Tribunal Supremo de España
O Tribunal Supremo é o órgano constitucional de España que se atopa na cúspide do Poder Xudicial. É o tribunal superior en todas as ordes, salvo o disposto en materia de garantías constitucionais cuxa responsabilidade descansa no Tribunal Constitucional, alleo ao Poder Xudicial.
Tribunal Supremo de España | |
---|---|
Acrónimo | TS |
Tipo | corte suprema |
Data de fundación | 1812 |
Presidente/a | Isabel Perelló (2024-) |
Sede | Palacio de Justicia |
País | España |
Na rede | |
http://www.poderjudicial.es/cgpj/es/Poder_Judicial/Tribunal_Supremo | |
[ editar datos en Wikidata ] |
A sede do Tribunal Supremo atópase en Madrid, na Praza da Villa de París, ocupando dependencias do que foi o Palacio e convento das Salesas Reais, fundado pola raíña Bárbara de Bragança no século XVIII.
Atribucións
editarO Tribunal Supremo é o tribunal de última instancia (final) en todos os casos e as súas decisións só poden ser deixadas sen efecto cando o Tribunal Constitucional atopa lesión dos dereitos e liberdades constitucionais. En todos os demais casos, non é posible apelar ou recorrer unha decisión firme do Tribunal Supremo.
No entanto, no ámbito penal, o Rei pode deixar sen efecto ata as condenas impostas ou ratificadas polo Tribunal Supremo, en exercicio do dereito de graza que a Constitución lle recoñece, a proposta do Consello de Ministros que é o órgano que decide, decisión que posteriormente formaliza o Rei como acto debido.
Coñece e decide en única instancia os procesos de responsabilidade civil ou penal contra o Presidente e os ministros do Goberno da Nación, os senadores e deputados das Cortes Xerais, o Presidente e os maxistrados do propio Tribunal Supremo e vogais do Consello Xeral do Poder Xudicial, o Presidente e os maxistrados do Tribunal Constitucional e outros integrantes de altas institucións do Estado e das comunidades autónomas.
Así mesmo, coñece e decide os procesos de ilegalización de partidos políticos, a instancia exclusiva do Ministerio Fiscal ou do Goberno, requirido a iso polo Senado ou o Congreso dos Deputados.
Tamén coñece e decide os recursos ordinarios e extraordinarios previstos pola Lei contra as resolucións dos tribunais inferiores.
Para rematar, coñece e decide os demais procesos que a Constitución ou a Lei reservan á súa competencia.
Garantías constitucionais
editarO Tribunal Supremo goza dunha posición análoga á das Cortes Xerais e o Goberno da Nación, por mor de posición equivalente como cabeza dun dos tres Poderes do Estado.
En garantía da súa liberdade de funcionamento, o Tribunal Supremo conta coa prerrogativa de executividade dos seus actos en virtude do principio de obediencia ás resolucións xudiciais firmes consagrado pola Constitución, en conxunción co feito de que a maioría das resolucións deste Tribunal son firmes por tratarse de solucións a recursos contra actos dos Tribunais inferiores.
Ademais, o Tribunal Supremo é o único que pode ordenar a detención dos seus propios membros e só el pode procesalos e separalos por responsabilidades civís e penais no desempeño das súas funcións.
Adicionalmente, o Consello Xeral do Poder Xudicial tamén supervisa o funcionamento do Tribunal Supremo, aínda que todos os actos deste Consello poden ser anulados polo propio Tribunal Supremo en vía contencioso-administrativa.
Organización e funcionamento
editarO Tribunal Supremo está composto por un Presidente e por un número indeterminado de Maxistrados adscritos ás diversas Salas que o integran, todos eles nomeados polo Rei a proposta do Consello Xeral do Poder Xudicial.
No seo do Tribunal Supremo existen órganos xurisdicionais, é dicir, encargados de administrar xustiza en nome do Rei xulgando e facendo executar o xulgado, e órganos gobernativos e administrativos, é dicir, aqueles con función de goberno e dirección ou de simple administración e auxilio aos outros dous grupos.
Órganos xurisdicionais: as salas
editarO Tribunal Supremo está dividido en cinco Salas, que entenden dos recursos que se presenten contra as resolucións dos Tribunais inferiores e en primeira ou única instancia dos procesos sobre responsabilidade do Presidente e os Ministros do Goberno da Nación, dos Senadores e Deputados das Cortes Xerais, do Presidente e os Maxistrados do Tribunal Supremo, dos Vogais do Consello Xeral do Poder Xudicial, do Presidente e os Maxistrados do Tribunal Constitucional e doutros integrantes de Órganos Constitucionais do Estado e as comunidades autónomas, sempre segundo as respectivas ordes xurisdicionais:
- Sala Primeira, do Civil.
- Sala Segunda, do Penal.
- Sala Terceira, do Contencioso-administrativo.
- Sala Cuarta, do Social.
- Sala Quinta, do Militar.
Ademais, dentro do Tribunal Supremo existen uns órganos xurisdicionais especiais:
- A Sala Especial do artigo 61 da Lei Orgánica do Poder Xudicial, que coñece dos procesos de ilegalización de partidos políticos, dos procesos sobre declaración de erro xudicial e sobre responsabilidade en exercicio de funcións xurisdicionais das demais Salas do Tribunal Supremo e doutros procesos de especial importancia; está composta polo Presidente do Tribunal Supremo, os Presidentes das Salas e o Maxistrado máis antigo e o máis moderno de cada unha delas.
- A Sala de Conflitos de Competencia, que resolve os conflitos positivos e negativos de competencia que se susciten entre órganos xudiciais pertencentes a distinta orde xurisdicional; está composta polo Presidente do Tribunal Supremo e por un Maxistrado de cada unha das Salas correspondentes ás ordes xurisdicionais en conflito.
- A Sala de Conflitos de Xurisdición, que resolve os conflitos positivos e negativos de xurisdición que se susciten entre un órgano xudicial pertencente á xurisdición ordinaria e un órgano xudicial pertencente á xurisdición militar; está composta polo Presidente do Tribunal Supremo, por dous Maxistrados da Sala correspondente á orde xurisdicional da xurisdición ordinaria en conflito e por dous Maxistrados da Sala Quinta, do Militar.
- O Tribunal de Conflitos de Xurisdición, que resolve os conflitos de positivos e negativos de xurisdición que se susciten entre un órgano xudicial da xurisdición ordinaria ou da militar e a Administración; está composto polo Presidente do Tribunal, por dous Maxistrados da Sala Terceira, do Contencioso-Administrativo, e por tres Conselleiros Permanentes do Consello de Estado.
Órganos gobernativos
editarCon subordinación ao Consello Xeral do Poder Xudicial, os órganos gobernativos do Tribunal Supremo son os encargados de coñecer e resolver as cuestións de índole administrativa e de funcionamento do Tribunal e os seus órganos xurisdicionais. Son órganos gobernativos:
- O Presidente do Tribunal Supremo.
- A Sala de Goberno do Tribunal Supremo, composta polo Presidente do Tribunal Supremo, os Presidentes de cada unha das súas Salas e un número de Maxistrados igual ao destes, elixidos polo procedemento arbitrado na Lei Orgánica do Poder Xudicial.
Órganos de administración
editarA Secretaría de Goberno do Tribunal Supremo, o Gabinete Técnico de Documentación e Información, o Departamento de Arquivo, Biblioteca e Información, o Departamento de Informática e o Rexistro Xeral son órganos administrativos e técnicos que posibilitan o funcionamento do Tribunal nos seus respectivos ámbitos de actuación.
Presidentes do Tribunal Supremo
editarEsta é a lista dos presidentes que tivo o Alto Tribunal. Desde 1980, ano da creación do Consello Xeral do Poder Xudicial, o presidente do Tribunal Supremo éo tamén deste.[1]
Notas
editar- ↑ Lista de Presidentes Arquivado 02 de setembro de 2011 en Wayback Machine., Tribunal Supremo de España.