Xustáns, Ponte Caldelas

parroquia civil do concello de Ponte Caldelas

San Martiño de Xustáns é unha parroquia que se localiza no concello pontevedrés de Ponte Caldelas. Segundo o IGE,[2] en 2022 tiña 544 habitantes (267 homes e 277 mulleres), distribuídos en 4 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 601 habitantes.

Xustáns
Igrexa de San Martiño de Xustáns.
ConcelloPonte Caldelas[1]
ProvinciaPontevedra
Coordenadas42°23′28″N 8°33′31″O / 42.3911, -8.55861Coordenadas: 42°23′28″N 8°33′31″O / 42.3911, -8.55861
Área9,1 km²
Poboación544 hab. (2022)
Densidade59,78 hab./km²
Entidades de poboación4[1]
editar datos en Wikidata ]

Xeografía editar

A parroquia ten 9,1 km². Limita ao norte coa parroquia de Tourón, ao sur coa parroquia de Taboadelo e ao leste, coa parroquia de Ponte Caldelas. Cara ao leste, tras o monte da Fracha, atópanse as parroquias de Marcón e A Canicouva pertencentes ao concello de Pontevedra.

Distancias a vilas e cidades km
Pontevedra 9,3
Ponte Caldelas 8,3
Vigo 36

O punto máis alto da parroquia é o monte da Fracha (493 metros). Pola parroquia discorren principalmente dous ríos: o río Carballido, que é afluente do río San Vicente. Este, á súa vez é afluente do río Verdugo.

Demografía e servizos editar

A poboación segue o patrón habitual de comportamento das parroquias da contorna da área urbana de Pontevedra, encadeando lixeiros descensos con subas, pero nun contexto xeral de avellentamento e lenta caída.

A poboación atópase repartida algo igualitariamente entre os catro lugares da parroquia:

Poboación (2017)
Lugar Habitantes % do total
A Aluncía 80 14,0%
Baltar 180 31,5%
O Chan do Casal 195 34,2%
O Sobreiro 116 20,3%

Servizos editar

A parroquia ten diversos negocios, ademais dunha escola unitaria en activo. O groso dos servizos á poboación atópanse no veciño lugar da Reigosa e na vila de Ponte Caldelas. Os empregadores do sector secundario máis próximos sitúanse no Polígono industrial do Campiño, a tan só un par de quilómetros da capital parroquial.

Patrimonio editar

 
Santuario de Cristo Rei.

Igrexa de San Martiño editar

A igrexa parroquial de Xustáns atópase no lugar do Sobreiro. De estilo barroco (século XVII), é unha igrexa de planta basilical e fachada porticada, cunha torre en chanzos do século XX inspirada no barroco compostelán. No seu interior conta cun retablo maior barroco e dous retablos laterais neoclásicos[3]. Nos arredores da igrexa destacan o cruceiro e o cemiterio vello, de comezos do século XX.

Ermida e miradoiro de Cristo Rei editar

A capela de Cristo Rei érguese no cumio do monte entre os lugares de Baltar e Sobreiro. Trátase dunha pequena ermida do século XX de planta cadrada cunha imaxe do santo en pedra na parte superior. A capela permanece pechada todo o ano salvo na romaría que alí se celebra en xullo.

Xunto á capela atópase o miradoiro homónimo, desde o cal se ten unha boa panorámica da ría de Vigo, así como do resto do concello de Ponte Caldelas e da serra do Suído.

Outros editar

Ademais destes dous lugares, son destacables as rutas polo monte da Fracha, os diversos cruceiros espallados polos lugares da parroquia, así coma os petróglifos do Outeiro da Cabra, aínda que estes últimos non sexan visitables polo seu estado de conservación.

Festas editar

As celebracións máis importantes son:

  • Cristo Rei, no lugar de Baltar. Celébrase o primeiro domingo de xullo.
  • San Martiño, patrón da parroquia, día 11 de novembro.
  • San Roque, a finais de setembro.
  • Nosa Señora do Carme, a fin de semana anterior ou posterior ao 16 de xullo.
  • Festa dos Reis, sobre o 6 de xaneiro.

Personaxes de sona editar

Desta parroquia é Gustavo Dacal, campión de España de lanzamento de xavelina.

Lugares e parroquias editar

Lugares de Xustáns editar

Lugares da parroquia de Xustáns no concello de Ponte Caldelas (Pontevedra)

A Aluncía | Baltar | O Chan do Casal | Cotas | O Sobreiro

Parroquias de Ponte Caldelas editar

Galicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias de Ponte Caldelas

Anceu (Santo André) | Caritel (Santa María) | Castro Barbudo (Santa María) | Forzáns (San Fiz) | A Insua (Santa Mariña) | Ponte Caldelas (Santa Eulalia) | Taboadelo (Santiago) | Tourón (Santa María) | Xustáns (San Martiño)

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Decreto 219/1998, do 2 de xullo, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia de Pontevedra.
  2. IGE (ed.). "IGE - Nomenclátor estatístico de Galicia" (en galego). Consultado o 26 de febreiro de 2023. 
  3. Mancomunidade Turística Terras de Pontevedra. "Igrexa de San Martiño de Xustáns". Arquivado dende o orixinal o 05 de marzo de 2016. Consultado o 11 OUT 2015.  Arquivado 05 de marzo de 2016 en Wayback Machine.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar