Jean-Jacques Rousseau

filósofo, escritor, teórico político e un compositor suízo

Jean-Jacques Rousseau, nado en Xenebra (Suíza) o 28 de xuño de 1712 e finado en Ermenonville o 2 de xullo de 1778, foi un filósofo suízo, escritor, teórico político e un compositor autodidacta. Unha das figuras sobranceiras do Iluminismo francés, Rousseau é tamén un precursor do romanticismo.[1] Rousseau cóntase entre os autores que mitificaron un pasado fraternal e feliz de todos os Homes, fronte a un presente desordenado e desigual do século XVIII. Voltaire criticou a Rousseau afirmando que: "ninguén colocou algunha vez tanto enxeño en nos querer converter en animais" do que el. Ler a Rousseau fai nacer "o desexo de camiñar a catro patas".

Jean-Jacques Rousseau
Jean-Jacques Rousseau (painted portrait).jpg
Europa Occidental - Século XVIII
Nacemento28 de xuño de 1712
Xenebra, Flag of Switzerland.svg Suíza
Morte2 de xullo de 1778
(66 anos)
Ermenonville Francia Francia
FilosofíaIlustración, Romanticismo
Intereses principaisFilosofía, Política, Música
Ideas salientablesO contrato social
InfluenciasAristóteles, Cicerón, Maquiavelo, Baruch Spinoza, Michel de Montaigne, Hugo Grocio, Samuel von Pufendorf, Thomas Hobbes, John Locke, Jean Barbeyrac, Jean-Jacques Burlamaqui, Denis Diderot
Influente enImmanuel Kant, Revolución francesa, Robespierre, Goethe, Romanticismo, Paine, Auguste Comte, Simón Bolívar, Alexis de Tocqueville, Hegel, François Guizot, Johann Gottlieb Fichte, Karl Marx, Engels, Paul de Man, Nietzsche, Mary Shelley, Benedetto Croce, Émile Durkheim, Mustafa Kemal Atatürk, Derrida.
Jean-jacques-rousseau.png

Rousseau asóciase frecuentemente ás ideas anticapitalistas e considérase un antecesor de socialismo e comunismo. Foi un dos primeiros autores modernos en atacar a propiedade privada. Victor Klemperer, ao estudar o Iluminismo francés en xeral e Rousseau en particular, viu en Adolf Hitler a concretización suprema dos ideais defendidos polo filósofo do século XVIII. Rousseau cuestionou a afirmación de que a maioría está sempre no certo e argumentou que o obxectivo do goberno debería ser asegurar a liberdade, igualdade e xustiza para todos, independentemente da vontade da maioría.

TraxectoriaEditar

A familia Rousseau procedía de hugonotes franceses e istalouse en Xenebra uns cen anos antes de que Isaac Rousseau (Xenebra, 1672-Nyon, 1747) e Suzanne Bernard (Xenebra, 1673-1712), filla do calvinista Jacques Bernard, tivesen a Jean-Jacques. Nove días despois de dar a luz, Suzanne faleceu e o pequeno Rousseau considerou os seus tíos paternos como os seus segundos pais, debido a que desde moi pequeno pasou moito tempo con eles e foron os qu eo coidaron.

En 1722, cando Rousseau tiña dez anos, o seu pai, un reloxeiro bastante culto, tivo que exiliarse por unha acusación infundada e o seu fillo quedou ao coidado do seu tío Samuel, aínda que xa tomara del un grande amor pola lectura e un sentimento patriótico de admiración polo goberno da República de Xenebra que Jean-Jacques conservou toda a súa vida. Con esta familia gozou dunha educación que el considerou ideal, cualificando esta época como a máis feliz da súa vida, e leu a Bossuet, Fontenelle, La Bruyère, Molière e sobre todo a Plutarco, do que interiorizou nocións sobre a historia da Roma republicana; nas súas Confesiones, escritas cara ao final da súa vida, dixo que foi este autor a súa lectura predilecta. Tamén recomendou en Emilio a lectura de Robinson Crusoe de Daniel Defoe. Xunto co seu primo, Rousseau foi enviado como pupilo á casa do calvinista Lambercier durante dous anos (1722-1724). Ao seu regreso en 1725 traballou como aprendiz de reloxeiro e posteriormente cun mestre gravador (aínda que non rematou a súa aprendizaxe), cos que desenvolveu experiencia abonda para vivir destes oficios ocasionalmente.

Aos 16 anos (1728) comezou a vagabundear e abandonou a súa cidade natal. Tras estar peregrinando durante un tempo e desempeñando os oficios máis dispares, a punto de entrar na marxinalidade, en Turín abxurou do calvinismo e adoptou o catolicismo, do que máis adiante tamén renegou (posteriormente expuxo as súas ideas deístas sobre unha relixión natural en Profesión de fe do vigairo savoiano) e estableceuse en Annecy, sendo tutelado por Madame de Warens, unha dama católica ilustrada sen fillos trece anos máis vella ca el, que o axudou na súa descontinua educación e na súa afección pola música, e que ademais lle foi procurando distintos traballos. A ollos de Rousseau, ela era a nai que perdera, e a partir de 1733 foi tamén unha amante. Residiu seis semanas en 1737 en Montpellier por unha grave doenza, e ao seu regreso madame Warens conseguille o posto de preceptor en Lión dos fillos do irmán de dous famosos escritores ilustrados, Gabriel Bonnot de Mably (1740), sobre o que exerceu unha forte influencia, e o filósofo Condillac; ademais estableceu amizade con Fontenelle, Diderot, que o escolleu como colaborador en materira musical da súa Enciclopedia (1751-1772) e co que posteriormente se inimizou, e Marivaux, quen lle corrixiu a súa peza teatral nun acto Narcisse ou l’Amant de lui-même, que estreou en 1752. Forxou entón un carácter de "paseante solitario" amante da natureza. Mais, sempre descontento, Rousseau exerceu de xornalista e de moitos outros oficios. En 1742 presentou un innovador sistema de notación musical á Real Academia das Ciencias de París, con pouco éxito (o seu sistema só se interesaba pola melodía e non pola harmonía, e ademais un sistema semellante xa fora inventado sesenta e cinco anos antes polo monxe Souhaitti), e o ano seguinte publicou Dissertation sur la musique moderne (1743), en que criticou moi duramente a música francesa, para el moi inferior á italiana. Coñeceu a madame Dupin, da que despois foi secretario; tamén ese ano foi nomeado secretario do inepto embaixador de Francia na República de Venecia, Pierre-François de Montaigu, co que non chegou a concordar, ata o punto de que foi despedido o ano seguinte.

En 1745, xa con 33 anos, volveu a París, onde conviviu con Thérèse Levasseur, unha costureira analfabeta con quen tivo cinco fillos e á que convenceu para entregalos ao hospicio segundo ían nacendo; fíxoo así en 1746 co primeiro. Ao principio dixo que carecía de medios para manter unha familia,[2] pero máis adiante, no volume IX das súas Les Confessions, sostivo que o fixo para apartalos da nefasta influencia da súa familia política:

Pensar en encomendalos a unha familia sen educación, para que os educase aínda peor, facíame tremer. A educación do hospicio non podía ser peor ca iso.

Nesta época contactou con Voltaire, D'Alembert, Rameau e, de novo, con Diderot, e escribiu as súas obras máis recoñecidas. Cando a Academia de Dijon propuxo en 1749 un concurso de disertacións cobre a cuestión "Se o restablecemento das ciencias e das artes contribuíu a mellorar os costumes", Rousseau gañou o anos seguinte co seu Discours sur les sciences et les arts respondendo que non, pois as artes e as ciencias ao seu xuízo supoñen unha decadencia cultural.

Ademais, para el o cultivo das ciencias e das artes era responsable do declive da moral, da inocencia perdida e do desenvolvemento "do luxo, da disolución e da escravitude". A partir deste momento, alcanzou unha discutida e polémica celebridade; mesmo o deposto rei de Polonia e duque de Lorena, Estanislao I Leszczynski, intentou refutar a Rousseau con outro discurso. En 1751 dimitiu do seu posto de secretario de madame Dupin e dedicouse a copiar partituras musicais para gañar a vida. En 1752 estreou con éxito en Fontainebleau, en presenza do rei Luís XV, a súa ópera nun acto Le devin du village, atrevéndose a rexeitar unha audiencia co propio monarca. En 1754 publicou o seu Discurso sobre economía política e abxurou do catolicismo e o anos seguinte publicou un texto aínda máis importante, o Discours sur l'origine et les fondements de l'inégalité parmi les hommes, que presentara para outro concurso da Academia de Dijon sen obter premio esta vez. Este discurso disgustou por igual a Voltaire e a igrexa católica, que o acusou de negar o pecado orixinal e de adherirse á herxía do pelaxianismo. Rousseau enviara unha copia a Voltaire, residente por entón en Xenebra, e este contestou que estaba "escrito contra a raza humana... xamais se despregou tanta intelixencia para querer converternos en bestas". Foi o comezo dunha crecente inimizade entre os dous ilustrados, cunha segunda fase que aconteceu cando Voltaire publicou Poema sobre o desastre de Lisboa (1755), en que afirmaba o seu pesimismo e negaba a divina providencia, poema que Rousseau constestou cunha Lettre sur la providence (1756) en que intentaba refutalo. A resposta de Voltaire foi xustamente celebrada, a súa novela curta Cándido ou o optimismo. Aínda aumentou máis o odio de Voltaire cando Rousseau imprimiu a súa "Carta a D'Alembert sobre os espectáculos" (1758), en que declaraba (sendo el mesmo autor dramático) que o teatro era un dos produtos máis perniciosos para a sociedade, xerando luxo e inmoralidade; é máis, mostrábase sumamente misóxino ao escribir frases como esta:

Ás mulleres, polo xeral, nin lles gusta nin aprecian a arte, e non teñen talento ningún. Poden acadar o éxito en labores insignificantes que só requiren superficialidade e un pouco de gusto, e, ás veces, lóxica... Os seus escritos son tan baleiros e belos como elas mesmas e conteñen o enxeño que un queira poñerlles, mais carecen por completo de profundidade. Non saben como describir ou sentir o amor.[3]

Voltaire obstinárase en crear un teatro en Xenebra onde puidese representar as súas pezas e actuar nelas, e esa carta veu poñer a fin a toda posibilidade de congraciarse con Rousseau, quen, pola súa banda, comezaba a asistir a salóns parisienses e criticaba a música francesa en Querelle des Buffons co apoio dos enciclopedistas e do seu por entón amigo íntimo Frédéric-Melchior Grimm, co que compartía o amor de madame d'Epinay.

 
Retrato de Jean-Jacques Rousseau, por Allan Ramsay, en 1766, Galería Nacional de Escocia

As esixencias dos seus amigos e as súas opinións distanciárono deles. Rousseau sentiuse traizoado e atacado e abandonou Ermitage, casa rural que lle preparara Mme. d'Epinay en 1756. Trasladouse ese ano a Mont Louis, tamén nos bosques de Montmorency, e recibiu a proposta de converterse en bibliotecario de honra de Xenebra, o que rexeitou. En 1757 namorouse apaixonadamente de Madame Sophie d'Houdetot, competindo co seu outro amante, o poeta e académico Jean François de Saint-Lambert, mais a súa relación non chegou a ser máis que platónica. A ela dirixiu as súas Lettres morales (1757-1758), que permaneceron inéditas ata 1888. En 1758 publicou Carta a d'Alembert sobre os espectáculos e en 1761 a novela epistolar Julie ou la Nouvelle Héloïse.

1762 foi un ano fundamental na súa creación literaria, pois redactou unha peza teatral moi orixinal, Pygmalion, considerada a creadora dun novo xénero dramático-musical, o melólogo, que só puido representarse en 1770, e publicou dúas obras capitais, Emilio ou Da educación e O contrato social, ou Principios do dereito político. A primeira das obras sera sobre todo un disparo de canón en toda regra contra a pedagoxía tradicional e as relixións culturais e aprendidas, non naturais, que tivo consecuencias importantísimas nesas disciplinas. En pedagoxía imprimiu un xiro copernicano que desenvolveu outro escritor suízo, Pestalozzi, centrando a educación no neno e na súa evolución mental, e primando as materias prácticas fronte ás teóricas e abstractas, mentres que en cuestións relixiosas Rousseau propuña, desprezando a teoloxía como inútil, unha relixión natural con papel secundario e menos importante ca outras disciplinas prácticas. A segunda obra era unha crítica fundamentada e de raíz dos principios políticos do Antigo Réxime que partía dunha cuestión que se fixo xustamente célebre:

O home nace libre e, non obstante, onde queira que vai está encadeado. Por que este cambio?

En teoría constitucional, a diferenza de Thomas Hobbes e de xeito máis acentuado aínda que John Locke, Rousseau non admitía ningunha restrición en canto aos dereitos e liberdades individuais: o home que non goza dunha liberdade completa non é un home; esboza un principio filosófico de amplo futuro, a alienación, así como outro político-xurídico, a vontade xeral. As heterodoxas ideas expresadas nestas obras fixérono tremendamente impopular, ata o punto de que o 9 de xuño o parlamento de París deu orde de arrestalo por Emilio. Avisado previamente, decidiu refuxiarse na súa terra natal suíza, máis en concreto en Yverdon; alí descubriu ademais que o arcebispo de París Christophe de Beaumont escribira unha carta pastoral contra as súas obras. O 19 de xuño o cantón de Xenebra expediu unha orde de arresto polas súas obras Emilio e Du contrat social e o 10 de xullo foi expulsado de Yverdon polo cantón de Berna. Entón atravesou a serra de Jura e refuxiouse en Môtiers-Travers baixo a protección de Julie Emélie Willading, nada Boy de la Tour (1751-1826).

En 1763 escribiu unha "Carta a Christophe de Beumont" para defenderse da persecución do arcebispo e despois renunciou á cidadanía xenebrina. En setembro de 1764 recibiu unha oferta de Pasquale di Paoli para redactar unha constitución para a efémera República Corsa (1755-1769). Tamén en 1764 Voltaire publicou un panfleto anónimo contra Rousseau, "O sentimento dos cidadáns", en que revelou o destino dos seus cinco fillos entregados ao coidado de orfanatos porque Rousseau pensaba non ser quen de mantelos polas súas condicións económicas (esta foi a súa principal xustificación en Les Confessions):

Quen é ese home que pensa que se lle deben levantar estatuas e coa mesma humildade compara a súa vida coa de Xesús? Ese que aldraxa o cristianismo e a reforma e insulta os nosos gobernantes e pastores? É un erudito que fala en contra dos outros eruditos? Non, é un desgraciado sifilítico que arrastra tras del, de aldea en aldea e de montaña en montaña, unha rameira, á que matou a nai, e coa que tivo fillos que abandonou na porta dun hospicio. (Voltaire, anónimo, en O sentimento dos cidadáns, 1764)

Rousseau tomou a molestia de rebater con informes médicos a súa presunta sífilis e o infundio de matar a nai da súa amante, volvendo publicar o folleto anónimo coas súas notas en París, mais ocultando non obstante a verdade do abandono dos seus fillos. Desde ese momento adoptou como lema Vitam impendere vero ("dedicar a vida á verdade", Xuvenal, sátira IV), que antepuxo a unha publicación que fixo en decembro, Lettres écrites de la montagne; mais o clero protestante (sobre todo o pastor calvinista de Xenebra Jean Sarasin) e católico despotricaba contra el e en 1765 a súa casa en Môtiers foi apedreada por unha turba furiosa; uns días despois Rousseau decidiu refuxiarse na illa de St.-Pierre, no lago de Bienne, en casa dun síndico de Berna; mais tamén se viu forzado a marchar de alí. Rousseau desesperouse por primeira vez e pediu ás autoridades de Berna que o encarcerasen onde for, que xa non escribiría máis nada. Porén, non o encarceraron e instalouse en Bienne, onde recibiu sobre todo a visita de diversos ingleses (Daniel Malthus, pai do coñecido economista, James Boswell...), pois os seus dous discursos e os seus tres grandes libros, traducidos estes últimos por William Kenrick, foran amplamente divulgados no mundo anglófono. Recibiu peticións para que viaxase a Prusia por parte do mariscal George Keith, a Inglaterra por David Hume e mesmo a Rusia por Cyril Razoumovsky.

A persecución comezaba a provocar en Rousseau unha paranoia ou manía persecutoria á que xa era proclive. Ademais, estaba gravemente enfermo da vexiga. O 4 de xaneiro de 1766, con David Hume e Jean-Jacques de Luze, púxose en camiño para Londres. O seu amigo Hume acolleuno xunto con Thérèse en Inglaterra, mais Rousseau non aturaba a cidade e Hume tivo que buscar á parella unha residencia campestre ao seu gusto, atopándoa en Chiswick. Con todo, o francés era convidado con frecuencia a outras propiedades, como Mundan House (Surrey) a media milla de Wotton Place, e sobre todo a Wootton Hall (Statford), en casa de Richard Davenport, que foi o lugar onde por máis tiempo residiron; pasaron en Inglaterra dous axitados anos, fustigados pola opinión que a maioría dos ingleses tiña del: un home tolo, mao e perigoso que vivía en pecado con Thérèse. Hume tiña que buscar artimañas ata para levar ao teatro Drury Lane o caprichoso e paranoico Rousseau; ao chegar ao espectáculo, a súa estraña indumentaria (Rousseau vestía habitualmente ao modo armenio) causou alboroto e ao finalizar a representación foi conducido á tertulia do grande actor David Garrick. Horace Walpole gastoulle unha broma pesada escribíndolle unha carta falsa como se fose Frederico o Grande de Prusia, Therèse enganouno con Boswell, e o can de Rousseau, Sultán, non facía outra cousa que escapar e Rousseau pasaba o día queixándose e protestando.

Finalmente, Hume acabou farto das leas, das rarezas (como rexeitar unha pensión secreta do rei Xurxo III de cen libras que Hume se forzara a conseguirlle e Rousseau aprobara ao principio) e das paranoias (pensaba que Hume se aliara con Voltaire, d'Alembert, Diderot e outros inimigos seus para desacreditalo, levando este altercado mesmo á imprenta, ao cal tamén respondeu Hume cun impreso). En 1767, con 55 anos, recibiu a pesar de todo a pensión do rei, mais decidiu volver a Francia co nome falso de Jean-Joseph Renou, cando xa os seus agobiados amigos ingleses se deran de conta de que lle pasaba algo, que estaba trastornado. O príncipe de Conti puxo á súa disposición unha casa en Trye-le Chateâu e publicou o Dicionario de música. Porén, en 1768 marchou a Lión e Grenoble e o 30 de agosto casou co súa amada Thérèse en Bourgoin. En 1770, permitíuselle regresar oficialmente co seu nome, mais baixo a condición de non publicar máis nada.

Rematou as súas memorias, Les Confessions, en 1771, un intento de resolver ou polo menos de dar testemuño das súas tremendas contradicións, e dedicouse a vivir dos seus patróns e de lecturas públicas destas memorias. En 1772 Mme. d'Epinay, escritora e a amante del e de Grimm ao mesmo tempo (o que provocou a inimizade entre eles), escandalizada polo que Rousseau relatou da súa relación con ela, pediu á policía que prohibisen esas lecturas, o que ocorreu. Cun estado anímico sombrío, afastouse definitivamente do mundo. Comezou a redactar en 1772 os seus Diálogos, mais o dano que lle causaran os violentos ataques de Voltaire, que dixo del que se aproveitaba da sensiblería e da hipocrisía para prosperar, así como os dos outros persoeiros da súa época, acabou por apartalo definitivamente da vida pública sen poder aproveitar a sona e o recoñecemento da súa obra, que inspirou o romanticismo. Ampliou as Considérations sur le gouvernement de Pologne e nos anos seguintes traballou en Cartas sobre botánica á señora Delessert (1771-1773), Rousseau juge de Jean-Jacques (1772-1776) e a ópera Daphnis et Chloé (1774-1776). En 1776 comezou a redactar sus Les Rêveries du promeneur solitaire (1776-1778), que quedou incompleta pola súa repentina morte, cando andaba retirado en Ermenonville (a 40 km a nordeste de París) por consello médico, dun paro cardíaco en 1778, cando contaba con 66 anos.

A tumba de Rousseau trasladouse ao Panthéon en París en 1794, a poucos metros de Voltaire, 16 anos anos despois da súa morte. A tumba foi deseñada como un templo rústico, por asociación coas súas teorías da natureza e marcada cun busto conmemorativo. Póstumas apareceron diversas obras: en 1781 o seu Ensaio sobre a orixe das linguas[4] e unha continuación de Emilio, Émile et Sophie, ou les Solitaires, así como Les Confessions (1782-1789). As Lettres morales foron publicadas en 1888.[5]

O contrato socialEditar

Talvez a súa obra máis importante, O contrato social delinea a base dunha orde política lexítima. Publicado en 1762 e condenado polo parlamento de París cando apareceu, tornouse unha das obras máis influentes do pensamento político da tradición occidental. Elaborado con base na súa obra anterior, especialmente os Discursos sobre a desigualdade, Rousseau expón aquí o estado da natureza dexenerado nunha condición embrutecida sen lei nin moralidade, a un punto en que a humanidade deberá optar por reunir as súas forzas pois non pode crealas, mais direcionalas a fin de que se preserven a igualdade e a liberdade. A pesar de se parecer ao estado de natureza de Hobbes,[6] ese estado dexenerativo, o cal describe Rousseau, é unha suposición usada como argumento retórico da súa obra e sen fundamento histórico.

De acordo con Rousseau, ao asociarse a través dun contrato social, os individuos asociados alienan os seus dereitos ao recentemente formado corpo político. Esa total alienación é vantaxosa, posto que se forma aquí un novo corpo, indivisible e con vontade propia, así calquera dano ao corpo será un dano a todos, e calquera vantaxe ao corpo será unha vantaxe a todos, logo ninguén desexará prexudicar aos demais. A fin de preservárense, os individuos asociados deberán obedecer a este corpo, o que non afronta á liberdade, mais substituía da natural pola convencional que será cumprir as leis que son as vontades dun pobo estabelecidas para el mesmo, logo obedecendo ao corpo, obedecese a si mesmo. Isto porque a submisión á autoridade da vontade xeral da poboación como un todo protexe os individuos da subordinación ás vontades doutros pola forza e asegura que estes lle obedezan pois eles son, colectivamente, os autores da lei.

En canto Rousseau argumenta que a soberanía debería estar nas mans do pobo, el tamén fai unha distinción clara entre soberano, goberno e estado. Este goberno é criado nun aparente impase: Tense o pobo. O soberano tanto canto o estado son aspectos dese mesmo pobo, a diferenza é que nun aspecto o pobo é activo, señor de vontades que deberán ser cumpridas por el mesmo, que neste aspecto é o estado, o pobo en canto súbditos, cumpridores da vontade xeral. Mais como entón facerse obedecer? E a resposta é o goberno. Este, tamén pobo, é o orgón encargado de executar as leis. Temos entón unha relación estreita entre soberano, goberno e estado. O soberano determina a súa vontade ao goberno que a fará cumprir polos súbditos.

Rousseau oponse ferozmente á idea de que as persoas deban exercer a soberanía a través dunha asemblea representativa, a soberanía é inalienable e indivisible. E como é da vontade xeral que se fan as leis, cabe soamente ao consenso determinar cales serán estas. Mais, lonxe de defender unha infalibilidade da vontade xeral, Rousseau argumenta polo traballo dos lexisladores dicindo que a pesar de sempre querer o seu ben, o pobo non sempre o atopa. Cabería entón a unha alma sabia, coñecedora da natureza dos homes (Rousseau os metaforiza como deuses) positivar esas leis.

ObraEditar

  • Projet concernant de nouveaux signes pour la musique (1742)
  • Dissertation sur la musique moderne (1743)
  • Discours sur les sciences et les arts (1750)
  • Discours sur la vertu du héros (1751)
  • Le Devin du village (1752)
  • Narcisse ou l’Amant de lui-même (1752)
  • Discours sur l'origine et les fondements de l'inégalité parmi les hommes (1755)
  • Examen de deux principes avancés par M. Rameau (1756)
  • Jugement du Projet de paix perpétuelle de Monsieur l'Abbé de Saint-Pierre (1755)
  • Lettres morales (1757-1758; publicado en 1888)
  • Lettre sur la providence (1758)
  • J.-J. Rousseau, Citoyen de Genève, Lettre à M. d'Alembert sur les spectacles (1758)
  • Julie ou la Nouvelle Héloïse (1761)
  • Emilio ou Da educación, inclúe La profession de foi du vicaire savoyard (1762)
  • Du contrat social (1762)
  • Lettres écrites de la montagne (1764)
  • Lettres sur la législation de la Corse (1764)
  • Considérations sur le gouvernement de Pologne[7] (1771)
  • Pygmalion (1771)
  • Essai sur l'origine des langues (1781)
  • Projet de constitution pour la Corse (1765)
  • Dictionnaire de musique (1767)
  • Les Confessions (1765-1770)
  • Dialogues, Rousseau juge de Jean-Jacques (1777)
  • Les Rêveries du promeneur solitaire (1778)
  • Émile et Sophie, ou les Solitaires (1781; continuación de Émile)

NotasEditar

  1. "Preromanticism Criticism". Enotes. Arquivado dende o orixinal o 6 de abril de 2010. Consultado o 23 de febreiro de 2009. 
  2. "Carta a Madame de Francueil, 1751.". 
  3. Citado por Gavin de Beer, Rousseau, Barcelona: Salvat, 1985, p. 86.
  4. Ediciones Godot (22 de xuño de 2014). "Ensayo sobre el origen de las lenguas (traducido por Mikaël Gómez Guthart)". Ediciones Godot (en castelán). Consultado o 14 de setembro de 2017. 
  5. Gavin de Beer, Rousseau, Barcelona: Salvat, 1985. Ed. original, Rousseau and his world, Londres: Thames and Hudson, 1972.
  6. Perry, Marvin. Western Civilization: Ideas Politics and Society, Volume II: From 1600. p. 430. 
  7. Gourevitch, Victor, ed. (1997). Rousseau: 'The Social Contract' and Other Later Political Writings. Cambridge University Press. p. ix. ISBN 978-0-521-42446-2. 

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

  • Larrère, Catherine (2003). "ROUSSEAU Jean-Jacques, 1712-1778". En Philippe Raynaud; Stéphane Rials. Dictionnaire de philosophie politique (en francés) (Troisième édition complétée ed.). París: PUF. pp. 687–695. ISBN 978-2-13-052947-7. 
  • Malaurie, Philippe (2001). "Rousseau". Anthologie de la pensée juridique (en francés) (Deuxième édition ed.). París: Éditions Cujas. pp. 109–114. ISBN 2-254-01301-7. 
  • Royer, C. (1900). M. Léon Say; M. Joseph Chailley, eds. Rousseau (en francés) 2 (Deuxième édition ed.). París: Guillaumin et Cie. pp. 758–765. 

Outros artigosEditar