Antonio Filangieri

político español
(Redirección desde «Filangieri»)

Antonio Filangieri, nado en San Sebastiano al Vesuvio (Reino de Nápoles), na segunda metade do século XVIII e finado en Vilafranca do Bierzo o 24 de xuño de 1809, foi un nobre napolitano que serviu no exército español.

Antonio Filangieri
Nacementoséculo XVIII
Lugar de nacementoSan Sebastiano al Vesuvio
Falecemento24 de xuño de 1809
Lugar de falecementoVilafranca
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónpolítico
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Pretencía a unha das principais familias da nobreza italiana, de orixe normanda, que arraigou en boa parte do mezzogiorno italiano despois da segunda metade do século XI, e que desempeñou un papel importante na historia dos Reinos de Sicilia e de Nápoles.

Era fillo do Príncipe de Arianello, e irmán de Gaetano Filangieri, un dos xuristas e economistas italianos máis famosos da Ilustración europea, unha de cuxas obras, A ciencia da lexislación, era tida en alta estima polo propio Napoleón.

Ao comezo da Guerra da Independencia (1808) estaba vacante o posto do Capitán Xeneral de Galicia, xa que en marzo dese ano morrera no Porto o seu titular, Francisco de Taranco y Llano, que estaba alí ao mando das forzas galegas desprazadas en decembro de 1807 (uns 10.000 soldados) e que ocuparan o norte de Portugal ao servizo de Junot, en razón da daquela vixente alianza franco-española (establecida no Tratado de Fontainebleau).[1] Interinamente desempeñaba o cargo o mariscal de campo Francisco Biedma, que era mirado con desconfianza polos patriotas (tanto civís como militares). A gornición da Coruña quedara moi minguada co envío a Portugal das anteditas forzas. A maior parte da oficialidade, sobre todo a do rexemento de Navarra, militaba no bando patriota. Temeroso Biedma dun alzamento popular, ditara unha serie de medidas preventivas, moitas das cales irritaran aínda máis á poboación.[2]

 
Joachim Murat, Mariscal de Francia, Príncipe do Imperio, Gran Duque Berg, Rei de Nápoles en 1808. Retrato ca. 1808.
 
Restos das murallas da Coruña.
 
Muralla do baluarte coñecido como a Fortaleza Vella, que é o actual Xardín de San Carlos.

O goberno de Madrid, a titulada Xunta Central,[3] estaba presidida polo mariscal de Francia Joachim Murat, cuñado de Napoleón,[4][5] Murat, despois dos disturbios e a represión, forzou a Xunta Central a que o recoñecera como o seu presidente, o que os seus membros aceptaron coa única protesta do ministro de Mariña, o pontevedrés Francisco Gil de Taboada y Lemos. O gobernante de facto de España seguía con especial interese os sucesos da Coruña, por ser esta cidade a principal praza militar do norte de España. Tratando de combinar a diplomcia co rigor, decidiu enviar a Galicia como Capitán Xeneral a unha persoa da súa enteira confianza e que, ao propio tempo, non despertara os receos dos patriotas: Antonio Filangieri, que xa levaba moitos anos prestando servizo no exército español. Murat tiña un grande afecto por Carlo Filangieri, fillo de Gaetano (e sobriño de Antonio), que era oficial do exército francés e combatera baixo as súas ordes nas batallas de Ulm e de Austerlitz e que, naquel momento, era o xefe da garda persoal do rei Xosé I Bonaparte en Nápoles. Á súa vez Carlo tiña gran devoción por Antonio, que fora seu titor cando, en 1788, morrera o seu pai. Antonio fixera daquela unha viaxe a Nápoles para levar con el a España aos seus sobriños orfos, pero as novas leis españolas, que prohibían a entrda en España de nacionais napolitanos, impediuno; Carlo, frustrado nos seus desexos de ir a España co seu tío, foi a Francia, onde ingresou na Academia Militar.[6]

Filangieri, o novo Capitán Xeneral de Galicia enviado por Murat, tiña a difícil misión de acougar con medidas diplomáticas aos patriotas, á vez que lles cortaba o posíbel brazo armado da rebelión, o rexemento de Navarra, que foi trasladado a Ferrol. Pero a situación agravábase día a día e, cando estalou o alzamento, o 30 de maio, festividade de San Fernando, o novo capitán xeneral, vendo que era incapaz de contelo, refuxiouse no convento de San Domingos, próximno á capitanía, deixando ao mriscal de campo Antonio Alcedo a tarefa de entenderse cos amotinados, alentados por Sinforiano López e outros liberais.[7][8]

Organizada a Xunta Suprema do Reino de Galicia para a defensa do país, unha das súas primeiras actividades foi poñer en pé de guerra un exército de 40.000 homes, o mellor equipado e disciplinado do todo norte e centro de España,[9] baixo o mando do capitán xeneral Antonio Filangieri, que estableceu o seu cuartel xeral en Vilafranca do Bierzo, xa no reino de León, mentres que as avanzadas vixiaban os portos do Manzanal e Foncebadón, que comunican o val do Bierzo coa meseta leonesa. E en Vilafranca produciuse a traxedia que puxo fin á vida de Filangieri. O historiador inglés Napier,[10] que acompañara ás forzas expedicionarias de Sir John Moore, cre que Filangieri dimitu en Vilafranca do seu cargo por enfermidade, mentres que o historiador galego Benito Vicetto afirma que foi destituído pola Xunta Suprema de Galicia. Calquera que fora a razón, apenas cesado do seu cargo foi asasinado por uns soldados indisciplinados. Napier di que estes soldados eran do rexemento de Voluntarios da Coruña, pero segundo Vicetto serían do rexemento de Navarra, que tratarían de vingar vellos agravios. Aínda que cabe sospeitar, coñecidas as relacións que Filangieri e a súa familia mantiñan con Murat e con Xosé Bonaparte, xa rei de España, que a súa morte non foi obra simplemente duns soldados indisciplinados, senón que formaría parte dun plan máis complexo cuxa iniciativa procedía de máis alto, como o suxire, ademais, o feito de que pouco antes fora destituído, ou forzado a presentar a súa dimisión.[11]

Notas editar

  1. Barreiro Fernández, Xosé Ramón (1982): Historia Contemporánea de Galicia. I. De la Guerra de la Independencia al Postfranquismo (1815-1893). A Coruña: Ediciones Gamma, p. 63.
  2. González López, Emilio (1970): "La murte del capitán general don Antonio Filangieri". Revista La Coruña. Verano 1970.
  3. O seu nome oficial e completo era Junta Central Suprema y Gubernativa del Reino.
  4. Murat entrou en España en 1808 co rango lugartenente xeral do Emperador e comandante do exército de 50.000 homes que formaban l'Armée d'Espagne. Murat debía ocupar Madrid (onde actuou como gobernador da capital) e esperar as ordes de Napoleón. Viviu como protagonista o levantamiento do 2 de maio 1808, unha verdadeira revolta popular antifrancesa que reprimiu pola brava: ordenou disparar á multitude congregada ante o Palacio Real e despois enviou ás tropas que se encontraban acampadas fóra de Madrid para que ocuparan a capital e sufocaran o levantamento. Deu instrucións para levar a cabo un castigo exmplar durante os días 2 e 3 de maio, incluíndo numerosos fusilamentos sen ningún tipo de xuízo. Finalmente, elaborou un detallado informe para Napoleón, que se encontraba en Baiona reunido co rei Carlos IV e o seu fillo Fernando, no que analizaba os feitos con tal crueza que Napoleón culpou a pai e fillo do derramamento de sangue e exixiu a abdicación de ambos os dous. Murat aproveitou a oportunidade para postularse a si mesmo como rei de España, pero Napoleón prefiriu entregar a coroa, o 15 de xullo de 1808, ao seu irmán Xosé Bonaparte, daquela rei de Nápoles, nomeando a Murat como sucesor deste no trono napolitano.
  5. Gallois, Léonard (1828): Histoire de Joachim Murat. Paris; Schubart.
  6. González López, Op. cit.
  7. Díaz Otero, Antón (1981): Orígenes, estructura y evolución de la Junta Suprema de Galicia, 1808-1813. Memoria de Licenciatura. Universidade de Santiago de Compostela, Facultade de Xeografía e Historia, pro ms., pp. 33 e ss.
  8. Barreiro Fernández, Op. cit., pp. 16-17 e 44-46.
  9. Conde de Toreno (1835): Historia del levantmiento, guerra y revolución de España. Madrid, Tomo I, pp. 196 e 395. No ano 2008 fixéronse varias reimpresións con opcasión do 2º centenario do inicio da Guerra da Independencia, p. ex. a editada en Valladolid por Maxtor, ISBN 84-9761-421-6 [1] ou a de Urgoiti Ediotores, Pamplona, con estudo preliminar de Richard Hocquellet. Véxase tamén: Moreno Alonso, Manuel: "Conde de Toreno, Historia del levantamiento, guerra y revolución de España" in Mélanges de la Casa de Velázquez, 41-2, 2011, pp. 250-252. Texto completo en PDF
  10. Napier, William Francis Patrick: Battles of the Peninsular War. London: Herry Browde. Hodder and Stonghton.
  11. Gozález López, Op. cit.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar