Confederación Intersindical Galega

sindicato galego

A Confederación Intersindical Galega (CIG) é un sindicato nacionalista galego formado a partir da unión da INTG e CXTG en abril de 1994. O seu primeiro secretario xeral foi Fernando Acuña. O actual secretario xeral é Paulo Carril.

Confederación Intersindical Galega (CIG)
Sindicato de Galiza
LogoCIG.jpg
Dirixentes e organización
LíderPaulo Carril
MocidadesCIG Mocidade
Filiación internacionalFederación Sindical Mundial
Historia
Fundación1994
Posicións políticas
IdeoloxíaNacionalismo galego
Esquerda política
Socialismo
Anticapitalismo
Marxismo
Outros datos
PublicaciónTempo Sindical
Páxina webhttp://www.galizacig.com/cig/
Edificio da CIG en Pontevedra

EstruturaEditar

A CIG está integrada por oito agrupacións comarcais (Vigo, A Coruña, Pontevedra, Santiago de Compostela, Ferrol, Ourense, Lugo e A Mariña) e oito federacións sectoriais ou de industria (Administración Pública; Banca, Aforro e Seguros; Construción e Madeira; Ensino; FGAMT; Industria; Sanidade; e Servizos). Así mesmo, a central sindical conta con departamentos e secretarías específicas para temas como muller, pensionistas, mocidade, saúde laboral, inmigrantes e cooperación.

O seu Consello Federal é o máximo organismo entre congresos e consta de 100 membros.

HistoriaEditar

Non se pode entender a configuración da CIG sen ter presentes a evolución e os avances do sindicalismo nacionalista galego desde os acontecementos de 10 de março de 1972 e a creación do Frente Obreiro da Unión do Povo Galego (UPG) até o proceso de converxencia de comezos dos 90, que deu orixe á actual Confederación Intersindical Galega (CIG) en 1994. A propia CIG reivindicase herdeira dereita das loitas sindicais dos anos 70 e das organizacións que xurdiron naquela época, coma o Sindicato Obreiro Galego (SOG)[1].

O Frente Obreiro e o SOGEditar

Historicamente, considerase que a reaparición do movemento obreiro galego organizado despois da súa práctica destrución nos anos 30 e 40 pola ditadura franquista foron os graves acontecementos do 10 marzo de 1972, cando dous obreiros ferroláns (Amador Rey e Daniel Niebla) do estaleiro Bazán en Ferrol foron asasinados pola policía durante a represión dunha manifestación. Centos máis resultaron feridos e houbo ducias de detidos e torturados. A data, que actualmente é recordada a través do Día da Clase Obreira Galega, causou unha forte mobilización no resto de núcleos industrias de Galiza, especialmente na cidade de Vigo, en solidariedade coa mobilización ferrolá. En setembro do mesmo ano houbo en Vigo unha folga xeral na que participaron 30.000 obreiros[2]. Estas mobilizacións foron organizadas por Comisións Obreiras (CCOO)[3], o principal sindicato e movemento de oposición ao franquismo na altura, pero contaron coa participación de activistas nacionalistas.

A finais de 1972, a UPG crea o Frente Obreiro (FO), dirixido por Moncho Reboiras. A organización, que non era un sindicato, senón unha "sección" obreira do partido, conseguiu unha certa implantación en Vigo, así como tamén presenza en Ferrol e na Coruña, aínda que con menor forza. En 1975, devido a un importante incremento da militancia, o FO decidiu converterse nun sindicato de clase, co nome de Sindicato Obreiro Galego (SOG), que foi o primeiro sindicato galego de orientación nacionalista. Os seus obxectivos eran a loita contra a "explotación dos traballadores galegos", a "emigración forzada" e a "colonización cultural da Galiza". O SOG, de ideoloxía marxista-leninista fixo parte da Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG) e celebrou a súa primeira Asemblea Xeral en abril de 1976, xa sen Moncho Reboiras, asasinado o 12 de agosto de 1975 pola Policía Armada franquista. O SOG disolveuse en 1977 ao unificarse cos sindicatos sectoriais creados pola UPG: a Unión dos Traballadores do Ensino de Galicia (UTEG), o Sindicato dos Traballadores Galegos do Mar (STGM), o Sindicato dos Traballadores Galegos da Administración Pública (STGAP), a Unión dos Traballadores da Sanidade de Galicia (UTSG) e a Unión dos Traballadores da Banca de Galiza (UTBG)[4].

A ING e os Pactos da MoncloaEditar

Esta converxencia deu lugar á Intersindical Nacional Galega (ING), fundada en marzo de 1977. En xuño do mesmo ano Francisco García Montes foi escollido como secretario xeral da organización, que celebrou a súa primeira Asemblea Xeral en outubro. O obxectivo principal da ING era preparar o escenario para a constitución dunha "Central Sindical Única Galega", e, ademais, loitar contra a emigración forzada, pola educación gratuíta para todo o pobo, pola recuperación do patrimonio sindical e pola construción dunha "Patria Galega Ceive" e sen explotación. Ao mesmo tempo, a ING desvinculouse da AN-PG para deixar liberdade política aos seus afiliados[5].

A conxuntura económica era grave. Despois da crise do petróleo de 1973, o paro chegou a niveis moi altos e a inflación superou o 40%. Nese momento foron asinados polos principais partidos políticos, patronal e polos sindicato CCOO e UGT os chamados "Pactos da Moncloa". Estes pactos recoñeceron o despedimento libre para o 5% dos traballadores de cada empresa e fixaron o límite do crecemento salarial nun 22% (independentemente da inflación).[6] A ING convocou varias xornadas de mobilizacións, xunto con outras organizacións da esquerda nacionalista coma a AN-PG, UPG, Comisións Labregas (CCLL) e a Unión da Mocidade Galega (UMG)[7]. A ING tamén convocou mobilizacións contra o Acuerdo Básico Interconfederal (1978), o Acuerdo Marco Interconfederal (1979) e contra o Estatuto dos Traballadores de 1980.[8]

Unificación da ING e CTG: a INTGEditar

Nas primeiras eleccións sindicais despois do franquismo, celebradas en 1978, a ING converteuse no terceiro sindicato da Galiza con 722 delegados (13,5% do total) e, como estratexia, aprobou buscar unha fusión coa Central dos Traballadores Galegos (CTG). Grazas a esta fusión o sindicalismo nacionalista podería acadar o 17,5% de representación, conseguindo, polo tanto superar o 15% exixido pola lexislación española para ser recoñecido oficialmente coma un "sindicato máis representativo". Ademais, no texto de unificación recolleuse a vontade de continuar avanzando cara a "Central Sindical Única Galega". A ING-CTG pasou a denominarse, desde 1981, Intersindical Nacional dos Traballadores Galegos (INTG). En 1982 a Confederación Sindical Galega (CSG) integrouse na INTG, o que permitiu chegar a 1.659 delegados sindicais nas eleccións dese ano (18,7%)[4]..

As Folgas de 1984 e a loita contra a reconversiónEditar

A INTG convocou unha folga xeral para o 14 de febreiro de 1984 contra as reconversión industriais, en particular contra as que afectavan ao naval. CCOO e UXT tamén convocaron folga, aínda que só nas comarcas de Vigo e Ferrol[9]. O éxito da folga fixo que CCOO se unise á INTG na seguinte convocatoria de folga xeral, o 12 de xullo. A UXT non se comprometeu co paro, debido á súa relación co gobernante Partido Socialista. É máis, a UXT acusou á INTG e a CCOO de "crearen un clima de violencia na mesma liña da ETA". A folga foi considerada exitosa pola INTG e polo resto de organizacións nacionalistas, o que facilitou unha terceira convocatoria para o 29 de novembro dese mesmo ano. Esta última folga foi contra o pacto social (AES) asinado entre a UXT e o goberno español e que avanzaba na liña do desmantelamento da industria naval da Ría de Vigo. Esta nova folga volveu a contar co apoio de CCOO e tivo moita repercusión nas áreas máis afectadas, especialmente Vigo e Ferrol[10].

Dúas organizacións: CXTG e INTGEditar

En 1984 xurdiu unha corrente interna critica coa dirección do sindicato e co seu secretario xeral Xan Carballo (escollido no Congreso de 1983). Esta corrente, denominada Converxencia Sindical Nacionalista (CSN), proviña fundamentalmente da CTG e da CSG, e estaba vinculada ao Partido Socialista Galego-Esquerda Galega (PSG-EG) de Camilo Nogueira Román. A CSN decidiu abandonar a INTG en 1985, formando a Confederación Xeral de Traballadores Galegos (CXTG), que celebrou en outubro dese mesmo ano o seu primeiro Congreso. Fernando Acuña foi escollido secretario xeral deste novo sindicato. Nas eleccións sindicais de 1986, a CXTG conseguiu 1.087 delegados e a INTG 1.067. As relacións coa CXTG provocaron unha escisión no interior da INTG, que quedou reflectida nas eleccións internas do III Congreso de 1987, onde houbo 4 candidaturas diferentes. A lista próxima ao Bloque Nacionalista Galego (BNG) conseguiu 6 membros, a próxima á Frente Popular Galega (FPG) 3 membros e a vinculada coa Assembleia do Povo Unido 1 membro. Manuel Mera foi escollido secretario xeral.

A creación da CIGEditar

Nos seguintes anos houbo un acercamento entre a CXTG e a INTG que culminou coa candidatura conxunta ás eleccións sindicais de 1990. Esta candidatura foi un éxito, pois conseguiu 3.527 delegados (o 23,7% do total) e o recoñecemento oficial coma sindicatos máis representativo. As dúas centrais sindicais convocaron unha folga xeral nacional conxunta en 1992. O proceso de unificación rematou co congreso fundacional da CIG en 1994.[11]

Século XXIEditar

O III Congreso da CIG, celebrado en maio de 2001, rematou coa elección de Suso Seixo, vinculado á UPG, como secretario xeral en substitución de Fernando Acuña Rúa,[12] vinculado a Unidade Galega. En 2004, a CIG convertese na terceira forza sindical en Galiza, con 4.594 delegados (26,2%).

ImplantaciónEditar

Esta organización sindical ten a consideración a efectos xurídicos de sindicato máis representativo a nivel galego ao ter máis do 15 % dos delegados de persoal e dos representantes dos traballadores nos comités de empresa, e nos órganos correspondentes das Administracións Públicas, e contar con máis de 1.500 representantes. Obtivo nas eleccións sindicais de 1990 en Galiza o 26,3% e máis de 4.000 dos delegados sindicais.[13]

Após as eleccións sindicais de 2007, a CIG viu de incrementar até en 1.000 os seus delegados convertendo o sindicato nacionalista no segundo con máis delegados do país chegando aos 5.623, por diante de Comisións Obreiras, que obtivo 5.576, e a tan só 556 de UGT[14].

En 2018, a CIG converteuse por primeira vez na central sindical con máis representantes do país, con 4.480 delegados e delegadas (o 28,28% do total)[15]. A CIG supera hoxe en día os 80.000 afiliados[Cómpre referencia], sendo o sindicato galego con máis afiliados.

Galería de imaxesEditar

NotasEditar

  1. "Avantar - CIG: Confederación Intersindical Galega". www.cig.gal. Consultado o 2020-02-03. 
  2. "A folga xeral de Vigo de 1972 como exemplo e para o recordo". Vigoé. Consultado o 03/0272020. 
  3. ""A folga xeral de Vigo de 1972 foi o maior éxito histórico da clase obreira galega"". Praza Pública. 2013-03-14. Consultado o 2020-02-03. 
  4. 4,0 4,1 Pereira, D., Cequiel, U. B. D., & Vázquez, B. M. (2010). Síntese histórica do movemento obreiro galego, das orixes até 1984. Fundación para o Estudo e Divulgación da Cuestión Social e Sindical en Galiza. pp. 59
  5. Eixo nº 9
  6. "Así foron os Pactos da Moncloa, un dos mitos fundacionais da Transición". 21 de abril de 2020. Consultado o 30 de abril de 2020. 
  7. Velasco Souto, C. (2012). Franquismo serôdio e transiçom democrática na Galiza (1960-1981). Santiago: Laiovento.
  8. Pereira, D., Cequiel, U. B. D., & Vázquez, B. M. (2010). Síntese histórica do movemento obreiro galego, das orixes até 1984. Fundación para o Estudo e Divulgación da Cuestión Social e Sindical en Galiza. pp. 57
  9. 30 anos da primeira folga xeral galega. Nós Diario.
  10. EP (1984). Las comarcas de El Ferrol y Vigo quedaron ayer paralizadas por la huelga general realizada en Galicia. El País.
  11. S.E. (2014). A CIG cumpre dúas décadas. Nós Diario.
  12. La CIG cambia de timonel Arquivado 03 de febreiro de 2020 en Wayback Machine. La Voz de Galicia, 13 de maio de 2001
  13. http://www.galizacig.com/arquivo/manifestos/t_aniversario_cig_02042000.htm
  14. http://www.galizacig.com/actualidade/200801/doc/20080116avaliacion_resultados_eleccions_sindicais.pdf
  15. A CIG xa é a primeira forza sindical en Galiza. Sermos Galiza, 29 xuño de 2018.

Véxase taménEditar

Ligazóns externasEditar