Ben (filosofía)

valor ético outorgado á acción dun individuo

O ben (do latín bene) é o valor outorgado a unha acción dun individuo, é unha inclinación natural a fomentar o desexable, motivado por unha comprensión do contorno e das persoas cun profundo exercicio da empatía. Un conxunto de boas accións (accións ben executadas) propugnan o bo. É un termo cunha gran riqueza semántica; para Platón, o ben era o Divino que daba sentido á unidade, pero a época moderna e contemporánea insiste por riba de todo no sentimento ético.

L'Innocence ("Inocencia"), de William-Adolphe Bouguereau. O fillo e o año representan a fraxilidade e a tranquilidade. A imaxe dunha nai co seu fillo ten connotacións positivas tamén na cultura chinesa. Esta imaxe é a que representa o carácter chinés 好 hǎo, que significa "bo".

Ao contrario de conceptos coma "verdade" ou "beleza", o ben é tautolóxico, é o desexable. Mentres que uns sistemas poden propugnar a "verdade", e outros poden propugnar a "beleza", todos os sistemas propugnarán o ben, porque o ben é o propugnable. Aínda que todas as persoas aspiran a vivir "ben", o significado deste concepto non é o mesmo para uns que para outros.

Significados editar

O ben por si mesmo carece de valor. A apreciación do ben baséase na súa contraposición co mal, concepto completamente oposto. Deste xeito, ambos os dous termos dependen o un do outro. Para catalogar a unha persoa como boa, esta debe ser capaz de facer o ben ás persoas que a rodean, ou dito doutro xeito, capaz de observar nela mesma as súas preferencias e traballar porque os demais as teñan.

Dende os tempos da Grecia clásica díxose que o ben era o pracer, e que o pracer era a ausencia de dor física e de perturbación anímica. Mais tamén os gregos recoñeceron que as cousas non son tan sinxelas: moitas accións e condutas profundamente boas non están libres de dor nin de sorpresas e desacougos. Xa que logo, o ben pode definirse como o resultado dunha decisión pracenteira ou dolorosa que mellora ou perfecciona unha cousa ou a unha persoa.

Algunhas relixións como a xudía e a cristiá contemplan a historia do mundo coma unha loita entre o ben e o mal (como unha loita entre Deus e Satán). Por iso promóvese a virtude como camiño do ben e se combate o pecado como camiño do mal.

Posturas filosóficas editar

A teoría metafísica editar

O ben é a realidade perfecta ou suprema e é desexado como tal. O modelo de todas estas teorías é a teoría de Platón, que dicía que o ben é a fonte de todo ser no home e fóra del. Comparaba o ben co Sol, que lles dá aos obxectos non só a posibilidade de ser vistos, senón tamén a de nacer, crecer e nutrirse. Plotino ve no ben a primeira hipóstase, é dicir, a orixe da realidade e considérao como a causa do ser e da ciencia.

Hegel afirma que a realidade efectiva coincide en si co ben, di que o ben é a liberdade realizada. Todas as formas de idealismo e de espiritualismo constitúen outras tantas doutrinas metafísicas do ben, xa que todas identifican o ben coa realidade suprema como fan Rosmini e Gentile ao identificar o ser e o ben, e o ben e o espírito en acto. Algunhas filosofías contemporáneas que prefiren falar do valor máis que do ben, considerando o valor como realidade absoluta e última, inscríbense na mesma concepción tradicional do ben.

A teoría subxectiva editar

O ben é o desexado ou o que gusta. Esta teoría é o inverso simétrico da teoría metafísica. O ben non é desexado porque sexa perfección ou realidade senón que é perfección e realidade porque é desexado. Aristóteles dicía que o ser desexado definía ao ben e delineaba un sistema de preferencias que parecía orientarse polo carácter de perfección que obxectivamente teñen os bens e que, polo tanto, conciliábase mal coa definición do ben como obxecto de desexo. Esquecida durante toda a Idade Media, a concepción subxectivista do ben retorna no Renacemento, coas alusións a unha ética do movemento. Finalmente foi afirmada por Hobbes na súa forma máis decidida, é dicir, o ben é obxecto de calquera apetito ou desexo humano, é o que con respecto a el chámase bo.

Kant decidiu que había que afirmar a diferenza entre o ben e o pracenteiro; a presenza do concepto ou da norma, é dicir, da fin a onde tende a cousa ou ao que debe axustarse é o que os distingue. Desta maneira, Kant di que o ben é o que se aprecia, o que se aproba e aquilo ao que se lle recoñece coma un valor obxectivo. Despois de Kant, a noción de valor tende a suplantar a noción de ben nas discusións morais e pode ser considerada como herdeira do concepto subxectivo do ben, xa que posúe as súas mesmas relacións semánticas.

Definicións particulares de filósofos editar

  • Platón: O ben é algo que se eleva máis alá da esencia en canto a dignidade e a potencia.
  • Aristóteles: O ben é aquilo a onde todo tende a ir.
  • Spinoza: O ben é todo xénero de gozo e todo o que conduce a el, é todo aquilo que satisfai.
  • Locke: O ben é aquilo que pode provocar ou aumentar o pracer e que tamén pode diminuír a dor.
  • Kant: O ben é a relación cun interese que o home ten na súa existencia.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Abbagnano, Nicola. Fondo de Cultura Económica, ed. Diccionario de filosofía. México. pp. 130–133. ISBN 968-16-5629-6. 

Outros artigos editar