Abrir o menú principal

Coordenadas: 43°29′14.22″N 8°13′22.06″O / 43.4872833, -8.2227944

Escultura conmemorativa do Dez de marzo en Ferrol, no lugar onde ocorreron os feitos en Recimil.

O día da Clase Obreira Galega é unha conmemoración anual non festiva celebrada cada 10 de marzo para lembrar a morte de dous traballadores galegos nun enfrontamento coa policía en Ferrol.

A súa orixe está no 10 de marzo de 1972, cando a policía franquista disparou contra unha protesta sindical nos estaleiros de Bazán, en Ferrol, e onde morreron dous responsables do comité ferrolán de Comisións Obreiras, Amador Rey e Daniel Niebla, e onde resultaron feridos ao redor de medio cento de manifestantes máis. Dende aquel ano, a data é homenaxeada polas diferentes organizacións sindicais de Galiza, reclamando melloras sociais e laborais.

HistoriaEditar

O día 7 de marzo o Sindicato Vertical asinara en Madrid un convenio interprovincial que non recoñecía as reclamacións dos traballadores de Bazán Ferrol de ter convenio propio. As factorías de Cartagena e Cádiz estaban controladas polo Sindicato Vertical e a de Ferrol por CC.OO. O 8 de marzo en asemblea os traballadores de Bazan Ferrol rexeitan o acordo. Acordouse unha nova asemblea de traballadores para o día 9.

A empresa respondeu despedindo a José María Riobó, Manuel Amor Deus, José Díaz Montero, Ramiro Romero, José Miguel Rey e Alfonso Couce, todos eles de Comisións Obreiras e prohibíndolles o acceso á factoría. Ramiro Romero foi agredido polos gardas de seguridade na entrada do estaleiro ao negarse a asinar a notificación da sanción. Situación que xera enfrontamentos entre traballadores e os gardas. Ao saberse o acontecido o paro foi total. Ás nove e media da mañá uns cinco mil traballadores concentráronse para exixir a anulación dos despedimentos e sancións aos gardas. O director falou cos traballadores sen achegar solucións. Os traballadores acordaron manterse concentrados ata que se atendan as súas peticións. Ás tres da tarde a dirección da empresa ameazou co desaloxo policial. Diante da negativa dos traballadores ás cinco da tarde cargou a policía pechándose a factoría. Os enfrontamentos continuaron xa na cidade e escoitáronse os primeiros disparos da policía.

O día 10 a prensa informou do acontecido. Do peche da empresa, as cargas policiais e os disparos contra os traballadores. Ás sete e media da mañá xuntáronse uns catro mil traballadores nas portas de Bazán pechadas. Decidiron ir en manifestación ata o polígono de Caranza, entón un barrio novo en construción, e alí xuntarse cos traballadores de Astano. Ao paso dos traballadores na Estrada de Castela ca Avenida das Pías a policía cargou contra os traballadores que responderon con pedras. A policía disparou contra eles. Dous traballadores morreron e medio cento quedaron feridos. A policía tivo que se retirar ao cuartel onde tiveron que defenderse de varios intentos de asalto. Os feridos non foron ao hospital por medo a ser detidos. Ao saberse o que estaba a acontecer as empresas da zona comezaron a pechar en folga solidaria. O goberno cortou as comunicacións por terra e telefónicas da cidade e un buque da Armada Española situouse fronte á ponte das Pías. Representantes dos traballadores entrevistáronse co capitán da Zona Marítima do Cantábrico para evitar a intervención militar. O exército permanece acuartelado e Ferrol é tomado pola Garda Civil e a Policía Armada con efectivos de León e Valladolid[1]. O paro foi total ata o 20 de marzo en que volveu abrir Bazán. A nova tivo alcance mundial e apareceu nas portadas de The Guardian, Le Monde ou The New York Times.

Houbo dous traballadores mortos, 16 feridos de bala e ducias por outras lesións, 160 despedidos, 101 detidos, 60 encarcerados e 54 multados con entre 50.000 e 250.000 pesetas.[2] Só se coñece unha imaxe do acontecido: unha foto onde se ve aos traballadores camiñando pola Estrada de Castela á altura do barrio de Recimil, uns minutos antes dos feitos.[3] O acontecido o 10 de marzo de 1972 nunca foi levado aos xulgados e ninguén respondeu pola morte dos dous traballadores nin polos feridos.

LegadoEditar

 
Rúa Dez do Marzal, Ferrol.

A rúa en Recimil fronte á Avenida das Pías, onde aconteceron os feitos, é chamada Dez do Marzal dende 1981[4]. Ata a construción do monumento aos mortos e feridos tódolos anos facíase unha ofrenda floral no pequeno campo que había entre Recimil e a Avenida das Pías, no lugar onde caeron mortos os traballadores.

No ano 1997, o Parlamento de Galiza aprobou por unanimidade unha declaración institucional onde facía constar o especial significado do 10 de marzo, celebrado polas principais organizacións sindicais do país como Día da Clase Obreira Galega, especialmente por Comisións Obreiras, pois foi o sindicato que pediu a declaración. A efeméride acadou rango oficial en 2006.

No ano 2018, o videógrafo Ángel García e a periodista Marta Corral presentaron o documental titulado ¡Esto se cae!, facendo alusión ao berro de guerra que se escoitaba naqueles anos 70 nas rúas de Ferrol. O filme recolle a testemuña das mulleres do 72, loitadoras do movemento obreiro na procura da democracia, facendo un recoñecemento cos nomes e apelidos máis un exercicio de recuperación da memoria e da xustiza histórica.[5]

NotasEditar

Véxase taménEditar

Ligazóns externasEditar