O pelaxianismo é unha teoría teolóxica e movemento relixioso defendido e sostido polo monxe bretón Pelaxio, de quen recibiu o nome, difundido en Sicilia, África e Palestina por Celso, e sistematizado polo bispo de Campania, Xuliano, considerada herexía polo Concilio de Éfeso.

Características editar

Sostiña a capacidade natural do home para conseguir a salvación; abondaba para iso o uso da razón e da liberdade sen a intervención sobrenatural de Deus. Negaba, ó mesmo tempo, a substancia e as consecuencias do pecado orixinal, a absoluta necesidade da graza para realizar obras sobrenaturais. O pecado orixinal, no sentido en que o entendía a Igrexa, non existía para Pelaxio; o home, en efecto, nace sen mancha orixinal ningunha, coa perfecta integridade de natureza semellante a aquela con que saíu Adán das mans do Creador; o pecado do primeiro home non implicou prexuízo ou dano ningún e non trouxo consecuencia ningunha para a posteridade. Porén, foi un mal exemplo, e pódese falar de pecado orixinal en tanto os homes pecan a semellanza de Adán. Por conseguinte: nin o bautismo é de absoluta necesidade para a vida eterna -requírese só para poder formar parte da Igrexa- nin a graza é necesaria para as obras sobrenaturais, nin a Redención, sequera, pode ser considerada como un rescate. A graza é, soamente, unha iluminación interior; non actúa sobre a nosa vontade e non transforma a nosa alma; a Redención é, sen máis, un reclamo, unha invitación a unha vida superior, pero permanece sempre exterior a nós, non crea nada dentro de nós.

Xa nos primeiros abrochos desta herexía, levada a África por Celso o ano 310, o concilio cartaxinés do 311 excomungou a Celso e obrigoulle a se recluír en Palestina, onde se atopaba o seu amigo Pelaxio. Se en Palestina a herexía atopou bispos compracentes, en África, a loita conducida por Agostiño de Hipona, fíxose encarnizada rematando a condena da herexía no Concilio de Milevi do ano 316; finalmente a Epístola tractoria do Papa Zósimo que, tomando un termo medio entre as definicións dos dous concilios africanos, condenou solemnemente a herexía: esta condena foi despois confirmada polo Concilio de Éfeso do ano 431.

Algunhas expresións radicais de Agostiño na polémica pelaxiana, sobre a necesidade da graza, fixeron pensar que se trataba de retirarlle ao libre arbitrio toda participación na obra da salvación; por este motivo algúns monxes do mosteiro de San Vítor de Marsella créronse no deber de propor a seguinte doutrina:

  1. Está en poder do home o se dirixir a Deus para lle pedir axuda, como está en poder do enfermo acudir ao médico;
  2. Do mesmo modo a predestinación eterna depende en última análise da vontade humana, xa que a esta corresponde perseverar ata o fin.

Un discípulo de Santo Agostiño, San Próspero de Aquitania, denunciou rapidamente semipelaxianismo e foi o centro de varias polémicas teolóxicas durante case un século ata que, finalmente, o Concilio de Orange do ano 529, aprobado solemnemente por Bonifacio II, condenouno en 532, declarando e establecendo que o home caído non pode obter a fe nin a desexa sen a graza proveniente; e moito menos perseverarse no ben sen unha secuela de grazas coadxuvantes, nin perseverar ata o fin sen un don especial ligado á súa predestinación.