Faro de Oza
O faro de Oza é un faro situado na Punta de Oza, lugar onde tamén se sitúa a nova praia de Oza, na parroquia de Oza (A Coruña). Está construído no Forte de Oza, levantado no século XVI e que albergaba unha batería costeira. A construción do faro rematou en 1915 e entrou en servizo en 1917. Deixou de prestar servizo en 1963, sufrindo abandono e ruína ata 1996, data na que foi rehabilitado. Porén, dende aquela non se lle ten dado uso e o estado de abandono que padece ten causado continuas protestas[1][2][3][4]. Forma parte do Conxunto Histórico-Artístico do antigo Sanatorio de Oza[5].
Datos xerais | |
---|---|
Localización xeográfica | Punta de Oza |
Localización municipal | Oza, A Coruña, Provincia da Coruña |
Construción | 1915 |
Datos técnicos | |
Altura sobre o nivel do mar | 14 metros |
Altura sobre o terreo | 7 metros |
Historia
editarA Comisión de Faros decidiu proxectar a instalación do faro en 1904. Daquela os únicos que servían para guíar o acceso ó porto da Coruña eran a Torre de Hércules e o faro de cabo Prioriño, pero a posición de ámbalas dúas luces non formaba un ángulo o suficientemente axeitado como para garantir a correcta posición dos barcos durante a manobra de entrada, polo que se decidiu instalar un faro na Punta de Oza que serviría de guía para os buques que entrasen no porto a través da canle norte da ría do Burgo. Complementariamente, tamén se planeou a construción do faro de Mera, de xeito que tamén ficase sinalizada a canle oeste da ría.
A elaboración do proxecto foi asignada ó enxeñeiro Salvador López Miño pola Dirección Xeral de Obras Públicas a día 4 de xaneiro de 1908, aprobándose en xullo do mesmo ano que o faro fose edificado no antigo Forte de Oza, que fora construído a finais do século XVI tralo ataque de Francis Drake de 1589. A versión final do proxecto foi aprobada o 17 de xaneiro de 1911, sendo adxudicada a obra a Juan Mosquera Morano nunha poxa realizada en setembro por unha cantidade de 24.500 pesetas, ás que logo se engadiron 4.992 máis por tarefas de cimentación e accesorias. En 1914, cando o faro xa estaba a piques de ser finalizado, houbo que acrecentar 10 cm máis a altura da torre, posto que era necesario para que coubese a lanterna, que finalmente era de maior diámetro do que se determinara inicialmente no proxecto. O faro foi entregado en 1915, comezando o prestar servizo a partir do 20 de agosto de 1917.
No ano 1932, aumentouse a potencia da lanterna e foi levantada unha nova luz nunha posición máis alta, montada nunha torre de aceiro nas Xubias, por detrás do Sanatorio Marítimo de Oza, a 294 m do faro, coa pretensión de formar un sistema de enfilación que servise ós buques para evitaren o baixo das Xacentes (onde embarrancou o Urquiola en 1976) e a restinga do Seixo. En 1955, o faro deixou de actuar como sistema de enfilación e pasou a funcionar soamente como luz de referencia por causa da construción do dique de abrigo, o cal mudou o rumbo de entrada no porto herculino, empregándose a partir dese momento unha nova enfilación situada na Punta Fieiteira[6]. Deixou de prestar servizo en 1963, e durante décadas estivo abandonado, ata que o lugar do antigo Santario Marítimo de Oza foi declarado Conxunto Histórico-Artístico en 1992, declaración que fixo que a Autoridade Portuaria rehabilitase o faro en 1996. Con todo, non se lle deu un uso continuado dende aquela e non tardou en caer no abandono e sufrir vandalismo, o que provocou que asociacións culturais e veciñais teñan protestado reiteradamente pola situación[1][2][3][4].
En decembro de 2016 o concello aprobou por unanimidade substituír o uso sanitario recollido no plan xeral de ordenación por uso cidadán.[7]
Galería de imaxes
editar-
Vista frontal, onde se ve a posición do faro dentro do antigo Forte de Oza.
-
Pintadas nunha parede do faro.
-
Torre e cúpula.
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 "Bardos denuncia el abandono del faro y el fuerte de Oza". La Voz de Galicia. 19/05/2009.
- ↑ 2,0 2,1 Oza, más de dos décadas de lucha por recuperar su patrimonio El Mundo. 25/09/2010.
- ↑ 3,0 3,1 Vecinos de Oza piden al Concello que incluya su faro en el plan de murallas La Opinión A Coruña. 29/06/2012.
- ↑ 4,0 4,1 "Manifestación en reivindicación de la recuperación del Faro de Oza". Radio Coruña Cadena SER. 30/07/2013. Arquivado dende o orixinal o 24/09/2015. Consultado o 22/09/2014.
- ↑ Consellería de Cultura e Xuventude "RESOLUCIÓN do 13 de novembro de 1992, da Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental, pola que se incoa expediente de declaración de ben de interese cultural con categoría de conxunto histórico a favor dos pavillóns de colonias no antigo sanatorio marítimo de Oza, así como o lugar onde se asenta e malla praia do Lazareto (A Coruña)." DOG Núm. 242 do 14/12/1992 p. 9.364 / "CORRECCIÓN de erros.-Resolución do 13 de novembro de 1992, da Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental, pola que se incoa expediente de declaración de ben de interese cultural con categoría de conxunto histórico a favor dos pavillóns de colonias no antigo sanatorio marítimo de Oza, así como o lugar onde se asenta e maila praia do Lazareto (A Coruña)." DOG Núm. 3 do 07/01/1993 p. 64
- ↑ Comisión de Festas dos Castros (1994). "Revista Festas Os Castros 94": 19.
- ↑ Rodríguez, Miguel (13-12-2016). "La Corporación aprueba por unanimidad dedicar el faro de Oza a usos ciudadanos". La Opinión (en castelán) (A Coruña). Consultado o 23-12-2016.
Véxase tamén
editarA Galipedia ten un portal sobre: A Coruña |
Bibliografía
editar- Pazos, Lino (2003). Faros de Galicia. Guías Galaxia. Editorial Galaxia. ISBN 84-8288-636-3.
- Sánchez García, Jesús Ángel (2004). Faros de Galicia (en castelán). Fundación Caixa Galicia. ISBN 84-95491-38-9.