Oza, A Coruña

parroquia civil do concello da Coruña

Santa María de Oza é unha parroquia que se localiza na parte central leste do concello da Coruña. Segundo o padrón municipal (INE) en 2018 tiña 6435 habitantes (3094 homes e 3341 mulleres), 94 máis ca en 2014. O Nomenclátor de Galicia inclúe na parroquia once entidades de poboación, se ben moitos núcleos históricos da parroquia (A Gaiteira, Os Castros, O Castrillón, Monelos etc.) foron absorbidos pola localidade da Coruña para os efectos de nomenclátor, non sendo contabilizados nas estatísticas oficias da parroquia a pesar de estaren situados dentro dela.

Oza
ConcelloA Coruña[1]
ProvinciaA Coruña
Coordenadas43°20′48″N 8°22′59″O / 43.3467, -8.383116
Poboación6.435 hab. (2018)
Entidades de poboación2[2][1]
editar datos en Wikidata ]

Historia

editar

O núcleo histórico de Oza atopábase na costa da parroquia, arredor da Capela de Santa María de Oza (templo parroquial ata o século XIX) e ao pé da praia de Oza[3], máis tarde coñecida como praia de Lazareto (destruída, e que non se debe confundir coa nova praia de Oza construída en 1994). Alí desembarcaron as tropas británicas durante o ataque de Francis Drake sobre A Coruña en 1589[4].

 
Plano da ría do Burgo de 1787 onde aparece a costa da parroquia coas fortificacións de San Diego e Oza.

Por causa diso, no século seguinte foron construídas varias fortalezas dentro dos límites da parroquia, coma o castelo de San Diego, o forte de Oza e o castelo de Valparaíso, que xunto ao castelo de Santo Antón, o castelo de Santa Cruz, o castelo de Santo Amaro e outras baterías coma as de Pradeiras e Durmideiras, constituían o sistema defensivo da cidade[5].

Trala promulgación da Constitución española de 1812 e a creación dos concellos constitucionais, a parroquia de Santa María de Oza formou o concello de Oza xunto ás parroquias de San Cristovo das Viñas, San Pedro de Visma e San Vicenzo de Elviña. O declive do núcleo orixinal de Oza (probablemente condicionado pola construción dunha vía férrea polo seu medio) fixo que as sedes relixiosa e municipal se trasladasen a Monelos, que era o núcleo máis habitado do concello naquela altura[6].

 
Lazareto de Oza arredor do ano 1900.

Na etapa municipal, foi inaugurado un lazareto nos terreos costeiros situados arredor da antiga aldea de Oza, entre a punta de Oza (onde se situaba o antigo forte, que foi convertido en parte do lazareto) e a punta Filgueira[7] (logo chamada O Puntal[8][9][10]; nome que antanto tamén chegou a ser usado para se referir á propia punta de Oza[11]), comunicándose ambos os extremos mediante unha ponte sobre a praia[8]. O cemiterio parroquial tivo que ser trasladado por causa da creación do establecemento sanitario. Durante a guerra de Cuba, moitos militares procedentes da illa caribeña foron ingresados nesta instalación[8]. En 1910, o lazareto converteuse en Sanatorio Marítimo para o tratamento de nenos afectados de tuberculose[4].

O concello sufriu unha situación política inestable que provocou un gran endebedamento municipal e o levou a ter que aceptar a anexión ao concello da Coruña. Dese xeito, en 1912, o concello da Coruña anexionou o concello de Oza e a parroquia de Santa María de Oza converteuse nunha das cinco parroquias da Coruña.

Durante o século XX, coas sucesivas ampliacións do Porto da Coruña e a instalación de diversos estaleiros, a configuración da costa viuse transformada, desaparecendo a contorna natural en toda a costa da parroquia, agás nas Xubias. En consecuencia, perdéronse calas e praias, destacando o caso da praia das Canas[12] e mais o anteriormente citado da praia de Lazareto, ademais do Castelo de San Diego, que foi derrubado. No seu canto instalouse o porto petroleiro de San Diego (dende que parte o oleoduto que atravesa A Coruña ata a Refinaría) e o porto pesqueiro de Oza, ademais da Estación de San Diego, para o transporte de mercadorías. Alén diso, o río de Monelos, que desembocaba en San Diego e facía de límite entre Oza e A Coruña, foi canalizado e soterrado. Co crecemento da cidade, os núcleos históricos máis próximos á parroquia da Coruña foron urbanizados con bloques de vivendas e ficaron integrados no casco urbano da cidade, como é o caso dos Castros, Monelos, A Gaiteira, A Cubela ou O Castrillón, aínda que certos lugares illados situados nesa área, como O Corgo ou Agramonte, aínda manteñen parte da súa tipoloxía.

Patrimonio

editar

Entre o patrimonio histórico da parroquia atópase o conxunto de edificios na área do sanatorio de Oza: a antiga capela de Santa María de Oza (construída no século XII e reformada no século XVI), o faro (construído en 1915 sobre o Forte de Oza, que foi levantado a finais do século XVI e reformado en varias ocasións[4]), o Pavillón de Colonias do arquitecto Pedro Mariño (1926), o Pavillón Cirúrxico Fernández Latorre (1913) e o Hospital Marítimo de Oza (1995).[4][13]

No resto do territorio están a igrexa de Santa María de Oza (1863[14]), o cemiterio parroquial (1895), e os restos do Castelo de Eirís[15]. A antiga casa consistorial desapareceu, mais aínda se conserva en ruínas outra casa que albergou a sede do concello no lugar do Corgo. O Castelo de San Diego, construído entre 1630 e 1636, foi derrubado na década de 1960 durante a construción do porto petroleiro da Coruña[16].

Galería de imaxes

editar

Lugares e parroquias

editar

Lugares de Oza

editar
Lugares da parroquia de Oza no concello da Coruña

Agramonte | Casabranca | Casanova de Eirís | Castaño de Eirís | As Cernadas | O Corgo | Curramontes | Eirís de Abaixo | Eirís de Arriba | A Madosa | Monserrat | Monte Mero | Monte tras da Costa | As Xubias

Parroquias da Coruña

editar
  1. 1,0 1,1 DECRETO 189/2003, do 6 de febreiro, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia da Coruña.
  2. Nomenclátor da Xunta de Galicia. DECRETO 189/2003, do 6 de febreiro, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia da Coruña.
  3. Enrique Vedia y Goosens (1845). Historia y descripción de la ciudad de La Coruña. Imprenta y libreria de D. Domingo Puga. p. 64.  (en castelán)
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 "Historia do Hospital Marítimo de Oza na páxina web do CHUAC". Arquivado dende o orixinal o 14 de setembro de 2014. Consultado o 14 de setembro de 2014. 
  5. Adelaida Riveira Bullón (2013). Universidade da Coruña, ed. "Reconstrucción infográfica y volumétrica de las etapas constructivas del castillo de san Antón". pp. 7–15. Arquivado dende o orixinal o 16 de abril de 2016. Consultado o 09 de abril de 2016.  (en castelán)
  6. "Un final traumático para Oza". La Opinión A Coruña. 16 de febreiro de 2010.  (en castelán)
  7. "Inauguración del Lazareto". El Censor nº 182. A Coruña. 14 de agosto de 1888. p. 1.  (en castelán)
  8. 8,0 8,1 8,2 "Más de lo que se perdió en Cuba". La Opinión A Coruña. 17 de maio de 2009.  (en castelán)
  9. "Oza: la playa más reivindicada". La Opinión A Coruña. 12 de outubro de 2015.  (en castelán)
  10. Xosé Castro (2011). "28. Avenida do Pasaxe/As Xubias-Casablanca-Oza". A Coruña : nostalgia e ilusión. Hércules de Ediciones. pp. 526–528. ISBN 978-84-92715-39-8. 
  11. Rafael Antonio Mengs (1797). Plano y Perfil de la Batería de Nuestra S[eño]ra de Osa situada en la punta llamada del Puntal para defensa de su Arenal y de la barra del Pasage que se halla siguiendo la costa desde la Coruña (Mapa). Secretaría de Guerra.  (en castelán)
  12. Xosé Castro (2011). "29. Os Castros-San Diego". A Coruña : nostalgia e ilusión. Hércules de Ediciones. p. 540. ISBN 978-84-92715-39-8. 
  13. PXOM
  14. "La iglesia de Santa María de Oza cumple 150 años". La Voz de Galicia. 3 de febreiro de 2013.  (en castelán)
  15. "Una casa como testigo de la historia". La Opinión A Coruña. 6 de xullo de 2015.  (en castelán)
  16. "El castillo de San Diego fue demolido hace 35 años para ampliar los muelles". La Voz de Galicia. 23 de decembro do 2000. Arquivado dende o orixinal o 29 de novembro de 2015. Consultado o 14 de setembro de 2014.  (en castelán)

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar