Enrique de Vedia

escritor español

Henrique ou Enrique de Vedia y Goossens ou Gössens, nado en Balmaseda (Biscaia) o 15 de outubro de 1802 e finado en Xerusalén o 8 de outubro de 1863 foi un historiador e diplomático español, Comendador da Orde de Carlos III.

Enrique de Vedia
Nacemento15 de outubro de 1802
Lugar de nacementoBalmaseda
Falecemento8 de outubro de 1863
Lugar de falecementoXerusalén
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónpolítico, historiador, diplomático, escritor e tradutor
PremiosEncomenda de número da Orde de Carlos III
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

De orixe fidalga, era fillo do uruguaio Lorenzo Antonio de Vedia y Ramallo, que chegou a Balmaseda por herdar os bens morgados da súa casa, e de Magdalena de Goossens y Ponce de León. Falaba francés, inglés e italiano e foi dono dunha importante biblioteca.

Foi xefe político de diferentes provincias, entre elas da Coruña. Mentres o foi da provincia de Burgos recibiu a Théophile Gautier e ensinoulle a catedral, visita que deixou constatada o escritor en Voyage en Espagne. Foi tamén amigo de Pascual Gayangos e de Antonio Ferrer del Río e tivo os cargos de Secretario da Gobernación do Reino e Cónsul de España en Liverpool e Xerusalén. Finou nesa cidade en 1863 cando preparaba o seu regreso a España.

Obras editar

Dirixiu os dous volumes de Historiadores primitivos de Indias Madrid: Imprenta de Manuel Rivadeneyra, 1852-1853) da Biblioteca de Autores Españoles (1877-1913), con edicións de crónicas e textos de Hernán Cortés (1485-1547), Pedro de Alvarado, Francisco López de Gómara (1510-1541), Diego de Godoy (s. XVI), Gonzalo Fernández de Oviedo (1478-1557), Álvar Núñez Cabeza de Vaca (s. XVI), Bernal Díaz del Castillo (1492-¿1581?), Francisco de Xerez (s. XVI), Pedro Cieza de León (1518-1554) e Agustín de Zárate (s. XVI).

Traduciu ao castelán e anotou xunto con Pascual Gayangos History of Spanish Literature do hispanista George Ticknor e compuxo unhas Memorias para la historia... de la villa de Balmaseda e unha Historia y descripción de la ciudad de La Coruña (1845).[1]

Honra editar

A Biblioteca Pública de Balmaseda leva o seu nome. En 1946 bautizouse como Historiador Vedia unha rúa da Coruña que anteriormente recibía o nome de Alfredo Vilas.[2]

Notas editar

  1. Biblioteca de Galicia
  2. García López, Alfonso (2009). Calles con historia (en castelán). Espacio Cultura Editores. ISBN 978-84-938089-1-4.