Batalla de Ponte Sampaio
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
A batalla de Ponte Sampaio foi un choque bélico que tivo lugar no lugar homónimo entre os días 7 a 9 de xuño de 1809, no escenario da guerra da Independencia española. O conflito tivo lugar á beira do río Verdugo, entre unha forza conxunta de tropas regulares españolas e milicias populares galegas que se enfrontaron coas tropas francesas, dirixidas polo mariscal Michel Ney. A resistencia dos españois, impediu a Ney o paso do río, véndose obrigado a retirarse.
Batalla de Ponte Sampaio | |||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Parte de Guerra da Independencia española | |||||||||
Pontevedra no tempo 01-3c, bandeira dos Heroes de Ponte Sampaio (Convento Santa Clara, Santiago).jpg Bandeira dos Heroes de Ponte Sampaio | |||||||||
| |||||||||
Belixerantes | |||||||||
Primeiro Imperio francés | Reino de España | ||||||||
Líderes | |||||||||
Michel Ney | Gaspar María de Nava Pablo Morillo y Morillo | ||||||||
Forzas en combate | |||||||||
10 800 soldados | 10 000 soldados e milicias | ||||||||
Baixas | |||||||||
660 mortos e feridos | 110 mortos e feridos |
Antecedentes
editarA vitoria do mariscal Soult na batalla de Elviña, nas proximidades da Coruña, o 16 de xaneiro de 1809, sobre as tropas británicas de Moore, deixaría campo libre para a ocupación de Galicia. En apenas dúas semanas rendéronse as cidades máis importantes do país. O mariscal Ney, que acompañaba a Soult, recibe ordes de controlar o Norte do país e mais Asturias, para o que centra o seu campamento en Lugo. Ao mesmo tempo, Soult pasa a Portugal, onde toma Porto no 29 de marzo.
Paseniñamente, vanse montando alarmas populares nas diversas comarcas galegas. En marzo de 1809, Ney tenta someter a costa occidental galega, sen conseguir acabar coas partidas de guerrilleiros que acosan os destacamentos franceses. No final de marzo dese ano foron recuperadas polos galegos as prazas de Vigo, Pontevedra e Tui, feitos que coutaban o enlace con Soult, en Portugal.
En maio, Ney tivo noticias de que o marqués de la Romana estaba en Asturias, polo que decidiu buscalo alí, porén foi unha manobra errada, pois o español retirárase para Galicia. O regreso de Soult desde Portugal ata Ourense foi dificultoso.
Reunidos Soult e Ney en Lugo, o 29 de maio, deciden unha nova estratexia. Soult buscou as tropas do marqués no Sur interior do país, mentres Ney partiu cara a Pontevedra e Vigo con intención de recobrar as cidades. Tal acción conxunta buscaría o dominio definitivo de Galicia.
A batalla
editarNey saíu da Coruña, pasando por Santiago. Levaba con el uns 8 000 infantes e 1 200 xinetes, con 13 canóns. Porén era unha acción anunciada, pois fixera publicar bandos sobre as súas intencións. As forzas regulares españolas, ao mando do conde de Noroña, esperaron o avance de Ney en Ponte Sampaio, que era paso obrigado no camiño entre Pontevedra e Vigo.
Ás forzas de liña do conde uníronse diversos batallóns de milicias populares das comarcas próximas e, incluso, de lugares afastados, como Lemos. Foron defendidas dúas pontes, a de Caldelas, baixo o mando de Pablo Morillo, e a propia de Sampaio, polo mesmo conde de Noroña.
O día 7 de xuño de 1809, as tropas de Ney avistaron o inimigo. Tentouse tomar a ponte de Sampaio en sucesivos ataques frontais, que foron rexeitados. Buscaron os franceses entón vaos apropiados no río Oitavén, pero os ataques foron infrutuosos unha e outra vez. As tentativas sobre a ponte de Caldelas, mostraron a mesma determinación dos españois.
No día 9, Ney xulgou polas perdas que serían inútiles novos ataques, polo que deu a orde de se retirar para Compostela.
Consecuencias
editarA batalla impediu o dominio francés sobre o sueste galego. Mentres, o fracaso de Soult no interior meridional de Galicia, e novos acontecementos no centro da península, onde Wellesley ameaza entrar en Madrid, obrigan a saír a ambos os mariscais de Galicia. Ney faino por Pedrafita e o Bierzo, mentres Soult pasa por Valdeorras e a Terra do Bolo, en dirección a Seabra. No seu camiño foron atacados polas partidas guerrilleiras, pero as súas tropas provocaron un verdadeiro rastro de sangue e pillaxe. Cando por fin se xuntan ambos os dous mariscais, só fican 18 000 dos 53 000 ou 55 000 homes con que chegaran en xaneiro de 1809.
Galería de imaxes
editar-
Ponte de Soto Mayor y su Barca [Por D. Rafael Martinenzo] 1810
-
Posición del 'Puente de S. Payo' (abril de 1812)
-
Ponte Sampaio / [Por D. Rafael Martinenzo] 1810
-
Medalla creada para conmemorar o centenario da batalla
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Estrada Catoyra, F. (1916). Historia de los ejércitos gallegos durante la Guerra de la Independencia. Santiago de Compostela: Tipografía de El Eco Franciscano.
- Portela Pazos, S. (1964). La guerra de independencia en Galicia. Santiago de Compostela: Tipografía del Seminario.
- Osuna Rey, J. M. (2006). Los franceses en Galicia: Historia militar de la Guerra de Independencia en Galicia, 1809. A Coruña: Fundación Barrié de la Maza.