Abrir o menú principal

Declaración dos dereitos do home e do cidadán

Representación da Declaración dos dereitos do home e do cidadán de 1789.

A Declaración dos dereitos do home e do cidadán[1] (en francés: Déclaration des droits de l'homme et du citoyen) foi unha declaración de principios da Asemblea Constituínte francesa, cuxos últimos artigos foron aprobados o 26 de agosto de 1789. Foi o prefacio á Constitución de 1791.

Baseouse na teoría da vontade xeral de Rousseau e na división de poderes de Montesquieu así como nos dereitos naturais que defendían os chamados enciclopedistas.

Aínda que establece os dereitos fundamentais dos cidadáns franceses e de tódolos homes sen excepción, non se refire á condición das mulleres ou a escravitude. Non foi ata que Olympe de Gouges, en 1791, publicou a Declaración dos dereitos da muller e da cidadá que as mulleres entraron na historia dos dereitos humanos.[Cómpre referencia]

HistoriaEditar

Artigo principal: Revolución Francesa.

A asemblea reunida en Versalles tras a convocatoria dos Estados Xerais de 1789 para achar unha solución ao déficit do estado declarouse Asemblea Nacional ao reunirense o 17 de xuño de 1789 os tres estamentos, que foron abolidos por ela. A continuación constituíuse como Asemblea constituínte e decidiu redactar unha declaración dos principios fundamentais sobre os que establecer unha nova constitución. Para esta tarefa, a asemblea reuniuse logo de aprobar os decretos de supresión dos dereitos feudais.

O nove de xullo de 1789, o deputado Jean-Joseph Mounier propuxo que a constitución fose precedida dunha declaración.[2][3] Un gran número de deputados redactaron borradores de declaración[2]: Mounier[4], Target[5], Mirabeau[6], Sieyès[7] e Gouges-Cartou.[8]

O catro de agosto de 1789 a Asemblea Constituínte decretou que o texto da constitución estaría precedido dunha declaración de dereitos.

Tres días despois, a asemblea decidiu crear un comité formado por cinco deputados que se encargarían de revisar os diferentes proxectos de declaración, fusionalos nun único texto e facer a súa presentación a partir do 17 de agosto.[2] Ao día seguinte foron elixidos os membros deste comité: Démeunier, La Luzerne, Tronchet, Mirabeau et Redon.[2] O día 17 este comité presentou un proxecto de Declaración dos dereitos do home en sociedade formado por 19 artigos precididos dun preámbulo.[2]

Dous días máis tarde a Asemblea Constituínte decidiu que o texto sería discutido, artigo por artigo, tomando como texto de partida un borrador de 24 artigos proposto polo sexto bureau, dirixido por Jérôme Champion de Cicé.[9][10] Este borrador foise modificando en profundidade co desenvolvemento dos debates. Henri Grégoire propuxo que a Declaración dos dereitos do home e o cidadán estivese acompañada dunha declaración de deberes.

Cada un dos artigos do texto final foi votado pola Asemblea Constituínte entre o 20 e o 26 de agosto de 1789.[2] O día 20 aprobouse o preámbulo e os tres primeiros artigos;[11][12] o 21, do artigo catro ao seis;[13][14] o 22, do sete ao nove;[15] o 23, o artigo número dez;[16] o día 24 os artigos do 11 ao 13[17][18] e finalmente o día 26 aprobáronse os catro últimos artigos.[19][20][21][22]

Os debates interromperonse o 26 de agosto tras a aprobación do artigo relativo ao dereito de propiedade, co fin de deixar espazo para o debate do texto da constitución propiamente dita. Ao día seguinte, 27 de agosto, a asemblea aprobou a seguinte moción, proposta por Mougins de Rocquefort:[2][23][24]

A Asemblea Nacional decreta que ata o momento a Declaración dos dereitos do home e do cidadán se limita ós 17 artigos nos que esta se detivo e que procederá sen demora a fixar a Constitución de Francia para asegurar a prosperidade pública, agás que se engadan, logo do traballo da Constitución, aqueles artigos que crea necesarios para completar a Declaración de dereitos.

O cinco de outubro, ante a presión dos disturbios, Luís XVI acepta a Declaración e os artigos da Constitución de 1789 que xa foran aprobados.[2]

A Declaración dos dereitos do home e o cidadán foi promulgada polo rei o tres de novembro de 1789 a través das cartas patentes. Estaba composta por 17 artigos ós que seguían os 19 da Constitución de 1789, ademais de varios dos decretos da Asemblea Nacional, entre eles os que acabaran co réxime feudal en agosto de 1789. Foi a derradeira orde real. O 17 de novembro estas cartas patentes foron rexistradas no parlamento e na cámara de contas de París.

A Declaración, que figura como preámbulo ó texto da Constitución de 1789, mantívose como tal na Constitución de 1791.[25]

FontesEditar

Orixe dos artigosEditar

O texto do primeiro artigo

"Os homes nacen e permanecen libres e iguais en dereitos"

sintetiza os decretos do catro, sete, oito e once de agosto de 1789, que abolían a organización da sociedade en estamentos.

O artigo segundo proclama catro "dereitos naturais e inalienables do home", que son a liberdade, a propiedade, a seguridade e a resistencia contra a opresión. Semella tarefa difícil localizar a súa orixe exacta, dada a heteroxeneidade das teorías sobre o contrato social e as fronteiras borrosas que rodean o concepto de dereito natural, que é un dos máis importantes e dos máis difíciles de determinar. Pódese afirmar que a liberdade está ligada á idea do libre albedrío de Agostiño de Hipona e que a propiedade fora xa estudiada, entre outros, por Locke no seu Tratado do goberno civil* (1690)

O artigo terceiro, que atribuúe a soberanía á nación, inspírase no tema das amonestacións dos Parlamentos, achegadas polos numerosos membros do club dos "Amigos da Constitución", máis coñecido como o Club dos Xacobinos e tamén no famoso panfleto do abade Sièyes no que propuña confiar a soberanía á Nación, entidade abstracta e diferenciada da persoa física que a dirixe.

O artigo número seis, directamente inspirado na obra de Jean-Jacques Rousseau foi proposto por Talleyrand. Foi lido na tribuna do comité de constitución o 21 de agosto de 1789 e converteuse no artigo sexto da declaración de dereitos baixo a seguinte forma

A lei como expresión da vontade xeral, todos os cidadáns teñen o dereito de participar persoalmente ou por representación na súa formación; esta ten que ser a mesma para todos. [26]

O décimo artigo foi proposto por Boniface Louis de Castellane, preso durante o período do Terror e o bispo Jean-Baptiste Gobel (guillotinado o 13 de abril de 1794)

O artigo número 11 foi proposto polo duque Louis-Alexandre de La Rochefoucauld d’Enville.

O artigo 16, que asociaba a Constitución e a organización da separación de poderes fai referencia a un principio que fora xa admitido coa separación das ordes espiritual, política e económica. Porén, os tres poderes políticos ós que se refire de xeito implícito, o lexislativo, executivo e o xudicial, proveñen da concepción de Montesquieu no seu O espírito das leis.

O resto dos artigos declaran certos principios xerais do dereito ou dos procedementos, como o dereito positivo, o carácter contraditorio dos procedementos ou a non retroactividae da lei penal. [27]

É unha obra do momento, unha proclama xeral, un texto que miraba cara o pasado co fin de rematar co Antigo Réxime; pero tamén miraba cara o futuro ao promover a filosofía das luces e o seu ideal racionalista. [28].

Sociedade dos amigos dos dereitos do home e do cidadánEditar

En París fundouse unha sociedade política baixo este nome o 27 de abril de 1790 para defender e desenvolver os principios dos dereitos do home. Foi máis coñecida como o "Club des Cordeliers" debido o nome do antigo convento onde levaban a cabo as súas reunións.

ContidoEditar

Análise xeralEditar

A Declaración está formada por un preámbulo e 17 artigos nos que se misturan as disposicións relativas ós dereitos de varias categorías xurídicas de persoas:[29]

  • Os dereitos dos homes (todos os homes, franceses, estranxeiros, prisioneiros ou inimigos. Este é o caso dos artigos 1,2,3,4,7,9 e 10, que retoman as disposicións sobre o chamado Ius gentium.
  • Os dereitos dos cidadáns (entendidos como cidadáns franceses), como nos artigos 6 e 14, que definen os dereitos civís, apelando ou reforzando as liberdades públicas.
  • Os dereitos da Nación (por exemplo nos artigos 3,6,12,14,15 e 16). Abranxen a soberanía, o dereito a facer leis, o dereito de organizar as forzas públicas, o dereito ao voto de impostos, o dereito á representación, da rendición de contas dos poderes e a división dos poderes públicos.

CríticasEditar

A Declaración dos dereitos do home e do cidadán foi criticada xa desde os primeiros anos. Deste xeito Jean-Sylvain Bailly apuntaba nas súas Memorias o seguinte sobre o período de elaboración da declaración

A Declaración de dereitos tiña un gran número de partidarios e algúns adversarios; todos tiñan razón e ela era necesaria á vez que perigosa:necesaria para botar a andar seguindo a orde das ideas políticas; perigosa para a xente que se trabuca e que non sabe que non hai dereitos sen deberes; que para gozar duns fai falla someterse ós outros.[30]

Foi tamén criticada porque negaría o particular a expensas dun home abstracto, universal e inexistente en primeiro lugar; e por outra banda era criticada tamén polo contrario, porque non acadaría realmente a universalidade senón que se correspondería cos intereses dunha clase ou doutra parte da sociedade.

Crítica de ProudhonEditar

Na súa obra de 1840 Qu'est-ce que la propriété ?, o precursor do anarquismo, Proudhon, critica "a retórica dos novos lexisladores" que redactaran a Declaración

Todos os homes son iguais por natureza e perante a lei" ; declaración ambigua e redundante. Os homes son iguais por natureza: quere isto dicir son todos de igual talle, igual beleza, igual virtude? Non: trátase logo da igualdade política e civil que se quixo deseñar. Cando chegaba con dicir: Todos os homes son iguais perante a lei. [A Declaración] supón unha desigualdade de fortunas e rangos á beira da que é imposible achar a sombra dunha igualdade de dereitos.[31]

Proudhon concluía xa que logo que a Declaración de dereitos permitía que as desigualdes prosperasen, opoñéndose ós dereitos naturais que o propio texto afirmaba no seu primeiro artigo.

Despois el cuestiona a propiedade de xeito xeral. Esta é considerada como un dereito natural,que aparece á beira da liberdade, a seguridade e a igualdade na Declaración. Pon como exemplo os impostos, que recoñece como esenciais para manter os custos do goberno e pregúntase por que os ricos deberían pagar máis que os pobres.

Remata coa conclusión de que a propiedade non é un dereito natural.

Críticas de Burke e de BenthamEditar

O filósofo e político conservador irlandés Edmund Burke emitiu unha severa crítica da declaración no seu texto Reflections on the Revolution in France de 1790. Burke é partidario do dereito natural, aínda que considera que ningún dereito do home pode ser directamente deducido. No seu famoso panfleto denuncia a "ficción monstrosa" que representa para el a igualdade, que non podería máis que suscitar "ideas falsas e expectativas vanas".

O filósofo inglés Jeremy Bentham, pertencente á corrente utilitarista fixo tamén unha dura crítica da Declaración na súa obra Anarchical Fallacies, escrita entre 1791 e 1795. Comenta a Declaración artigo por artigo baixo un ton irónico e mordaz. Négase a ler a Declaración como un texto normativo, pero apáñase para abordala como unha situación de feito. A súa proposta, polo tanto, é basicamente retórica. A súa crítica máis sonada sobre o dereito natural a desenvolve deste xeito: este dereito non tería ningunha base ontolóxica, ningunha existencia real.[32]

Bentham está disposto a admitir o recoñecemento de dereitos subxectivos se están baseados no principio de utilidade. Porén nega toda lexitimidade "natural" ós dereitos recollidos na Declaración, que non serían máis que o reflexo das arelas daqueles que os promoveron.

Crítica marxistaEditar

Karl Marx denunciu o carácter formal dos dereitos garantidos pola Declaración, priorizando a busca da igualdade real dos cidadáns. As condicións do proletariado no século XIX mostrarían que eles pouco beneficio tiraran dos efectos desta declaración, que non prevía medios efectivos que levasen a mellorar a condición obreira e que establecía dereitos que eran en teoría para todos cando só unha minoría podía exercelos no seu propio beneficio.

Deste xeito a Declaración foi denunciada por Marx en A cuestión xudía como representante dos intereses da clase individualista burguesa, que redactou a Declaración na Asemblea Constitutínte. Concretamente, este sería o caso da santificación do dereito á propiedade recollido no artigo 17.

Tamén foi criticada polos Montagnards, principais autores da Declaración de 1793, que pon límites ao dereito de propiedade privada e concede máis poder ao pobo. Isto non era suficiente para Babeuf e a "Conxuración dos Iguais", considerada como o primeiro movemento de inspiración socialista, que en 1795 demandaban a colectivización das terras e dos medios de produción para pór en marcha a "igualdade perfecta". Tamén demandaban a posta en marcha da Constitución do ano I ou Constitución Montagnarde, que prevía o sufraxio universal masculino.

Dereitos das mulleresEditar

A Declaración recoñecía moitos dereitos como pertencentes ós cidadáns (que só podían ser homes). Isto foi a pesar do feito de que despois da Marcha sobre Versalles no 5 de outubro de 1789, as mulleres presentaron a Petición da muller á Asemblea Nacional na que propuxeron un decreto que lle daba ás mulleres os mesmos dereitos que ós homes.[33] En 1790, Nicolas de Condorcet e Etta Palm d'Aelders solicitaron sen éxito á Asemblea Nacional que estendese os dereitos civís e políticos ás mulleres.[34] Condorcet declarou que "o que vota contra o dereito doutro, calquera que sexa a relixión, a cor ou o sexo dese outro, dende ese momento renega de si mesmo".[35]

A Revolución Francesa non levou ao recoñecemento dos dereitos das mulleres e isto provocou que Olympe de Gouges publicase a Declaración dos dereitos da muller e da cidadá en setembro de 1791.[36] Esa obra está baseada na Declaración dos dereitos do home e do cidadán e é irónica na súa formulación xa que expón o fracaso da Revolución Francesa, que estaba consagrada á igualdade. Na carta dirixida a María Antonieta que acompañaba esta declaración Olympe de Gouges afirmaba que:

Esta revolución só terá efecto cando todas as mulleres teñan coñecemento pleno da súa deplorable condición, e dos dereitos que perderon na sociedade.[37]

A Declaración dos dereitos da muller e da cidadá segue os dezasete artigos da Declaración dos dereitos do home e do cidadán punto por punto e foi descrita por Camille Naish como "case unha parodia ... do documento orixinal".

O primeiro artigo da Declaración dos dereitos do home e do cidadán proclama que "Os homes nacen e permanecen libres e iguais en dereitos. As distincións sociais só poden basearse nunha utilidade común". O primeiro artigo da Declaración dos dereitos da muller e da cidadá replicaba: "A muller nace libre e permanece igual ao home en dereitos. As distincións sociais poden só basearse nunha utilidade común".[37]

De Gouges tamén chama a atención sobre o feito de que, de conformidade coa lexislación francesa, as mulleres eran plenamente puníbeis, pero denegábanselle iguais dereitos, declarando que "as mulleres teñen dereito a ir ó cadafalso, tamén deben ter dereito a subir á tribuna do orador".[38]

Pola súa banda, Pierre Guyomar presenta o 29 de abril de 1793 perante a Asemblea un texto titulado "Le Partisan de l'égalité politique de tous les individus" , en que alega a favor de que os dereitos recollidos na Declaración fosen aplicados ao conxunto dos individuos, con independencia do seu sexo.

Dereitos dos habitantes das coloniasEditar

A Declaración dos dereitos do home foi tamén criticada pola súa non aplicabilidade ós habitantes das colonias. A Asemblea Constituínte non abolira a escravitude en Saint-Domingue nin decidira sobre a igualdade política entre homes brancos e de cor. Non foi ata o día 29 de agosto de 1793 que a afirmación de que "todos os homes nacen e permanecen libres" desta declaración foi de aplicación en Saint-Domingue por Sonthonax, logo de que a escravitude fora abolida o 23 de xuño dese ano pola nova Declaración de dereitos.

Aplicación actualEditar

A maioría dos principios establecidos na declaración teñen sido incorporados ás modernas constitucións occidentais, entre elas á Constitución española de 1978, así como ós tratados internacionais tanto globais (ONU) coma rexionais (tratados da Unión Europea). Consonte ó preámbulo da Constitución da Quinta República de Francia (adoptada o 4 de outubro de 1958, e actual constitución do dito país), os principios descritos na Declaración teñen valor constitucional. Moitas leis e regulacións foron canceladas porque non cumprían con eses principios segundo o interpretado polo Consello Constitucional Francés ou Conseil d'État ("Consello de Estado").[Cómpre referencia]

Moitos dos principios da declaración de 1789 teñen implicacións indirectas hoxe en día:

  • O dereito á vida
  • O dereito á igualdade
  • O principio de legalidade
  • As liberdades políticas
  • O recoñecemento do dereito á propiedade privada

Non obstante, hai que ter en conta que a Declaración dos dereitos do home e do cidadán foi un produto da Revolución Francesa e nese contexto de ruptura hai que entendela.


NotasEditar

  1. "Termos esenciais de dereito constitucional" (PDF). Universidade de Santiago de Compostela. Consultado o 5 de febreiro de 2017. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 Putfin, Guy (1978). "La Déclaration des droits de l'homme et du citoyen. Recensement et variantes des textes (août 1789 - septembre 1791)". Annales historiques de la Révolution française (en francés) 232 (1): 180–200. doi:10.3406/ahrf.1978.3307. 
  3. Assemblée nationale constituante (1789-1791) (1875-1889). Archives parlementaires de 1787 à 1860 ; 8-17, 19, 21-33. Assemblée nationale constituante. 8. Du 5 mai 1789 au 15 septembre 1789 (en francés). 
  4. "Projet de déclaration des droits de l'homme et du citoyen par M. Mounier, en annexe de la séance du 27 juillet 1789". Archives Parlementaires de la Révolution Française 8 (1): 289–290. 1875. 
  5. "Projet de déclaration des droits de l'homme en société par M. Target, en annexe de la séance du 27 juillet 1789". Archives Parlementaires de la Révolution Française 8 (1): 288–289. 1875. 
  6. Mirabeau, Honoré-Gabriel Riquetti (1875). "Lecture du projet de déclaration des droits de l'homme par M. le comte de Mirabeau, lors de la séance du 17 aout 1789". Archives Parlementaires de la Révolution Française 8 (1): 438–439. 
  7. Sieyès, Emmanuel-Joseph (1875). "Mémoire sur la déclaration des droits de l'homme en société présentée lors de la séance du 12 aout 1789 par M. Sieyes". Archives Parlementaires de la Révolution Française 8 (1): 422–424. 
  8. Gouges-Cartou, Arnaud-Raymond (1875). "Projet de déclaration de droits présenté par M. Gouges-Cartou lors de la séance du 12 aout 1789". Archives Parlementaires de la Révolution Française 8 (1): 427–431. 
  9. "Projet de déclaration des droits de l'homme et du citoyen discuté dans le 6e bureau, lors de la séance du 12 aout 1789". Archives Parlementaires de la Révolution Française 8 (1): 431–432. 1875. 
  10. Lanjuinais, Jean-Denis; Clermont-Tonnerre, Stanislas Marie; Pétion de Villeneuve, Jérome; Démeunier, Jean Nicolas (1875). "Adoption du projet de déclaration des droits intitulé "Projet de déclaration des droits de l'homme et du citoyen" après un appel et un vote de l'Assemblée, lors de la séance du 19 aout 1789". Archives Parlementaires de la Révolution Française 8 (1): 459–459. 
  11. Lanjuinais, Jean-Denis; Clermont-Tonnerre, Stanislas Marie; Pétion de Villeneuve, Jérome; Démeunier, Jean Nicolas (1875). "Adoption du projet de déclaration des droits intitulé "Projet de déclaration des droits de l'homme et du citoyen" après un appel et un vote de l'Assemblée, lors de la séance du 19 aout 1789". Archives Parlementaires de la Révolution Française 8 (1): 459–459. 
  12. Mounier, Jean-Joseph (1875). "Adoption des 3 premiers articles de la déclaration des droits de l'homme, lors de la séance du 20 aout 1789". Archives Parlementaires de la Révolution Française 8 (1): 463–463. 
  13. "Adoption des articles 4 et 5 de la déclaration des droits, lors de la séance du 21 aout 1789". Archives Parlementaires de la Révolution Française 8 (1): 464–464. 1875. 
  14. "Adoption de l'article 6 de la déclaration des droits, lors de la séance du 21 aout 1789". Archives Parlementaires de la Révolution Française 8 (1): 466–466. 1875. 
  15. "Adoption des articles 7, 8 et 9 de la déclaration des droits, lors de la séance du 22 aout 1789". Archives Parlementaires de la Révolution Française 8 (1): 472–472. 1875. 
  16. "Adoption de l'article 10 de la déclaration des droits, lors de la séance du 23 aout 1789". Archives Parlementaires de la Révolution Française 8 (1): 480–480. 1875. 
  17. "Adoption de l'article 11 de la déclaration des droits, lors de la séance du 24 aout 1789". Archives Parlementaires de la Révolution Française 8 (1): 483–483. 1875. 
  18. "Adoption des articles 12 et 13 de la déclaration des droits, lors de la séance du 24 aout 1789". Archives Parlementaires de la Révolution Française 8 (1): 484–484. 1875. 
  19. "Adoption de l'article 14 de la déclaration des droits, lors de la séance du 26 aout 1789". Archives Parlementaires de la Révolution Française 8 (1): 487–487. 1875. 
  20. "Adoption de l'article 15 de la déclaration des droits, lors de la séance du 26 aout 1789". Archives Parlementaires de la Révolution Française 8 (1): 489–489. 1875. 
  21. "Adoption de l'article 16 de la déclaration des droits, lors de la séance du 26 aout 1789". Archives Parlementaires de la Révolution Française 8 (1): 489–489. 1875. 
  22. Duport, Adrien Jean (1875). "Adoption de l'article 17 de la déclaration des droits, lors de la séance du 26 aout 1789". Archives Parlementaires de la Révolution Française 8 (1): 489–489. 
  23. Histoire et culture chrétienne : hommage à Monseigneur Yves Marchasson. Paris: Beauchesne. 1992. ISBN 9782701012506. OCLC 30898060. 
  24. (Paris), Comité de réflexion sur le préambule de la constitution (2009). Redécouvrir le préambule de la constitution : rapport au président de la république. Documentation française. ISBN 9782110075215. OCLC 317253345. 
  25. Duverger, Maurice, Constitutions et documents politiques, Paris, PUF, 1981, 9ª ed, p. 9.
  26. Waresquiel, Emmanuel de, Talleyrand, le prince immobile, Paris, Fayard, 2006, 796. ISBN 978-2-21361-326-0
  27. DDHc, article 8.
  28. Conac, Gérard La Déclaration des droits de l’homme et du citoyen de 1789 : histoire, analyse et commentaires, Económica, 1993, 365,p. 8 ISBN 978-2-71782-483-4
  29. Jacques Godechaux, Les constitutions de la France depuis 1789, Paris, Garnier, 2006, p.26
  30. Bailly, Jean-Sylvain.Mémoires d'un témoin de la Révolution, ou journal des faits qui se sont passés sous ses yeux…, T. 3,p. 17 Levrault, París, 1804.
  31. Proudhon, Pierre-Joseph (1840). "Idée d'une révolution". Qu'est-ce que la propriété ? (en francés) (1 ed.). Le Livre de Poche. .
  32. Jeremy Bentham, Anarchical Fallacies, http://www.law.georgetown.edu/faculty/lpw/documents/Bentham_Anarchical_Fallacies.pdf Arquivado 26 de marzo de 2016 en Wayback Machine..
  33. "Women's Petition to the National Assembly". Arquivado dende o orixinal o 15 de outubro de 2018. Consultado o 07 de febreiro de 2019. 
  34. Williams, Helen Maria; Neil Fraistat; Susan Sniader Lanser; David Brookshire (2001). Letters written in France. Broadview Press Ltd. p. 246. ISBN 978-1-55111-255-8. 
  35. Lauren, Paul Gordon (2003). The evolution of international human rights. University of Pennsylvania Press. pp. 18–20. ISBN 978-0-8122-1854-1. 
  36. Naish, Camille (1991). Death comes to the maiden: Sex and Execution, 1431–1933. Routledge. p. 136. ISBN 978-0-415-05585-7. 
  37. 37,0 37,1 Declaración dos dereitos da muller e da cidadá, Olympe de Gouges, tradución ó inglés.
  38. Naish, Camille (1991). Death comes to the maiden: Sex and Execution, 1431–1933. Routledge. p. 137. ISBN 978-0-415-05585-7. 

Véxase taménEditar