As mulleres do 72

As mulleres do 72 son coñecidas deste xeito polos sucesos ocorridos o 10 de marzo de 1972 na cidade de Ferrol (A Coruña). Nese día, tivo lugar unha manifestación obreira local en protesta sobre a imposición dun convenio colectivo interprovincial. Os enfrontamentos coa policía remataron con dúas persoas falecidas. No ano 2006 declarouse esta data como Día da Clase Obreira Galega.

As mulleres do 72 foron agasalladas o 8 de marzo de 2018 con motivo do Día Internacional da muller no Concello de Ferrol salientando a súa valía como loitadoras pola democracia e os dereitos das mulleres. Ese mesmo día foi presentado o documental Esto se cae! con elas de protagonistas.

As loitas obreiras en Ferrolterra

editar

Na historia da clase traballadora ferrolá houbo varios momentos de importante repercusión tanto na cidadanía como na prensa da época, debido a consecución dalgunhas reinvindicacións acadadas. Entre 1967 e 1971 houbo moitos movementos reivindicativos en numerosas empresas. Os tres seguintes son algúns dos que se atopan con referencias da participación feminina. Ademais, hai que salientar o labor das mulleres, compañeiras dos homes que foron ós cárceres como presos políticos a as súas loitas pedindo audiencia coas autoridades competentes.[1]

Neste contexto, no inicio da década dos 70 había unha importante actividade cultural entre a veciñanza de Ferrol. O Centro Cultural de Santa María era un lugar de encontro onde celebrar conferencias, reunións do Cine Club Concepción Arenal coa proxeción de películas e posterior debates que levaban á crítica da situación política da época. O Cine Club, incorporouse no ano 71, cando tivo eleccións a súa xunta directiva que resultou composta de persoas do partido comunista e unha única muller, Rosario Alabau.[1]

No centro xuntábanse moitos colectivos como líderes do obreirismo ferrolán, estudantes da universidade, etc. Participaban en coloquios, vían películas documentais e participaban en debates de temas de actualidade. Tamén as mulleres activistas e solidarias das loitas obreiras, manifestantes que recollían alimentos, sinaturas para presentar cartas ante as autoridades ou participando nos peches en igrexas. Alí organizáronse en células do Partido Comunista e do Movemento Democrático de Mulleres.[1]

Así foi como mentres os homes comezaron a controlar o sindicato vertical, as mulleres entraron nas asociacións de amas de casa que tiñan moita forza no franquismo, participaron en peches, repartiron panfletos, recolleron fondos para as folgas e apoiaron as persoas que foron presas e as súas familias. Acadaron unha gran conciencia obreira e de loita.[2]

Pesquerías y Secaderos de Bacalao de España (PYSBE)

editar

No ano 1967, a empresa Pesquerías y Secaderos de Bacalao de España (PYSBE)[3] levaba vinte anos funcionando no peirao de Ferrol. Aínda que había algúns homes, a meirande parte do cadro de persoal eran mulleres (entre 230 e 250), facendo traballos de descarga, salgadura e secado de bacallau. Tratábase dun traballo moi duro, cun salario moi baixo e penosas condicións laborais.[4]Ademais, non tiñan estabilidade laboral, xa que no mes de decembro nin traballaban nin cobraban e co argumento do traballo descontinuo -ía ao ritmo das chegadas a porto dos buques- non as contrataban como fixas. Tamén, algúns meses a factoría non cotizaban por elas á Seguridade Social.[1]

Nesas circunstancias comezaron a organizarse o sindicato das Comisións Obreiras da PYSBE, co sindicalista Rafael Pillado á fronte e tres mulleres no grupo: Ángeles Rivera Torres, Josefa Darriba e Josefina Fernández Umbón. A reivindicación principal foi o dereito da contratación fixa das traballadoras, xa que tal como narra Ánxela Loureiro "O regulamento do sector recoñecía que cun número determinado de días traballados ao ano que elas cumprían, o empresario debía contratalas como persoal fixo".[1] Nin a empresa nin o sindicato vertical favoreceron a negociación, e o 13 de abril de 1967 a empresa presentou o expediente de suspensión de contratos para 230 traballadoras e a exixencia de firmar a liquidación. As mulleres acordaron non asinar o despedimento e ao mesmo tempo foron organizando clandestinamente cos compañeiros das Comisións Obreiras unha folga para ese mesmo día. Segundo a prensa da época concentráronse máis de mil cincocentas persoas na Delegación Comarcal, formando unha manifestación camiño do Concello, pero as forzas da Policía Armada impedírono. A pesar dos avisos policiais para disolver a manifestación, as traballadoras da PYSBE insistían en ser escoitadas pola autoridade local. Despois de media hora a policía comezou a usar as porras con violencia para dispersar á xente concentrada.[5]

Houbo varias persoas feridas e detiveron a catorce manifestantes, dos que trece eran sindicalistas de Bazán, coa acusación de manifestación ilegal e non pacífica e a Ángeles Rivera Torres, empregada da PYSBE, a quen condenaron tamén por agresión a un policía. Os traballadores de Bazán estiveron uns días no cárcere mentres que ela pasou tres meses. Seguiron as manifestacións na cidade coa participación de obreiros de moitas empresas de Ferrol e tamén traballadoras da PYSBE, pedindo a liberación das persoas presas e reivindicando os dereitos laborais. Ao fin, conseguiron algunhas peticións e a PYSBE retirou as cartas de despedimento e aceptou a contratación fixa segundo o que marcaba a lei das horas traballadas no ano.[1]

Peninsular Maderera (PEMSA)

editar

Na desembocadura do río da Sardiña localizábase a empresa Peninsular Maderera (PEMSA), dedicada a fabricar portas e taboleiros de madeira. As condicións laborais foron a peor a finais dos anos sesenta. A maquinaria era anticuada e sen protección, os servizos hixiénicos non cubrían as necesidades básicas, as sancións eran frecuentes e diminuían os soldos do persoal. As mulleres cobraban menos polo mesmo traballo que facían os homes. As exixencias da empresa pretendían dobrar a produción e comezaron as protestas.

Coa colaboración das clandestinas Comisións Obreiras organizaron mobilizacións e pasado un tempo sen cambios positivos por parte da empresa chegaron a unha folga xeral durante 37 días, rexeitando o despido de dez traballadores. A situación non mellorou, a policía disolvía concentracións, había ameazas de detención e a empresa enviaba comunicados á prensa acusando os obreiros de negarse a dialogar e resolver. O persoal da PEMSA organizouse para desmentir as informacións falsas, buscou apoio na cidadanía, falaron coas autoridades, fixeron caixas de resistencia e organizaron peches na Concatedral de San Xiao, coa participación de homes e mulleres e o apoio do Partido Comunista. Varias mulleres militantes como Divina García Perreño, Fina Varela, Fina Piñón, María García Deibe e a súa filla Encarna Puentes organizáronse para ir pola veciñanza pedindo diñeiro e comida para as familias da madeireira. Fora unha decisión tomada no partido e convidaron a outras persoas a participar, a maioría mulleres.[1]

As traballadoras demandaron a igualdade salarial cos homes nun escrito presentado na Casa Sindical en abril de 1970 e acadaron a equiparación tras a folga, en maio dese ano.[6]

Metalúrgica Galaica, S.A. (MEGASA)

editar

Esta empresa metalúrxica comezou sendo un almacén de ferros, localizada en Xuvia, e chegou a ser unha industria importante en Ferrolterra. No verán de 1970 os obreiros manifestaron non estar conformes coas condicións laborais do convenio e como non se tiveron en conta as súas demandas, no mes de outubro comezaron paros reivindicando melloras. Houbo despidos, intervención da policía e máis de cen días de paros nos que se demostrou a solidariedade da xente e as empresas de Ferrol como Bazán, Astano, Pysbe e Pemsa. As mulleres tamén estiveron moi implicadas, percorreron os barrios informando, pedindo alimentos, expuxéronse a ser denunciadas e participaron nos encerros e peches. Nos rexistros das recadacións firmaron como Mulleres Democráticas.[1]

Algúns cregos tamén colaboraron e animaron aos fregueses para axudar as persoas que se pechaban nas igrexas como protesta. O 13 de novembro de 1970 fixeron un peche na concatedral de San Xiao, onde se xuntaron obreiros, familias e nenos. Un grupo de Mulleres Democráticas con Fina Varela, Angelita Fernández, María García, Teresa Mandiá, Lucita Aneiros, Encarna Puentes, Fina Piñón, Divina García e Fina López foron coa intención de pasar a noite, máis a policía desaloxounas pola forza e sen respectar a autoridade do párroco que permitía que estivesen alí. As Mulleres Democráticas xuntáronse á saída de San Xiao e foron pola rúa dando consignas de apoio a MEGASA para que a xente soubese a situación. A xente ía asomándose ás ventás, e Sari Alabau foi unha desas persoas que acabada de chegar á cidade contactou deste xeito coas Mulleres Democráticas. Adoitaban pecharse en San Xiao e despois formaban pequenos grupos (comandos) para percorrer as rúas berrando consignas e tirando panfletos.[7]

O conflito de MEGASA continuou ata xaneiro e conseguiron un convenio mellor, a pesar das dificultades de estar algúns dos líderes sindicais en prisión. O papel das mulleres non foi recoñecido na época e anos despois algúns dirixentes mencionaron nas súas memorias este traballo feminino agradecendo as súas achegas nas loitas obreiras.[8][9]

Os acontecementos do 10 de marzo de 1972

editar

O día anterior aos feitos, a Empresa Nacional BAZAN, despediu a sete traballadores que lideraban unha protesta que comenzada pola imposición do convenio colectivo interprovincial que querían aplicar na delegación de Ferrol. Entre eles, á fronte estaban Rafael Pillado, Manuel Amor Deus e José Mª Riobó. As compañeiras dos traballadores, enteradas dos feitos, foron ás portas do estaleiro onde a policía entrara. Unha vez alí, estiveron en movemento, xa que era ilegal estar paradas, e acordaron unha manifestación de mulleres para aquela tarde. Acudiron moitísimas persoas a aquela manifestación polas rúas de Ferrol e a policía exerceu a súa forza contra elas. A Fina Varela collérona e metérona nun jeep dicindo "Que che vou voar a cabeza" segundo ela mesma contou.[10] Máis tivo sorte, por ser filla dun garda civil, e deixárona marchar. Moitas non pasaron a noite nas súas casas, por medo a ser detidas, e tiveron que durmir en casas de amizades

Ao día seguinte, o 10 de marzo fora convocada unha manifestación en sinal de protesta e rexeitando o convenio colectivo interprovincial. A cidade estaba pechada, había moitos policías e se escoitaron disparos. Ese día foron asasinados os obreiros Daniel Niebla e Amador Rey.[11][12] Fina Varela viu a Amador Rey xa morto na clínica San Xavier. O padre de Ánxela Loureiro foi con Daniel Niebla na ambulancia cara á Coruña mentres lle doaba sangue, máis o mozo chegaría morto ao hospital.[13] En España, a información do ocorrido foi terxiversada e parcial, máis no resto de Europa e América a represión das forzas públicas foi recollida en varios xornais. A maiores, vinte e tres detidos pasaron polo TOP e o Consello de guerra por ser Bazán instalación da Armada. Fina Varela, Sari Alabau e Mela, la Carbonera, foron xulgadas tres anos máis tarde naquel proceso.[1]

Naquela loita pola democracia participaron moitas mulleres que foron o soporte das súas familias mentres as súas parellas estaban na cadea ou no exilio. Porén, non se recoñeceu a súa implicación directa na defensa das liberdades. Fina Varela, xunto a Ánxela Loureiro, María Fernández, Manuela López, Marisol Novás, Encarna Puentes, Sari Alabau e Fina Freijomil, loitaron desde diferentes ámbitos pola democracia e polos dereitos das mulleres. Tomaron conciencia de que a loita comezaba na casa e rebeláronse contra o rol de esposas e nais e as actividades e tarefas do fogar.[14]

O director de cine Roi Cagiao, emprendeu a rodaxe da longametraxe documental Galicia 10 de marzo centrado nos feitos ocorridos en Ferrol o 10 de marzo do ano 1972. Nunha entrevista declarou que "Era un conflito laboral masculino e por iso o día da manifestación eran maioritariamente homes os que estaban alí, pero as mulleres tiñan unha participación moi importante no movemento obreiro", salientou que "Cando se produce a retirada dos obreiros en dirección á Praza de España, con moitos feridos, elas crearon piquetes e foron polos negocios e fábricas para que pechasen as portas en sinal de protesta. Tres delas foron procesadas no xuízo aos 23".[2] A avogada Cristina Almeida foi unha das defensoras no xuízo internacionalmente coñecido como "os 23 de Ferrol", ante o Tribunal de Orde Pública.[1]

Conmemoración

editar

Desde o ano 2006, a Xunta declarou o 10 de marzo como Día da Clase Obreira Galega, non festivo, en lembranza dos obreiros asasinados nesa data en Ferrol. En abril de 2014 o pleno de Parlamento de Galicia debateu a proposta presentada pola deputada Consuelo Martínez do grupo Alternativa Galega de Esquerda (AGE) na que instaba á Xunta a concesión a título póstumo da Medalla de Ouro da Comunidade aos ferroláns Amador Rey e Daniel Niebla. Porén, aínda que contaba co apoio do resto da oposición non foi aprobado polo voto en contra do PPdeG.[15]

Recoñecementos e legado

editar
  • No ano 2018 o Concello de Ferrol homenaxeou ás mulleres do 72 o 8 de marzo, sendo a primeira vez que otorga un premio coral. Das vinte homenaxeadas, todas estaban vinculadas cos estaleiros agás a valenciana Rosario Alabau ou Fina Piñón.[16]
  • Tamén no ano 2018, a xornalista Marta Corral e o videógrafo Ángel García presentaron o documental titulado ¡Esto se cae!, facendo alusión ao berro de guerra que se escoitaba naqueles anos 70 nas rúas de Ferrol.[17] O filme recolle a testemuña das mulleres do 72 facendo un recoñecemento cos nomes e apelidos máis un exercicio de recuperación da memoria e da xustiza histórica.[18]
  • A escritora Ánxela Loureiro Fernández, protagonista en primeira persoa nos sucesos do 72, publicou o libro Voces da memoria con ollos de muller en 2019.[19] Na dedicatoria do libro explica que é unha homenaxe para dar visibilidade a todas as mulleres loitadoras daqueles anos, de 1970 ao 1977 na procura da democracia.[1]
A elas, ás que estando presentes son ignoradas,

ás que sendo solidarias non levan premios,

ás que protagonizando non aparecen nos créditos,

ás que arriscando a súa vida non son heroínas.

A elas, ás que escribiron unha páxina da nosa historia en Ferrol.

Ás mulleres do 72.

Á miña nai e á miña irmá por ser parte deste relato
Voces da memoria con ollos de muller. Ánxela Loureiro, 2019

Cristina Almeida foi invitada a falar no Ateneo Ferrolán co galo da conmemoración do 10 de marzo en 2016. A avogada estremeña, militante do partido comunista naquelas datas exercera como letrada na defensa dos traballadores. Co título Nosoutras estamos aí, mulleres no marzo do 72, tivo lugar o acto onde se reivindicou o papel das mulleres daquela invisibles.[20]

A comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña concedéronlles o premio de Republicanas de Honra 2022, [21]salientando:

 «que nunca conseguiron un recoñecemento efectivo ao seu máis que relevante papel neses feitos de loita antifranquista e pola democracia»[22]
  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 Loureiro Fernández, Ánxela (2019). Voces da memoria con ollos de muller. Concello de Ferrol. ISBN 978-84-17824-00-6. 
  2. 2,0 2,1 ""Os feitos do 72 en Ferrol supuxeron unha sacudida de conciencia moi importante en toda Galicia"". Praza Pública. 2021-03-10. Consultado o 2021-11-01. 
  3. "PYSBE" (en éuscaro). 2021-06-23. 
  4. Barrera Beitia, Enrique (2016-10-08). "Peninsular Maderera y PYSBE: historia de dos fracasos". Galicia Ártabra Digital (en castelán). Consultado o 2022-01-28. 
  5. "O espiritu rebelde de Angeles Rivera, da Pysbe de Ferrol". Radiofusion - A programación das Emisoras Municipais Galegas. 2013-08-06. Consultado o 2021-11-11. 
  6. "PENINSULAR MADERERA: PELÍCULA DE UN CONFLICTO". Ferrol Diario. 19 de abril de 1970. 
  7. "Por sexto día consecutivo se recluyeron en SanJulián los productores de "MEGASA"". La voz de Galicia. 19 de novembro de 1970. 
  8. González Vidal, Francisco (1999). Paco Balón: Memorias de un comunista ferrolano. Sada - A Coruña: Edicións do Castro. 
  9. Blanco Carballo, A.; Bustabad Hermida, L. (2011). Biografías obreiras de Ferrol. Volume 1. Santiago, Fundación. 
  10. "Ferrol búscase na memoria do 72". adiante.gal (en portugués). 2018-06-11. Consultado o 2021-11-02. 
  11. Salgado, Daniel (2012-03-09). "La Transición fuera del palacio". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2018-02-26. 
  12. "10 de marzo de 1972". La Voz de Galicia (en castelán). 2015-02-01. Consultado o 2022-01-23. 
  13. "Ferrol, marzo del 72: ciudad de guerreras". www.elcorreogallego.es (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 11 de novembro de 2022. Consultado o 2022-11-11. 
  14. Couce, Beatriz (2018-02-25). "«Todas sabiamos que ao saír da casa podiamos xa non volver»". La Voz de Galicia (en castelán) (publicado o 25 de febreiro de 2018). Consultado o 29 de outubro de 2021. 
  15. Gallego, Grupo El Correo. "Los obreros de Bazán asesinados por los 'grises' en 1972 no recibirán la Medalla de Galicia" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 27 de febreiro de 2018. Consultado o 2018-02-26. 
  16. "Web Municipal do Concello de Ferrol". www.ferrol.gal. Arquivado dende o orixinal o 06 de novembro de 2021. Consultado o 2022-01-23. 
  17. "'¡Esto se cae!' Homenaje a las mujeres de la lucha obrera en Ferrol en 1972". www.publico.es. Consultado o 2022-01-23. 
  18. "¡Esto se cae!, documental sobre las mujeres ferrolanas del 72". web.archive.org. 2018-08-21. Archived from the original on 21 de agosto de 2018. Consultado o 2021-11-01. 
  19. "Ánxela Loureiro: "Na ditadura, eu fun detida tres veces e agredida polos Guerrilleiros de Cristo Rey"". www.elcorreogallego.es (en castelán). Consultado o 2022-01-23. 
  20. "Cristina Almeida hablará en Ferrol sobre el papel de las mujeres en los sucesos del 10 de marzo". Ferrol360 (en castelán). Consultado o 2018-10-10. 
  21. crmh (2024-03-10). "As mulleres do 10 de marzo de Ferrol (Republicanas de Honra 2022)". Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Consultado o 2024-11-20. 
  22. Corral, Marta. "Las mujeres del 72 premiadas como ‘Republicanas de Honra 2022’". Ferrol360 (en castelán). Consultado o 2022-04-12. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar