Segar's Roll
O Segar's Roll é un armorial inglés que data de arredor de 1282. O orixinal perdeuse contra mediados do século XVII, mais consérvanse varias copias, algunha delas en facsímile. Nel documéntase o testemuño máis antigo coñecido do escudo de Galiza.
Segar's Roll | |
---|---|
College of Arms, Londres | |
Páxina da copia facsimilar do Segar's Roll | |
Tamén coñecido como | Armorial Segar |
Tipo | Armorial |
Data | c. 1282 |
Lugar de orixe | Inglaterra |
Lingua(s) | Anglonormando |
Autor(es) | Descoñecido |
Material | Pergamiño |
Dimensións | 2,97 m × 15 cm |
Formato | Rolo |
Condición | Desaparecido |
Contido | 212 armas |
Posesións previas | Segar |
Identificador | L.14/1 (1600) Harl.6137 (1605) ms.664/8/r22 (1640) |
[ modificar datos en Wikidata ] |
Características
editarEste armorial era un auténtico rolo de armas (roll of arms)[a] cuxo pergamiño medía uns 2,97 m de longo e 15 cm de largo. Recibe o nome do seu último propietario, William Segar, e datouse grazas á aparición dun personaxe que sucedeu na súa casa en 1281 e doutros dous que finaron no ano seguinte.[1][2]
Aínda que o orixinal desaparecera a mediados do século XVII, del fixéronse cinco copias, catro ilustradas e unha brasonada. A máis fiel e temperá copia facsimilar foi realizada contra 1600 e consérvase na que é a máxima autoridade heráldica de Inglaterra: o College of Arms. Unha segunda copia facsimilar, mais de inferior cualidade, áchase na Society of Antiquaries of London e data de 1640. Das dúas ilustradas que restan, ambas sen corar, unha está tamén no College of Arms e a outra na Biblioteca Británica, datando dos anos 1600 e 1605 respectivamente. Por último, a brasonada atópase no Stratford Shakespeare Trust.[3]
Tiña pintados 212 escudos de armas en ringleiras de catro, pertencentes a reis e a diferentes estamentos da nobreza inglesa.[3] Xunto a outros escudos de monarquías europeas aparece a primeira representación coñecida do escudo de Galiza: tres cálices de ouro sobre un campo de azur. Trátanse dunhas armas falantes, pois indubidabelmente o autor do Segar atribuíu ó «rey de Galyce» o símbolo do cáliz debido á proximidade fonética existente na lingua anglonormanda entre «Galice» (Galiza) e «calice» (cáliz).[1][2]
Galería de imaxes
editarNotas
editar- Referencias
- ↑ 1,0 1,1 Menéndez Pidal 1999, pp. 288-289.
- ↑ 2,0 2,1 Pardo de Guevara 2007, pp. 34, 38, 74.
- ↑ 3,0 3,1 Clemmensen 2017, pp. 101-102.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Segar's Roll |
Bibliografía
editar- Clemmensen, Steen (2017). Armorials - listed by Sigla (PDF) (versión PDF). Ordinary of Medieval Armorials (en inglés) (2.ª ed.). Farum, Dinamarca.
- Menéndez Pidal, Faustino (1999) [1990]. "El origen inglés de las armas de Galicia". Leones y Castillos. Emblemas heráldicos en España (en castelán). Madrid: Real Academia de la Historia. pp. 285–300. ISBN 84-89512-39-6.
- Pardo de Guevara, Eduardo (2007). "O escudo de Galicia. Orixe, significacións e evolución" (PDF). En Barreiro Fernández, Xosé Ramón; Villares, Ramón. Os Símbolos de Galicia (PDF). Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega; A Coruña: Real Academia Galega. pp. 33–78. ISBN 978-84-96530-46-1.
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- "Segar's Roll". WappenWiki (en inglés).