Constitución española de 1812

lei española

A Constitución española de 1812 ou La Pepa, aprobada o 19 de marzo de 1812 polas Cortes Xerais Extraordinarias reunidas na cidade de Cádiz, e promulgada no día inmediato, foi o primeiro documento constitucional aprobado na Península Ibérica e un dos primeiros no Mundo, sendo, no sentido moderno, só precedida pola Constitución Corsa de 1755 (a primeira constitución verdadeiramente democrática), pola Constitución dos Estados Unidos de América (1787) e pola Constitución francesa de 1791.

Portada da Constitución de Cádiz.

Oficialmente, a Constitución de Cádiz estivo en vigor dous anos, dende o día da súa promulgación, o 19 de marzo de 1812, día de San Xosé, de aí o alcuño de La Pepa que lle deu o pobo andaluz, até o 24 de marzo de 1814, día en que foi revogada co regreso a España do rei Fernando VII. Aínda que efemeramente, foi restaurada por dúas veces: de 1820 a 1823, durante o chamado Trienio Liberal; e en 1836-1837, como norma constitucional transitoria durante a elaboración da Constitución española de 1837.

A pesar desta curta vixencia, o seu texto exerceu profunda influencia no desenvolvemento do constitucionalismo español, portugués e latinoamericano, adoptándose as súas instrucións electorais, na secuencia da Martiñada, para a realización das eleccións para as Cortes Xerais e Extraordinarias da Nación Portuguesa, realizadas en decembro de 1820, e servido de inspiración na elaboración da resultante Constitución Política da Monarquía Portuguesa de 1822.

Orixes e encadramento sociopolítico editar

 
Monumento á Constitución de Cádiz (Praza de España, Cádiz)
 
Alegoría á Constitución de 1812, por Francisco de Goya, colección do Museo de Belas Artes de Estocolmo ( o Nationalmuseum).

A Constitución de Cádiz naceu na secuencia das profundas mudanzas sociais desencadeadas na Europa pola expansión do iluminismo, pola Revolución Francesa e polo período de grande inestabilidade sociopolítica que houbo a seguir, e que alastrou por todo o continente tendo como catalizador inmediato as Guerras napoleónicas. Neste contexto, tivo particular importancia o xurdimento da chamada Constitución de Baiona, unha carta constitucional imposta por Napoleón Bonaparte aos representantes españois chamados en 1808 á cidade francesa de Baiona.

En consecuencia da Carga dos Mamelucos, un levantamento do pobo de Madrid contra os franceses ocorrido o 2 de maio de 1808 (inmortalizado por Francisco de Goya na súa obra O dous de maio de 1808 en Madrid), xurdiu en numerosas localidades un fenómeno espontáneo de resistencia que se agrupou en torno das chamadas Xuntas. Estas comprenderon que coa súa unión nunha estrutura nacional única obterían maior eficacia, polo que o 25 de setembro do mesmo ano foi constituída a Xunta Suprema Central Gobernativa, con sede primeiro en Aranjuez e despois en Sevilla. As súas funcións principais eran dirixir a guerra contra a ocupación francesa e preparar a posterior reconstrución do Estado.

No que respectaba á reconstrución do Estado, colocábanse dúas posibilidades distintas sobre o futuro político español: a primeira delas, representada fundamentalmente por Gaspar Melchor de Jovellanos, consistía na restauración das normas previas da monarquía absoluta e o retorno á situación anterior á intervención francesa; a segunda, de cariz liberal, implicaba a promulgación dunha Constitución para o Estado español e unha modernización global das súas estruturas, de acordo cos preceptos liberais implícitos nas ideas iluministas e racionalistas. Foi esta última a opción vencedora, convocándose para tal Cortes Generales y Extraordinarias con poderes constituíntes.

O estado de guerra que entón se vivía na Península Ibérica, consecuencia da Guerra Peninsular que naquela altura estaba no seu auxe, levou a que as Cortes tivesen de procurar refuxio fóra da cidade de Madrid, entón controlada por forzas francesas. Como resultado, as Cortes reuníronse en Sevilla, ao tempo unha das poucas cidades que non estaban baixo ocupación militar estranxeira. Durante o curso dos seus traballos, as Cortes foron forzadas a procurar refuxio en San Fernando, localidade entón coñecida por Isla de León, xa que unha epidemia de febre amarela volvía pouco segura a realización de reunións en Sevilla.

As Cortes, cuxa primeira reunión ocorreu o 24 de setembro de 1810 no edificio actualmente coñecido como Teatro de las Cortes, tiñan a seguinte composición socio-profesional:

  • 90 eclesiásticos
  • 56 xuristas
  • 30 militares
  • 14 nobres
  • 15 catedráticos
  • 49 altos funcionarios
  • 8 comerciantes
  • 20 sen profesión definida.

Perante o avanzar das forzas francesas, os traballos das Cortes volveron a deslocarse* para Cádiz, promulgándose a Constitución no Oratorio de San Felipe Neri daquela cidade no día 19 de marzo de 1812, día de San Xosé. Aquela coincidencia de datas levou a que a Constitución recibise o alcuño de La Pepa, o diminutivo cariñoso de Josefa, alcuño que durante moitos anos foi utilizado como grito revolucionario polos seus defensores.

As Cortes ratificaron case de inmediato os principios fundamentais polos cales se guiaría a elaboración da Constitución: a soberanía nacional, afirmando que a soberanía reside no pobo e non no rei; a lexitimidade dinástica de Fernando VII de España como xefe de Estado; a separación de poderes, coa independencia e inamobibilidade dos xuíces; e a inviolabilidade dos deputados no exercicio do seu mandato. O traballo das Cortes foi arduo e rápido, aprobando un texto constitucional de grande complexidade (son 384 artigos, unha das máis longas Constitucións de sempre), nun período moi curto.

A Constitución de Cádiz non foi un acto revolucionario, nin mesmo unha ruptura co pasado. Desde a legalidade do momento, determinando coidadosamente quen eran os lexítimos representantes do pobo, todo foi obxecto de discusión e acordo. Os actos comezaron o día da abertura con procesión cívica, misa e unha exhortación, proferida polo Presidente da Rexencia, o bispo de Ourense, Pedro de Quevedo y Quintano, aos deputados reunidos para que cumprisen fiel e eficientemente as súas obrigacións.

Cando Fernando VII foi restaurado no trono, en marzo de 1814, en consecuencia da derrota francesa na Guerra Peninsular, foi obrigado a xurar que respectaría a Constitución. Con todo, encoraxado polas forzas conservadoras que dominaban a sociedade española, con especial importancia da xerarquía da Igrexa católica, o 4 de maio repudiou formalmente a Constitución de Cádiz e o 10 de maio mandou prender os líderes liberais, xustificando a súa acción coa alegación de que as Cortes se reuniran na súa ausencia e sen a súa autorización. Con estes actos púxose termo á incipiente vixencia da Constitución e restabeleceuse a doutrina de que a autoridade soberana era unha prerrogativa persoal do rei, non requirindo lexitimación popular.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar