Ponte Sampaio, Pontevedra

parroquia civil do concello de Pontevedra

Santa María de Ponte Sampaio é unha parroquia que se localiza no concello de Pontevedra. Segundo o IGE en 2019 tiña 1031 habitantes (556 mulleres e 475 homes), 80 menos ca en 2008 e 213 menos ca en 1999. Ten catro entidades de poboación segundo o Nomenclátor de Galicia.

Ponte Sampaio
Igrexa parroquial
ConcelloPontevedra[1]
ProvinciaPontevedra
Coordenadas42°21′00″N 8°36′15″O / 42.35, -8.6041666666667
Área11,51 km²
Poboación1.031 hab. (2019)
Densidade89,57 hab./km²
Entidades de poboación9[1]
editar datos en Wikidata ]

Toma o seu nome da ponte sobre o río Verdugo que a une coa parroquia de Arcade (Soutomaior). Por ela pasa a vía portuguesa do camiño de Santiago, e nela foi librada a Batalla de Ponte Sampaio, decisiva na guerra da Independencia española contra os franceses o 7 e 8 de xuño de 1809.

Desde 1833 até abril de 1960 foi concello de seu xunto coa parroquia da Canicouva.

Xeografía e comunicacións

editar
 
Campo de fútbol da Xunqueira.

A parroquia sitúase no extremo sur do termo municipal de Pontevedra, na beira norte do río Verdugo, que a separa do veciño concello de Soutomaior, e que verte as súas augas á ría de Vigo neste punto. Percorren esta parroquia, ademais do citado Verdugo, o río Ulló (que desemboca na ría nesta parroquia), así como regos de menor entidade como son o río da Ponte Nova, o rego de Cacheiro (ambos vertentes no Ulló), ou o rego dos Muíños, entre varios outros. Como xa se mencionou, a parroquia ten uns centos de metros de costa na súa zona suroeste, bañada polas augas da ría de Vigo. Nesta parroquia están a illa da Insuíña e o illote do Castelo, na desembocadura do río Verdugo. Linda ao oeste coas parroquias de Vilaboa (Vilaboa), A Canicouva (Pontevedra), polo norte coa parroquia de Xustáns (Ponte Caldelas), e polo leste con Taboadelo (Ponte Caldelas) e Soutomaior (Soutomaior). Polo sur, limita coa parroquia de Arcade (Soutomaior).

Dista uns 11 quilómetros da capital do concello. Outros núcleos próximos son Arcade, a menos dun quilómetro, ou O Toural (Vilaboa), a 4 km.

As principais comunicacións por estrada son a N-550, que percorre brevemente a parroquia, a PO-264 e a EP-0001, esta última conexión coa veciña parroquia da Canicouva.

Ponte Sampaio carece de apeadoiro algún, pero é atravesado polo Eixe atlántico de alta velocidade. As estacións máis próximas son Arcade e Pontevedra.

A parroquia é atravesada polo Camiño Portugués.

Demografía

editar

A parroquia conta con 9 núcleos de poboación rexistrados polo Instituto Galego de Estatística, a maioría dos cales se concentran nun continuo rururbán na parte sur da parroquia, onde outrora se situaba a sede do antigo concello de Ponte Sampaio, e onde aínda hoxe se sitúan o groso dos servizos da parroquia. Os lugares de Acevedo, O Rañadoiro e O Vilar completan o nomenclátor da parroquia. En 2019, Ponte Sampaio contaba con 1.031 habitantes, cifra que amosa un descenso respecto a rexistros de anos anteriores. Arredor dun 60% vive na área máis urbanizada da parroquia, mentres que o restante 40% reside nos outros tres lugares xa citados.

Patrimonio

editar

A ponte, de orixe romana, se ben a actual construción é medieval. Consta de dez arcos semicirculares. A igrexa parroquial de Santa María é románica, e data do século XIII. No lugar de Canos da Laxe hai outra ponte medieval sobre o río Ulló e dez muíños de auga en mal estado de conservación, que se viron afectados pola crecida das augas no inverno de 2007.

Consérvanse petróglifos no monte de Chan da Cruz, restos dun poboado castrexo e tramos dunha calzada romana. Amais, na parroquia atopouse un machado da Idade de Bronce.

No Rañadoiro está o acueduto do Paredón, destinado a regadío. O cruceiro da Bica, no mesmo lugar, é de pedra policromada e na Semana Santa é decorado cun dosel vermello. A antiga escola unitaria para a rapazada de Rañadoiro, Vilar e Acevedo acolle actualmente un centro cultural. No lugar celébranse festas adicadas á Nosa Señora do Rosario.

 
Un dos cinco touros de Osborne de Galicia.

En Acevedo hai un cruceiro (A Cruz) construído sobre un antigo petróglifo. No lugar está tamén a capela de San Xosé da Landreira, as ruínas dun pazo, vivendas de comezos do século XVII, unha fonte, e cinco muíños no río dos Muíños, destacando o Muíño de Riba, cunha característica cuba cilíndrica á que chega a auga a través dun acueduto. Segundo a tradición, a Pedra dos Ladróns servía de acubillo a perseguidos en varias guerras.

Nesta parroquia, a carón da N-550, está un dos cinco touros de Osborne existentes en Galicia: valados publicitarios colocados á beira das estradas por toda España na segunda metade do século XX e declarados patrimonio cultural e artístico.

editar

A muiñeira de Ponte Sampaio suponse que foi tocada durante a batalla que tivo lugar ás beiras do río Verdugo [Cómpre referencia].

  • Vexo Caldas, vexo Vigo,/ tamén vexo Pontevedra,/ vexo a ponte de Sampaio/ camiño da miña terra [2].
  • Vexo Vigo, vexo Cangas,/ tamén vexo Redondela;/ vexo a ponte de Sampaio,/ camiño da miña terra [3].

Galería de imaxes

editar
  1. 1,0 1,1 Decreto 219/1998, do 2 de xullo, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia de Pontevedra.
  2. Fermín Bouza-Brey: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II], 201. No texto: San Paio.
  3. Fermín Bouza-Brey: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II], 201. No texto: San Paio.

Lugares e parroquias

editar

Lugares de Ponte Sampaio

editar
Lugares da parroquia de Ponte Sampaio no concello de Pontevedra

Acevedo | A Ponte | O Rañadoiro | O Vilar

Parroquias de Pontevedra

editar
Galicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias de Pontevedra

Alba (Santa María) | Bora (Santa Mariña) | Campañó (San Pedro) | A Canicouva (Santo Estevo) | Cerponzóns (San Vicente) | Lérez (San Salvador) | Lourizán (Santo André) | Marcón (San Miguel) | Mourente (Santa María) | Ponte Sampaio (Santa María) | Pontevedra | Salcedo (San Martiño) | San Xosé (San Xosé) | Santa María de Xeve (Santa María) | Tomeza (San Pedro) | Verducido (San Martiño) | A Virxe do Camiño de Pontevedra | Xeve (Santo André)

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar