rendas da Boullosa, no Couto Mixto. A situación desta Xunta, case na raia de Portugal, dáballe unha especial seguridade (polo menos, teórica). En principio era unha xunta comarcal como as demais, pero despois de ampliada integrando nela a persoas relevantes da comarca, adquiriu gran prestixio, especialmente cando aceptou presidila Pedro Quevedo y Quintano, bispo de Ourense, cuxo nomeamento foi aprobado polo marqués de La Romana. Tamén fixo parte dela García del Barrio, delegado da Xunta Central, co que indirectamente recibía o referendo da máxima autoridade política do momento en España. Porén, a Xunta de Lobeira só exerceu un control directo sobre as xuntas locais e comarcais do sur das provincias de Ourense e Pontevedra: a distancia con respecto ás xuntas do norte volvían inviábel unha supremacía sobre as demais.[40]

Principais batallas en Galicia

editar

Moito se ten escrito sobre a guerra da Independencia, especialmente por autores estranxeiros que, ao non participaren, ou seren derrotados nela, omitiron ou pasaron levemente por riba da campaña de Galicia e o norte de Portugal no primeiro semestre de 1809, a pesar de que en só cinco meses se expulsou os mariscais Soult e Ney para nunca máis volver.

Porén, Galicia deu a España e a Europa a lección de que o exército francés non era invencíbel cando se enfrontaba cun país en armas disposto a morrrer. As accións, grandes e pequenas, dos campesiños galegos descríbense con todo detalle na obra de Navas,[41] especialmente os combates de Casal do Eirigo (Setecoros), Valga, As Galanas (Calo, Teo) e Santiago, así como a vitoria definitiva de Ponte Sampaio.[42]

Batalla de Elviña

editar
Artigo principal: Batalla de Elviña.
 
O mariscal Soult. Retrato de 1856.
 
Plano da batalla de Elviña.

A batalla de Elviña tivo lugar o día 16 de xaneiro de 1809 no alfoz da cidade da Coruña, enfrontando as tropas francesas, conducidas polo xeneral Soult, que obtiveron a vitoria, contras as tropas británicas, mandadas polo xeneral John Moore, quen habería perder a vida no transcurso do combate. Na historiografía internacional este choque é coñecido como batalla da Coruña.

Despois da derrota francesa na batalla de Bailén o 19 de xullo de 1808, o mesmo Napoleón Bonaparte decidiu solucionar a resistencia peninsular entrando no seu territorio ao mando da Grande Armée. Entrementres en Portugal, despois da Convención de Sintra, o xeneral John Moore foi posto á fronte das tropas británicas alí acuarteladas.

En novembro de 1808, Moore abandonou Portugal, entrando en España á altura da provincia de Salamanca e situándose á altura de Valladolid, co obxectivo de aliviar a presión francesa sobre Madrid atraendo sobre o seu exército as tropas galas. Ignoraba nesa altura que Napoleón xa entrara en Madrid o 4 de decembro. Moore sufriu o azoute das unidades de Soult, quen informou a Napoleón dos movementos británicos; este, desexoso dun encontro directo con tropas do Reino Unido, virou cara ao noroeste á caza de Moore.

Iniciouse así a retirada do exército inglés para Astorga, ante a imposibilidade de facer fronte a forzas moi superiores, mentres se enviaba aviso á frota británica, para que o recollese en Vigo ou na Coruña. Moore chegou a Astorga o 24 de decembro, onde se lle uniu o corpo de tropas galegas do marqués de la Romana, que abandonaran León, ante a ameaza francesa. Moore e de la Romana conferenciaron, o 30 de decembro de 1808, sobre a posibilidade de facerlles fronte conxuntamente aos franceses no arco montañoso que arrodea o Bierzo, porén sería Moore quen se negaría a facelo. As súas tropas estaban esgotadas, e amosaban signos de indisciplina, que se prolongaron durante o resto do camiño.

Requirido por acontecementos no centro de Europa, Napoleón —que chegara a Astorga o 1 de xaneiro de 1809— abandonou esa cidade o día 3 deixando a Soult ao mando do 2º corpo do exército, formado por uns 25 000 homes e 54 canóns, coa encarga de perseguir a Moore, mentres o xeneral Ney, co 6º corpo, tamén con cerca de 25 000 soldados e 30 pezas de artillaría, acompañábao a fin de lle emprestar auxilio e reafirmar a ocupación de Galicia.

As tropas de Moore e de la Romana dirixíronse cara a Galicia, pero no Bierzo dividíronse. De la Romana entrou no país galego por Valdeorras e, despois de rexeitar a súa retagarda, ao mando do xeneral Mendizábal, o ataque francés da cabalaría do xeneral Franceschi, na Ponte de Domingos Flórez, situou o seu cuartel na Pobra de Trives o 6 de xaneiro de 1809; precedeuno un corpo de tropas británicas, desprendido do principal de Moore, duns 5 000 homes, ao mando dos xenerais Craufurd e Von Alten, que alcanzaría o porto de Vigo o 12 de xaneiro de 1809), logrando embarcar nos buques da Royal Navy.

Mentres, a maioría das tropas de Moore entrou no territorio galego a través do porto de Pedrafita o 7 de xaneiro de 1809, dirixíndose cara a Lugo e, posteriormente, a Betanzos. Moore chegou, por fin, á Coruña o 14 de xaneiro de 1809. Porén, as súas tropas non puideron embarcar inmediatamente, pois o mal estado do mar impediu que a frota británica puidese atracar no porto. Fronte da inminente chegada das tropas francesas, Moore tomou disposicións para dificultar o acceso destas, facendo voar a ponte do Burgo, sobre o río Mero. Pero parte dos franceses cruzaron ese río polo pequeno pontillón de Cela, no actual concello de Cambre, a un tempo que repararon a ponte do Burgo para o día 15 de xaneiro.

 
Monólito conmemorativo da morte de Moore. Campus universitario de Elviña, A Coruña.

Como o choque bélico foi inevitábel, Moore dispuxo as súas tropas, uns 16 000 soldados, pero con só nove pezas de artillaría, en tres alturas. Situou unha primeira liña sobre o monte Mero, unha segunda sobre os montes de Santa María de Oza, e a terceira sobre o monte de Santa Margarida. En medio quedaba o val da freguesía de San Vicenzo de Elviña, que foi o centro dos ataques.

Soult dispuxo para o ataque de 12 000 soldados de infantaría e 4 000 homes de a cabalo, estes en parte trabados polas dificultades do terreo. Dispuña porén de vantaxe artilleira, ao poder contar con 20 canóns. O mesmo día 15, uns 500 fusileiros franceses, ao mando do xeneral Jardon, iniciaron ataques no monte Penasquedo, e tomaron o monte Mero. A batalla iniciouse na tarde do día 16 de xaneiro, tendo lugar os máis duros combates pola posesión da aldea de Elviña, da que se apoderaron os franceses na caída da noite, e avanzaron cara á aldea de Palavea. Caeu ferido o xeneral inglés Baird, en canto que o propio Moore foi ferido moi gravemente pola bala dun canón, morrendo dúas horas despois. Durante esa mesma noite as tropas británicas foron embarcando, aínda que os barcos foron canoneados pola artillaría francesa no amencer do día 17. Ese mesmo día 17 de xaneiro de 1809, Soult entrou na cidade da Coruña, que capitulou estando ao mando como gobernador o xeneral Alcedo.

No total, os franceses perderon uns 1 200 homes e os británicos uns 900, pero estes perderan ao longo da súa penosa retirada desde Castela uns 8 000 soldados. A vitoria do mariscal Soult deixaría campo libre para a ocupación de Galicia. En apenas dúas semanas rendéronse as cidades máis importantes do país. O mariscal Ney, que acompañaba a Soult, recibiu ordes de controlar o norte do país e mais Asturias, para o que centra o seu campamento en Lugo. A un tempo, Soult pasa para Portugal, onde toma Porto o 29 de marzo.

Batalla do Val de Monterrei

editar
Artigo principal: Batalla do Val de Monterrei.

Despois dun infrutuoso intento de cruzar o río Miño preto da localidade de Tui, o mariscal Soult retrocede ata Ourense coa idea de cruzar cara a Portugal pola rexión de Tras-os-Montes. O Marqués de La Romana, acuartelado no Val de Monterrei reorganizando o seu maltreito exército duns 10000 efectivos, decide organizar unha liña defensiva ao recibir preto de 4000 homes do exército do Norte de Portugal do xeneral luso Francisco dá Silveira.

O rápido avance napoleónico o día 6 de marzo provocou que o xeneral español decidise abandonar a súa primeira liña de defensa, retrocedendo cara á beira oriental do río Támega, provocando que as forzas portuguesas quedasen descolgadas, as cales retrocederon ata a fronteira luso-española, decididas a non apoiar aos españois polo seu rápido e inesperado repregamento. O Marqués de La Romana establece unha posición defensiva máis sólida nunha zona coñecida como "Pozo do Demo", onde decide enfrontarse ás forzas napoleónicas. A pesar diso, o impulso do exército francés mantense ao longo da tarde, conseguindo empezar a romper a liña española tras un par de horas de combate. Ante a perspectiva dunha derrota catastrófica, o Marqués de La Romana ordena a retirada antes de que o seu exército fuxa desorganizadamente. O mariscal Soult apenas se centra nos españois que se retiran, xa que o seu obxectivo era o exército portugués. Na mañá do día 7 de marzo as tropas francesas expulsan ás forzas lusas que defendían as localidades fronteirizas de Vilarelho da Raia e Feces de Abaixo, abrindo o camiño cara á localidade portuguesa de Chaves, que sería tomada o 12 de marzo. Unhas semanas despois, o 28 de marzo, Soult entra en Porto tras sufrir os portugueses elevadas baixas militares e civís.

Batalla de Casal do Eirigo

editar

O 27 de abril de 1809, no lugar de Casal do Eirigo, parroquia de Setecoros, hoxe no concello de Valga, baixo os outeiros do monte Xesteira, nas inmediacións da Capela da Saúde, o exército galego, axudado polos campesiños locais, coas súas rudimentarias armas e con máis ganas que posibilidades, libraron unha cruel batalla, corpo a corpo coas tropas napoleónicas invasoras. Chuzos e galletas contra sabres e fusís; David contra Goliat; labradores contra soldados franceses profesionais. Esta foi a esencia da batalla de Casal do Eirigo. Malia non alcanzaren a vitoria completa, os campesiños si lograron facer recuar os franceses, o que soubo a triunfo.[43][44][45]

A de Casal do Eirigo foi unha batalla sanguenta. Fronte da presenza dunha avanzada de franceses en Padrón, as tropas galegas puxeron rumbo ás terras de Iria. A medio camiño entre Caldas e Valga, xusto no outeiro de Casal do Eirigo, situouse o batallón da Vitoria, capitaneado por Colombo, avanzando tamén até a zona a compañía de Tiradores do Miño e o 1ª e o 2º batallóns de Lobeira, integrado por uns catrocentos recrutas mal adestrados e peor armados, xa que apenas dispoñían de cen fusís. Os soldados franceses, ­uns mil homes,­ lanzaron un ataque, pero os destacamentos dos labregos locais lograron rodealos e atacáronos pola retagarda, ao mesmo tempo que os soldados abrían fogo desde o cume de Casal do Eirigo. Os franceses tiveron que retirarse e ocultarse en zonas como Xanza, A Tarroeira e San Xulián de Requeixo (Pontecesures).[46]

A loita tivo un segundo acto. Por cada soldado ou paisano galego -máis que soldados eran campesiños mal armados- había cinco franceses armados "até os dentes", e contaban con pezas de artillaría e seccións de cabalaría. O ataque dos franceses foi inminente. Despregáronse polo camiño real (hoxe estrada PO-550) atacando con tres columnas de artillaría. O segundo batallón de Lobeira entrou en pánico e os seus integrantes fuxiron, polo que os Tiradores do Miño ocuparon o seu lugar e fixeron retroceder o inimigo, causándolle moitas baixas. Outros tres batallóns franceses e trescentos xinetes atacaron o batallón da Vitoria, que loitou heroicamente até o límite das súas posibilidades, até que Colombo ordenou unha retirada que soubo a vitoria xa que as tropas inimigas sufriron 400 mortos e un millar de feridos, por 60 mortos e 120 feridos nos batallóns locais. Pero os franceses non aproveitaron esta retirada, xa que se dedicaron a saquear e queimar casas polas zonas de Setecoros e San Clemente. Ao día seguinte fixéronlles crer que ían cortarlles o paso no viaduto de Pontecesures e que en Padrón se organizaba unha sublevación na súa contra, polo que abandonaron as terras altas de Valga dirixíndose ao val, onde foron acuartelados.[46]

Morillo en Galicia

editar

En febreiro de 1809, Pablo Morillo, daquela capitán do exército, foi enviado pola Xunta Suprema do Reino de Sevilla a Galicia coa encarga de propagar a alarma contra os franceses e organizar corpos de exército que impidisen o asentamento das forzas francesas despois dos sucesos da Coruña (batalla de Elviña). Morillo actúa nas comarcas miñotas da actual provincia de Pontevedra, onde se incorpora ás guerrillas alí combatentes, con mandos como Bernardo González del Valle Cachamuíña.

 
Bernardo González del Valle, Cachamuíña. Gravado da época.

Reconquista de Vigo

editar
Artigo principal: Reconquista de Vigo.

O 27 de marzo de 1809 os patriotas galegos ocupados no asedio de Vigo proclaman a Morillo coronel.[47] En Vigo intimida ao comandante francés e mantén conversacións co capitán de fragata británico, comandante encargado do bloqueo marítimo (bloqueo Continental) na ría de Vigo. O 28 de marzo os homes ao mando de Morillo atacan as portas de Vigo e, en dúas horas, logran que os franceses entreguen a cidade. Tras a capitulación, Chalot, 45 dos seus oficiais e máis de 1.200 soldados quedaron prisioneiros; tamén quedaron en poder de Morillo os pertrechos e a tesouraría gala, que ascendía a uns 150 000 francos-ouro.[48]

Toma de Santiago

editar

Despois acode ao cerco de Tui (de onde saíu malparado), libra a batalla de Ponte Sampaio enfrontándose ao mariscal Ney, ao que infrinxe perdas considerábeis (non menos de 700 baixas). Logo prosegue á súa marcha para Santiago, vence na batalla das Galanas (Teo) e chega finalmente a Santiago, cidade que toma en maio dese mesmo ano. Estas accións serían o impulso preciso para expulsar os franceses de Galicia.[48]

Batalla de Ponte Sampaio

editar
Artigo principal: Batalla de Ponte Sampaio.
 
A ponte de Ponte Sampaio.

A batalla de Ponte Sampaio tivo lugar no lugar homónimo entre os días 7 e 9 de xuño de 1809 nas beiras do río Verdugo, entre unha forza conxunta de tropas regulares españolas e milicias populares galegas que se enfrontaron coas tropas francesas, dirixidas polo mariscal Michel Ney. A resistencia dos españois impediu a Ney o paso do río, véndose obrigado a retirarse.

Despois da batalla de Elviña e da caída das cidades galegas en poder dos franceses, paseniñamente fóronse montando alarmas populares nas diversas comarcas galegas. En marzo de 1809, Ney tenta someter a costa occidental galega, sen conseguir acabar coas partidas de guerrilleiros que acosan os destacamentos franceses. No final de marzo dese ano foron recuperadas polos galegos as prazas de Vigo, Pontevedra e Tui, feitos que coutaban o enlace con Soult, en Portugal.

En maio, Ney tivo noticias de que o marqués de la Romana estaba en Asturias, polo que decidiu buscalo alí, porén foi unha manobra errada, pois o español retirárase para Galicia. O regreso de Soult desde Portugal até Ourense foi dificultoso.

 
O mariscal Michel Ney que, xunto con Soult, dirixiu as tropas francesas.

Reunidos Soult e Ney en Lugo o 29 de maio, deciden unha nova estratexia. Soult buscou as tropas do marqués no Sur interior do país, mentres que Ney partiu cara a Pontevedra e Vigo con intención de recobrar ambas as cidades. Tal acción conxunta buscaba o dominio definitivo de Galicia.

Ney saíu da Coruña, pasando por Santiago. Levaba con el uns 8 000 infantes e 1 200 xinetes, con 13 canóns. Porén era unha acción anunciada, pois fixera publicar bandos sobre as súas intencións. As forzas regulares españolas, ao mando do conde de Noroña, esperaron o avance de Ney en Ponte Sampaio, que era paso obrigado no camiño real entre Pontevedra e Vigo.

Ás forzas de liña do conde uníronse diversos batallóns de milicias populares das comarcas próximas e, incluso, de lugares afastados, como Lemos. Foron defendidas dúas pontes, a de Caldelas, baixo o mando de Pablo Morillo, e a propia de Sampaio, polo mesmo conde de Noroña. O día 7 de xuño de 1809, as tropas de Ney avistaron o inimigo. Tentouse tomar a ponte de Sampaio en sucesivos ataques frontais, que foron rexeitados. Buscaron os franceses entón vaos apropiados no río Oitavén, pero os ataques foron infrutuosos unha e outra vez. As tentativas sobre a ponte de Caldelas mostraron a mesma determinación dos españois. No día 9, Ney xulgou polas perdas que serían inútiles novos ataques, polo que deu a orde de retirarse a Compostela.

A batalla impediu o dominio francés sobre o sueste galego. Mentres, o fracaso de Soult no interior meridional de Galicia, e novos acontecementos no centro da península, onde Wellesley ameaza entrar en Madrid, obrigan a saír a ambos os mariscais de Galicia. Ney faino por Pedrafita e o Bierzo, mentres Soult pasa por Valdeorras e a Terra do Bolo, en dirección a Seabra. No seu camiño víronse atacados polas partidas guerrilleiras, pero as súas tropas provocaron un verdadeiro regueiro de sangue e pillaxe. Cando por fin se xuntan ambos os dous mariscais só lles quedan 18 000 dos 53 000 ou 55 000 homes cos que chegaran en xaneiro de 1809.

Galicia libre de franceses

editar
 
Tenente xeneral Pedro Caro y Sureda, 3º marqués de La Romana, Capitán Xeneral de Galicia en 1809.

A partir da saída dos franceses do país, o Capitán Xeneral de Galicia recuperou o poder que anteriormente exercera. Ao rematar a guerra había dúas posibilidades: constituír unha nova Xunta do Reino de Galicia (que era a opción preferida polas clases máis elevadas, en opinión de González López,[49] e que aparentemente contaba co apoio dos ingleses) ou devolver o poder ao Capitán Xeneral.[50]

O conde de Noroña, Gaspar María Nava y Álvarez de las Asturias, segundo comandante do Exército do Reino de Galicia, foi moi explícito nas súas intencións cando publicou en Santiago o bando do 29 de maio de 1809:

"Coa miña vinda cesou o exercicio das autoridades que non sexan lexítimas. A única superior deste Reino é a do Excelentísimo Señor Marqués de la Romana como Capitán xeneral deste, e presidente da súa Real Audiencia. Fóra desta potestade, ningunha outra da súa clase debe ser obedecida, e só eu podo suplila nas súas ausencias, e como Segundo Comandante Xeneral comunicar as súas ordes. Os que se valeron do sacro nome do Rei para defender a súa causa e o da Nación reunirán o mérito que contraeron o da submisión, para engrandecer o premio da súa fidelidade, e os testemuños do seu amor pola Patria".[51]

O bando ten o seu aquel. Parece inusitado que o poder militar que durante a epopea popular de Galicia se mantivera na marxe, que non lograra neses meses nin unha soa vitoria, que todo o deixara á responsabilidade do pobo, viñese agora, chegado o momento da vitoria, suplantar todas as Xuntas, impoñéndose a elas e concentrando todo o poder no Capitán Xeneral.

A operación tiña seguramente maior intención. O Marqués de La Romana, cuxo pensamento político coñécese ben pola súa Representación á Xunta Central[52] -era un absolutista- temía que, ao socairo das circunstancias políticas, se introducisen novos poderes representativos do pobo. Todo o que cheirase a xuntismo, asemblea do pobo, terceiro estado etc., dáballe noxo. Home doutro mundo, doutro tempo, nunca aceptou esa avalancha do pobo nos mandos de exército e, sobre todo, na organización da sociedade. Por iso deu instrucións precisas ao seu segundo que, sen dúbida, participaba das mesmas ideas para que, ao terminar a guerra en Galicia, recuperase a plenitude do poder do Capitán Xeneral, como antigamente se exercera.

A Xunta Superior de subsidios, armamento e defensa de Galicia

editar

Aínda que Galicia xa estaba libre de franceses, a súa presenza noutras partes de España, e a posibilidade de que ralizasen unha nova ofensiva, fixeron que moitos persoeiros e institucións pensasen que era oportuna a creación dunha Xunta en previsión do que puidese suceder. E a pesar de que o conde de Noroña era abertamente contrario á creación de xuntas, o Goberno da nación española creu que era oportuna a súa constitución. A argumentación do Conde sitúase dentro do seu horizonte político de defensa dos poderes centrais:

"A Xunta Suprema sabe que discutir as leis, organizar as provincias e aprobar e desaprobar os arbitrios son peculiares á súa institución e soberanía. Nas provincias non precisa máis que dos executores da súa vontade. Unha Xunta Suprema en cada unha delas non serve máis que para entorpecer o despacho dos negocios por moito celo que houber. (...) As Xuntas foron, xa non son útiles, os tempos mudaron, xa que logo non deben nun e noutro convir a mesma cousa".[53]

Pero pese a esta opinión contraria do Segundo Comandante do Exército de Galicia, as forzas vivas do país solicitárona.[54]

A Xunta formouse, e o 17 de decembro de 1809 fíxose público o seu regulamento, no que se establecían as condicións e competencias destas xuntas:

  • As Xuntas dedicaríanse exclusivamente ao armamento e á defensa do país, e a unha serie de competencias en materia de facenda en inmediata relación co exército.
  • A Xunta Superior constituiríana 29 persoas, presididas polo Capitán Xeneral de Galicia e con representacións do Exército, a Igrexa e as sete cidades. No total, 20 representantes de institucións e cidades e 9 representantes do clero secular e regular.
  • As Xuntas subalternas ou de partido estarían formadas por 9 persoas.

As diferenzas entre a Xunta Superior e a Xunta Suprema do Reino de Galicia, que desaparecera de feito en decembro de 1808, son moi claras. A Xunta Superior estaba supeditada á Central. Non pretendía ostentar a soberanía, nin representar a Galicia perante ningún organismo superior. Tratábase simplemente dunha especie de delegación da Xunta Central para os asuntos da guerra e da facenda, concomitantes coa guerra.

  1. 1,0 1,1 El libro «Victorias de Galicia» reivindica el ejemplo de los gallegos al expulsar a Napoleón Diario La Voz de Galicia, 21/11/2013. Consultada o 19/02/2014.
  2. Barreiro (1982), pp. 15-16.
  3. José María Queipo de Llano Ruiz de Saravia, conde de Toreno: Historia del levantamiento, guerra y revolución de España, I, p. 301
  4. Juan Francisco de Castro Fernández 1721-1790 Biografía
  5. Dopico Gutiérrez del Arroyo, Fausto: "Juan Francisco Castro, un ilustrado galego entre a reforma e a superación da sociedade feudal", Grial, tomo 14, nº 53, xullo-setembro 1976, pp. 356-360.
  6. Meijide Pardo, Antonio: "Biografía de Sánchez Vaamonde, ilustre canónigo y catedrático, fundador de la Biblioteca del Real Consulado". Anuario Brigantino, 2002, nº 25, pp.261-274.
  7. Labrada, José Lucas (1804): Descripción económica del Reyno de Galicia. Ferrol: Impr. de Lorenzo José Riesgo Montero, p. 27. [1]. Reeditado en 1971 pola Editorial Galaxia, Vigo.
  8. Constatación empírica da súa asociación simbiótica con "rizobios" (bacterias fixadoras de nitróxeno, da familia das rizobiáceas), que forman nódulos nas raíces destas plantas.
  9. Meijide Pardo, Antonio M. (1960): La emigración gallega intrapeninsular en el siglo XVIII. Madrid: Instituto Balmes de Sociología, p. 19.
  10. Pérez García, José Manuel (1979): Un modelo de sociedad rural del Antiguo Régimen en la Galica costera: la Península del Salnés (Jurisdicción de La Lanzada). Santiago: Universidade de Santiago de Compostela. Departamento de Historia Moderna.
  11. Barreiro (1982), pp.29-30.
  12. Barreiro, 1982, pp. 35-36.
  13. Díaz Otero, Antón (1981): Orígenes, estructura y evolución de la Junta Suprema de Galicia, 1808-1813. Memoria de Licenciatura. Universidade de Santiago de Compostela, Facultade de Xeografía e Historia, pro ms., pp. 33 e ss.
  14. Barrerio (1982), p. 45.
  15. 15,0 15,1 Díaz, Op. cit.
  16. Barreiro (1982), p. 46.
  17. Amado López, J. M. (1996): El pontificado compostelano de D. Rafael Múzquiz y Aldunate, 1801-1821. Santiago: Universidade de Santiago de Compostela. Tese de Licenciatura, pro ms.
  18. Villanueva Rivas: "Intervención de los prelados Quevedo y Múzquiz en los sucesos de Galicia durante la invasión francesa"; Villanueva Rivas: "El arzobispo de Santiago D. Rafael Múzquiz y el clero de Galicia en la guerra de la independencia"; Villanueva Rivas: "Intervención del cabildo de Santiago en el glorioso alzamiento de Galicia en la guerra de la independencia".
  19. Conde de Toreno (1835): Historia del levantamiento, guerra y revolución de España. Tomo I, p. 208.
  20. López Ferreiro, Antonio (1909): Historia de la S.A.M.I. de Santiago, Tomo XI, p. 127.
  21. Barreiro (1982), pp. 47-48.
  22. Díaz, Op. cit., p. 25.
  23. Barreiro (1982), pp. 48-49.
  24. Díaz, Op. cit., p. 30.
  25. López Ferreiro, Op. cit.
  26. Díaz Op. cit. pp. 45-46.
  27. Díaz, Op. cit. pp. 45-46.
  28. Barreiro (1982), p. 54.
  29. Barreiro (1982), p. 56.
  30. Barreiro (1982), pp.56-57.
  31. Diario de la Coruña do 10 de xullo de 1808.
  32. Barreiro (1982), pp. 57-58.
  33. Díaz, Op. cit. p. 162.
  34. Barreiro (1982), p. 59.
  35. Conde de Toreno: Historia del levantamiento, guerra y revolución de España (1807-1814). Tomo I (1807-1808), pp. 61-62.
  36. 36,0 36,1 Barreiro (1982), pp. 60-61.
  37. Barreiro (1982), p. 126.
  38. Barreiro (1982), pp. 125-126.
  39. Barreiro (1982), pp. 126-127.
  40. Barreiro (1982), pp. 127-128.
  41. Navas (2013).
  42. Denuncian que autores extranjeros ocultaron claves de la Guerra de la Independencia en Mundiario, 20/11/2013. Consultada o 19/05/2014.
  43. Recreación Batalla Casal do Eirigo 2014 en Valga Arquivado 18 de maio de 2014 en Wayback Machine. Imaxes da recreación da batalla. En Páxinas Galegas. Festas Galicia.
  44. Batalla Casal de Eirigo, en Valga Arquivado 06 de marzo de 2016 en Wayback Machine. Álbum de fotos da recreación da batalla Diario El Correo Gallego. Consultada o 19/05/2014.
  45. "Video sobre a batalla e a súa reconstrución". Arquivado dende o orixinal o 18 de maio de 2014. Consultado o 18 de maio de 2014. 
  46. 46,0 46,1 Batalla de Casal de Eirigo Consultada o 19/05/2014.
  47. Este rápido ascenso débese á perentoria necesidade de ter un xefe único deste rango,condición que exixía o coronel francés Chalot para entregarse.
  48. 48,0 48,1 Morillo y Morillo, Pablo. Consultada o 19/05/2014.
  49. González López, Emilio (1977): El águila desplumada. Vigo: Castrelos, pp. 22-24.
  50. Barreiro (1982), p. 128.
  51. Díaz, Op. cit. pp. 197-198.
  52. Romana, Pedro Caro y Sureda, 3er. Marqués de La (1809). Representación del Excmo. Señor Marqués de la Romana á la Junta Suprema Central Gubernativa del Reino (en castelán). Valencia: Benito Montfort. 
  53. Díaz, Op. cit., p. 199.
  54. Barreiro (1982), p. 130.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar