Hernán Cortés

conquistador castelán que encabezou a expedición que causou a caída do Imperio Azteca, territorio que actualmente é coñecido como México (1485-1547)

Hernán Cortés Monroy Pizarro Altamirano máis coñecido por Hernán Cortés, quen asinaba as súas cartas como Fernán Cortés, nado en Medellín (Badaxoz) en 1485 e finado en Castilleja de la Cuesta (Sevilla) o 2 de decembro de 1547, foi un conquistador castelán que encabezou a expedición que causou a caída do Imperio Azteca, territorio que actualmente é coñecido como México, en favor da Coroa de Castela, a comezos do século XVI. Cortés foi parte da xeración de colonizadores hispanos que iniciou a primeira fase da colonización castelá das Américas.

Hernán Cortés
Fernán Cortés nun gravado de W. Holl
Nome completoHernán Cortés
Alcumes(s)"Hernán Cortés"
Nacemento1485
Medellín (Badaxoz)
Coroa de Castela
Defunción2 de decembro de 1547 (61-62 anos)
Castilleja de la Cuesta Reino de Sevilla
Coroa de Castela
Fidelidade Coroa de Castela
Servizo15041547
RangoConquistador, explorador e marqués
Batallas/GuerrasConquista do Imperio Azteca
DistinciónsOrde de Santiago
Hernán Cortés

Traxectoria editar

Comezos editar

Nado nunha familia nobre aragonesa.[1] Foi fillo único de Martín Cortés e de Catalina Pizarro Altamirano. Era parente, por parte da nai, de Francisco Pizarro, quen máis tarde conquistaría o Imperio Inca (o que hoxe é o Perú), e que non debe ser confundido co Francisco Pizarro que axudou a Cortés na loita contra os aztecas. Como outros fidalgos, o seu pai enviouno aos catorce anos a estudar latín en Salamanca, cidade que abandonou dous anos máis tarde, movido polo seu afán de aventuras. Estes estudos preparatorios e os coñecementos prácticos da lei que adquiriu na súa aprendizaxe cun escríbán en Valladolid deron pé ao mito de que Cortés cursou leis na Universidade de Salamanca.[2] Tras varios intentos errados, por unha banda, de embarcar para as Indias e, por outra, de participar nas campañas de Gonzalo Fernández de Córdoba en Italia, finalmente, na primavera de 1504, partiu cara á illa da Española, onde se instalou como plantador e funcionario colonial.

Neste punto da súa vida, Cortés foi descrito por Gómara como inquedo, altivo e mal intencionado.[3] Esta é probablemente unha boa descrición dun mozo de dezaseis anos que volvera á casa para atoparse a si mesmo frustrado pola vida na súa pequena cidade de provincias.

 
Hernán Cortés nun billete español de 1.000 pesetas de 1992 (deseño: Reinhold Gerstetter)

Nese momento, as noticias dos descubrimentos de Colón no Novo Mundo estaba sacudindo o interese en España.

Cuba editar

En 1511 participou na expedición da conquista de Cuba dirixida polo gobernador Diego de Velázquez, de quen recibiu terras e escravos na illa. Chegou a ser nomeado alcalde de Santiago de Cuba, aínda que foi despois encarcerado polo gobernador, acusado de conspirar na súa contra. Liberado, casou coa cuñada do propio Diego Velázquez, de nome Catalina Suárez Marcaida.

A finais de 1518 Velázquez confioulle o mando da terceira expedición, tralas de Francisco Hernández de Córdoba e Juan de Grijalva, para continuar os seus descubrimentos na costa do Iucatán. Pero Velázquez pronto desconfiou del.

Conta Bernal Díaz del Castillo, autor de Historia verdadera de la conquista de la Nueva España, que un bufón de Velázquez, chamado Cervantes o tolo, díxolle ao seu señor, ao xeito dos bufóns: «A la gala de mi amo Diego, Diego, ¿qué capitán has elegido? Que es de Medellín de Extremadura, capitán de gran. Más temo, Diego, no se te alce con la armada, que le juzgo por muy gran varón en sus cosas».

Hernán Cortés seguía, con todo, cos preparativos da expedición, e debido á súa grande elocuencia, dotes de persuasión e suxestión, pronto logrou recrutar a máis de 600 homes para a súa causa.

Conquista de México editar

Artigo principal: Conquista do Imperio Azteca.
 
Expedición de Hernán Cortés desde Cuba ata Tenochtitlan.

Adiantándose a que o cesase Diego Velázquez, a armada de Cortés partiu precipitadamente do porto de Santiago de Cuba o 18 de novembro de 1518. Como ía escaso de bastimentos, tivo que aprovisionarse no porto de Trinidad e outros lugares.

Finalmente, o 10 de febreiro de 1519, a frota abandonou as costas de Cuba. Consistía aquela armada en 11 naves, con 518 infantes, 16 xinetes, 13 arcabuceiros, 32 besteiros, 110 mariñeiros e uns 200 indios e negros como auxiliares de tropa. Levaban 32 cabalos, 10 canóns de bronce e 4 falconetes. Como capitáns ían Alonso Hernández Portocarrero (ao que entregaría máis tarde a india dona Marina), Alonso Dávila, Diego de Ordás, Francisco de Montejo, Francisco de Morla, Francisco de Saucedo, Juan de Escalante, Juan Velázquez de León (parente do gobernador), Cristóbal de Olid, Gonzalo de Sandoval e Pedro de Alvarado. Moitos destes eran veteranos da guerra de Italia. Como piloto principal ía Antón de Alaminos con experiencia nas dúas expedicións anteriores de Francisco Hernández de Córdoba e Juan de Grijalva.

Primeiros contactos cos poboadores editar

 
La Malinche traduce a lingua dos mexicas a Cortés. Lenzo Tlaxcala Século XVI

O primeiro contacto coas civilizacións mesoamericanas tívoo na illa de Cozumel, un importante porto navieiro e centro relixioso maia que formaba parte da xurisdición de Ecab, e onde se atopaba o santuario dedicado a Ixchel, deusa da fertilidade. Os españois chegaron durante o Período Posclásico da Cultura maia pouco logo da caída de Mayapán en 1480, que levou á fragmentación da península do Iucatán en 16 pequenos estados, con cadanseu gobernante, denominado «halach uinik», e en constante conflito entre si.

Inmediatamente logo de presentarse ao «batab» (gobernante local da cidade) Cortés pediulle que deixasen a súa relixión e adoptasen o cristianismo mandando os seus homes a destruír os ídolos relixiosos maias e poñer cruces e imaxes da Virxe María no templo. Unha biografía do rei Carlos I escrita en 1603 relata o momento así:

Espantáronse los isleños de ver aquella flota y metiéronse al monte, dejando desamparadas sus casas y haciendas. Entraron algunos españoles la tierra adentro y hallaron cuatro mujeres con tres criaturas y trajéronlas a Cortés, y por señas de los indios que consigo llevaba, entendió que la una dellas era la señora de aquella tierra y madre de los niños. Hízole Cortés buen tratamiento, y ella hizo venir allí a su marido, el cual mandó dar a los españoles buenas posadas y regalarlos mucho. Y cuando vio Cortés que ya estaban asegurados y contentos, comenzó a predicarles la fe de Cristo. Mandó a la lengua que llevaba, que les dijese que les quería dar otro mejor Dios que el que tenían. Rogóles que adorasen la Cruz y una imagen de Nuestra Señora, y dijeron que les placía. Llevólos a su templo y quebrantóles los ídolos y puso en lugar dellos cruces y imágines de Nuestra Señora, lo cual todo tuvieron los indios por bueno. Estando allí Cortés nunca sacrificaron hombres, que lo solían hacer cada día.
Historia de la vida y hechos del Emperador Carlos V (1519), de Prudencio de Sandoval[4]

Hernán Cortés utilizaba de intérprete a un mozo maia tomado prisioneiro na Illa Mujeres, cuxo nome ningún cronista de Indias recolleu pero ao que os españois alcumaban «Melchorejo». A través del tivo noticias da existencia duns homes barbudos en poder dun cacicado maia próximo e enviou uns emisarios a rescatalos. En 1519 atoparon a Gerónimo de Aguilar supervivente do naufraxio do buque Santa María de la Barca. Aguilar, entón, dirixiuse a buscar a outro sobrevivente, Gonzalo Guerrero, quen vivía en Chetumal en onde lograra escapar da escravitude gañando a confianza do cacique Nachán Can, para volverse el mesmo un nacom ou xefe militar maia e casou coa princesa maia Zazil Há, coa que había ter varios fillos, hoxe considerados os primeiros mexicanos modernos. Aguilar decidiu volver con Cortés converténdose nun dos seus intérpretes de maiense, pero Guerrero decidiu quedar cos maias e morreu cara a 1536. Algúns historiadores cren que pelexou contra os conquistadores españois.[5]

A batalla de Centla e a toma de Potonchan editar

 
Entrada de Hernán Cortés na cidade maia de Potonchan en Tabasco en 1519

A expedición de Cortés continuou bordeando a costa guiada polo piloto Antón de Alaminos ata chegar o 14 de marzo de 1519 á desembocadura do río Tabasco (hoxe Grijalva), nas proximidades da cidade de Potonchán (Putunchan), pertencente aos putúns ou grupo maia-chontal e gobernada polo «halach uinik» Taabscoob. Alí produciuse a crucial batalla de Centla relatada desde o punto de vista español por López de Gómara no capítulo Combate y toma de Potonchan do seu libro La Conquista de México:[6]

Cortés adiantouse facendo acenos de paz, faloulles por medio de Gerónimo de Aguilar, rogándolles os recibiran ben, pois non viñan facerlles mal, senón a tomar auga doce e comprar para comer, como homes que andando polo mar, tiñan necesidade diso; xa que logo, que llelo desen, que eles llelo pagarían moi cortesmente.

As autoridades de Potonchán ordenaron levarlles auga e comida para que se fosen. Pero Cortés sostivo que non era suficiente e insistiu en que deixasen entrar as súas tropas á cidade.

Replicaron os indios que non querían consellos de xente que non coñecían, nin menos acollelos nas súas casas, porque lles parecían homes terribles e mandóns, e que se querían auga, que a collesen do río ou fixesen pozos na terra, que así facían eles cando a necesitaban. Entón Cortés, vendo que as palabras estaban de máis, díxolles que de ningún xeito podía deixar de entrar no lugar e ver aquela terra, para tomar e dar relación dela ao maior señor do mundo, que alí o enviaba; por iso, que o tivesen por bo, pois el desexábao facer polas boas, e se non, que se encomendaría ao seu Deus, ás súas mans e ás dos seus compañeiros. Os indios non dicían máis que se foran, e non intentasen botar bravatas en terra allea, porque de ningún xeito lle consentirían saír a ela nin entrar no seu pobo, así a todo avisárono de que se non se marchaban enseguida de alí, mataríano a el e a cantos con el ían.
 
Batalla de Centla, na que interveu por primeira vez o cabalo nunha guerra en América. Mural no Palacio Municipal de Paraíso, Tabasco.

Os españois atacaron entón a cidade por dous flancos, producíndose unha sanguenta batalla que finalizou na derrota de Potonchán e a entrada de Cortés e os seus homes:

Os españois escudriñaron as casas e non acharon máis que millo e galipavos, e algunhas cousas de algodón, e pouco rastro de ouro, pois non había dentro máis que catrocentos homes de guerra defendendo o lugar. Derramouse moito sangue de indios na toma dese lugar, por pelexaren espidos; os feridos foron moitos e cativos quedaron poucos; os mortos non se contaron. Cortés apousentouse no templo dos ídolos con todos os españois, e couberon moi a pracer, porque ten un patio e unhas salas moi boas e grandes. Durmiron alí aquela noite con boa garda, como en casa de inimigos, mais os indios non se atreveron a nada. Dese xeito tomouse Potonchán, que foi a primeira cidade que Hernán Cortés gañou pola forza do que descubriu e conquistou.

Logo da derrota, as autoridades de Tabasco fixéronlle a Cortés ofrenda de víveres, xoias, tecidos, e un grupo de vinte escravas, que foron aceptadas, cambiados os seus nomes ao seren bautizadas e repartidas entre os seus homes.[7] Entre estas escravas había unha chamada Malintzin, á que os españois renomearon Marina, coñecida tamén como La Malinche, que sería crucial na conquista de México. A súa grande intelixencia, o seu dominio das linguas maienses e náhuatl, o seu coñecemento da psicoloxía e costumes dos indios, e a súa fidelidade cara aos españois, fixeron da Malinche unha das máis extraordinarias e controvertidas mulleres da historia de América.[8] A Malinche foi intérprete, conselleira e concubina de Hernán Cortés, co cal tería un fillo, Martín Cortés, do mesmo nome que o fillo lexítimo que Hernán Cortés tería catorce anos despois con Juana de Zúñiga. Marina e Gerónimo de Aguilar supliron a Melchorejo como intérpretes, debido a que este decidira boicotear aos españois e estaba incitando aos indíxenas a resistiren a conquista.

Fundación de Santa María de la Victoria editar

 
Mapa que mostra a extensión da provincia de Tabasco e a súa capital Santa María de la Victoria en 1549.

Despois, Cortés dirixiuse a unha gran ceiba (considerada árbore sacra polos maias) e sacando a súa espada, deu uns golpes sobre o tronco e tomou posesión desas terras fundando o 25 de marzo de 1519 a vila de Santa María de la Vitoria, que sería a primeira poboación española na Nova España e unha das primeiras en América. Inmediatamente o clérigo frei Bartolomé de Olmedo e o seu capelán Juan Díaz oficiaron a primeira misa cristiá en terra firme da Nova España e unha das primeiras no Continente

...Y después de apeados debajo de unos árboles y casas que allí estaban, dimos muchas gracias a Dios por habernos dado aquella victoria tan cumplida; y como era día de Nuestra Señora de Marzo, llamóse una villa que se pobló, Santa María de la Victoria, así por ser día de Nuestra Señora, como por la gran victoria que obtuvimos. Ésta fue la primera guerra que tuvimos en compañía de Cortés en la Nueva España(...) y dejemosle aquí y diré lo que más pasamos.
Bernal Díaz del Castillo, Historia Verdadera de la Conquista de la Nueva España

Os españois permaneceron aí ata o 12 de abril cando Cortés embarcou rumbo a Culúa e Tenochtitlan, deixando na vila a un puñado de soldados, encargados de pacificar a rexión.

Ese ano de 1519 comezaría unha epidemia de varíola, traída sen sabelo polos conquistadores, que no curso das seguintes décadas aniquilou ao 97% da poboación da rexión[9], feito que facilitaría a Conquista de México.

Fundación de Veracruz e alianza militar con Cempoala editar

 
Vista da praza principal das ruínas da cidade de Cempoala, capital da Nación Totonaca, a primeira en establecer unha alianza militar coas hostes castelás para atacar aos señoríos da Tripla Alianza ou Ēxcān Tlahtolōyān.

En Tabasco, os españois souberon da existencia dun país cara ao poñente que os amerindios denominaban «México». A frota foi bordeando a costa mexicana, en dirección noroeste, e un día presentáronse varias canoas aztecas que viñan de parte de Moctezuma, o «tlatoani» ou emperador do Imperio Azteca, con capital en Tenochtitlán. Moctezuma, emperador dos aztecas, creu que era o deus Quetzalcoatl que volvía do exilio para vingarse.

A súa chegada coincidiu co vaticinado retorno do deus-rei Quetzalcóatl asteca, e el foi saudado polo imperador Moctezuma en Tenochtitlán, a capital asteca. Cortés mostroulles as súas armas de fogo, os seus cabalos para, por unha banda amedrentalos, pero por outra banda tratou de ser amable e afable con eles, falándolles de paz. Os embaixadores traían pintores, e debuxaron todo o que viron con obxecto de que o emperador fose informado fielmente e vise como eran estes «teules» (semideuses). Moctezuma volveu enviar presentes de xoias e obxectos preciosos, pero Cortés seguía insistindo en visitar o seu emperador, o cal volveu denegar o permiso.

Cortés instalou o seu campamento enfronte da cidade de Quiahuiztlán habitada ancestralmente polos totonacas, e pouco despois converteuno en cidade, co nome de Villa Rica de la Vera Cruz (situada 70 km ao norte da actual Veracruz), por desembarcaren os españois naquela paraxe un Venres Santo.

Os novos poboadores rogaron a Cortés que se proclamase capitán xeneral, dependendo directamente do rei e non de Velázquez, a quen non lle recoñecía mando sobre aquelas novas terras. Logo de negarse varias veces, terminou aceptándoo. Nomeou alcalde, rexedores, alguacís, tesoureiro e alférez, consumando, pois, a desvinculación da autoridade do gobernador de Cuba sobre a expedición. Este acto é considerado como a fundación dunha das primeiras cidades europeas en América continental.

Cortés notou entón que o Imperio Azteca tiña inimigos e que isto facilitaba os seus plans. Comezou a elaborar unha estratexia, co fin de aproveitar as rifas e odios que se tiñan cara ao dominio Mexica por gran número de provincias, a fin de lograr a conquista de tan vasto imperio. Pero para iso tiña que impor tamén a súa vontade e o seu mando sobre a facción do gobernador Diego Velázquez, que sostiña que Cortés non tiña autorización para poboar, senón só para rescatar e descubrir, e que deberían volver a Cuba terminada a expedición. A maioría dos capitáns e a tropa apoiaban a Cortés, xa que intuían as grandes riquezas que podía haber en Tenochtitlán.

A primeira nación mesoamericana coa que Cortés estableceu unha alianza militar foi a Cultura Totonaca, con capital en Cempoala, unha avanzada cidade duns 20.000 habitantes. A mediados de 1519, trinta pobos totonacas reuníronse con Cortés en Cempoala para selaren a alianza e marcharen xuntos á conquista de Tenochtitlán. Os totonacas achegaron 1.300 guerreiros[10] á empresa de Cortés quen, pola súa banda, achegaría uns 400 españois, armas de fogo e quince cabalos.

O acordo realizouse sobre a base de que, unha vez derrotado o Imperio Azteca, a Nación Totonaca sería libre. No entanto, logo da conquista de México, os totonacas, decimados pola alianza militar e as enfermidades, nunca volveron ser o que foran. Varios deles terminaron encomendados como servos aos señores españois nas súas propias terras, particularmente no nacente cultivo da cana de azucre, quedando Cempoala deshabitada e a súa cultura extinguida e esquecida. A Cultura Totonaca volveu ser descuberta a fins do século XIX, polo arqueólogo e historiador mexicano Francisco del Paso y Troncoso.

«Queima» (barrenado) das naves editar

Chegaron noticias de que Diego Velázquez conseguira polos seus compañeiros na Corte o nomeamento de adiantado do Iucatán, polo que enviou para contrarrestar estas influencias aos seus fieis Portocarrero e Montejo co mellor do botín obtido ata entón, para conseguir o nomeamento para Cortés. Tomou ademais a decisión de inutilizar as naves, excepto a que había de utilizar Portocarrero a fin de manter contacto directo con España, para evitar calquera fuga dos homes que non secundaban a súa rebelión fronte á legalidade do gobernador de Cuba.

Sobre a forma física real en que se inutilizaron as naves, as fontes utilizan as expresións «barrenar» (abrir buracos cun barreno ou broca) e «dar de través» (envorcar, tombar, pór en dirección transversal o barco para varalo). Posiblemente o que se fixo foi unha combinación de ambos os procesos, e en calquera caso é importante dicir que as pezas das naves serviron para propósitos posteriores que tiveron importancia decisiva na conquista da capital azteca.

Guerra e posterior alianza con Tlaxcala. Matanza de Cholula editar

 
Sección reconstruída da Gran Pirámide de Cholula, no actual San Andrés Cholula (Puebla), onde se produciu a chamada Matanza de Cholula (1519).
 
A Matanza de Cholula, Lenzo de Tlaxcala (1552)

O 16 de agosto de 1519, Cortés abandonou a costa e iniciou a súa marcha cara ao interior, rumbo ao corazón do Imperio Mexica, cun exército de 1.300 guerreiros totonacas, 200 indios de carga, 6 canóns, 400 infantes españois e 15 de cabalaría.[11]

A fins de agosto o exército de Cortés chegou ao territorio da Confederación ou República de Tlaxcala, integrada por catro señoríos autónomos: Tepeticpac, Ocotelulco, Tizatlán e Quiahuiztlán.

Por entón, Tlaxcala e Tenochtitlán representaban dúas concepcións opostas de organización política que as levou ao enfrontamento aberto. Tlaxcala organizouse como unha confederación de cidades-estados unidas nunha república gobernada por un Senado; pola contra México-Tenochtitlán organizouse como un imperio.[12]

A partir de 1455 o Imperio Azteca, conformado sobre a base da Tripla Alianza entre Tenochtitlán, Texcoco e Tlacopan, iniciara as chamadas «guerras floridas» contra Huejotzingo, Cholula e Tlaxcala, co fin de capturar prisioneiros para os seus sacrificios relixiosos, e as cales lle garantiron o repudio do resto dos señoríos indíxenas.

Nesas circunstancias chegou Cortés ao territorio de Tlaxcala, ao mando do seu exército totonaca-español. Inicialmente a República de Tlaxcala, ao mando de Xicohténcatl Axayacatzin, negou aos invasores o paso polo seu territorio, enfrontándose o 2 de setembro no desfiladeiro de Tecoantzinco con sorte favorable a Cortés. Ao día seguinte produciuse un novo enfrontamento nas chairas, que volveu ser desfavorable para Tlaxcala levando á división da República, coa deserción das tropas de Ocotelulco e Tepeticpac, ao decatarse de que non podían prevalecer ante os 400 soldados españois e os seus aliados indíxenas. Superadas en táctica e disciplina de guerra -varios dos soldados españois e ata dos seus capitáns eran terzos e veteranos de Italia, o mellor de Europa nese entón-, as tropas de Xicohténcatl volveron a ser derrotadas e o Senado ordenou deter a guerra e ofrecer a paz a Cortés. Este acordo estableceu a crucial alianza cos tlaxcaltecas, opositores ao réxime Mexica, o cal nunca puidera conquistar o seu territorio. Cortés detívose alí varias semanas.

No seu paso cara a Tenochtitlán Cortés chegou a Cholula, aliada do Imperio Azteca, que era a segunda cidade máis grande logo de México-Tenochtitlán, con 30.000 habitantes. Bernal Díaz del Castillo conta na súa crónica que logo de recibiren a Cortés e o seu enorme exército, as autoridades de Cholula planearon tenderlle unha emboscada e aniquilar aos españois. Díaz del Castillo conta que el e as tropas viron a un costado dos templos as varas con colares que supuxo destinadas aos españois para seren levados cativos a Tenochtitlán. Díaz del Castillo tamén conta que unha anciá e uns sacerdotes dos templos de Cholula alertaron a Cortés, quen mandou inmediatamente ao seu exército a atacar, causando o que se coñece como a matanza de Cholula, na que máis de 5.000 homes morreron en cinco horas. O continxente permaneceu en Cholula durante outubro e novembro e ao saír Cortés mandou incendiar a cidade.

Despois chegou a Santa Catarina Ayotzingo, desde onde preparou o ataque a Tenochtitlán. Á súa chegada a México-Tenochtitlán, Cortés quedou sorprendido pola beleza do lugar, que é descrita por Díaz del Castillo como «un soño». No seu paso desde Cholula, Cortés percorrera o camiño cara ao Val de México, cruzando por entre dous volcáns, o Popocatépetl e o Iztaccíhuatl ata chegar a unha paraxe boscosa e de espléndida beleza que ata hoxe leva o nome de Paso de Cortés. Do outro lado, avistou por primeira vez o lago de Texcoco aproximándose a el polo rumbo de Xochimilco.

Tenochtitlán editar

Artigo principal: Noite Triste.

Hernán Cortés, na súa marcha cara a México-Tenochtitlán co seu exército (uns trescentos españois) e o apoio duns 3.000 tlaxcaltecas avistou os volcáns Popocatépetl e Iztaccíhuatl. E un dos capitáns de Cortés, chamado Diego de Ordás foi o primeiro europeo en ascender á cima do volcán Popocatépetl en compañía de dous compañeiros de armas, causando unha grande impresión entre os nativos que acompañaban a expedición de Cortés. Por tal fazaña e méritos militares, o emperador Carlos V outorgoulle a Diego de Ordás mediante decreto expedido o 22 de outubro de 1523, o dereito de posuír un escudo de armas cunha vista do volcán.[13][14]

 
Encontro de Hernán Cortés e Moctezuma

Á entrada da cidade, realizada o 8 de novembro de 1519, produciuse o encontro de Moctezuma e Cortés, facendo de intérprete dona Marina. Moctezuma II creu que os españois eran enviados do deus que viría do leste -este é Quetzalcóatl ou Serpe Emplumada- e foi un espléndido anfitrión, obsequiándoo entre outras cousas, co Toucado do Deus Quetzalcóatl, mellor coñecido como Penacho de Moctezuma[15] o cal foi enviado xunto con outros presentes á Corte Imperial. Dado que Carlos V era un Austria -casa dos Habsburgo- ao extinguirse a rama española, este agasallo terminou en Austria.[15]

Mentres os españois quedaban en Tenochtitlán, Moctezuma hospedounos no templo do seu antecesor Axayácatl (no palacio do pai de Moctezuma), podendo entón admirar a grandiosidade daquela cidade. Nos días seguintes, os españois visitaron os palacios e templos da gran capital azteca, así como o gran (templo) da cidade xemelga do imperio, Tlatelolco, e o seu mercado: unha praza de máis do dobre de grande que a Praza Maior de Salamanca (tida entón pola máis grande da cristiandade).

Residindo os españois no palacio, ocorréuselles que xa era hora de ter capela propia e, posto que Moctezuma se negou a que a erixisen no de Huitzilopochtli, resolveron levantala no seu aloxamento, previo permiso do emperador.

 
Palacio de Hernán Cortés en Cuernavaca, Morelos

Buscaban os capitáns o mellor sitio para emprazala cando un soldado, que era carpinteiro, notou nunha parede a existencia dunha porta tapiada e encalada de poucos días. Lembraron entón que se rumoreaba que naqueles apousentos tiña depositados Moctezuma os tesouros que fora reunindo o seu pai Axayácatl.

 
Placa conmemorativa do primeiro encontro entre Cortés e Moctezuma na Cidade de México. Estudos recentes determinaron que, con toda probabilidade, o conquistador estremeño e o tlahtoani mexica atopáronse nun sitio distinto ao que sinala o monumento.

Alí entraron Cortés e algúns capitáns e tras a vista dun enorme tesouro ordenou que se volvese a tapiar. Debido a advertencias previas dos tlaxcaltecas, empezounos a inquietar entón a posibilidade de seren asasinados. Catro capitáns e doce soldados presentáronse a Cortés para facerlle presente a conveniencia de prender ao emperador, manténdoo como refén, para que respondese coa súa vida da vida do exército. Non se tomou de momento ningún acordo, pero unha noticia precipitou a resolución.

Mentres tanto nas proximidades da Villa Rica de la Vera Cruz, aconteceu a batalla de Nautla, entre os mexicas dirixidos por Cuauhpopoca e os totonacas aliados dos conquistadores españois, no conflito mataron a Juan de Escalante, alguacil maior, e a sete españois o que supuxo un desprestixio para as armas españolas ao ver que non eran semideuses e que podían ser vencidos. Un soldado chamado Argüello foi feito prisioneiro, morreu no camiño polas feridas da guerra e a súa cabeza enviada ao emperador azteca, quen non quixo colocala en ningún templo.

Unha vez que Moctezuma caeu na celada dos españois, Cortés tívoo como refén so pena de morte inmediata. Tranquilizou ao seu garda dicindo que ía de propia vontade, e tras seren trasladados cos españois todos os seus aveños seguiu manifestando a todas as súas visitas que estaba alí de propia vontade.

Cortés esixiu que os caciques autores da agresión a Veracruz fosen castigados. Levados á súa presenza, confirmaron que obedecían ordes de Moctezuma. Os capitáns aztecas foron sentenciados a morrer na fogueira.

Conseguiu tamén que Moctezuma se declarase vasalo de Carlos V. A casta sacerdotal e a nobreza conxuraron para liberar o seu señor e aniquilar aos españois.

Loita entre españois editar

Neses días recibiuse a noticia da chegada de 18 navíos ao Porto de Veracruz, créndose nun principio que eran reforzos do emperador, pero enseguida se soubo que eran tropas mandadas por Diego de Velázquez para castigar aos rebeldes. Estas tropas estaban mandadas por Pánfilo de Narváez. Aínda por riba, puxeron sobre aviso a Moctezuma de que Cortés era un rebelde ao seu rei, e que se podía, o matase. Así que Cortés non tivo máis remedio que deixar unha guarnición de pouco máis dun centenar de españois en Tenochtitlán ao mando de Pedro de Alvarado, e el con trescentos españois e varios centos de indios, saíu ao encontro das tropas de Narváez. Cortés atacou o campamento inimigo en plena noite, derramando moi pouco sangue e capturando a Narváez só uns momentos despois de establecer combate.Tras mostrar aos soldados os adornos de ouro, e de incitalos a unírselle, a maioría cambiou de bando a favor de Cortés, que grazas a isto triplicou os seus efectivos da noite para a mañá. Pola súa banda, Narváez regresou por onde viñera, cuns cantos seguidores, mentres que Cortés regresaba a Tenochtitlán.

A matanza do Templo Maior editar

 
Matanza do Templo Maior. Pintura contida no Códice Durán.
Artigo principal: Matanza de Tóxcatl.

Mentres, en Tenochtitlán, Alvarado, medorento dunha concentración masiva de guerreiros na Praza Maior de Tenochtitlán, e temendo os posibles agoiros de Cholula, cometera unha matanza de nativos, de nobres, caciques e xefes do exército cando estes estaban celebrando a festa de Tóxcatl (quinto mes dos 18 que tiña o calendario azteca) en honra a Tezcatlipoca. Algunhas fontes falan tamén de culto ao sempre presente Huitzilopochtli.[16] Dado o desatino de Alvarado, a poboación, loxicamente, indignouse, porque o ambicioso Pedro de Alvarado lles quitou as súas xoias e materiais preciosos que vestían.[16] Ao facer isto, os poboadores rebeláronse contra Moctezuma, non téndolle ninguén respecto. Os españois tivéronse que refuxiar nos aloxamentos do palacio.

A rebelión e A Noite Triste editar

 
Batalla da Noite Triste
Artigo principal: Noite Triste.

O 24 de xuño de 1520 o exército de Cortés entraba novamente na cidade. O irmán de Moctezuma, Cuitláhuac, foi liberado para que xestionase a pacificación, pero no canto diso, púxose á fronte dos mexicas e uniuse ao xefe dos caciques, chamado Cuauhtémoc -e quen sería o seguinte tlatoani azteca-, para oporse á ocupación española. Cortés conseguiu que Moctezuma tratase de tranquilizar aos inconformes e que deixasen saír aos españois da cidade. Existen dúas versións da morte de Moctezuma: unha é que cando falaba ao seu pobo recibiu unha pedrada dos propios aztecas que o feriu de morte; a outra di que Hernán Cortés ordenou matalo cando viu que non podía acougar ao pobo, aínda que esta última versión foi achegada polos aztecas e considérase menos probable.[17]

Estando así a situación, os soldados españois foron cercados na casa do seu aloxamento, rodeados por multitudes de indíxenas indignados. Os asediados vían diminuír a auga, as municións e toda clase de víveres. A única saída era a retirada. E fixérona na chuviosa noite do 30 de xuño ao 1 de xullo de 1520, coñecida como a Noite Triste. Ao escapulirse silenciosamente, os españois dirixíronse a unha das calzadas que conducían á saída de Tenochtitlán. Xa non lles faltaba moito para completaren a retirada cando foron descubertos por unha anciá, que deu a alarma, e nuns momentos miles de guerreiros aztecas atacaron en tromba aos españois; acosáronos ao longo da calzada, mentres outros atacaban desde as súas canoas. Naquela retirada caeu a maioría dos españois, sobre todo os que chegaron con Narváez, que ao levaren moitas pezas de ouro consigo, a pesar das advertencias de Cortés, morreron afogados no lago. Perdeuse ademais gran cantidade de pezas de artillaría e de cabalos, así como gran parte do tesouro que se transportaba.[18] Perseguidos polos aztecas, o 7 de xullo, preto de Otumba, os españois reorganizáronse, e plantaron batalla aos guerreiros que os perseguían, logrando derrotalos.

Sitio e caída de Tenochtitlan editar

 
O suplicio de Cuauhtémoc (1893) segundo Leandro Izaguirre
Artigo principal: Conquista do Imperio Azteca.

Logo da súa derrota na Noite Triste os españois e os seus aliados tlaxcaltecas recuaron ata Tlaxcala; reorganizáronse e atacaron Tenochtitlán, pondo sitio á cidade. Cabe meditar se neste punto a alianza dos Tlaxcaltecas podería ou non considerarse lexítima, porque dada a fraxilidade dos españois, puidéronos eliminar e non o fixeron. No canto diso, aprovisionáronos e acubilláronos, coa consecuente obtención de prebendas e privilexios posteriores, que o conquistador esta vez, si pareceu respectar.

Dada a indignación dos Mexicas pola profanación dunha das súas festas principais -onde ocorre a matanza perpetrada por Alvarado-, e entendendo que os Aztecas non se renderían, Cortés manda traer os navíos que inhabilitara, peza por peza, co fin de pórlle sitio a Tenochtitlan; os navíos foron reconstruídos no lago que rodeaba a cidade e tras un sitio que durou 75 días, nos que os aztecas pelexaron ata o seu práctico exterminio, finalmente foron derrotados e sometidos a escravitude. É por esta razón que podemos dicir que os actuais descendentes indíxenas ou a mestizaxe derivada destes, deuse máis que co pobo Mexica, cos vencedores Tlaxcaltecas e outros señoríos indíxenas que, ao termo da guerra, obtiveron status de principais nas súas provincias e en diferentes casos, como representantes ante a coroa española como caciques gobernantes.

Logo de consumada a conquista, Cortés faise acompañar por Cuauhtémoc a quen se di que chegou a torturar para sacarlle información sobre o tesouro azteca. Non obtendo resposta positiva, Cortés leva a Cuauhtémoc ás súas expedicións posteriores onde máis tarde resultará morto, presuntamente mandado aforcar por Cortés.

A viaxe de Cortés á Las Hibueras editar

Cortés tiña coñecemento das riquezas que existían en Las Hibueras, na actual República de Honduras, ademais de que escoitara que existía un paso «que en opinión de moitos pilotos [...] por aquela baía sae estreito á outra mar» (do océano Atlántico ao océano Pacífico), estreito de cuxa existencia dera coñecemento o piloto Juan de la Cosa desde o ano 1500. Así pois, Cortés enviou o ano de 1524 ao mando do seu capitán Cristóbal de Olid cinco navíos e un bergantín rumbo ás Hibueras, a bordo dos cales ían 400 homes, suficiente artillaría, armas e municións, ademais de oito mil pesos ouro para comprar en Cuba cabalos e bastimentos. En tanto, partira unha expedición por terra ao mando do capitán Pedro de Alvarado para conquistar e explorar Centroamérica.

Máis cedo que tarde Cortés decatouse de que o capitán Cristóbal de Olid, home de toda a súa confianza, entrara en tratos co seu principal inimigo, nada menos que o gobernador de Cuba, Diego de Velázquez, para roubarlle a Cortés as novas terras que se haberían de descubrir na viaxe de exploración e conquista que el mesmo estaba sufragando. Fóra de si, Cortés montou unha segunda expedición en xuño de 1524 ao mando do seu primo Francisco de las Casas, en cinco navíos e con cen homes con ordes de aprehender e castigar ao infiel Cristóbal de Olid. Ao arribar a expedición punitiva á actual Honduras logo dun naufraxio, sucedéronse unhas escaramuzas e foi tomado prisioneiro o enviado de Cortés, o seu primo Francisco de las Casas, en compañía de Gil González Dávila, este recentemente chegado co título de gobernador do golfo Dulce.

Dalgún xeito, tanto De las Casas como Gil González lograron escapar cara á xungla. Posteriormente, amigos de Cortés nunha cea tomaron prisioneiro a Cristóbal de Olid e degolárono, dando por terminado o asunto.

En tanto Hernán Cortés, sen saber o que sucedera, emprende por terra rumbo ás Hibueras en compañía dun grande exército. Camiñou ata Veracruz, onde se embarcou ata a vila do Espírito Santo, de aí continuou por terra entrando en Tabasco onde con grandes dificultades atravesou grandes pantanos, caudalosos ríos e selvas impenetrables, pasou por varias poboacións tabasqueñas como Cupilco, Cimatán, Nacaxuxuca, Zaguatán, Chilapan, Ixtapa, Acalán, Tatahuitalpan, Usumacinta (onde mandou aforcar a Cuauhtémoc) e Teutiercas. Xa en Guatemala chegou a Tayasal, continuou por agrestes serras e chegou á poboación maia de Nito e logo ao porto de Naco onde se decatou do sucedido a Cristóbal de Olid así que se embarcou de regreso á cidade de México, chegando en 1525.

Descubrimento da «California» editar

 
A illa de California, mapa do século XVII
Sabed que a la diestra mano de las Indias existe una isla llamada California muy cerca de un costado del Paraíso Terrenal; y estaba poblada por mujeres negras, sin que existiera allí un hombre, pues vivían a la manera de las amazonas. Eran de bellos y robustos cuerpos, fogoso valor y gran fuerza. Su isla era la más fuerte de todo el mundo, con sus escarpados farallones y sus pétreas costas. Sus armas eran todas de oro y del mismo metal eran los arneses de las bestias salvajes que ellas acostumbraban domar para montarlas, porque en toda la isla no había otro metal que el oro.

Hoxe en día considérase a Hernán Cortés como o descubridor da península de Baixa California, aínda cando o primeiro europeo que desembarcó en dita península foi o piloto e navegante español Fortún Jiménez, quen ao mando do navío Concepción, propiedade de Hernán Cortés, avistou e desembarcou no ano 1534 na península, da cal pensou que era unha illa.

Na cuarta Carta de Relación, datada en México o 15 de outubro de 1524, escribe Hernán Cortés ao rei de España da preparación de barcos para explorar e someter novos reinos sobre o mar do Sur (océano Pacífico), idea que bulía na súa mente desde dous anos atrás, recentemente consumada a conquista da gran Tenochtitlán. En 1529, estando Cortés en España, asinou un convenio coa Coroa española polo cal se obrigaba a enviar pola súa conta «armadas para descubrir illas e territorios no Mar do Sur».

Desexaba atopar ademais do dominio territorial e as posibles ganancias en metais preciosos nas novas terras a descubrir, un paso de mar entre o Pacífico e o Atlántico, pois pensábase que se Fernando de Magallanes atopara un estreito que comunicaba ambos os océanos polo sur, tamén debería existir outro paso polo norte. Ese paso marítimo era o mítico Estreito de Anián. No mencionado convenio estipulábase que das terras e ganancias que se obtivesen, unha décima parte corresponderían ao descubridor en propiedade perpetua, para si e os seus descendentes.

Expedicións posteriores editar

A primeira expedición editar

Durante a súa estancia en España en 1529, Cortés conseguiu de Carlos V o título de Marqués do Val de Oaxaca[19] e o goberno sobre os futuros descubrimentos no Mar do Sur.[20] Xa de volta a México, o 30 de xuño de 1532 enviou ao seu primo Diego Hurtado de Mendoza para que explorase as illas e litorais do Mar do Sur, máis alá dos límites da audiencia da Nova Galicia gobernada por Nuño de Guzmán inimigo acérrimo de Hernán Cortés. Partiu a expedición en dous barcos dende o golfo de Tehuantepec, despois de tocar Manzanillo (Colima) e foron costeando as costas de Xalisco e Nayarit, que naquel entón formaban parte da audiencia da Nova Galicia, ata descubrir as Illas Marías, de alí regresaron a terra firme e trataron de obter abastecemento de auga na baía de Matanchén, Nayarit, abastecemento que lles foi negado por ordes de Nuño de Guzmán, dono e señor da rexión.

Un dos barcos maltratados polas tormentas emprendeu o regreso, arribou ás costas de Xalisco e rematou en mans de Nuño de Guzmán, en tanto o outro navío no que ía Diego Hurtado de Mendoza tomou rumbo ao norte, xamais ningún dos que ían a bordo regresou á Nova España, non se volveu ter noticias deles, anos despois o autor da Segunda Relación anónima de la jornada que hizo Nuño de Guzmán a la Nueva Galicia, recolleu algunhas informacións que fan supoñer que a nave que comandaba Diego Hurtado de Mendoza naufragara no litoral norte do hoxe estado de Sinaloa, perecendo el e o resto da tripulación.

A segunda expedición editar

O navío Concepción ao mando do capitán e comandante da expedición Diego de Becerra, era unha das dúas naves que Cortés enviou en 1533, pouco despois da conquista da grande Tenochtitlán, nunha segunda viaxe de exploración do Mar do Sur, a outra nave era o navío San Lázaro ao mando do Capitán Hernando de Grijalva.

Levantou áncora a expedición dende o que é hoxe o porto de Manzanillo o 30 de outubro de 1533, o día 20 de decembro as naves separáranse, o barco San Lázaro que se adiantara esperou en van ao navío Concepción durante tres días e ao non ter avistamento do navío acompañante dedicouse a explorar o océano Pacífico e descubriu as Illas Revillagigedo. A bordo do Concepción todo era diferente, o navegante e segundo no mando Fortún Jiménez amotinouse e asasinou mentres durmía o capitán Diego de Becerra, despois agrediu os tripulantes que se mostraron leais ao capitán asasinado para posteriormente abandonar os feridos nas costas de Michoacán xunto cos frades franciscanos que o acompañaban na travesía.

Fortún Jiménez navegou cara ao noroeste seguindo a costa e nalgún momento xirou cara ao oeste e chegou a unha apracible baía, hoxe sábese que arribou á que é hoxe cidade e porto de La Paz; el pensou que arribara a unha illa, xamais soubo que arribara a unha península que co tempo se chamaría península de Baixa California, alí encontrouse con nativos que falaban unha lingua non coñecida e ademais andaban seminús, eran moi diferentes dos nativos do altiplano mexicano que tiñan unha cultura propia.

Os tripulantes que o acompañaban ao veren as mulleres seminúas e a causa da longa vixilia sexual, dedicáronse a tomalas pola forza. Para ese entón decatáranse de que no lugar abundaban as perlas que os nativos extraían das cunchas de moluscos que abundaban na baía, así que se dedicaron a saquear o lugar e a abusar das mulleres.

É necesario resaltar que Fortún Jiménez e acompañantes non outorgaron nome ningún a ningún dos sitios que encontraron, sendo outros exploradores os que darian nome aos lugares visitados por Fortún Jiménez.

O abuso das mulleres por parte da tripulación xunto ao saqueo ao cal se dedicaron provocou un violento enfrontamento cos nativos que rematou na morte de Fortún Jiménez e algúns dos seus compañeiros. Os sobreviventes retiráronse do lugar, abordaron a duras penas o navío Concepción, navegaron erraticamente durante varios días ata chegar ás costas do hoxe Estado de Xalisco, onde se toparon cos subalternos de Nuño de Guzmán quen lles requisaron a nave e os tomaron prisioneiros.

A terceira expedición editar

Logo de patrocinar dúas viaxes de exploración ao Mar do Sur e sen obter resultados materiais, Hernán Cortés decidiu encabezar a terceira viaxe de exploración.

Molesto Cortés porque Nuño de Guzmán, o seu arquiinimigo de sempre, lle requisara un buque durante a primeira expedición que sufragou, ademais do buque Concepción que Cortés enviara na segunda viaxe de exploración do Mar do Sur, decidiu enfrontalo no seu propio terreo e desde alí montar a terceira expedición, para iso preparou un gran número de tropas a pé e de a cabalo para marchar sobre a provincia da Nova Galicia, da cal Nuño de Guzmán era gobernador.

O vicerrei da Nova España advirte a Hernán Cortés o 4 de setembro de 1534 «que non se enfrontase a quen lle requisara os seus barcos», ao que Hernán Cortés se negou alegando que gastara máis de 100 mil casteláns de ouro, ademais de ser designado pola súa maxestade o Rei de España Carlos I para conquistar e descubrir novos territorios. Para ese entón Cortés xa organizara un estaleiro en Tehuantepec e tiña tres navíos dispostos: o San Lázaro (no que regresou Grijalva da segunda expedición ao Mar do Sur), o Santa Águeda e o Santo Tomás que recentemente foran construídos.

O proxecto de Cortés era ambicioso, enviaría os navíos a Chametla Sinaloa (preto da actual poboación de Escuinapa) no territorio gobernado por Nuño de Guzmán e alí abordaría o exército de terra comandado por el. Para chegar a Chametla, Cortés tivo que atravesar durante varios días co seu exército o Novo Reino da Nova Galicia. A Nova Galicia era unha provincia da Nova España gobernada polo seu acérrimo inimigo Nuño de Guzmán.

Conta Bernal Díaz del Castillo que cando na Nova España se soubo que o Marqués de Oaxaca ía de conquista novamente, moitos «creron que era cousa certa e rica» e ofrecéronse a servirlle soldados de a cabalo, arcabuceiros e besteiros, e 34 homes casados coas súas respectivas mulleres, en total 320 persoas e 150 cabalos. E engade que os navíos estaban moi ben provistos de biscoito, carne, aceite, viño e vinagre, moito pescado, tres ferreiros coas súas fraguas e dous carpinteiros de ribeira coas súas ferramentas, ademais de clérigos, relixiosos, médicos, cirurxiáns e botica.

Cos pendóns a todo o alto arribou o exército de Cortés á poboación de Santiago de Galicia de Compostela (capital da provincia de Nova Galicia dentro do vicerreinado de Nova España), situada neses días no val de Matatipac (na actualidade a cidade de Tepic), onde foi acolleito amigabelmente polo Gobernador Nuño Beltrán de Guzmán, o seu inimigo de sempre. Nesa poboación Cortés e o seu exército permaneceron durante catro días antes de proseguiren a súa viaxe. Dise que Nuño de Guzmán aconsellou a Cortés non proseguir coa viaxe de exploración e proveuno de bastimentos, en tanto Cortés se asombrou da pobreza na que vivía Nuño de Guzmán. Sen ningunha dúbida o recibimento de que foi obxecto o conquistador de México por parte de Guzmán debeuse ao exército que acompañaba a Cortés.

Logo da partida de Cortés, Nuño de Guzmán dirixiu unha carta á Audiencia en México en «que se queixaba de que o marqués do Val quería penetrar coa súa xente na súa gobernación, sendo que só era Capitán Xeneral da Nova España».

En Chametla (Sinaloa), logo de atravesar os hoxe estados de Xalisco e Nayarit, territorio coñecido como parte do reino da Nova Galicia nesa época, Cortés e a súa comitiva embarcaron nos buques Santa Águeda e San Lázaro nos cales subiron 113 peóns, 40 xinetes con todo o necesario de a cabalo e deixou en terra a 60 xinetes máis, segundo reportou á Real Audiencia o gobernador Nuño de Guzmán.

Unha vez embarcado no buque San Lázaro, Cortés xunto coa súa expedición tomou rumbo ao noroeste, e o día 3 de maio de 1535 arribou á baía que nomeou Baía da Santa Cruz, actualmente La Paz (Baixa California Sur), lugar no cal confirmou a morte do seu subalterno Fortún Jiménez a mans dos nativos.

Unha vez que tomou Cortés posesión da Baía da Santa Cruz, decidiu establecer unha colonia e mandou traer os soldados e os bastimentos que deixara en Sinaloa pero o mal tempo non lle axudou, os buques perdéronse e unicamente regresou á baía da Santa Cruz un navío levando unha carga de cincuenta fanegas de millo, insuficientes para alimentar a poboación, polo cal Cortés saíu persoalmente en busca de víveres, pero o conseguido foi insuficiente polo cal decidiu retornar á Nova España coa intención de prover desde aí a nova colonia.

Ao mando do poboado da Santa Cruz quedou Francisco de Ulloa, pero as queixas dos familiares dos que quedaron na península fixeron que o vicerrei ordenase o abandono da poboación e o retorno dos poboadores á Nova España.

A cuarta expedición editar

Hernán Cortés, que xa patrocinara tres viaxes de exploración o Mar do Sur (océano Pacífico) que terminaran en fracasos, decide enviar unha cuarta viaxe de exploración ao Mar do Sur ao mando de Francisco de Ulloa en 1539. Partiu a expedición do porto de Acapulco o día 8 de xullo do ano citado a bordo dos buques Santo Tomás, Santa Águeda e Trinidad, mais á altura das Illas Marías víronse obrigados a abandonar o navío Santo Tomás, polo cal continuaron a viaxe de exploración nos dous buques restantes.

 
O golfo de California resaltado nun mapa orográfico de México.

Penetraron no golfo de California e visitaron na viaxe de ida e de volta a abandonada poboación da Santa Cruz, coñecida actualmente como a cidade de La Paz; na viaxe de ida chegaron ao extremo norte do golfo o 28 de setembro, ao que se coñece actualmente como desembocadura do río Colorado e chamaron á boca do río Ancón de San Andrés, unha breve acta foi levantada cuxo texto se transcribe:

Yo Pedro de Palenzia, escribano público desta armada, doy fe e verdadero testimonio a todos los señores que la presente vieren, a quienes Dios nuestro señor guarde de mal, como en veinte e ocho días del mes de septiembre de quinientos e treinta e nueve años, el muy magnfifíco señor Francisco de Ulloa, teniente de gobernador y capitán desta armada por el iustrísimo señor Marqués del Valle de Guajaca, tomó posesión en el ancón de San Andrés y mar bermeja, que es en la costa desta Nueva España hazia el Norte, que está en altura de treinta y tres grados y medio, por el dicho Sr. Marqués del Valle en nombre del Emperador nuestro rey de Castilla, actual y realmente, poniendo mano a la espada, diziendo que si abía alguna persona que se lo contradijese, que él estaba presto para se lo defender, cortando con ella árboles, arrancando yerbas, meneando piedras de una parte a otra, y sacando agua de la mar; todo en señal de posesión. (...) Testigos que fueron presentes a lo que dicho es los reverendos padres del señor San Francisco, el padre Fray Raymundo, el padre fray Antonio de Mena, Francisco de Terrazas, veedor Diego de Haro, Gabriel Márquez. Fecho día mes y año susodicho. E yo Pedro de Palenzia, escribano público desta armada, le escribí según ante mi pasó; por ende fize aquí este signo mío, que es tal, en testimonio de verdad. — Pedro de Palencia, escribano público. Frater Ramundus Alilius, Frater Antonius de Mena, — Gabriel Márquez. — Diego de Haro. — Francisco de Terrazas.
Acta da viaxe

Logo de desembar e de tomar posesión das terras do extremo norte do "Mar Bermejo" (coñecido hoxe en día como golfo de California), nome que se lle deu en castelán pola coloración avermellada das augas, que se tinguían coas augas procedentes do río Colorado, iniciaron o regreso ao poboado da Santa Cruz, dobraron o cabo San Lucas e entraron no océano Pacífico. Pola actual baía Magdalena pasaron o día 5 de decembro sen ingresar por estar ferido Ulloa, por mor dunha escaramuza que sostivo cos nativos.

Con data de 5 de abril de 1540 dirixiu a Cortés desde a illa de Cedros unha relación dos sucesos da exploración no navío Santa Águeda, no navío Trinidad continuou coa exploración, nunca máis se soubo de Francisco de Ulloa e dos seus compañeiros de navegación.

O nome de California editar

Artigo principal: Orixe do nome de California.

Un burlón inimigo de Cortés a quen un escritor da época cita como Alarcón (trataríase de Fernando de Alarcón?), en clara alusión a As sergas de Esplandián, novela de cabalaría en voga por aqueles días, deu por nomear en ton burlesco ás abandonadas terras como California para ferir a Cortés por fracasar na terceira viaxe de exploración, cando este tratou infructuosamente de estabelecer unha colonia nas terras recentemente descubertas e que lle pertencían por Cédula Real.

Actualmente coñécense co nome de California, a península de Baixa California, o Golfo de California, e tres estados; California, Baixa California e Baixa California Sur. Ademais, o Golfo de California é coñecido tamén como Mar de Cortés.

Falecemento e sucesivos traslados dos seus restos editar

 
Casa-palacio onde faleceu Hernán Cortés, que foi construída coma se fose unha fortaleza. Atópase no municipio sevillano de Castilleja de la Cuesta. A casa pasou en 1855 a mans dos Duques de Montpensier, que realizaron algunhas reformas no interior. En 1889 ocupárona monxas irlandesas, que crearán nela un colexio.[21]

Hernán Cortés morreu no venres 2 de decembro do ano 1547 en Castilleja de la Cuesta, cando pensaba volver ás súas posesións americanas. Recibiu sepultura no próximo mosteiro de San Isidoro del Campo, na cripta da familia do duque de Medina Sidonia, baixo as bancadas do altar maior, cun epitafio que lle dedicou o seu fillo Martín Cortés, segundo Marqués del Valle. O epitafio dicía:

Pai cuxa sorte impropiamente

Aqueste baixo mundo posuía

Valor que a nosa idade enriquecía,

Descansa agora en paz, eternamente.
Martín Cortés

Os restos mortais de Hernán Cortés foron inhumados varias veces. Isto debeuse, en parte, porque no seu testamento cambiou varias veces a situación do lugar onde desexaba repousar. Cando residía na Nova España, primeiro solicitou ser sepultado na igrexa contigua ao hospital de Jesús (México), hospital que o conquistador fundara. Posteriormente declarou os seus desexos de ser sepultado nun mosteiro que ordenara construír en Coyoacán, unha poboación achegada á capital mexicana, mosteiro que nunca foi construído debido a que tivo que partir a España co fin de enfrontarse a un xuízo de residencia ao que foi citado. En outubro de 1547, poucas semanas antes da súa morte, modificaría unha vez máis o seu testamento para indicar a súa vontade de ser sepultado na parroquia do lugar onde falecese.[22]

En 1550 aos tres anos da súa morte, os seus restos foron cambiados de lugar dentro da mesma igrexa de San Isidoro do Campo, e esta vez foi inhumado xusto ao carón do altar dedicado a Santa Catarina.

En 1566, e por decisión familiar os seus restos mortais foron trasladados á Nova España e sepultos xunto coa súa nai e unha das súas fillas no templo de San Francisco de Texcoco, situado na poboación de Texcoco próxima á cidade de México. Os seus restos xacerían alí ata 1629.

En 1629 á morte de Pedro Cortés, cuarto Marqués do Val e último descendente de Hernán Cortés en liña masculina, as autoridades civís e eclesiásticas da provincia española decidiron sepultalos na mesma igrexa, así que os restos de Cortés foron inhumados preto do altar maior (nun nicho detrás do Sagrario) na igrexa do convento de San Francisco (México), situado fronte á praza de Guardiola na capital mexicana, alí deixaron gravada a seguinte inscrición «Ferdinandi Cortés ossa servatur hic famosa».

En 1716 unha remodelación do templo de San Francisco obrigou aos franciscanos a exhumaren os restos e trasladalos á parte posterior do retablo maior, lugar no que permanecerían durante 78 anos.

En 1794 as autoridades da vicerreinado exhumaron novamente os restos de Cortés co fin de cumprir cos desexos do conquistador de México que nunha ocasión solicitou ser sepultado na igrexa contigua ao hospital de Jesús (México), así que sacaron a osamenta de Cortés do templo de San Francisco que xacía no seu nicho nunha urna de madeira e cristal con asas de prata e co escudo de armas do Marqués de Oaxaca pintado na cabeceira da urna. Os seus restos foron trasladados con gran pompa ao que se cría sería a súa última morada, colocáronse brandóns de prata sobre o sepulcro e dentro do templo erixiuse un zócolo e sobre o zócolo un busto do conquistador, nese sitio os seus restos descansarían durante 23 anos.

En 1823, aos dous anos da Independencia de México iniciouse o memorial para honrar aos insurxentes mortos durante a guerra de independencia, cuxos restos foron levados á cidade de México e depositados na catedral. Un gran movemento nacionalista xurdiu entre os habitantes da capital mexicana ao grado que se temeu que unha turba asaltase o templo para tomar os restos de Cortés, por iso o ministro mexicano Lucas Alamán e o capelán maior do Hospital desmantelaron na noite do 15 de setembro o mausoleo, en tanto o busto e demais ornamentos foron enviados a Italia para facer crer aos axitadores que os restos mortais de Cortés saíran do país. En realidade a urna coa osamenta foi escondida baixo a tarima do templo do hospital de Jesús (México) e durante trece anos os restos permaneceron escondidos alí.

En 1836, xa acougadas as paixóns, extraéronse os restos e foron depositados nun nicho que se construíu na parede do templo ao carón de onde estivo o mausoleo, nese lugar repousaron os restos durante 110 anos ata ser atopados. O ministro Lucas Alamán nalgún momento informou á embaixada española do lugar no cal depositaran os restos de Cortés.

 
Tumba de Hernán Cortés no Templo do Hospital de Jesús (México)

En 1946, algúns historiadores do Colexio de México tiveron acceso a acta notarial na cal se detallaba a última morada de Cortés e decidiron buscar os restos. O domingo 24 de novembro do mesmo ano os historiadores atoparon o nicho que gardaba a urna, logo de realizar algúns estudos para autentificar os ósos procederon a restaurar a urna e recomendaron conservar os restos de Hernán Cortés no mesmo lugar. O 28 de novembro de 1946 o presidente de México Manuel Ávila Camacho expediu un decreto mediante o cal conferiu ao Instituto Nacional de Antropoloxía e Historia a custodia dos restos mortais de Hernán Cortés.

O 9 de xullo de 1947 inhumáronse de novo os restos no mesmo lugar no que os atoparon e púxose sobre o muro da igrexa unha placa de bronce co escudo de armas de Cortés gravado e a inscrición:

HERNÁN CORTÉS
1485 - 1547

Hoxe en día, os restos do conquistador español descansan no lugar que elixiu na súa mocidade para ser sepulto: o templo do Hospital de Jesús. Desafortunadamente, a vella igrexa atópase no abandono e con poucos medios para poder asegurarse a súa debida restauración.[23]

A lenda negra editar

 
Busto de Cuauhtémoc na praza da Constitución, Cidade de México.

A peor mancha na folla de servizos de Cortés é que consentiu a tortura de Cuauhtémoc e do cacique de Tacuba, xa que os soldados estaban sedentos de ouro, e crían que este tiña que saber onde se atopaba. Ámbolos dous foron aforcados no ano 1525 na funesta expedición ás Hibueras, por sospeitas de traizón.

Os seus inimigos intrigaron na corte do emperador Carlos V, acusándoo de detraer ouro do quinto real e do repartimento aos conquistadores e sospeitando que dera orde de envelenar á súa esposa Catalina Juárez [24] e a varios dos enviados con provisións reais. Desterrado de México, foi a Castela para reclamar a gobernación de Nova España, pero só conseguiu o marquesado do Val e déronlle terras preto do estado actual de Oaxaca.

Hernán Cortés morreu o venres 2 de decembro do ano 1547 en Castilleja de la Costa, tratando de volver ás súas posesións americanas.

Monumentos e representacións artísticas en México editar

 
Inscrición no Hospital de Jesús Nazareno.

En México existen poucas representacións de Cortés. Con todo, moitos puntos xeográficos de interese levan o seu nome, desde o castelo na cidade de Cuernavaca a nomes de rúas en toda a República Mexicana.

Un dos poucos monumentos auténticos da cidade de México está no paso entre os volcáns Iztaccíhuatl e Popocatépetl, por onde Cortés levou aos seus soldados na súa marcha á Cidade de México. Actualmente é coñecido como o Paso de Cortés.

O muralista Diego Rivera pintou varias representacións del, pero a máis famosa móstrao como unha figura poderosa e sinistra, xunto coa Malinche nun dos murais no Palacio Nacional da Cidade de México.

En 1981, o entón presidente de México José López Portillo tratou de promover o recoñecemento público de Hernán Cortés. En primeiro lugar, fixo pública unha copia do busto de Cortés feita por Manuel Tolsá no Hospital de Jesús Nazareno cunha cerimonia oficial, pero pronto un grupo nacionalista tratou de destruíla, polo que tivo que ser retirado da vista do público.[25] Hoxe en día a copia do busto atópase no "Hospital de Jesús" nun recuncho pouco visitado, mentres que o orixinal atópase en Nápoles, Italia, na Vila Pignatelli (propiedade dos descendentes de Cortés).[26]

 
Monumento á mestizaxe

Máis tarde, outro monumento coñecido como "Monumento á Mestizaxe" de Julián Martínez e M. Maldonado (1982) foi comisionado por López Portillo para ser posto no "Zócolo" (praza principal) da delegación de Coyoacán (cidade de México), cerca do lugar onde Cortés tivo a súa casa de campo. Debido ás protestas públicas, tivo que ser trasladado a un parque pouco coñecido, o Xardín Xicoténcatl no Barrio de San Diego Churubusco, cerca do ex-convento de Churubusco. A estatua mostra a Cortés, a Malinche e o seu fillo.[27]

Hai outra estatua de Cortés, realizada por Sebastián Aparicio, na cidade de Cuernavaca, estado de Morelos. Atopábase no popular hotel El Casino de la Selva. A figura de Cortés é apenas recoñecible polo que provocou moi pouca polémica. O hotel foi pechado para facer un centro comercial, e a estatua quedou fóra da exhibición pública por disposición de COSTCO, o construtor do centro comercial, e ata a data non está dispoñible ao público.

Notas editar

  1. José-Santiago Crespo Pozo; Ricardo Sanlés Martínez; et al. (1983). Gran Enciclopedia Vasca, ed. Blasones y linajes de Galicia: Parte genealógica, A-F. 2a ed. ISBN 9788424807832. Consultado o 1/06/2013. 
  2. “Hernán Cortés”, International Encyclopedia of the Social Sciences, 2a ed (2008), t. 2, pp. 146-149.
  3. La Biblioteca llatí, Hernán Cortés
  4. La obra Historia de la vida y hechos del Emperador Carlos V, de Prudencio de Sandoval, 1519, III,1603, está dispoñible en: cervantesvirtual.com Arquivado 24 de setembro de 2015 en Wayback Machine..
  5. "Jerónimo de Aguilar y Gonzalo Guerrero: dos actitudes frente a la historia, por Eduardo Matos Moctezuma, México Desconocido". Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2007. Consultado o 21 de agosto de 2013. 
  6. Gómara, Francisco López de. «Combate y toma de Potonchan», en La Conquista de México, páx. 72-75. Edición de José Luis de Rojas. Crónicas de América. Editorial Dastin, S.L. España.
  7. López de Gómara, Francisco, Historia de la Conquista de México, Prólogo y cronología de Jorge Gurría Lacroix, Caracas, Biblioteca Ayacucho, 1984. pp. 39-40
  8. "Malinche: ¿Creadora o traidora?, por Michael Conner". Arquivado dende o orixinal o 10 de novembro de 2008. Consultado o 21 de agosto de 2013. 
  9. Cook, S. F. y W. W. Borah (1963), The indian population of Central Mexico, Berkeley (Cal.), University of California Press.
  10. López de Gómara, Francisco Historia de la conquista de México cap. XLIV, pax. 67-70.
  11. Casasola, Gustavo (1968). Seis siglos de historia gráfica de México, 1325-1925. Ed. G. Casasola
  12. Enciclopedia de los Municipios de México (2005). Gobierno del Estado de Tlaxcala, ed. "Tlaxcala" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 06 de marzo de 2012. Consultado o 02 de novembro de 2013. 
  13. Thomas, Hugh (1993) "La conquista de México" cap.19 "Otro nuevo mundo de grandes poblaciones y torres" ISBN 970-690-163-9
  14. Díaz del Castillo, Bernal (1568) Historia verdadera de la conquista de la Nueva España cap. CLVIII pp-398 Cervantes Virtual texto en la web. Arquivado 24 de setembro de 2015 en Wayback Machine.
  15. 15,0 15,1 Luis González de Alba. "El penacho de un pobre diablo". LA CIENCIA EN LA CALLE (en castelán). Consultado o 2/11/2013. 
  16. 16,0 16,1 Ávila Ramírez, Margarita (2007). "La llegada de los conquistadores". Hstoria de México; sus civilizaciones y su cronología. (3ra ed.). p. 75. 
  17. ARTEHISTORIA, protagonistas de la historia. "Moctezuma II Xocoyotzin" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 13/12/2007. Consultado o 2/11/2013. 
  18. ARTEHISTORIA, grandes batallas. "La Noche Triste" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 03/11/2013. Consultado o 2/11/2013. 
  19. Cédula do emperador Carlos V, concedendo título de Marqués do Val a Hernán Cortés 20 de xullo de 1529, na Colección de documentos inéditos para a historia de España, vol. I, páx. 105-08.
  20. Cédula de Carlos V nomeando a Hernán Cortés gobernador das illas e terras que descubrise no mar do Sur 5 de novembro de 1529, op. cit.,vol. II, páx. 401-05.
  21. Ayuntamiento de Castilleja de la Cuesta. "La Casa Palacio de Hernán Cortés (Hose en día colexio das Irlandesas)". Arquivado dende o orixinal o 30/03/2014. Consultado o 24/05/2015. 
  22. Testamento outorgado por Hernán Cortés o 12 de outubro de 1547, na Colección de documentos inéditos para la historia de España, vol. IV, pax. 239-77. Consultado o 18 de xuño do 2015 (en castelán)
  23. La tumba secreta de Hernán Cortés, El País, 3 de xuño de 2015.Consultado o 19 de xuño do 2015 (en castelán)
  24. (véxase: Hernán Cortés e a súa escura relación con Catalina Xuárez) (en castelán)
  25. "Recoñecer a Cortés por Leonardo Tarifeño" (en castelán). Letras Libres. Arquivado dende o orixinal o 16 de agosto de 2013. Consultado o 5 de ecembro do 2015. 
  26. "Recordos de España en México: Hernán Cortes" (en castelán). 19 de xaneiro do 2011. Consultado o 5 de decembro do 2015. 
  27. Manuel M. Cascante, Correspondente na Cidade de México (13 de outubro de 2006). "Cortés e os seus 9 enterros" (en castelán). Abc.es. Consultado o 5 de decembro do 2015. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar