Capela de Santa María de Oza

construción relixiosa en Oza, A Coruña

A Capela de Santa María de Oza é un templo relixioso de estilo románico construído entre mediados e finais do século XII e reformado nos séculos XVII e XVIII. Está situada na parroquia de Oza, no concello da Coruña. Trala anexión do concello de Oza polo da Coruña en 1912, converteuse nun dos edificios máis antigos do concello herculino. Forma parte do Conxunto Histórico-Artístico do antigo Sanatorio de Oza[1].

Capela de Santa María de Oza
Capela de Santa María de Oza
PaísEspaña
LocalizaciónOza (A Coruña)
Coordenadas43°20′53″N 8°23′14″O / 43.348055555556, -8.3872222222222Coordenadas: 43°20′53″N 8°23′14″O / 43.348055555556, -8.3872222222222
editar datos en Wikidata ]

Historia editar

A Capela de Santa María de Oza foi construída na segunda metade do século XII, sendo a sé parroquial ata a inauguración da nova Igrexa de Oza –situada en Monelos– en 1863.

O templo foi atacado en 1589 polas tropas de Francis Drake durante o desembarco británico en Santa María de Oza, no marco do ataque inglés sobre A Coruña no que María Pita defendeu a cidade. Foi restaurada dos danos sufridos en 1592. Sufriu reformas durante o século XVII, no que se lle engadiron dúas capelas máis, e no século XVIII, no que se construíu a portada actual de estilo barroco. En 1889, o Arcebispado de Compostela cedeu o templo ó lazareto construído nos seus arredores. No ano 1910, a igrexa foi cedida ó Sanatorio Marítimo de Oza recentemente creado, acollendo as cerimonias relixiosas do persoal e mais dos acollidos durante bastantes anos, aínda que posteriormente deixou de ser utilizado. En 1954, coa creación da parroquia da Nosa Señora do Carme no barrio dos Castros, pensouse en empregala como sé parroquial, pero finalmente non se levou a cabo. Foi restaurada en 1993, pero dende aquela non se lle deu uso e sufriu deterioración, ata o punto de que en 2009 a espadana estivo a piques de derrubarse[2][3], sendo reparada polo SERGAS –titular do edificio– a comezos de 2011[4]. Diversos colectivos veciñais teñen protestado pola situación de abandono na que se atopa o histórico templo[5][6].

Descrición editar

 
Vista da parte traseira da capela

Ten unha soa nave, con ábsida rectangular cuberta con bóveda de canón. Engadíronselle dúas capelas asimétricas no século XVII. A capela norte, de bóveda de canón adornada con casetóns, foi feita a expensas do nobre Lorenzo Bermúdez de Figueroa e nela atópase un escudo do século XVII. A sur tamén é de bóveda de canón e cun arco de faixa na metade da planta. A portada está feita en cantaría, cun van e unha característica espadana barroca que actualmente non conta con campás. Nos arredores do templo atopábase o antigo cemiterio parroquial, que posteriormente foi trasladado preto da nova Igrexa de Oza.

Cruceiro editar

A carón da capela atópase un cruceiro construído no século XVIII, aínda que a cruz desapareceu, posiblemente por causa dun roubo. Foi bendicido polo párroco José Gil Taboada y Morado e o seu custo foron 553 reais. Está catalogado como Ben de Interese Cultural[7].

Notas editar

  1. Consellería de Cultura e Xuventude "RESOLUCIÓN do 13 de novembro de 1992, da Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental, pola que se incoa expediente de declaración de ben de interese cultural con categoría de conxunto histórico a favor dos pavillóns de colonias no antigo sanatorio marítimo de Oza, así como o lugar onde se asenta e malla praia do Lazareto (A Coruña)." DOG Núm. 242 do 14/12/1992 p. 9.364 / "CORRECCIÓN de erros.-Resolución do 13 de novembro de 1992, da Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental, pola que se incoa expediente de declaración de ben de interese cultural con categoría de conxunto histórico a favor dos pavillóns de colonias no antigo sanatorio marítimo de Oza, así como o lugar onde se asenta e maila praia do Lazareto (A Coruña)." DOG Núm. 3 do 07/01/1993 p. 64
  2. Bardos Cultural exige la recuperación urgente de la capilla románica de Oza La Opinión A Coruña (04/06/2009) (en castelán)
  3. El campanario de Oza, en peligro La Voz de Galicia (04/06/2009) (en castelán)
  4. El Sergas arregla la capilla de Oza ante el peligro de desprendimientos La Opinión A Coruña (31/01/2011) (en castelán)
  5. Oza, más de dos décadas de lucha por recuperar su patrimonio El Mundo (25/09/2010) (en castelán)
  6. Los vecinos de Os Castros exigen la recuperación de la Capilla de Oza Arquivado 19 de agosto de 2014 en Wayback Machine. El Ideal Gallego (09/12/2011) (en castelán)
  7. Cruceiro da capela de Oza Patrimonio Galego

Véxase tamén editar


Outros artigos editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar