Historia da literatura galega (1951)
Historia de la literatura gallega (na primeira edición), despois Historia da literatura galega (na segunda edición e posteriores, en galego), é un libro ensaístico escrito por Francisco Fernández del Riego, un dos fundadores da Editorial Galaxia, publicado no ano 1951 por esta editorial e pertencente á súa colección “Manuais”. Foi inicialmente publicado en castelán debido ás cuestións políticas. Tivo posteriores edicións, xa en galego, nos anos 1971, 1975 (edición especial para a Caja de Ahorros Municipal de Vigo), 1978, 1981 e 1995 (dentro da BBdCG). Trátase dun amplo estudo da historia da literatura galega desde as súas orixes até finais do século XX, na súa edición máis actual.
Historia de la literatura gallega | |
---|---|
Portada da primeira edición (en castelán) | |
Autor/a | F. Fernández del Riego |
Orixe | España |
Lingua | 1ª edición en castelán sucesivas ed,s. en galego |
Tema(s) | historia da literatura |
Xénero(s) | ensaio |
Editorial | Editorial Galaxia |
Data de pub. | 1951 (en castelán) dende 1971 (en galego) |
Formato | tapa branda |
Páxinas | 169 (edición de 1951) 314 (edición de 1971) 257 (edición de 1995) |
ISBN | ISBN 84-7154-229-3 ISBN 84-7154-002-9 |
[ editar datos en Wikidata ] |
Características
editarO libro conta cun limiar, dez capítulos, en que se atopan numerosas imaxes de cubertas de libros e fotografías de escritores e escritoras, e finalmente, presenta unha bibliografía xeral, unha especial e un índice de autores e autoras.
Capítulos (na edición de 1995)
editar- Limiar (páxinas 5-6)
- Presentación (páx. 7-8)
- Capítulo I. Galicia e a lingua galega (páx. 9-13)
- Capítulo II. A época medieval (páx. 15-44)
- Capítulo III. Catro séculos de decadencia (páx. 45-53)
- Capítulo IV. O primeiro Rexurdimento (páx. 55-64)
- Capítulo V. Tres figuras da Renacencia (páx. 65-84)
- Capítulo VI. Os órganos sintonizadores (páx. 85-94
- Capítulo VII. O Posrenacentismo e as novas letras (páx. 95-126)
- Capítulo VIII. Do Vangardismo á Xeneración do 36 (páx. 127-164)
- Capítulo IX. A narración e o ensaio (páx. 165-194)
- Capítulo X. O rexurdimento da posguerra (páx. 195-222)
- Capítulo XI. A literatura máis nova (páx. 223-242)
- Guía bibliográfica (páx. 243-254)
Criterios de contido
editarFernández del Riego inclúe no seu manual autores e autoras de calquera nacionalidade que escribisen en galego, facendo só unha breve mención a aqueles galegos e galegas que non escribiron nesa lingua, como Emilia Pardo Bazán. En troques, até o Rexurdimento, Del Riego introduciu numerosos escritores e estudosos galegos debido á súa importancia para a defensa da lingua aínda que unicamente escribisen en castelán, como Martín Sarmiento ou Benito Xerónimo Feijoo.
Del Riego foi o predecesor do criterio filolóxico que estabeleceu Ricardo Carballo Calero doce anos despois na súa Historia da literatura galega contemporánea, en que unicamente inclúe aqueles escritores e escritoras, galegos ou non, que escribiron en lingua galega. Contrasta en cambio, con Benito Varela Jácome, que publicou na súa Historia de la literatura gallega de 1956 e na cal incluía escritores e escritoras galegos que escribisen en calquera idioma.
Diferenzas editoriais
editarEdición de 1951
editarTrátase da primeira edición, de 169 páxinas, que foi publicada en castelán no ano 1951. Esta edición, que estaba dedicada ao pai do escritor, forma parte da colección "Manuais".
Edición de 1971
editarÉ a primeira edición da obra realizada integramente en lingua galega. Este cambio débese a que "as dúas décadas decorridas dende unha edición á outra serviron pra incrementar ampliamente o número de lectores na propia fala. Polo tanto, o que resultaba política axeitada pra 1951 non vale xa pra 1971". Ademais, inclúe 24 láminas con imaxes: dous mapas, as capas de seis libros e dúas revistas e varias fotografías de escritores (e dúas escritoras) importantes para a historia da literatura galega. Destaca o cambio nos nomes dalgúns capítulos ou apartados, como o capítulo "Los contemporáneos" por "As letras contemporáneas", ou "Características de las generaciones actuales" por "A xeneración xurde", o que se pode deber ao avance dos estudos e á aparición de novos autores.
Nesta edición, destaca o engadido de novos apartados nalgúns capítulos e o feito de que algúns dos apartados da primeira edición son ampliados e divididos agora en capítulos independentes. É o exemplo de "Poetas independientes" da edición en castelán que na galega se divide en dous, "O realismo social" e "Os independentes", en que se engaden novos autores. No primeiro deles incorpóranse a Luís Seoane, Celso Emilio Ferreiro e Valentín Paz-Andrade; no segundo, a Manuel Casado Nieto, Eduardo Moreiras e Ernesto Guerra da Cal, entre outros, mentres que son eliminados Jesús Bal y Gay, Manuel Luís Acuña e Avelino Gómez Ledo.
Tamén son engadidos agora outros autores e autoras da literatura galega que foron aumentando a súa importancia nos últimos anos, como Florentino López Cuevillas, Anne Marie Morris ou Fermín Bouza-Brey. É importante que nesta nova edición aparece o capítulo X, "Notas literarias de hoxe", que recolle os escritores que foron desenvolvendo a súa literatura nestes últimos vinte anos.
Edición de 1981
editarEsta edición foi publicada pola Editorial Galaxia e nela non se encontran cambios significativos con respecto á edición de 1971.
Edición de 1984
editarSaíu co título, máis simple, de Historia da literatura. O deseño da portada é de Francisco Mantecón e Manuel Janeiro e o libro forma parte da "Biblioteca Básica da Cultura Galega".
Esta edición engade unha presentación preliminar, inexistente nas anteriores. Ademais, elimina algúns apartados e cámbianse outra vez os nomes dalgúns capítulos, como "Albada romántica" por "O primeiro Rexurdimento", así como a estruturación e o desenvolvemento destes, aínda que de pouca consideración. Nesta nova edición, desenvólvense en apartados independentes as biografías e os estudos dalgúns autores, como Antonio Noriega Varela e Ramón Cabanillas, que acadan unha maior importancia co paso dos anos. Engádense tamén novos autores con respecto da edición anterior, como é o caso de Benito Varela Jácome. Debido á evolución da literatura, vese como os seguidores dalgúns autores acaban por conformar unha escola literaria con características identitarias. Nesta nova edición engádese o capítulo XI, "A literatura máis nova".
Edición de 1995
editarEsta edición, en tapa dura, sen cambios con respecto da anterior, forma parte da Biblioteca da Cultura Galega, da editorial Galaxia, e foi patrocinada pola Compañía de Radio-Televisión de Galicia. O deseño da portada vén da man de Francisco Mantecón.
Recepción e influencias
editarComo indica o limiar da edición de 1995, Historia da literatura galega serviu durante moitos anos como manual para moitos estudantes e para o público xeral interesado na literatura galega.
Aparece mencionado en Historia da literatura galega contemporánea 1808-1936, de Carballo Calero. Ademais, aparece tamén no libro Literaturas de España 1975-1998: Convergencias y divergencias, realizado baixo a dirección de Andreu van Hooft Comajuncosas, ou en Las lenguas de España, de Miguel Díez, Francisco Morales e Ángel Sabín.[Cómpre referencia]
Unha importante crítica cara a este libro é a que fai Ánxel Fole en Colección "Grial" 3. Segundo este escritor, a obra realizada por Del Riego cumpre perfectamente a súa función, segundo el moi necesaria, de mostrar a historia da literatura galega. Non obstante, critica a forte arbitrariedade que o autor utiliza á hora de engadir uns ou outros escritores ou escritoras, ademais da escaseza no estudo dalgúns deles, segundo Fole moi importantes, como por exemplo Luís Pimentel. O autor critica tamén a falta de estudo da obra de Ramón María del Valle-Inclán, que Del Riego apenas desenvolve debido aos criterios filolóxicos que utiliza.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Carballo Calero, R. (1975) [1963]. Historia da literatura galega contemporánea. Galaxia. ISBN 84-7154-227-7.
- Fernández del Riego, F., (1951), Historia de la literatura gallega. Vigo. Editorial Galaxia (en castelán).
- ——————— (1971), Historia da literatura galega. Vigo. Editorial Galaxia.
- ——————— (1984), Historia da literatura. Vigo. Editorial Galaxia.
- ——————— (1995), Historia da literatura. Vigo. Editorial Galaxia.
- Fole, Ánxel (1951). "Crítica de una «Historia de la literatura gallega»". p. 80-81, en Colección "Grial" 3. 1991 (en castelán).
- Varela Jácome, B. (1956). Historia de la literatura gallega. Santiago de Compostela. Porto y Cía. Editores (en castelán).
Outros artigos
editar- Historia da literatura galega contemporánea (1975 [1963], Carballo Calero)
- Historia da literatura galega (5 vol,s. 1996-98, AS-PG)
- Historia da literatura galega (1999, Vilavedra)
- Galicia#Literatura (2000-2003, Hércules de Ediciones)
- Historia xeral da literatura galega (2001, Gómez e Queixas)
- Historia da literatura galega (4 vol,s. 2013-2019, Pena)