Assembleia do Povo Unido

partido independentista galego

A Assembleia do Povo Unido foi un partido galego independentista que se proclamaba socialista e reintegracionista formado en 1989 despois de escindirse da Frente Popular Galega un grupo nucleado en torno a Galiza Ceive-OLN. Deulle un papel fundamental á loita armada como medio de liberación nacional e foi o apoio político do Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive. Disolveuse o 26 de febreiro de 1995 despois de varios anos sen apenas actividade logo que o EGPGC realizase a súa última acción armada en 1991 e de obter 1.492 votos (0,1%) nas eleccións ó Parlamento de Galicia de 1993. Porén a Assembleia da Mocidade Independentista, a organización xuvenil da APU seguiu a súa actividade política.

Assembleia do Povo Unido (APU)
Partido político de Galiza, considerado o brazo político do EGPGC
Historia
Fundación1989
Disolución1995
Posicións políticas
IdeoloxíaSocialismo
Independentismo
Reintegracionismo
Feminismo

Historia

editar
 
Documento da Asemblea Nacional Constituínte da APU, 1989.

A Assembleia do Povo Unido nace en xuño de 1989 a partir dunha FPG en grave crise, fracturada en dúas fraccións enfrontadas, no seo dun movemento independentista galego no que conviven a referida FPG, o PCLN (Partido Comunista de Liberación Nacional, integrado na anterior), o EGPGC (Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive, organización armada), os CAR (Comités Anti-repressivos), as JUGA (Juntas Galegas pola Amnista) e as MNG (Mulheres Nacionalistas Galegas).

O 28 e o 29 de outubro de 1989, realizase na capital de Galiza, Compostela, a Asemblea Nacional Constituínte da APU, que responsabiliza ao PCLN da ruptura da FPG e afirma agrupar a maioría da militancia da Frente.

A APU segue o modelo clásico dos movementos de liberación nacional do Terceiro Mundo, reflectido na tese política fundacional, que leva por título "O avance revolucionario como suma da loita política e militar", e en que se reivindica a vixencia da violencia revolucionaria para tomar o poder, a partir de exemplos coma Cuba, Alxeria, Vietnam ou Nicaragua.

Aspira á creación dunha "Unidade Popular" ou "Frente de Liberación Nacional" que aglutine o "Povo Traballador Galego e as clases populares: proletariado industrial, mariñeiros, labregos e pequena burguesía", situando como principios irrenunciábeis, para integrar esa fronte, a "compresnión da loita armada na Galiza e do papel fundamental da mesma no proceso de Liberación Nacional", a "Amnistía Total, entendida como a liberdade das presas e presos políticos galegos" e a "elaboración dun programa político, social e económico acorde cos intereses das clases populares". Esa unidade pola liberación nacional proposta pola APU tiña como interlocutores potenciais as outras forzas nacionalistas e de esquerda existentes en Galiza na época: BNG, PSG-EG e FPG, mas nunca chegou a realizar-se.

No campo lingüístico, defende o reintegracionismo (recoñecemento da unidade lingüística galego-luso-brasileira), e a plena recuperación do galego en Galiza.

As JUGA serán a súa organización referencial no traballo anti-represivo, mentres que as súas militantes farían traballo feminista maioritariamente nas MNG. Tamén terán algunha influencia no campo sindical, a través da INTG, integrada mais tarde na CIG.

Campañas e actividades políticas

editar
 
Pintada da APU nunha parede de Ares, 1992.
 
Cabeza da manifestación do Día da Patria de 1991 en Compostela.

En 1990 realizaron unha campaña en prol da autodeterminación de Galiza. No ano seguinte, presentaron candidaturas municipais en Santiago de Compostela, Ferrol e Vigo, co lema "o independentismo aos concellos". Hai tamén unha asemblea extraordinaria na que se debate a caída dos réximes do Leste Europeo. En 1992, a INTG expulsou a once militantes da APU baixo a acusación de apoiaren a loita armada practicada polo EGPGC. No ano seguinte, realízase a III Asemblea Nacional e despois lanzou a campaña "Isto non é España", ao tempo que promoveu a abstención nas eleccións ao Congreso dos Deputados do mesmo ano. En outubro do mesmo ano, a APU presentouse ás eleccións ao Parlamento autónomo de Galiza e conseguiu 1.492 votos. En 1994 e 1995 tivo lugar, en dúas partes, a IV Asemblea Nacional. Na segunda, no mes de febreiro do 95, aprobouse a disolución da organización. Dous meses despois, a xustiza rehabilitou a dous militantes da APU expulsados da INTG.[Cómpre referencia]

Entre 1989 e 1994, a APU convocou manifestacións polo Día da Patria Galega, no 25 de xullo, baixo diversas fórmulas. No 89, conxuntamente coa FPG, co lema "Independencia"; no 90, convoca conxuntamente coa FPG, LCR, PCE (M-L) e PCPG co lema "Autodeterminación, camiño da independencia"; no 91, en solitario, co lema "En loita pola independencia"; no 92, tamén en solitario ("Adiante pola independência"); no 93 volta a convocar soa ("Porque a Galiza non é España... independencia"); e no 94 convocou o seu último 25 de Xullo co lema "A Galiza sen medo berra independencia".

A APU editou 11 números da súa revista nacional, Povo Unido, saíndo o primeiro número en febreiro de 1990 e o último en xullo de 1994. En setembro de 1993, publicou tamén un "Anteproxecto de Constitución Galega".[Cómpre referencia]

Despois da autodisolución, parte da militancia abandonou a actividade política. Outros sectores continuaron a traballar nos ámbitos sindical, feminista e cultural. Houbo xente que se incorporou primeiro ao Bloque Nacionalista Galego e á Frente Popular Galega, e máis tarde tamén algunhas á nova organización política da esquerda independentista galega, NÓS-Unidade Popular.[Cómpre referencia]

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • RIOS BERGANTINHOS, Noa. A esquerda independentista galega (1977-1995). Abrente Editora, Compostela, 2002.
  • VVAA. Para umha Galiza independente. Ensaios, testemunhos, cronologia e documentaçom histórica do independentismo galego. Abrente Editora, Compostela, 2000.