Euskadi Ta Askatasuna

Euskadi Ta Askatasuna (País Vasco e Liberdade), máis coñecida como ETA, foi unha organización armada de Euskal Herria. Buscaba conseguir a creación dun estado vasco a partir da independencia e unión dos diferentes territorios vascos que forman parte do Estado español e do francés.

Euskadi Ta Askatasuna
Logo
AcrónimoETA, ЭТА, ЕТА, ЭТА, ΕΤΑ, אט״א, اتا, ԷՏԱ, ЕТА, إيتا, ایٹا, ЭТА e เอตา
Tipoorganización terrorista, organización armada e entidade desaparecida
IdeoloxíaNacionalismo vasco, socialismo revolucionário, Independentismo, Separatismo e esquerda abertzale
Área de operaciónPaís Vasco
Data de fundación31 de xullo de 1959
Data de disolución3 de maio de 2018
Eventos/Actividadesassassination of Juan María de Araluce Villar, July 1979 Madrid bombings, 1980 Orio ambush, 1980 Zarautz attack, sen etiquetar, Foz de Lumbier incident, 1991 Vic bombing, 2006 Madrid–Barajas Airport bombing, Murder of Eduardo Puelles, 2009 Palma Nova bombing, Plaza de Ramales attack, sen etiquetar, sen etiquetar, October 1978 Getxo attack, 1993 Madrid bombings, Sabadell bombing, 1992 Madrid bombing, 1980 Markina attack, 1995 Vallecas bombing, Atentado de Hipercor, 1980 Ispaster attack, Mutxamel bombing, Plaza República Dominicana bombing, September 1982 Rentería attack, 1987 Zaragoza Guardia Civil Barracks bombing, 1987 Zaragoza Military Bus bombing, murder of Ernest Lluch, murder of Francisco Tomás y Valiente, Secuestro e asasinato de Miguel Ángel Blanco, Murder of Melitón Manzanas, Murder of Jean-Serge Nérin, Murder of José Pardines e Announcement of the definitive cessation of ETA's armed activity
Organización relacionadaBatasuna, Iparretarrak e Bildu
PaísEspaña e Francia
editar datos en Wikidata ]

Era oficialmente considerada como organización terrorista por España, Francia[1], o Reino Unido,[2] a Unión Europea[3], os Estados Unidos de América[4], o Canadá[5], o Consello de Europa [6] e a ONU.[7] Ten sido criticada por Amnistía Internacional polo uso de métodos violentos como o asasinato e o secuestro [8], ademais da extorsión a empresarios para obter o chamado «imposto revolucionario», unha das súas fontes de financiamento. Os seus atentados causaron un total de 828 vítimas mortais até o 30 de xullo de 2009.[9]

Os seus obxectivos foron evolucionando co tempo. Nos últimos tempos, declaraban que o seu fin era o recoñecemento por parte dos Estados español e francés do dereito de autodeterminación de Euskal Herria para poderen estabelecer un estado socialista vasco independente.

O 20 de outubro de 2011, ETA emitiu un comunicado no que anunciou o cesamento definitivo da actividade armada.[10][11] O 16 de abril de 2018 emitiu unha carta na que anunciaba a disolución definitiva de todas as súas estruturas.[12]

Obxectivos editar

 
Mapa de Euskal Herria

A meta de ETA, establecida en 1995 na Alternativa Democrática, é conseguir unha negociación co Estado español para chegar ás seguintes condicións:[13]

  • O recoñecemento do dereito de autodeterminación para Euskadi e Navarra, tamén coñecida como Hegoalde (literalmente, parte sur).
  • Que a cidadanía vasca é a única que pode tomar decisións sobre o futuro do País Vasco.
  • A amnistía para todas e todos os militantes en prisión ou no exilio.
  • O respecto para os resultados do proceso democrático no País Vasco.
  • O total alto ao fogo unha vez estes puntos estean garantidos por un acordo político.

Antes desta data, ETA basicamente apoiaba a Alternativa KAS de 1976, unha plataforma proposta por Coordinación Patriótica Socialista (KAS no seu acrónimo en éuscaro), que tiña pequenas variacións segundo as versións, mais que basicamente era o seguinte:[14][15][16]

  • Liberdades democráticas.
  • Liberdade para as presas e os presos políticos de ETA.
  • Disolución (ou retirada) das forzas de seguridade do Estado do País Vasco.
  • Legalización de tódolos partidos políticos.
  • Mellora das condicións de vida para a clase traballadora.
  • Recoñecemento da soberanía nacional para o País Vasco.
  • Organización dun réxime provisional de maior autonomía para Hegoalde.

A organización ten adoptado de cando en vez outras causas tácticas secundarias como a loita contra:

  • O tráfico de drogas como corrupción da xuventude vasca e a policía colaboradora.
  • A central nuclear proxectada en Lemoiz (Biscaia), xamais finalizada e agora desmantelada.
  • A autoestrada de Leizara.
  • A construción de liñas de tren de alta velocidade en Euskadi (o "Y" vasco).

Denominación editar

Os integrantes de ETA adoitan ser chamados «etarras», un neoloxismo creado pola prensa española a partir do nome da organización e o sufixo vasco co que se forman os xentilicios nese idioma. Nun primeiro momento, chamóuselles «etistas». En vasco, a denominación é etakideak, plural de etakide («membro de ETA»). Os membros e partidarios da organización frecuentemente utilizan así mesmo o termo «gudaris» (gudariak en éuscaro), que significa guerreiros ou soldados.

Historia editar

Durante a ditadura editar

Orixes editar

En 1952 organízase un grupo de estudo universitario co nome Ekin (emprender en éuscaro) en Bilbao. A partir de 1953, o grupo toma contacto coa organización xuvenil do PNV, Euzko Gaztedi (EGI), e ambas asociacións se fusionan en 1956. En 1958 comezan a albiscarse tensións no seo da asociación que levan á escisión de ambos grupos. EKIN convértese en ETA o 31 de xullo de 1959, deslígase así do PNV e adopta unha ideoloxía marxista-leninista. Deseña, ademais, unha estratexia de «acción directa» para actuar como un movemento de resistencia vasco, nunha época en que abundaban as loitas de liberación nacional, como a descolonización de Alxeria. O seu ideario, plasmado na súa primeira asemblea, celebrada no mosteiro beneditino de Belloc (Francia) en maio de 1962, baseábase en:

  • O rexeneracionismo histórico, considerando a historia vasca como un proceso de construción nacional.
  • O que define a nacionalidade vasca é o éuscaro, en contraposición á etnia, como defendía o PNV.
  • Defínense como aconfesionais e rexeitan a xerarquía da Igrexa, aínda que empregan a súa doutrina para a elaboración do seu programa social.
  • O socialismo.
  • A independencia de Euskadi, compatíbel co federalismo europeo.

Primeiras asembleas e primeiros atentados editar

Os elementos esquerdistas, que afastan a ETA da tradición conservadora e católica do PNV, quedan máis definidos a partir da II Asemblea, na que se constatan afinidades entre o ideario de ETA e o comunismo. Esta asemblea celebrouse en Baiona na primavera de 1963.

Na III Asemblea, aproximadamente entre abril e maio de 1964, tomouse a decisión de que a loita armada era o mellor modo de acadar os fins propostos. O relatorio publicouse máis tarde co título "A insurrección en Euskadi". Nesta asemblea, ademais decidiuse unanimemente a ruptura co PNV, cuxo labor ETA consideraba «contrario ós intereses da liberación nacional». A influencia do pensamento de Federico Krutwig deixou en segundo plano os membros máis moderados da dirección.

Resulta difícil precisar cal foi o primeiro atentado de ETA, xa que a autoría dos primeiros que se lle atribúen non está clara. Hai fontes que sinalan que o primeiro foi o asasinato da nena de 22 meses Begoña Urroz Ibarrola o 27 de xuño de 1960, a causa da colocación dunha bomba en Donostia, e outras que foi un intento marrado de descarrilar un tren de veteráns de guerra en 1961. En calquera caso, o primeiro ataque reivindicado foi a morte do garda civil José Pardines Arcay o 7 de xuño de 1968. Onde si semella haber máis unanimidade é en que foi en 1968 cando cometeron o seu primeiro atentado de gran repercusión: o asasinato de Melitón Manzanas, xefe da policía secreta de Donostia e torturador franquista. En 1970, varios membros de ETA son xulgados e condenados a morte no proceso de Burgos, mais a presión internacional fai que se conmute a pena, que xa fora aplicada a outros membros de ETA con anterioridade. O atentado de maior repercusión durante a ditadura foi en decembro de 1973, cando asasinaron ó almirante e presidente de goberno Luis Carrero Blanco en Madrid, acción aplaudida por moitas políticas e políticos dende o exilio e ETA convértese nunha referencia para boa parte da esquerda española.

IV Asemblea: as tres correntes editar

A partir da IV Asemblea aparecen algunhas das liñas de fractura que dividirán aos membros da organización e que se farán máis claras en asembleas sucesivas, dando lugar a varias escisións. Dun xeito simplificado, por unha parte hai unha tensión ideolóxica entre quen dan prioridade aos aspectos nacionais da actividade de ETA e, por outra banda, quen privilexia a implicación nas loitas obreiras que sacoden a toda España neses anos. Alén disto, discútese sobre os graos de importancia que deben ter na actuación da organización as loitas netamente políticas dun lado e a actividade armada doutro. Na IV Asemblea, que se iniciou en agosto de 1965 en Guipúscoa, na Casa de Exercicios Espirituais dos xesuítas de Loiola (Azpeitia) e continuou nunha cabana das campas de Urbía, lugar próximo ó Santuario de Arantzazu, ao seren sorprendidos algúns delegados do exilio de camiño á primeira sede, marcáronse tres tendencias:

  • A «culturalistas» ou «etnolingüistas», representada por José Luis Álvarez Enparantza, Txillardegi, o sector máis nacionalista.
  • A «obreiristas», representada por Patxi Iturrioz.
  • A «tercermundistas», representada por Zalbide, partidario de establecer un vínculo entre a loita pola independencia vasca e as loitas de liberación nacional que se estaban dando en varios países fronte ás potencias coloniais.

Nesta asemblea aprobouse definitivamente o uso da violencia armada como unha das formas de acción habituais da organización baixo o principio de acción-represión-acción. Tamén se aprobou o emprego da violencia para conseguir fondos económicos. O primeiro atraco a man armada tivo lugar en Bergara (Guipúscoa) o 24 de setembro de 1965.

V Asemblea: ETA Berri e ETA Zaharra editar

A V Asemblea dá lugar á primeira escisión. Realizouse en dúas fases, a primeira en decembro de 1966 na casa parroquial de Gaztelu (Guipúscoa). A segunda celebrouse en marzo de 1967 na casa de exercicios espirituais da Compañía de Xesús de Getaria (Guipúscoa). Na asemblea estouparon as diverxencias entre a corrente obreirista e os dous sectores nacionalistas formados na IV Asemblea. A corrente obreirista, sinalada como «españolista» por pretender dar prioridade á alianza con grupos de esquerdas do Estado español, escindíuse nunha organización que chamaron ETA Berri (Nova ETA). Os outros dous sectores quedaron encadrados na chamada ETA Zaharra (Vella ETA), que pronto volvería ser simplemente ETA. ETA Berri contribuíu a crear e acabou por disolverse nun partido político de ámbito español chamado Movemento Comunista (MC). En ETA Zaharra, o sector terceiromundista acurrunchou e apartou do poder ó sector culturalista de Txillardegi, que formou un grupo interno chamado Branka. Na V Asemblea decídese tamén a creación das catro frontes ou grupos de traballo interno que manterá a organización ó longo dos anos: político, militar, económico e cultural.

VI Asemblea: ETA-V e ETA-VI editar

Na VI Asemblea, celebrada no verán de 1970 en Baiona, rexorden con forza as tensións, esta vez entre militaristas (partidarios da preeminencia da actividade terrorista), e un sector chamado outra vez «obreirista», que avoga pola supeditación da loita armada á loita política realizada en alianza coas organizacións obreiras. Este último sector é maioritario durante a celebración da asemblea, e a súa decisión de limitar a actividade armada fai que o sector militarista se negue a aceptar as resolucións da asemblea, creando unha escisión que chamarán ETA V Asamblea Askatasuna ala hil (Liberdade ou morte) ou ETA-V. O sector maioritario emprega a denominación ETA VI Asamblea Iraultza ala hil (Revolución ou morte) ou, abreviadamente, ETA-VI. Porén, ETA-V logra facerse co control da organización, na que se integra un sector de EGI, as xuventudes do PNV, partidario da loita armada. ETA-VI, pola súa banda, divídese en dous grupos; o maioritario, que aproba en 1973 integrarse na Liga Comunista Revolucionaria (LCR, partido de ámbito español que moitos anos despois se unificará co MC; e o minoritario, que se disolverá ó integrarse os seus membros noutras organizacións como a Organización Revolucionaria de Trabajadores (ORT) e o PCE, ou incluso na propia ETA-V (novamente ETA a secas).

A segunda VI Asemblea: ETA militar e ETA político-militar editar

A VI Asemblea de 1973 (recordemos que quen fica co nome de ETA non recoñece a anterior VI Asemblea) é a que provoca as derradeiras e máis importantes escisións ata agora. Celébrase en dúas partes, a primeira na localidade vascofrancesa de Hasparren en agosto de 1973, e a segunda tralo atentado da rúa Correo de Madrid. Na primeira parte rexorden as tensións entre militaristas e obreiristas, que se plasman en dous sectores enfrontados e con pouca comunicación entre eles. Son os militaristas quen deciden unilateralmente atentar contra Carrero Blanco en decembro de 1973, provocando a escisión do sector obreirista, que se constituirá no Partido Revolucionario de los Trabajadores Vascos (PRTV), abandonando ETA.

Tralo atentado rexorde, durante a celebración da segunda parte da asemblea, a antiga discrepancia entre quen avogan pola prioridade absoluta da actividade terrorista e quen desexan a súa supeditación ás loitas políticas. Así xorden dúas organizacións: ETA Militar (ETA-m) e ETA Político-Militar (ETA p-m).

Durante a transición editar

Cando se inicia a chamada Transición, polo tanto, hai dúas ETA. ETA p-m apoiou a fundación dun partido político que representara o ideario da organización ante as eleccións xerais de 1977, o Euskal Iraultzarako Alderdia (Partido para a Revolución Vasca). Máis adiante, ETA p-m aceptou a amnistía concedida polo goberno español a tódalas presas e presos etarras aínda que tiveran delitos de sangue, abandonando a violencia e integrándose no partido político Euskadiko Ezkerra («esquerda de Euskadi»), que posterioemente se fusionaría co PSE-PSOE. O abandono da violencia, decidido na VII Asemblea de ETA p-m, foi contestado por boa parte da súa militancia, que se integrou en ETA-m (que en adiante, volveu ser coñecida simplemente como ETA), en especial os chamados comandos bereziak (especiais), dedicados ás accións violentas máis importantes. Algúns dos dirixentes do que en adiante sería xa a única ETA proceden de ETA p-m, como Antxon ou Pakito, e débeselle a persoas desta procedencia tamén a chamada Alternativa KAS.

ETA, pola súa banda, consideraba que co sistema constitucional de 1978 as cousas non cambiarán substancialmente no referido ao dereito de autodeterminación, e decidiu continuar a súa actividade terrorista conforme a idea que viña defendendo de preeminencia da loita armada sobre a política e dos aspectos nacionais sobre os sociais ou revolucionarios. Os atentados aumentaron en número e intensidade. Entre estes destacan:

  • O primeiro atentado con coche bomba en Madrid, en setembro de 1985, cunha persoa falecida e 16 feridas.
  • A bomba que matou 12 gardas civís e feriu 50 en xullo de 1986
  • O atentado de Hipercor o 19 de xuño de 1987, en que unha bomba nun centro comercial de Barcelona causou a morte de 21 persoas e feriu a 45. Neste caso, ETA explicou nun comunicado que avisara previamente da colocación da bomba e que a policía non desaloxou o local.

Durante a ditadura franquista, e grande parte da democracia, ETA gozou da tolerancia do goberno francés, que permitía aos seus integrantes moverse libremente polo seu territorio, coa idea de que así contribuiría á fin do réxime franquista. Falábase entón do «santuario francés» de ETA. Xa no séclo XXI, Francia colabora intensamente coas autoridades españolas na loita contra ETA.

Durante a democracia editar

Entre 1983 e 1987 xurdiron os Grupos Antiterroristas de Liberación ou GAL, organización que cometeu asasinatos, secuestros e torturas, tanto a membros de ETA como a civís. Chamóuselle a isto a «guerra sucia». En 1997 xulgáronse e encarceráronse a persoas implicadas nos GAL, entre as que había responsables políticos de alto nivel, coma o propio ministro socialista do Interior, José Barrionuevo.

En 1986 fundouse a Coordinadora Gesto por la paz, que comezou a convocar manifestacións silenciosas en todas as vilas ao día seguinte de cada asasinato causado pola violencia política relativa a Euskadi, tanto de ETA como dos GAL, no que foron as primeiras manifestacións contra a violencia terrorista. Ese mesmo ano, ETA asasinou en Ordizia a María Dolores González Katarain, Yoyes, antiga dirixente da organización, que decidira deixar a loita armada e xa se reinserira na sociedade, acusándoa de «desertora».

O 12 de xaneiro de 1988 asinouse o pacto de Ajuria-Enea entre todos os partidos vascos agás Herri Batasuna, co fin de acabar coa violencia de ETA.

O 28 de xaneiro de 1988 ETA anunciou un alto o fogo de 60 días, que prolongou varias veces. Intentouse unha negociación entre ETA (representada por Eugenio Etxebeste, Antxon) e o goberno español do PSOE, denominada Mesa de Alxer, que terminou en maio sen acordos. Finalizou así o alto o fogo.

Alegando a necesidade de evitar que ETA impedise mediante coacción a reinserción dos seus membros presos, anteriormente agrupados en cárceres vascas, o goberno do PSOE decidiu a dispersión dos presos de ETA polos cárceres de todo o Estado español. Esta medida, que busca que os presos etarras non formen un grupo de presión nos cárceres vascos, provocou rexeitamento, especialmente desde sectores nacionalistas, que proclaman a súa ilegalidade.

En 1992, a cúpula dirixente de ETA ao completo é detida en Bidarte, o que forzou o cambio de dirección. Tras unha tregua de dous meses, adoptan postulados máis radicais. A principal consecuencia deste cambio de rumbo foi a suposta creación dos «comandos Y», formados por mozas e mozos (xeralmente menores de idade) dedicados á chamada kale borroka («loita na rúa» en vasco). As súas actividades incluirían a queima de autobuses e mobiliario urbano e mais o lanzamento de cócteis molotov. A súa aparición atribúese a unha hipotética debilidade de ETA, que os obrigaría a recorrer a menores para manter ou aumentar o seu impacto na sociedade tras importantes detencións dos seus militantes, incluída a súa cúpula militar. Tamén empezaron a recibiren ameazas as e os concelleiros de partidos políticos non nacionalistas vascos. Con todo, dentro do chamado Movemento de Liberación Nacional Vasco négase a existencia dos Comandos Y, e afírmase que a súa descrición é unha manobra para impoñer unha maior pena de prisión a quen realiza estas accións. O papel de ETA como organizador da kale borroka foi considerado probado pola Audiencia Nacional. Por outra banda, desde distintos sectores políticos de esquerda (principalmente da esquerda abertzale) négase este papel.

En 1995, a organización lanzou unha serie de esixencias ao goberno español como condición para o cesamento da violencia. A chamada Alternativa Democrática viña substituír a alternativa KAS como proposta de mínimos para o recoñecemento de Euskal Herria. Do recoñecemento por parte do Goberno Español da territorialidade vasca, de que a soberanía reside no pobo vasco e de que este ten o dereito de autodeterminación, derivaría o cesamento total das actividades armadas de ETA. O goberno español rexeitou as esixencias de ETA, intentou silenciar a súa difusión e os tribunais procesaron a mesa nacional de HB por aproveitar os espazos gratuítos de publicidade electoral para difundir as esixencias, engadindo ao seu anuncio algunhas imaxes extraídas dun vídeo de ETA.

O 19 de abril dese mesmo ano fracasou un atentado con coche bomba contra o líder da oposición conservadora José María Aznar, que pronto sería elixido presidente de goberno, e, segundo as forzas de seguridade, foi abortado o asasinato do rei Juan Carlos I, aínda que o acto de maior impacto social veu ao ano seguinte. O 10 de xullo de 1997 secuestraron ao concelleiro do Partido Popular de Ermua Miguel Ángel Blanco, ameazando con matalo se o goberno español non cedía ás súas esixencias. Seis millóns de persoas manifestáronse, tanto no País Vasco como no resto de España, para esixir a súa liberación. Ao cabo de dous días ETA cumpriu a súa ameaza, o que desencadeou manifestacións masivas de rexeitamento ao berro de «¡Asasinos!», «Vascos si, ETA non» e outros. Denominouse a isto entón o «espírito de Ermua».

A tregua de 1998 editar

O 16 de setembro de 1998, ETA declaraba [17] unha "tregua indefinida e sen condicións" que entraría en vigor dous días despois do seu anuncio. ETA dicía no seu comunicado que "Os cidadáns vascos estamos soxulgados baixo dous Estados fortes. Ambos Estados utilizan todos os seus instrumentos armados, políticos, económicos e culturais para evitar as posibilidades que tiña Euskal Herria, un pobo libre no futuro". Pero advertía ETA que o obxectivo deste paso non era a "pacificación", e que sería un engano á sociedade dicir que este paso leva á "normalización", "a consolidación do marco actual e unha paz sen que nada cambie.". Respecto das institucións, recordaban o seu obxectivo de crear unha institución única e soberana que integre todos os territorios que reclaman, e que era a hora "de acabar cos partidos, estruturas institucionais e represoras que teñen por obxectivo a construción de España e Francia, e a desaparición de Euskal Herria."

O seu comunicado, para rematar, matizaba a suspensión das súas actividades, recoñecendo que seguiría desenvolvendo os labores de fornezo, mantemento das súas estruturas e o seu "dereito de defensa en hipotéticos enfrontamentos", e advertía da posibilidade de revogación da tregua indefinida, condicionándoa aos acontecementos futuros.

Esta tregua estivo precedida por un acordo [18] asinado un mes antes pola propia organización terrorista ETA, o Partido Nacionalista Vasco e Eusko Alkartasuna, no que todas as partes comprometíanse a buscar a integración dos seis territorios nunha institución única e soberana, obxectivo político de ETA, e os partidos políticos PNV e EA comprometíanse a "deixar os seus acordos cos partidos que teñen como obxectivo a destrución de Euskal Herria e a construción de España (PP e PSOE)". Pola súa banda, ETA obrigábase a anunciar o "alto ó fogo indefinido".

O 12 de setembro dese mesmo 1998, catro días antes do anuncio oficial de tregua por parte de ETA, asinouse na localidade navarra de Estella un pacto [19] entre o Partido Nacionalista Vasco, Herri Batasuna, Eusko Alkartasuna, Ezker Batua-Berdeak, o sindicato LAB, e outras organizacións no que se analizaba a situación de Irlanda do Norte e tratábase de proxectar o proceso de paz alí seguido para o caso do País Vasco. Declaraban os firmantes o proceso que debía seguirse para a "resolución política do conflito". Este método baseábase na negociación política, en ausencia de violencia, para dar resposta "á tradición e aspiracións de soberanía das cidadás e cidadáns de Euskal Herria". O acordo coñeceuse como Pacto de Estella. A súa firma puxo fin ao Pacto de Ajuria Enea.

En maio de 1999 produciuse en Suíza unha reunión entre representantes da banda terrorista ETA e enviados do goberno español. Esa reunión pretendía ser para ETA un primeiro contacto para unha serie de reunións nas que se abordasen cuestións políticas. Para o goberno pretendía ser un modo de tratar de verificar de primeira man se a banda estaba disposta a cesar dun modo definitivo as súas actividades criminais. A reunión non prosperou.

En setembro dese mesmo ano, ETA propuxo a PNV e EA subscribir unha actualización [20] do compromiso adquirido o ano anterior, no que buscaban a materialización dos obxectivos fixados, mediante a celebración dunhas eleccións en toda Euskal Herría (tanto a parte española como francesa) que elixise un parlamento encargado de redactar unha Constitución para o novo Estado. ETA condicionaba o cesamento definitivo das súas actividades terroristas á "fortaleza e estabilidade" do novo parlamento. Este novo acordo foi rexeitado polos firmantes do pacto anterior e xa que logo non chegou a formalizarse.

O 28 de novembro ETA anunciaba [21] a ruptura da tregua mantida durante un ano. No seu comunicado, recordaba o pacto asinado con PNV e EA e as formulacións do Pacto de Estella, e aludía como razóns para a reanudación das súas actividades criminais, a presión exercida polos gobernos de España e Francia e a pretensión do goberno español de "que de ser un proceso de construción nacional pasase a ser un proceso de paz sen contido, intentando afogar á esquerda abertzale na «normalidade» política e coa intención obstinada e maligna de que a interrupción «provisional» das accións de ETA pasase a ser «definitiva» e irreversible.". Tamén se queixaba de que PNV e EA non responderan á súa proposta de actualización de pacto. Anunciábase a data do 3 de decembro como a escolleita para a volta á violencia.

A tregua en Cataluña editar

O 26 de xaneiro de 2004, o xornal ABC desvelaba que o entón "conseller en cap" da Generalitat de Cataluña, Josep-Lluís Carod-Rovira entrevistárase os días 3 e 4 de xaneiro na localidade norcatalana de Perpinyá con dirixentes de ETA e que ultimaba un pacto coa banda terrorista segundo o cal esta comprometeríase a non atentar en Cataluña a cambio de que o líder de Esquerra Republicana de Catalunya proclamara unha declaración independentista en favor do dereito de autodeterminación dos pobos. O mesmo día, e trala publicación da información en ABC, o propio Carod-Rovira confirmou [22] a reunión, aínda que asegurou que, pese a ter falado de política, non chegara a ningún "pacto, nin ningún acordo nin ningunha contraprestación, porque non falaba en nome de ningún goberno". Pediu desculpas á Generalitat por non ter informado e por facelo cando era o número dous da mesma, tralo cal presentou a súa dimisión, que foi aceptada polo presidente da Generalitat, Pasqual Maragall, permanecendo como conselleiro sen carteira ata o día 3 de febreiro de 2004.

O 18 de febreiro, ETA anunciaba [23] unha tregua unicamente para o territorio de Cataluña co "desexo de unir os lazos entre o pobo vasco e o catalán". O entón presidente do goberno, José María Aznar, declarou que este anuncio era a contribución de ETA a "esta estratexia repulsiva, promovida por Esquerra Republicana de Catalunya"[24]. O líder do PSOE, José Luis Rodríguez Zapatero, opinaría que "o contido do comunicado de establecer unha tregua en Cataluña é absolutamente rexeitable e inadmisible e, dende logo, debe ter consecuencias políticas"[25]. O presidente da Generalitat, Pasqual Maragall diría "Que digan que non matarán en Catalunya nos indigna máis aínda polo que ten de perversión. Non queremos o perdón de ETA. Repúgnanos"[26]. Pola súa banda, Carod-Rovira insistiu en que na súa reunión non se chegou a ningunha clase de pacto á vez que pediu a súa extensión ó resto de España, o abandono das armas e que deixara de matar.[27]

Persecución policial editar

Cada vez con máis frecuencia, as accións de ETA son frustradas polas forzas de seguridade do estado. O día de Noiteboa de 2003 a Policía Nacional detivo en Donostia e Hernani a dous etarras que deixaran dinamita nun vagón presuntamente preparado para estoupar na estación de Chamartín de Madrid; e o día 1 de marzo de 2004, a Garda Civil detivo na provincia de Cuenca unha furgoneta con 536 kg de explosivos, impedindo un atentado na capital. Segundo parece estaba planeado nunha zona comprendida entre Alcalá de Henares e Madrid, á luz dun mapa atopado no vehículo.

O 11-M editar

O goberno español identificou, nun primeiro momento, a ETA como a organización autora do masacre, o que negaron as forzas próximas á organización terrorista e a propia ETA nun comunicado ao día seguinte, e xa de inmediato xurdiu a hipótese dunha organización terrorista islamista radical que se reforzou ao anunciar o ministro do interior o descubrimento dunha furgoneta con detonadores e unha casé con textos do Corán, aínda así mantívose oficialmente a tese dun atentado de ETA, o que lle supuxo ao goberno fortes críticas nalgúns medios de comunicación e polas forzas políticas da oposición. Polas investigacións levadas a cabo, cada vez cobrou máis forza a teoría que establecía que foron islamistas os autores, por non dicir que unha célula islamista reivindicounos. Finalmente a sentenza xudicial do caso dicía que non hai indicios que poidan facer pensar en ETA nin como autora nin como colaboradora no atentado.

A proposta de Anoeta editar

O 4 de outubro de 2004 a policía francesa lanzou unha operación contra o aparato loxístico de ETA na que se realizaron 20 detencións. Entre eles estaban Mikel Albizu Iriarte, Mikel Antza, e a súa compañeira sentimental, Soledad Iparragirre, Anboto, máximos responsabeis da banda, xunto con outros dirixentes destacados. Descubríronse catro zulos cunha gran cantidade de armamento, moi superior á que se estimaba no seu poder; tamén se interveu material con información sobre ETA e se requisou a imprenta coa que se editaba o boletín interno, aínda que non se localizou ningunha suma importante de cartos. A operación foi cualificada como a máis importante dende as detencións en Bidarte en 1992. En medios afíns a ETA restouse importancia ós feitos, sinalando que a dirección de ETA tería en breve novos responsables. España solicitou a extradición de Mikel Antza e Anboto mediante unha euroorde.

O 14 de novembro de 2004, Batasuna organizou un acto político multitudinario no Velódromo de Anoeta, que o seu portavoz, Arnaldo Otegi, presentou como "un acto ilegal dunha organización ilegal". Nese acto formalizouse a súa proposta para a superación do conflito, que sería asumida tamén por ETA e grande parte da esquerda abertzale. Esta proposta baseabase no establecemento de dúas mesas de diálogo. A primeira entre o goberno e ETA para tratar o tema do cesamento das actividades terroristas, e a segunda mesa, constituída por tódolos partidos políticos, pero ó marxe do Parlamento vasco, para debater o tema político.

editar

Despois de múltiples intentos de atentados frustrados pola policía e a Garda Civil, ETA propuso unha tregua pouco antes das eleccións do 17 de abril de 2005 ó Parlamento Vasco. A resposta do goberno foi unha petición a ETA para que abandonase as armas como condición de calquera negociación. Entre tódalas forzas políticas españolas das Cortes (partidos políticos vascos incluídos) había consenso en que o Estado non faría concesións de tipo político á banda terrorista.

O 17 de maio de 2005, aprobouse no Congreso unha resolución do PSOE na que se autoriza o diálogo con ETA se se producen as condicións adecuadas para un final dialogado da violencia, como unha clara vontade para poñer fin á mesma e actitudes inequívocas que poidan conducir a esa convicción. Esa resolución, que contou co apoio de tódolos grupos políticos agás o Partido Popular (192 votos a favor e 142 en contra), dicía explicitamente que "as cuestións políticas deben resolverse unicamente a través dos representantes lexítimos da vontade popular. A violencia non ten prezo político e a democracia española nunca aceptará a chantaxe."

Un mes despois, o 19 de xuño, ETA anunciaba que suspendía dende o 1 de xuño as súas accións terroristas contra cargos políticos electos, tendo en conta o que, na súa opinión, fóra o fracaso do pacto antiterrorista. Esta tregua foi matizada uns días despois para aclarar que as Autoridades do Estado e quen ten responsabilidades de goberno están excluídos desta medida e polo tanto si podían sufrir atentados.

Até marzo de 2006, ETA continuou colocando bombas en instalacións de entidades públicas, de empresas do País Vasco, e en vías de comunicación. Porén, sinalizou a maior parte das bombas colocadas ó longo de 2005 e 2006 con avisos como "Perigo bomba".

A tregua de 2006 editar

ETA ten decretado ó longo da súa historia cinco treguas totais e outras tantas parciais. A anterior tregua anunciada por ETA o 16 de setembro de 1997, prolongouse ata o 3 de decembro de 1999 e foi o alto o fogo máis longo dos decretados polos terroristas ó longo da súa historia.

O 22 de marzo de 2006 ETA anunciou mediante un comunicado remitido a Euskal Irrati Telebista (EiTB), a Radio Televisión Vasca, e ó diario en éuscaro Berria un alto o fogo permanente a partir do día 24 de marzo de 2006 coa intención de impulsar un proceso que culminase cun novo marco político. Neste comunicado instaba a España e Francia a que cesasen a represión cara a eles. Cómpre resaltar que o concepto de alto o fogo permanente é o mesmo que empregou o Exército Republicano Irlandés (IRA) cando deu o primeiro paso que contribuíu a iniciar o proceso de paz definitivo en Irlanda do Norte. Ó día seguinte emitiron outro comunicado aclarando que o cambio político busca a superación do marco actual, que é de "negación, partición e imposición".[28]

O 29 de xuño de 2006, o presidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero, informou ós medios de comunicación, nunha declaración institucional no vestíbulo do Congreso dos Deputados, do inicio do diálogo con ETA, tralo alto o fogo.

Acontecementos recentes editar

 
Membros de ETA disparan cara ó aire durante o Gudari Eguna.

O 23 de setembro de 2006 membros de ETA armados e enmascarados interviñeron nun acto político na localidade de Oiartzun (Guipúscoa) e declararon que a organización seguiría "en armas" até conseguir "a independencia e o socialismo no País Vasco". "A loita non é cousa do pasado. É o presente e o futuro", declarou o militante. Isto foi interpretado por algúns como un intento de apertar ó goberno,[29][30][31] e por outros analistas como unha declaración das intencións últimas de ETA, deixando claro que a organización non se desarmaría até conseguir as súas metas.[32] O presidente José Luis Rodríguez Zapatero enfatizou que o goberno mantería a súa oferta de negociación a ETA a pesar do acto.[33]

O 24 de outubro de 2006 unha célula presuntamente etarra robou 300 pistolas, munición e recambios en Francia.[34]

O 4 de novembro de 2006 o xornal Gara publicou extractos do boletín de ETA Zutabe no.111, no que a organización pondera que "se o goberno español non cumpre os seus compromisos e non hai pasos visibeis, o proceso de paz romperá". ETA tamén anunciou que eles "harían un renovado esforzo nas negociacións co goberno español". A ETA "lamenta que no tempo transcorrido dende a declaración de marzo de alto o fogo (…) un tempo precioso ten sido malgastado". Eles demandan ó presidente José Luis Rodríguez Zapatero "dar unha resposta positiva" ós dous aspectos centrais: (1) "á demanda específica do total cumprimento dos compromisos que adoptou de deixar de lado a represión e cesar os ataques" e (2) "el terá que comprometerse claramente a respectar a decisión do proceso en Euskal Herria, isto é: o desexo dos cidadáns vascos".[35]

O 30 de decembro de 2006 a explosión dunha furgoneta bomba no Aeroporto de Barajas, atribuída á ETA, supuxo a fin implícita do alto ó fogo permanente, se ben o grupo terrorista entendeu que a tregua continuaba e que as dúas persoas falecidas nese atentado se deberon a un erro. Porén, o 5 de xuño de 2007 diversos xornais publicaron un comunicado[36] da ETA a rotura definitiva da tregua, que entraría en vigor ás cero horas do día 6 e «quedando abertas todas as frontes».

Reaccións ó alto o fogo editar

O goberno socialista chamou á prudencia malia manifestar, como case tódolos partidos políticos, unha visión optimista.

O PP liderado por Mariano Rajoy amosou pesimismo e reservas cara ao comunicado inicial, e mantivo que era tan só un respiro a ETA, probablemente como as derradeiras treguas. Reclamoulle ó goberno que siga a loitar contra os terroristas.

O Goberno Vasco de Juan José Ibarretxe reclamou o establecemento dunha mesa de negociacións entre tódolos partidos vascos tralo verán de 2006, que nunca se chegou a establecer. Todos os partidos vascos, agás o PPPV, sumáronse a este acordo.

A posición de Batasuna evolucionou dende un cauto pero construtivo optimismo até lanzar serios avisos polo que consideran "inmobilismo do Goberno español" e o que eles consideran "unha aposta non por resolver o conflito senón para desgastar á esquerda nacionalista". O máis serio destes avisos fíxose o 5 de decembro de 2006, cando deron unha conferencia de prensa denunciando unha represión continua e o aviso de que o proceso de paz dificilmente podería continuar nesas condicións.

ETA racha a tregua editar

O atentado de decembro no aeroporto de Madrid foi totalmente inesperado e chegou un día despois de que o Goberno expresase publicamente a súa confianza no proceso de paz. A diferenza do ocorrido en 1999, cando ETA anunciaba que rachaba o seu primeiro alto o fogo enviando un comunicado,[Cómpre referencia] nesta ocasión, a organización alertou por teléfono pouco antes da explosión da existencia do coche bomba,[Cómpre referencia] que estourou ás 9.00 horas no módulo D do aparcadoiro da T4 de Barajas. Dúas persoas de nacionalidade ecuatoriana que se atopaban no lugar da explosión faleceron.

Logo de cinco días de intensa procura baixo os cascallos, foi achado sen vida Carlos Alonso Palate, de 35 anos, a primeira vítima mortal de ETA en tres anos e sete meses. Longos traballos de rescate permitiron recuperar, pouco despois, o corpo de Diego Armando Estacio. No que respecta a danos materiais, a explosión provocou o afundimento de tres das catro plantas do módulo D do aparcadoiro.

Características editar

 
Pintada do logotipo de ETA en Altsasu, Navarra.

O lema de ETA é bietan jarrai («seguir nas dúas», é dicir, na loita política e na militar). O seu emblema consiste nunha serpe envolvendo un hacha, e foi creado por Félix Likiniano, veterano antifranquista exiliado en Francia. Este emblema inspirou un símbolo empregado no selo dos GAL (Grupos Antiterroristas de Liberación): un hacha e unha serpe coa testa cortada.

Organización editar

A miúdo ETA é vinculada co Movemento de Liberación Nacional Vasco (MLNV), formado por distintas organizacións independentistas vascas, como os partidos e agrupacións electorais Batasuna, Euskal Herritarrok e Herri Batasuna (ilegalizados en España), o movemento xuvenil Segi (antes Haika, antes Jarrai e Gazteria, tamén ilegalizados), o sindicato LAB, Gestoras Pro Amnistía (tamén ilegalizada) e outras, que asumen uns principios comúns, dentro do que chaman esquerda abertzale (ezker abertzalea en éuscaro, que se traduciría como esquerda patriótica ou esquerda nacionalista). Os seus postulados ideolóxicos resúmense na alternativa KAS. Aínda que moitos membros de organizacións consideradas afíns ó MLNV non apoian a loita armada, a banda terrorista exerce unha influencia central como principal organización e referencia do Movemento. En instrucións de procesos do xuíz Baltasar Garzón considérase a varias destas organizacións e sociedades como parte de ETA. En 2005 comezou o xuízo contra varios representantes deste tipo de organizacións, dentro do proceso 18/98 e seguintes.

Organízase en distintos comandos, cuxo obxectivo é atentar nunha zona xeográfica determinada, coordinados por unha dirección ou cúpula militar. Ademais, adoitan ter redes de refuxios ou «casas seguras», e zulos («burato», en vasco), lugares ocultos onde adoitan agochar armas e explosivos. Ademais, varios ex-militantes viven en países latinoamericanos denominándose refuxiados políticos. Entre os seus membros distínguese entre os «legais», ou membros non fichados pola policía; os «liberados», ou refuxiados en Francia; ou os «quemados», que son os que están libres tras ser detidos.

Métodos editar

As tácticas intimidatorias empregadas por ETA inclúen:

  • O atentado, empregando xeralmente o método do coche bomba, a mochila bomba ou o disparo a curta distancia (coñecido habitualmente como tiro na caluga aínda que non sempre se dirixe a esa parte).
  • A violencia de persecución en forma de ameazas anónimas, carteis e pintadas (que ten obrigado a levar escoltas a moita xente, sobre todo no País Vasco), empregada tamén contra políticos do nacionalismo vasco.
  • O cobro do «imposto revolucionario».
  • O secuestro (argumentado con frecuencia como «castigo» por non pagar o «imposto revolucionario»).

Realiza gran parte dos seus atentados no País Vasco español, aínda que frecuentemente a súa actividade se estende a outras zonas de España. No pasado ten tido contactos con grupos como as FARC e, especialmente, o Exército Republicano Irlandés Provisional (IRA Provisional), e os seus membros teñen recibido adestramento en Alxeria, Libia, o Líbano e Nicaragua.

Asasinatos editar

Datos sobre ETA Vítimas mortais
Civís 343
Policías ou militares 485
Total 828 Actualidade, datos [15] [16]

ETA ten matado a máis de oitocentas persoas, e o espectro social das súas vítimas ten ido medrando cos anos ata abarcar, entre outros, a:

Financiamento e aprovisionamento editar

Financiábase principalmente a través do «imposto revolucionario», que obrigan a pagar a empresarios e profesionais cualificados de Euskal Herria (especialmente do País Vasco español, pero en ocasións tamén do País Vasco francés) baixo ameazas de asasinato, secuestros e danos contra propiedades. Tamén ten cobrado rescates por secuestros. Parte do material empregado o conseguen mediante roubos. Teñen sido frecuentes os roubos de automóbiles que logo eran empregados como coches-bomba ou para fuxir do lugar dun atentado. Tamén cometía de cando en vez roubos en almacéns de explosivos. Menos frecuentemente, roubaban cartos en metálico, troqueladoras e material para falsificar placas de matrícula. Nos seus primeiros anos, roubaban tamén material de imprenta para difundir os seus textos.

Papel institucional editar

Os pactos políticos nos anos 80 editar

O 5 de novembro de 1987, os partidos políticos españois PSOE, AP, CDS, CIU, PNV, PDP, PL, PCE e EE, asinaron unha declaración conxunta, coñecida como o "Pacto de Madrid" no que denunciaban a falta de lexitimidade de ETA para expresar a vontade do pobo vasco e, consecuentemente, rexeitaban a súa pretensión de negociar os problemas políticos do pobo vasco que unicamente debrían selo entre os partidos políticos con representación parlamentaria, o Goberno Vasco e o Goberno do Estado, e emprazaban formalmente a ETA a abandonar as armas e aceptar as vías democráticas.

Dous meses despois, o 12 de xaneiro de 1988, as principais forzas democráticas no País Vasco subscribían o "Pacto de Ajuria Enea", onde se comprometían a traballar pola erradicación do terrorismo como a loita da liberdade fronte á imposición. Compartían, os firmantes deste acordo, a necesidade e importancia da acción policial que contribúa á erradicación do terrorismo, á protección dos principios que conforman a convivencia democrática e á prevención de atentados e a persecución dos seus autores. A colaboración internacional convertíase en algo imprescindible para a erradicación da violencia e comprometíanse a velar por que a defensa do Estado de Dereito se producise sempre dentro da legalidade.

Neste pacto manifestábase o apoio aos procesos de diálogo entre os poderes competentes do Estado e quen decidan abandonar a violencia, respectando en todo momento o principio democrático irrenunciable de que as cuestións políticas deben resolverse unicamente a través dos representantes lexítimos da vontade popular. O texto foi asinado por AP, CDS, EE, PNV e PSOE.

O 7 de outubro de 1988 asínase o "Pacto de Navarra. Acordo pola Paz e a Tolerancia", un acordo entre as principais forzas políticas de Navarra (EE, AP, PL, DC, CDS, UPN, PSN-PSOE) e o presidente do goberno navarro, Gabriel Urralburu Tainta. Nel, denunciábanse as accións terroristas e reafirmábanse no apoio ao Estado de Dereito e na defensa de calquera idea sempre que non se apoie a violencia.

Rexeitaban neste acordo, toda posibilidade de que ETA, ou calquera organización apoiada pola mesma, fose recoñecida en negociacións políticas que pretendesen condicionar o desenvolvemento libre do sistema democrático, para reafirmar que só a vontade do pobo podía orientar o presente e o futuro de Navarra.

Primeiros recoñecementos ás vítimas editar

O 8 de outubro de 1999 aprobábase en España a Lei de Solidariedade coas vítimas do terrorismo[37], que ten como obxectivo "render testemuño de honor e recoñecemento a quen sufriron actos terroristas e, en consideración a iso, asumir o pago das indemnizacións que lle son debidas polos autores e demais responsables de tales actos". Dous meses despois, o 23 de decembro, aprobábase outro Real Decreto [38] no que se aprobaba o regulamento da Real Orde de Recoñecemento Civil ás vítimas do terrorismo.

O Pacto antiterrorista editar

O 12 de decembro de 2000, os dous principais partidos políticos españois, Partido Popular e Partido Socialista Obrero Español, subscribiron o chamado Acordo polas liberdades e contra o Terrorismo tralo abandono de ETA da "tregua" de 1998 e unha vez posto de manifesto, segundo o propio texto do acordo, "o fracaso da estratexia do PNV e Eusko Alkartasuna, que abandonaron o Pacto de Ajuria Enea para, de acordo con ETA e EH, poñer un prezo político ao abandono da violencia. Ese prezo consistía na imposición da autodeterminación para chegar á independencia do País Vasco.".

Neste acordo, PP e PSOE conviñan en que correspondía ao Goberno dirixir a loita antiterrorista e comprometíanse a abandonar do ámbito da lexítima confrontación política ou electoral, as políticas para acabar co terrorismo. Comprometíanse tamén a traballar para que desaparecese calquera intento de lexitimación política da violencia e afirmaban publicamente que da violencia terrorista non se extraerá, en ningún caso, vantaxe ou rédito político algún.

A política penitenciaria así mesmo, dicíase que se aplicaría asegurando o máis completo e severo castigo aos condenados por actos terroristas, aínda que contemplaría as formas de reinserción daqueles que abandonen a organización e mostren actitudes inequívocas de arrepentimento e vontade de resocialización.

As vítimas convértense, tras este acordo, na principal preocupación, e instan aos mozos a que se rebelen contra a violencia.

O obxectivo do pacto é impulsar conxuntamente as liberdades e a política contra o terrorismo, e require, segundo os seus firmantes, unha colaboración permanente entre o PP e o PSOE que implica o intercambio de información, a actualización concertada nas reformas lexislativas, política penitenciaria, cooperación internacional, mobilización cidadá e institucións, e a procura de posicións comúns neste tema.

Condena internacional a ETA editar

O 26 de febreiro de 2002, o goberno dos Estados Unidos emitiu unha orde pola que se engadía a ETA, Euskal Herritarrok, Herri Batasuna, Jarrai, Haika, Segi e Gestoras Pro amnistía á súa lista de terroristas e organizacións terroristas [39] , así como a algúns terroristas desta organización. A Garda Civil recolleu os nomes dos incluídos nesta lista para especificar algunhas accións terroristas que levaron a cabo.[40]

A lei de partidos políticos editar

O 19 de abril de 2002, o consello de ministros aprobou [41] a remisión ás Cortes do proxecto de nova Lei de Partidos Políticos, tralos informes favorables do Consello Xeral do Poder Xudicial e o Consello de Estado.

A lei, aprobada [42] o 27 de xuño dese mesmo ano, pretendía a ilegalización dos partidos políticos que pertenceran a un entramado terrorista. Esta lei, que modificaba a anterior lei de partidos políticos, anterior á Constitución Española, establece que os partidos deben ter un funcionamento e unhas actividades democráticas, e que unicamente a autoridade xudicial poderá ilegalizar un partido político, de acordo coa lei. Dese modo, un partido sería ilegalizado cando perseguise "deteriorar ou destruír o réxime de liberdades ou imposibilitar ou eliminar o sistema democrático". Entre as accións que se consideran destinadas a este fin atópase o "dar apoio político expreso ou tácito ó terrorismo, lexitimando as accións terroristas para a consecución de fins políticos ó marxe dos cauces pacíficos e democráticos, ou exculpando e minimizando o seu significado e a violación de dereitos fundamentais que comporta."

A ilegalización de Batasuna editar

Trala aprobación da Lei de Partidos políticos, as institucións xudiciais trataron de facer cumprir a nova norma. Así, o xuíz da Audiencia Nacional, Baltasar Garzón decretaba nun auto [43] con data 26 de agosto de 2002 decretaba a suspensión total de actividades de Batasuna, así como a clausura das súas sedes e a súa páxina web, coa prohibición expresa de efectuar ningún acto político ou de propaganda.

Coa aprobación da lei e esta suspensión, o goberno, a través do Avogado do Estado presentaba unha demanda [44] ante o Tribunal Supremo para a ilegalización de Batasuna. Así mesmo, a fiscalía presentaba tamén unha demanda [45] ante a xustiza motivando unha petición igual.

Despois de estudar estas dúas demandas, o 27 de marzo de 2003 o Tribunal Supremo nunha sentenza resolveu ilegalizar [46] Batasuna tras considerar probado que a creación deste partido político foi un feito instrumental por parte da banda terrorista ETA, e que formaba parte dela.

A lista de organizacións terroristas da UE editar

Na reunión do Consello Europeo do 5 de xuño de 2003, acordouse [47] a ampliación da lista de persoas e organizacións terroristas. Nesta ampliación, incluíuse a Batasuna (e como alias dela a Herri Batasuna e Euskal Herritarrok), e a Jarrai, Haika e Segi, consideradas como un bloque común, e algunhas outras organizacións da esquerda abertzale, todas elas consideradas pola UE parte "do grupo terrorista ETA". Porén, cabe resaltar que se tratou máis dunha resolución de conveniencia impulsada polo goberno español[Cómpre referencia] que dun convencimento real; de feito, Batasuna segue a ser legal en Francia.

Prisión editar

Durante a ditadura franquista, os presos de ETA permanecían en prisións militares. Dende a transición, se lles reclúe en centros penitenciarios civís.

A mediados de 2005, a Dirección de Institucións Penitenciarias do Ministerio do Interior español cifraba en 544 os membros ou colaboradores de ETA en prisións españolas, dos que 24 se atoparían na CAV. A asociación de familiares de presos de ETA Etxerat reducía a 507 a cifra de membros de ETA encarcerados en España, dos que só 14 se acharían na CAV. Unha parte importante dos reclusos de ETA atópanse nas seis prisións da Comunidade de Madrid, entre eles, a maioría dos que teñen xuízos pendentes, xa que os procesos por terrorismo celébranse na Audiencia Nacional. Segundo Etxerat hai uns 110 membros de ETA nestas seis prisións. O resto atópase repartido por outros cárceres do estado.

En Francia, segundo Etxerat, había 153 membros de ETA encarcerados, repartidos por 30 centros penitenciarios, 109 dos cales atopábanse nos nove cárceres do distrito de París, debido en parte a que é alí onde se sitúan os tribunais centrais que xulgan este tipo de causas. Ningún membro de ETA se encontra na cadea en prisións do País Vasco francés.

Hai ademais cinco presos de ETA en dous cárceres de México e un no Reino Unido.

Apoio social editar

As raíces do apoio a ETA atopámolas nas tentativas do estado español baixo a ditadura franquista para destruír o nacionalismo vasco. Dende que os nacionais gañaron a guerra, Franco restrinxiu moitas expresións públicas da cultura vasca e perseguiu calquera expresión do nacionalismo vasco, incluíndo a exibición da ikurriña, a celebracións de festas nacionalistas, o emprego do éuscaro en publico e o seu ensino nas escolas; incluso prohibiu bautizar nenos con nomes non-casteláns. De todos xeitos, os territorios que foron chamados como leais durante a guerra civil conservaron o seu limitado autogoberno. Estes eran Áraba e Navarra, onde os que apoiaban a Franco (maioritariamente carlistas) loitaron xunto a Franco dende o principio. Curiosamente, Biscaia e Guipúscoa foron consideradas "rebeldes" por ter permanecido leais ó réxime republicano e viron os seus foros eliminados pola ditadura.

Durante a etapa franquista, ETA tivo un considerable apoio público entre a poboación vasca, acadando o seu punto máis alto tralo proceso de Burgos de 1970 — que puxo o punto de mira internacional sobre a causa da organización e sacou á luz a natureza represiva do réxime — e o seu asasinato de Luis Carrero Blanco. A transición española á democracia dende 1975 e a progresiva radicalización de ETA resultaron nunha inmediata perda de apoio, que volveuse especialmente palpable durante o secuestro e posterior asasinato de Miguel Ángel Blanco Garrido en 1997.

Nos anos recentes, os apoios de ETA semellan representar unha minoría decrecente no País Vasco, segundo as sondaxes de opinión, mentres que a independencia e a negociación política disfrutan dun apoio mais extenso..

Unha sondaxe do Euskobarómetro na Comunidade Autónoma Vasca en maio de 2006, amosou que un número significativo de vascos apoiaban algunhas ou tódalas metas de ETA (un 33% estaba a favor da independencia, un 35% do federalismo, un 26% autonomía, e un 1% centralismo). Mentres que moi poucos apoiaban os seus métodos violentos (un 95% afirmaba que "hoxe en Euskadi é posible defender tódalas aspiracións políticas e obxectivos sen a necesidade de recorrer á violencia"), tamén unha ampla maioría estaba a favor da negociación política entre ETA e o goberno (tan só un 5% opoñíase), apoiando tamén medidas de graza para os prisioneiros de ETA (72%), a celebración dun referendo do status político do País Vasco (73%) e as concesións políticas por parte de España (64%).

Unha sondaxe máis recente polo Goberno Vasco (decembro de 2006) amosaba que un 88% dos vascos da CAV pensa que é necesario que tódolos partidos políticos dialoguen, incluíndo a discusión sobre o estado do País Vasco (86%). Un 69% apoiaban un referendo para confirmar ou rexeitar os resultados deste diálogo multipartito. Esta sondaxe tamén amosa que a esperanza na paz ten caído até un 78% (90% en abril). Todos estes datos refírense á Comunidade Autónoma Vasca.

Apoio político editar

O partido político Batasuna, antigamente Euskal Herritarrok e Herri Batasuna, hoxe considerado unha organización terrorista polos Estados Unidos e prohibida pola lexislación española como unha organización non democrática (Lei de Partidos Políticos), persegue as mesmas fins políticas de ETA. Adoitaba ter (cando era legal) entre un 15 e un 20 por cento de votos no País Vasco. Porén, malia falarse ás veces de ETA-Batasuna, non son unha organización, senón dúas que toman as súas decisións independentemente, aínda que si é certo que ten habido membros de Batasuna que eran asemade membros de ETA.[Cómpre referencia]

O status político de Batasuna ten sido un tema moi controvertido. É considerada por moitos, incluíndo as cortes españolas, como o brazo político de ETA, a pesar de que o propio partido nega esta concepción. O parlamento comezou o proceso de ilegalización do partido en agosto de 2002 coa aprobación da Lei de Partidos Políticos que considera ilegais partidos políticos baseados en ideoloxías do odio ou que rexeitan condenar a violencia política. Isto foi fortemente criticado polo nacionalismo vasco, que o vían como algo ilegal: eles alegaron que calquera partido podería ser declarado ilegal por simple elección, mesmamente por non ter manifestado a súa clara oposición ó crime tras un atentado. O xuíz Baltasar Garzón suspendeu as actividades de Batasuna nun proceso paralelo, investigando a relación entre Batasuna e ETA, e as súas sedes foron desaloxadas pola Ertzaintza. O tribunal supremo declarou a Batasuna finalmente ilegal o 18 de marzo de 2003. O tribunal considerou que Batasuna tiña numerosos vínculos con ETA e que era, de feito, parte dela.[Cómpre referencia]

Un novo partido chamado Aukera Guztiak (Tódalas opcións) foi fundado para as eleccións ó parlamento vasco en abril de 2005. Os seus apoios negaban ser herdeiros de Batasuna, afirmando que o seu desexo era permitir aos cidadáns vascos expresar as súas ideas libremente, incluso aquelas sobre a independencia. No campo da violencia política, Aukera Guztiak dixo que estaba no seu dereito a non condenar algún tipo de violencia máis que outro se eles non vían ataque (neste senso, o MLNV mantén que a acción policial e outra forma de violencia). Porén, moitos dos seus membros e moito do seu liderado estaba formado por antigos votantes e afiliados de Batasuna, e o Tribunal Supremo considerou unanimemente ó partido herdeiro de Batasuna e o ilegalizou.[Cómpre referencia]

Trala prohibición de Aukera Guztiak, e menos de dúas semanas antes das eleccións, outro grupo político naceu como un cisma de Herri Batasuna, o EHAK (Euskal Herrialdeetako Alderdi Komunista) un partido político antigamente descoñecido que non tiña representación no Parlamento Vasco, fixo o anuncio de que eles aplicarían os votos que recibisen para o programa da plataforma Aukera Guztiak. Obtiveron 9 escanos (12,44% dos votos).[Cómpre referencia]

Torturas editar

O debate sobre a tortura en España está profundamente ligado á historia de ETA. As torturas que algúns detidos teñen sufrido por parte das forzas policiais españolas, fundamentalmente durante a ditadura franquista, teñen contribuído á deterioración da imaxe da administración española, á radicalización de ETA, e ó seu captamento de membros. E, á inversa, a escalada na adopción por ETA e outros grupos de métodos violentos permite que aínda despois da transición, se manteñan medidas como os interrogatorios sen avogado, ou a potestade de reter a un detido incomunicado durante cinco días sen permitirlle contactar coa súa defensa ou a súa familia[48].

Precisamente, o primeiro asasinato planeado por ETA foi contra Melitón Manzanas quen, como xefe da Brigada Político-Social de San Sebastián, tiña torturado a numerosos opositores ao réxime franquista.

As denuncias por torturas non cesaron coa Constitución española de 1978, pero o goberno español afirma que as denuncias son falsas e se deben a unha consigna de ETA ós seus militantes. Os detidos acusados de pertencer a ETA alegan en moitos casos ter recibido torturas que non deixarían lesións duradeiras (asfixia, agresións sexuais, golpes ou presión nos xenitais, golpes con obxectos romos, descargas eléctricas, exposición ó frío, ameazas). En ocasións, os acusados si presentan marcas de lesións ó rematar a incomunicación, pero a policía alega que as inflinxiron os propios detidos a eles mesmos, que son resultado de caídas ou de forcexos nos que os axentes se limitaron a defenderse.

Por outro lado as denuncias de tortura non se cinguen exclusivamente ás persoas acusadas de relación con ETA ou ó mundo abertzale, e tense denunciado tamén casos de tortura cara outros sectores sociais como poden ser os inmigrantes.

As asociacións da chamada esquerda abertzale adoitan ser as máis activas na denuncia da práctica de torturas contra os seus simpatizantes, dando crédito a tódalas denuncias. Polo contrario, o PP, o PSOE e os sindicatos policiais negan que a tortura sexa unha práctica estendida, recoñecendo só os casos confirmados por sentenza xudicial. Outras entidades, como a Organización das Nacións Unidas (que enviou ó seu relator Theo van Boven), Amnistía Internacional, Human Rights Watch non confirman a tortura aínda que cren que se poderían mellorar as garantías para evitala, Coordinadora Gesto por la Paz de Euskal Herria, e partidos políticos como Izquierda Unida, PNV ou EA manteñen as súas reservas sobre a maioría das denuncias, aínda que dan credibilidade a algúns casos, cando o detido sae do período de incomunicación con lesións que teñen sido fonte de gran controversia para a opinion pública (como no caso de Unai Romano) ou cando a vítima ten un amplo prestixio social (como no caso de Martxelo Otamendi, director de Egunkaria).

Neste sentido, en 2006 o Goberno Vasco accedeu ás peticións de Amnistía Internacional e anunciou que a Ertzaintza gravaría en vídeo os períodos de incomunicación dos detidos.

Outros movementos armados editar

 
Mural de ETA en Palestina, nun posto de control. A lenda quere dicir: "Palestina - País Vasco: Dous pobos, un só camiño".

Ligazóns internacionais editar

Sábese dunha relación de contactos fraternais de ETA co IRA Provisional; os dous grupos teñen, ás veces, caracterizado os seus conflitos como paralelos. Tamén ten tido ligazóns con outros movementos armados de esquerda arredor do mundo.

Comandos de ETA actuaron en equipo en 1999 co Exército Revolucionario Bretón para roubar explosivos na Bretaña.

Algúns ex-militantes teñen recibido asilo político en Latinoamérica, en México e Venezuela.

Ligazóns con outras organizacións armadas que operaron no País Vasco editar

ETA mantivo durante un tempo relacións co grupo Iparretarrak, aínda que crebáronse pola sospeita de que ETA quería controlar ao grupo.[Cómpre referencia] A orixe das disputas estre os dous grupos está na posición fronte ao estado francés: IK foi unha organización que actuaba só en Francia,[Cómpre referencia] namentres ETA actuaba en España tendo Francia como santuario.[cando?] Polo tanto, a ETA non lle compensaba que IK actuase en chan francés.[Cómpre referencia]

Notas editar

  1. Lista francesa de organizacións terroristas, no anexo do capítulo XIV.
  2. "Terrorism Act 2000". Consultado o 28 de febreiro de 2019. 
  3. "Lista de organizacións terroristas elaborada pola UE." (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 08 de decembro de 2013. Consultado o 05 de setembro de 2008. 
  4. "Foreign Terrorist Organizations". U.S. Department of State (en inglés). Consultado o 2019-02-04. 
  5. "About the listing process". www.publicsafety.gc.ca. 2015-12-16. Consultado o 2019-02-04. 
  6. "http://www.eur-lex.europa.eu/LexUriServ/site/en/oj/2006/l_144/l_14420060531en00250029.pdf" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 08 de decembro de 2013. Consultado o 05 de setembro de 2008.  Ligazón externa en |title= (Axuda)
  7. http://www.unhchr.ch/tbs/doc.nsf/0/efbe8464057e1769c1256d32004c9591?Opendocument
  8. "Los derechos humanos en España". www.es.amnesty.org (en castelán). Consultado o 2019-02-04. 
  9. "Vítimas na web do Ministerio do Interior español". Arquivado dende o orixinal o 15 de setembro de 2010. Consultado o 30 de xullo de 2009. 
  10. "ETA anuncia o cesamento definitivo da actividade armada". Arquivado dende o orixinal o 22 de xaneiro de 2021. Consultado o 18 de xaneiro de 2021. 
  11. "ETA anuncia que deja el terrorismo", La Voz de Galicia 21.10.2011.
  12. "ETA anuncia por carta que disuelve "completamente todas sus estructuras" y cierra "su ciclo histórico y su función"". 2/5/2018. Consultado o 2/5/2018. 
  13. EUSKAL HERRIARENTZAKO ALTERNATIBA DEMOKRATIKOA (Berria, texto orixinal en éuscaro)
  14. Alternativa KAS Arquivado 17 de marzo de 2005 en Wayback Machine. (Documento de Microsoft Word en EHU.es; version en cache
  15. Manifiesto de Euskadi Ta Askatasuna a Euskal Herria (en Elkarri.org), versión en cache
  16. "Nacionalismo.-11 LA ALTERNATIVA KAS PARA EUSKADI SUR". www.nodo50.org. Consultado o 2019-02-04. 
  17. Declaración de "tregua indefinida" de ETA. 16 de septiembre de 1998
  18. Acuerdo de ETA, PNV y EA. Agosto de 1998.
  19. Pacto de Estella / Acuerdo de Lizarra. 12 de septiembre de 1998
  20. Propuesta de pacto de ETA a PNV y EA. Agosto de 1999
  21. Comunicado de ETA en el que anuncia la ruptura de la tregua. 28 de noviembre de 1999. [1]
  22. Carod-Rovira reuniuse con ETA cando xa era «conseller en cap». El Mundo. [2]
  23. Comunicado de ETA anunciando unha tregua en Cataluña. 18 de febreiro de 2004. [3]
  24. Declaración íntegra de José María Aznar tralo anuncio de ETA de tregua en Cataluña. [4]
  25. Declaración íntegra de José Luís Rodriguez Zapatero tralo auncio de ETA de tregua en Cataluña. [5]
  26. Declaración íntegra de Pasqual Maragall tralo anuncio de ETA de tregua en Cataluña. [6]
  27. Declaración íntegra de Josep-Lluis Carod Rovira tralo anuncio de ETA de tregua en Cataluña. [Declaración del secretario general de ERC, Josep-Lluís Carod-Rovira]
  28. Texto dos dous comunicados de ETA de alto o fogo permanente. 22 e 23 de marzo de 2006. [7]
  29. Eta to 'keep taking up arms' in secession war Arquivado 13 de outubro de 2007 en Wayback Machine., Daniel Woolls en The Independent, 25 de setembro de 2006. (en inglés).
  30. ETA and Spanish Government to initiate formal talks in a month, en eitb24, 17 de setembro de 2006. (en inglés).
  31. A ETA sementa dúbidas sobre o proceso de paz aos seis meses de inicialo, en Vieiros, 25 de setembro de 2006.
  32. Basque militants refuse to disarm, BBC News, 24 September 2006.
  33. Spanish PM stresses Basque peace process still on track, eitb24, 27 September 2006.
  34. La Policía sospecha que fue ETA quien robó anteayer 350 pistolas en Nimes ("A policía sospeita que foi ETA quen robou 350 pistolas onte en Nîmes"), Gara, 25 de outubro de 2006
  35. ETA constata la crisis del proceso y anuncia «un nuevo esfuerzo» Arquivado 24 de novembro de 2006 en Wayback Machine.Gara, 4/11/2006
  36. Comunicado traducido e publicado por Vieiros, 5 de xuño de 2007
  37. Ley de Solidaridad con las víctimas del terrorismo. 8 de octubre de 1999. [8]
  38. Real Decreto 1974/1999, de 23 de diciembre, por el que se aprueba el Reglamento de la Real Orden de Reconocimiento Civil a las Víctimas del Terrorismo.
  39. Executive Order 13224 blocking Terrorist Property and a summary of the Terrorism Sanctions Regulations, Terrorism List Governments Sanctions Regulations, and Foreign Terrorist Organizations Sanctions Regulatios. (en Inglés) (PDF) [9] Arquivado 10 de xullo de 2007 en Wayback Machine.
  40. Lista da Garda Civil de terroristas de ETA na lista de terroristas dos Estados Unidos. [10] Arquivado 15 de decembro de 2006 en Wayback Machine.
  41. "Documento informativo do goberno sobre a Lei de Partidos. (PDF)" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 28 de setembro de 2007. Consultado o 29 de decembro de 2006. 
  42. Ley Orgánica 6/2002, de 27 de xuño, de Partidos Políticos (BOE num. 154, de 28 de xuño). [11] Arquivado 13 de outubro de 2006 en Wayback Machine.
  43. Auto da Audiencia Nacional no que se decreta a suspensión de actividades de Batasuna. (PDF) [12] Arquivado 14 de febreiro de 2007 en Wayback Machine.
  44. "Demanda do Avogado do Estado para a ilegalización de Batasuna" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 09 de decembro de 2006. Consultado o 29 de decembro de 2006. 
  45. "Demanda da fiscalía para a ilegalización de Batasuna." (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 14 de setembro de 2006. Consultado o 29 de decembro de 2006. 
  46. Sentencia do Tibunal Supremo (Autos acumulados 6/2002 y 7/2002) en la que ilegaliza Batasuna. (PDF) [13] Arquivado 12 de outubro de 2006 en Wayback Machine.
  47. Posición común 2003/482/PESC do Consello de Europa, de 27 de xuño de 2003. Lista de persoas e organizacións terroristas. [14]
  48. Informe de Human Rights Watch ao Parlamento Europeo. (en inglés).

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar