Lliga Regionalista
A Lliga Regionalista (en galego: Liga Rexionalista) foi un partido político catalán que representaba o catalanismo conservador e monárquico. Fundouse o 25 de abril de 1901 ao se fusionaren a Unió Regionalista e o Centre Nacional Català para se presentaren ás eleccións a Cortes, nas que tivo éxito. O seu primeiro presidente foi Bartomeu Robert i Ybarzábal. A base do seu programa era de ideoloxía conservadora e monárquica e tiña nos seus estatutos a pretensión de acadar a autonomía para Cataluña dentro do estado español. O seu voceiro era La Veu de Catalunya (1899-1936) que coexistiu coa revista satírica ¡Cu-cut! entre 1902 e 1912.
Lliga Regionalista | |
---|---|
Dirixentes e organización | |
Líder | Bartomeu Robert i Ybarzábal |
Historia | |
Fundación | 1901 |
Disolución | 1933 |
Posicións políticas | |
Ideoloxía | Rexionalismo catalán, monarquismo, conservadorismo |
Outros datos | |
Sede | Barcelona |
Publicación | La Veu de Catalunya |
Na rede | |
Traxectoria
editarAs eleccións de 1903 resultaron un fracaso e a Lliga entrou en crise e ao ano seguinte sofre unha escisión do sector máis liberal que dará lugar a Centre Nacionalista Republicà. En 1905 fíxose co control do concello de Barcelona e comezou unha política de modernización da cidade. En 1906 foi o partido que liderou a Solidaritat Catalana, que agrupaba a todas as forzas catalás non dinásticas, con excepción dos republicanos de Lerroux, e que conseguiu o triunfo nas eleccións de 1907, aínda que as diferenzas entre os diferentes grupos imposibilitaría que se consolidase. En 1914 conseguiu que se formase a Mancomunidade de Cataluña presidida por Enric Prat de la Riba. Dende novembro de 1917 a Lliga participou con varios ministros no goberno español, entre eles Francesc Cambó no Ministerio de Fomento. En 1922 escíndese o sector máis nacionalista para formar Acció Catalana. Aínda que nun primeiro momento a Lliga apoiou o golpe de Estado de Primo de Rivera, posteriormente será ilegalizada ata 1930.
No último goberno de Afonso XIII a Lliga asumiu o Ministerio de Finanzas. Tras a proclamación da República, a Lliga aceptou o novo réxime, apoiou o Estatuto de Autonomía de Cataluña de 1932 e cambiou o seu nome a Lliga Catalana. Aínda que a Lliga non apoiou a sublevación do xeneral Franco en Marrocos, unha boa parte dos seus militantes colaboraron coa súa causa.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Grau Mateu, Josep (2003). La Lliga Regionalista i la Llengua Catalana (1901-1924). Barcelona: Fundación Abadía de Monteserrat ISBN 84-8415-768-7
- Prats, Joaquim; Trepat, Cristòlof-A.(2009). Història (batxillerat). Editorial Barcanova. ISBN 9788448924386
- Molas, Isidre; Jiménez de Parga, Manuel (1972). Lliga catalana (1933-1936): un estudi d'Estasiología. Universidad, Facultad de Derecho. ISBN 9788429708585
- Sabaté, Modest (1969). Història de la Lliga. Barcelona: Editorial Brugera.
Ligazóns externas
editar- A Lliga Regionalista e a Lingua Catalá. de Josep Grau Mateu, UPF. (en catalán).