Pedro Caro y Sureda
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde setembro de 2014.) |
Pedro Caro y Sureda, 3º marqués de La Romana, nado en Palma o 21 de outubro de 1761 e finado en Cartaxo (Portugal) o 23 de xaneiro de 1811[1], foi un militar español da época das guerras napoleónicas. É citado frecuentemente só como marqués de La Romana. Tiña tamén os títulos de Vizconde de Benaesa, barón de Moxente, señor do castelo feudal da Mola, e Grande de España.[2]
Pedro Caro y Sureda | |
---|---|
![]() | |
Nome completo | Pedro Caro y Sureda |
Alcume | 3º marqués de La Romana |
Nacemento | 2 de outubro de 1761 |
Lugar de nacemento | Palma |
Falecemento | 23 de xaneiro de 1811 (49 anos) |
Lugar de falecemento | Cartaxo |
Nacionalidade | España |
Alma máter | Universidade de Salamanca |
Ocupación | militar |
Pai | Pedro Caro Fontes y Maza de Lizana |
Nai | Doña Margarita Sureda y Valero |
Fillos | Don Pedro Caro y Salas, 4.Marqués de la Romana |
Irmáns | José Caro Sureda, Juan Caro Sureda e Maria Pascuala Caro Sureda |
Premios | illustrious son |
[ editar datos en Wikidata ] | |
TraxectoriaEditar
Nado nunha familia nobre das illas Baleares, xunto cun irmán educouse nun colexio en Lión (Francia). Morto o seu pai o rei Carlos III meteuno na Escola Naval. Estudou tamén na Universidade de Salamanca e no Seminario de Nobles en Madrid. Era, pois, un militar dotado dunha ampla cultura.
Como outros oficiais da época, serviu na Guerra de independencia dos Estados Unidos. En 1783 participou na reconquista española da illa de Menorca, que retiñan os británicos desde a Guerra de sucesión española, a comezos do século XVIII, sendo despois destinado ao bloqueo contra Xibraltar.
Logo da guerra, De la Romana retirouse do exército e viaxou por Europa, máis todo parece indicar que eran viaxes con segunda intención, posibelmente de espionaxe ou diplomacia, dado o seu coñecemento de linguas europeas.
En 1793, De la Romana reingresou no exército como coronel de cabalería, combatendo na Guerra do Rosellón contra a Francia revolucionaria, no contexto da Guerra da Primeira Coalición. Posteriormente foi nomeado Capitán Xeneral de Cataluña en 1802 e Xefe do Corpo de Enxeñeiros en 1805.
Coa División do Norte en EuropaEditar
Cando premido por Napoleón, o rei Carlos IV, acordou en 1807 prover unha división de veteranos de infantería, composta por 14.000 expedicionarios para que engrosase a Grande Armée francesa en Alemaña, puxo a De la Romana ao mando[3] da que foi coñecida como "División do Norte", que estivo acuartelada, entre 1807 e 1808, en Hamburgo primeiro e máis tarde en Dinamarca, baixo o mando do marechal Bernadotte.
Mais ao estalar a Guerra de Independencia española, De la Romana buscou a maneira de que os británicos puidesen repatriar os seus homes para España. Uns 9.000 soldados dos 14.000 que compuñan a súa sólida división puideron abordar buques da Royal Navy no 27 de agosto de 1808 e ser transportados até España. Foi louvábel a capacidade de Caro para negociar cos británicos e manter enganados aos franceses, así como a súa resolución para conducir os seus homes.
Formou parte da Xunta Central Suprema e Gubernativo do Reino, entre o 27 de setembro de 1809 e o 30 de xaneiro de 1810, como Deputado representante da Xunta provincial de Valencia, substituíndo a Antonio Valcárcel y Pío de Saboya.[4]
Regreso a EspañaEditar
De la Romana arribou ao porto de Santander. Non máis desembarcou incorporouse ao Exército de Galicia que mandaba o xeneral Joaquín Blake, e que ese mesmo día foi derrotado na batalla de Espinosa de los Monteros. O 26 de novembro, De la Romana asumiu o mando do Exército de Galicia e dos 10.000 homes que aínda quedaban. Con tan escasa forza, e tentando evitar as acometidas dos franceses, De la Romana acuartelou as súas tropas en León, máis a inminencia dun posíbel ataque do inimigo, levouno a movelas cara Astorga. Alí xuntouse ás tropas británicas do xeneral John Moore, que viñan en retirada perseguidos por un formidábel exército conducido por Napoleón en persoa. O británico e o español conferenciaron na capital maragata, propondo De la Romana que fixesen fronte ao franceses colocados sobre as alturas montañosas que separan o reino de León e o de Galiza. Porén Moore preferiu seguir camiño cara a Galiza, onde esperaba embarcar as súas tropas.
A campaña de GalizaEditar
Perseguidos agora polos mariscais Soult e Ney, pois Napoleón deixara Astorga o 3 de xaneiro de 1809, premido por asuntos en Centroeuropa, ambos exércitos en retirada pasaron cara o Bierzo, indo en diante os británicos e detrás os españois, que sufriron ataques da cabalería francesa en Foncebadón. Mentres Moore tirou cara o porto de Pedrafita, en dirección para Lugo, unha parte do seu exército, uns 6.000 homes, guiados polos xenerais Craufurd e Von Alten, colleu en dirección á Cabreira e o Valdeorras, para dirixirse ao porto de Vigo. De la Romana tomou o mesmo camiño, pero ante a proximidade dos franceses, comisionou ao seu xeneral Gabriel de Mendizábal para que se apostase en A Ponte de Domingo Flórez, no límite entre A Cabreira e o Valdeorras, e intentase facerlles fronte. Mendizábal foi quen de deter alí o avance da cabalería do xeneral Franceschi, que se veu obrigado a volver cara o Bierzo. De la Romana distribuíu os seus homes entre Trives e Ourense, porén a mediados dese mesmo mes de xaneiro de 1809, veuse obrigado a mover os seus homes, tomando entón a ruta cara as terras de Verín, para fixarse finalmente en Oímbra, o día 20 de xaneiro, preto da raia con Portugal e onde podía esperar o apoio das próximas tropas portuguesas do xeneral Silveira. A razón foi a entrada polo Valdeorras do xeneral francés Marchand, ao mando duns 7.000 homes, que a pesar de ver fustrigada a súa retagarda polas alarmas do Valdeorras, O Bolo e Trives, puido chegar sen maiores contratempos até Ourense, cidade que tomou o día 20 de xaneiro.
Ocupada Galiza polos franceses, De la Romana non ousou buscar un combate contra eles. O certo é que o seu exército estaba bastante debilitado, aínda que recuperando tropas atrasadas e enfermos, elevou o número dos seus homes até uns 9.000. Cando a mediados de febreiro ten noticias de que Soult se move polo Sur de Galiza en dirección a Ourense, De la Romana levanta de novo o seu campamento, para pasar para Sanabria e a comarca do Tera. Refugando calquera encontro cos franceses, Caro comeza a gañar o alcuño de "marqués das romarías". Foi aí onde recibiu a Manuel García del Barrio, Pablo Morillo e Manuel Acuña Malvar, comisionados pola Xunta Suprema Central, que se converterían nos seus enlaces coas guerrillas galegas.
Sabedor, a mediados de marzo, de que o Bierzo está practicamente orfo de gornicións francesas, De la Romana atravesa pola montaña desde La Puebla de Sanabria, á Cabreira, para caer sobre Ponferrada, e atacando, con apoio das guerrillas, as escasas tropas galas que gardan Vilafranca do Bierzo, cidade que toma o 18 de marzo.
O 1 de abril, De la Romana cruza do Bierzo Alto para Asturias. Alí disolve a Xunta de Asturias, e crea a nova Xunta de Defensa e Observación. Mais días despois debe mover de novo o seu exército, ante a incursión que efectúa sobre o principado o mariscal Ney, que non o atopará. O seu exército cruzando outra vez cara Galiza móvese por Becerreá, de aí a Monforte de Lemos e logo a Ourense, onde chega a primeiros de xuño. Mentres alarmas e guerrillas efectúan un constante acoso sobre as tropas francesas. É precisamente neses días iniciais de xuño cando seccións do exército regular, pero apoiados por nutridos grupos de batallóns de paisanos, dirixidos polo conde de Noroña, derrotan a Ney en Ponte Sampaio. Unido ao fracaso de Soult en Portugal, en poucos días o exército francés, dirixido por ambos mariscais deberá abandonar Galiza. As tropas francesas apenas ocuparan o territorio galego uns seis meses. Neste tempo o exército, dirixido polo marqués da Romana, dedicárase a evitar un choque directo cos franceses.
FalecementoEditar
A inicios de 1810, De la Romana está ao mando do Exército da Esquerda, na zona de Estremadura e Andalucía Occidental. En xullo emprendeu un ataque sobre Sevilla, pero foi derrotado en Cantalgallo, cerca de Llerena, o 11 de agosto, e en Fuente de Cantos o 15 de setembro.
Cando colaborando con Wellington, De la Romana ía marchar en socorro de Badaxoz, faleceu de socato dun ataque de dispnea, o 23 de xaneiro de 1811.
NotasEditar
- ↑ "El general Pedro Caro Sureda, marqués de la Romana". museodelprado.es. Consultado o 02-04-2018.
- ↑ Bover de Rosselló, Joaquin María (1850). Nobiliario Mallorquin. Palma: Imprenta de Pedro José Gelabert. p. 99.
- ↑ Martínez Ruiz, Enrique; Giménez, Enrique; Armillas, José Antonio; Maqueda, Consuelo (1992). La España moderna. Col. Fundamentos Maior. Madrid: Istmo. p. 578. ISBN 84-7090-277-6.
- ↑ Casals (2014), p. 43
Véxase taménEditar
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Pedro Caro y Sureda |
BibliografíaEditar
- Casals Bergés, Quintí (2014). La representación parlamentaria en España durante el Primer Liberalismo (1810-1836). Lleida/Cádiz: Edicións de la Universitat de Lleida/ Servicio de Publicaciones Universidad de Cádiz. ISBN 978-84-8409-665-8.
- Mörner, Magnus (2004). El marqués de La Romana y el mariscal Bernadotte: la epopeya singular de la división del norte en Dinamarca (1808). Madrid: Centro de Estudios Constitucionales. ISBN 84-259-1267-9.
- Mörner, Magnus, ed. (2007). La expedicion del marques de la romana: dos documentos excepcionales. Madrid: Fundación Instituto de Empresa. ISBN 9788461192663.