Utilitarismo

teoría ética que defende que a mellor acción é aquela que ten a maior utilidade

O utilitarismo é a teoría ética que defende que a mellor acción é aquela que ten a maior utilidade. A "utilidade" defínese de varias maneiras, baseándose por regra xeral en termos de benestar de entidades con capacidade de sentir. A primeira persoa en plantear esta teoría foi o inglés, Jeremy Bentham. Este planteou que a utilidade era a suma do pracer que resulta dunha acción menos o sufrimento de calquera persoa involucrada nela. A ética utilitarista, tamén coñecida como utilitarismo, é unha rama do consecuencialismo, planteamento que defende que as consecuencias dunha acción son o único que permite diferenciar entre o ben e o mal. A diferenza do egoísmo, a ética utilitarista considera todos os intereses por igual, sexan propios ou alleos.

Os defensores da ética utilitarista discreparon en certos puntos que o utilitarismo propoñía tales como se as accións deben ser elixidas segundo os seus resultados ou se se debe axustarse ás normas que maximizan a utilidade.

Aínda que os inicios da teoría utilitarista atópanse nos hedonistas Arístipo e Epicuro; a teoría utilitarista, propiamente dita, comezou con Bentham e incluíu a John Stuart, Henry Sidgwick, Richard Mervyn Hare e Peter Singer. Esta teoría ética aplicouse para xustificar á economía do benestar social, á crise de pobreza global, á ética da cría de animais para a alimentación e á importancia de evitar riscos existenciais para a humanidade.

Orixe do utilitarismo editar

O utilitarismo é un movemento característico da filosofía empírica inglesa que, revestida de certo altruísmo, exalta o principio do pracer —única cousa boa en si que constitúe, á súa vez, a principal meta do xénero humano— a fin de lograr a felicidade para o maior número de persoas e acabar coa única cousa mala en si, isto é, coa dor.

O utilitarismo, que recibe tamén o nome de radicalismo filosófico, tivo a súa orixe en Inglaterra do século XIX. Non obstante, xa existía un precedente entre os pensadores da Antigüidade Clásica que resaltaban como o home perseguía a felicidade e fuxía da dor. Filósofos como Hobbes e Locke, cualificados representantes do empirismo inglés e preocupados pola problemática sociolóxica, tamén contribuíron coas súas doutrinas e teorías ao desenvolvemento e nacemento do utilitarismo. Así mesmo, determinadas correntes de pensadores sosteñen que xulgar as accións polas súas consecuencias, boas ou malas, leva implícita a definición dos conceptos da responsabilidade e o deber, polo que habería que distinguir entre utilitarismo dos actos e utilitarismo das regras ou normas.

Tipos de utilitarismo editar

Utilitarismo clásico editar

Nacido do libro de Jeremy Bentham "An Introduction to the Principles of Morals and Legislation", ten as súas bases nos principios esencias da ética utilitarista tales como, que o mundo se rexe por dous motivos os cales son dor e pracer e que unha acción é correcta cando se consegue o maior pracer posible coa menor dor posible. Esta rama do utilitarismo tamén distingue entre tipos de pracer segundo unha escala, de praceres máis desexables a praceres menos desexables.

Utilitarismo idealista editar

Esta rama do utilitarismo enuncia que para obter o máximo pracer, hai algúns trazos importantes da sociedade que deben ser impulsados cara a unha maior importancia social, eses valores eran o amor e a beleza. Esta variación do utilitarismo partía da base de que só o pracer non era suficiente para englobar o concepto de todo o que é bo.

Utilitarismo regulamentario editar

A mediados do século XX, algúns filósofos empezaron a cuestionarse cal era o papel das regras e as leis na ética utilitarista e chegaron á conclusión de que para que un individuo obtivese o máximo pracer cunha acción era necesario que existisen unha serie de regras que o guiasen pois a posibilidade de calcular as consecuencias dunha acción de maneira autónoma e acertar eran mínimas.

Utilitarismo de preferencia editar

Esta rama do utilitarismo foi enunciada por John Harsanyi en 1977. Harsanyi defendía que o utilitarismo de preferencia era o único que tiña como base a autonomía do individuo. O utilitarismo de preferencia tiña como principal diferenza co resto de ramas do utilitarismo que partía do principio de que só o propio individuo pode decidir o que é pracenteiro para si mesmo.

Utilitarismo negativo editar

Esta variación do utilitarismo choca frontalmente co resto de variacións pois defende que o importante non é tentar conseguir o maior pracer posible, senón tentar conseguir o menor sufrimento posible. Karl Popper, o creador do utilitarismo negativo, cría que se se buscaba o maior pracer posible para unha persoa, outra persoa acabaría tendo un maior sufrimento, o que o levou a defender que se debía buscar o menor sufrimento aínda que o pracer da outra parte fose menor.

Utilitarismo de motivación editar

Esta rama do utilitarismo defende que simplemente se debe ten en conta a disposición dos individuos a realizar certas accións as cales lles proporcionarán pracer ou sufrimente segundo a disposición anteriormente mencionada. Esta variación do utilitarismo chocaba contra o utilitarismo regulamentario pola afirmación de que só coa disposición dos individuos era suficiente e non había necesidade de impoñer regras que os guiasen para obter o maior pracer posible.

O utilitarismo de Bentham e de Stuart Mill editar

O utilitarismo na súa raíz está inspirado por un ideal de benestar social: a través de condicións de vida dignas para todos os cidadáns e do fomento das liberdades. Os dous representantes máis importantes foron Jeremy Bentham e John Stuart Mill. Jeremy Bentham (1748-1832) foi un afamado filósofo, xurista e político inglés. Na súa consideración da utilidade do pracer subliñou a importancia da imparcialidade para considerar a todo ser humano como ser a ter en conta na súa busca do pracer. Isto é algo que rompía co tradicionalismo clasista das sociedades antigas. Significaba que unha sociedade non ten que valorar como superior o pracer dunha persoa por ser aristócrata, ou por ser máis adiñeirado que outra persoa non aristócrata ou con pouco diñeiro. Entre as súas obras desta Introdución aos principios da moral e da lexislación.

John Stuart Mill (1806-1873), filósofo, político e economista inglés, recolleu a teoría de Bentham, estudouna e complementouna con achegas orixinais. Unha das súas obras máis importantes titúlase precisamente Utilitarismo. Hai unha frase de Stuart Mill que se fixo famosa: "Prefiro ser un Sócrates insatisfeito antes que un porco satisfeito", o que, de modo moi expresivo, vén querer dicir que non todo pracer é desexable nin persoal nin colectivamente. No cálculo de praceres ademais de ter en conta a sociedade na súa totalidade hai que ter en conta a pertinencia moral da calidade do pracer. Claro, que para iso, como dixo Stuart Mill, os membros da sociedade han de estar ben informados, ben instruídos e educados, e sen imposicións, desde a liberdade como valor importante, han de poder descubrir e elixir aqueles praceres de máis valor, que lles realizarán máis como persoas tanto a nivel individual, buscándoos individualmente, como a nivel colectivo, fomentándoos solidariamente.

Filósofos utilitaristas e obras editar

Nome Obras representativas
David Hume Tratado da natureza humana (Londres, 1740), Investigación sobre os principios da moral (Londres, 1751), Investigación sobre o entendemento humano (Londres, 1777)
Jeremy Bentham Fragmento sobre o goberno (Londres, 1776), Introdución aos principios da moral e a lexislación (Londres, 1789), Deontoloxía (Londres, 1834)
William Godwin Investigación sobre os principios da xusticia política (Londres, 1793), As cousas tal cal son, ou as aventuras de Caleb Williams (Londres, 1794), Reflexións sobre o home (Londres, 1831)
James Mill Historia da India (Londres, 1817), Elementos de economía política (Londres, 1821), Análise dos fenómenos da mente humana (Londres, 1829)
John Stuart Mill Sistema de lóxica (Londres, 1843), Sobre a liberdade (Londres, 1859), Utilitarismo (Londres, 1863)
Henry Sidgwick Os métodos da ética (Londres, 1874), Ética práctica (Londres, 1898)
R. M. Hare A linguaxe da moral (Oxford, 1952), Liberdade e razón (Oxford, 1963), Pensamento moral (Oxford, 1981)
Peter Singer Liberación animal (Nova York, 1975), Ética práctica (Cambridge, 1979), Repensar a vida e a morte (Melbourne, 1994)

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar