Estreleira
A estreleira é a bandeira que simboliza a loita pola independencia de Galiza, é a bandeira galega cunha estrela vermella de cinco puntas no centro, que significa independencia e socialismo.
Bandeira estreleira | |
---|---|
![]() | |
Características | |
Uso | |
Proporción | 2:3 |
Adopción | c. 1936 |
Cores | Azul Branco Vermello |
Historia e características Editar
A estrela de cinco puntas [1] aparece desde a Prehistoria e tanto na Idade Antiga coma na Idade Media será símbolo xeométrico de moi variadas connotacións. Serán as loxas masónicas[2] as que volvan utilizala, nalgúns casos coloreada de vermello, ata que as organizacións socialistas e comunistas[3] lle confiran un novo pulo simbólico e remate convertida en emblema oficial de numerosos Estados e organizacións ao largo do planeta.
Entre o galeguismo, xa durante o período das Irmandades da Fala, algúns significados membros[4] comezan a incorporar o símbolo da estrela na correspondencia; Castelao introdúcea, xunto á fouce e á serea, na súa proposta laica de escudo. Polo de agora o primeiro uso documentado da estreleira data de 1936[5], cando a arbora o Batallón Galego do V Rexemento. Así o acredita Xosé Luís Méndez Ferrín[6]:
"Na zona republicana organizáronse, que nós saibamos, tres unidades de carácter nacional-popular galego: o Batallón Galicia (Asturias), o Batallón Celta (Exército de Euskadi), e o Batallón Galego (5º Rexemento). Foron mandados, respectivamente, polos comandantes Moreno, Fernández e Esturao. O coronel, logo xeneral, Enrique Líster, de Calo-Teo, que mandaba o 5º Rexemento, estaba orgulloso da súa unidade e quixo que esta levase unha bandeira galega coa estrela vermella. Dinme que Ramón Esturao lla entregou ao Museo Carlos Maside de Sada. A esta refírese Farruco Sesto Novás no seu poema `Homenaxe á bandeira do pobo´."
Na práctica totalidade das organizacións históricas e actuais do nacionalismo galego de esquerda -e tamén nalgunhas organizacións socialistas e comunistas favorables á autodeterminación- é hexemónico o uso da estrela vermella de cinco puntas, tanto incluída na bandeira coma noutros elementos simbólicos representativos. O pulo definitivo para a normalización desa simboloxía foi o activismo clandestino da UPG nos anos 60 e 70. Hoxe constitúe un elemento reivindicativo común nas manifestacións populares e tamén en celebracións[7].
A estreleira carece dunhas medidas precisas e universalmente asumidas, en especial no que atinxe ao tamaño e posicionamento da estrela vermella.
Notas Editar
- ↑ "Pentagram" (en inglés). 2017-12-11.
- ↑ "LA MASONERÍA Y EL MOVIMIENTO OBRERO". Scribd (en castelán). Consultado o 2017-12-17.
- ↑ "Red star" (en inglés). 2017-11-13.
- ↑ Axeitos, Xosé Luís (2017). Manuel Antonio, unha vida en rebeldía. Edicións Xerais. p. 116. ISBN 978-84-9121-188-4.
- ↑ "Primeira Linha em rede 2.0 » [MEMÓRIA COMUNISTA GALEGA] Henrique Líster". primeiralinha.org (en portugués). Arquivado dende o orixinal o 03 de xuño de 2018. Consultado o 2017-12-17.
- ↑ Xosé Luís Méndez Ferrín (23-X-2010). ""Homenaxe á bandeira do pobo", en No Fondo dos Espellos dentro do supl. do Faro de Vigo".
- ↑ Os deportistas galegos subiron a bandeira estreleira ao podio para celebrar a súa vitoria.
Véxase tamén Editar
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Estreleira |
Bibliografía Editar
- Obelleiro Hermida, María (2020). "A bandeira da Patria: orixes e significación". Terra e Tempo (Santiago de Compostela) (181. Os símbolos da nación galega): 14–19. ISSN 1575-5509.