Abrir o menú principal

Segi (do éuscaro "seguir") foi unha organización xuvenil abertzale establecida no País Vasco en 2001 como continuadora de Haika e Jarrai. Declarásese a si mesma como euskaldun, independentista e socialista. Ilegalizouse en España por suposta relación con ETA, mais continuou sendo legal en Francia. Anunciou a súa disolución o 15 de xuño de 2012.

HistoriaEditar

Segi constituíuse oficialmente o 16 de xuño de 2001 no transcurso da asemblea fundacional celebrada en Navarra, como resposta á decisión do xuíz Baltasar Garzón de declarar ilegal a organización xuvenil Haika. O grupo presentouse publicamente o 30 de xuño en Donostia nun acto no que os seus representantes aseguraron que na organización participaran 4.000 persoas.[1]

Está inscrita dende o 27 de decembro de 2001 na lista europea de organizacións terroristas e foi declarada ilegal polo xuíz da Audiencia Nacional, Baltasar Garzón, en febreiro de 2002 por considerar que perseguía os mesmos fins que Euskadi Ta Askatasuna.[2] O Tribunal Supremo declarou que era unha organización terrorista vencellada a ETA o 19 de xaneiro de 2007, corrixindo á sentenza da Audiencia Nacional de España de xuño de 2005 que considerara a organización e os seus membros como «asociación ilícita».[3]

O 4 de febreiro de 2007 foron detidos pola Ertzaintza 18 dos 19 membros de Jarrai, Haika e Segi que eran prófugos da xustiza dende a declaración do Tribunal Supremo.[4]

O 24 de novembro de 2009 foron detidos 34 mozos nunha redada efectuada na madrugada nas provincias de Áraba, Biscaia, Guipúscoa e Navarra por 650 axentes da Policía Nacional e a Garda Civil, por orde do xuíz Fernando Grande Marlaska. Estas detencións xeraron a protesta de decenas de miles de persoas que se manifestaron polas rúas de Bilbao contra a criminilización da xuventude independentista vasca baixo o lema "Todos os proxectos, todos os dereitos".[5][6][7]

O 22 de outubro de 2010, a Policía Nacional detivo no País Vasco e en Navarra a outros dez militantes de Segi, aos que se acusou de intentar recompoñer esta organización xuvenil. Algúns deles estaban vinculados con actos de kale borroka, segundo fontes da chamada loita antiterrorista.

DisoluciónEditar

Segi anunciou a súa disolución o 15 de xuño de 2012 a través dun comunicado enviado a Gara e Berria. Segundo os seus portavoces, a decisión foi consecuencia dun debate interno "profundo e autocrítico" durante máis dun ano, no que se considerou culminada a estratexia fixada en 2002 pola organización xuvenil e se valorou a perda de perspectiva estratéxica e a distancia entre a xuventude e Segi. Igualmente, admitiron que para tomar a decisión tamén afectou a represión e a ilegalización. Segi anunciou un último acto en Itsasu, no País Vasco francés, o día 24 de xuño.[1][8] Segundo a Axencia EFE, os seus militantes tiñan a intención de crear unha nova organización, materializándose finalmente o 23 de marzo de 2013 en Ernai.

NotasEditar

Véxase taménEditar