¡Cu-Cut! foi unha revista satírica de ideoloxía catalanista e independentista, de periodicidade semanal de comezos do século XX que se publicou entre o 2 de xaneiro de 1902 e o 25 de abril de 1912 e conseguiu unha gran popularidade. Nas súas páxinas participaron un feixe de grandes creadores gráficos.

¡Cu-Cut!
PaísEspaña
LugarBarcelona
Lingualingua catalá
Fundación2 de xaneiro de 1902
Circulación
ISSN1575-8699
OCLC436630889
Na rede
https://arca.bnc.cat/arcabib_pro/ca/consulta/registro.do?id=2228 e http://www.bnc.cat/digital/arca/index.php?fname=titols/cuc_cut.html
editar datos en Wikidata ]

Politicamente estaba próxima á Lliga Regionalista de Cambó e Prat de la Riba e ó periódico La Veu de Catalunya e era contraria ao centralismo e, sobre todo, ao lerrouxismo. O seu director foi Manuel Folch i Torres, e tivo como colaboradores a Josep Morató i Grado, Eduard Coca i Vallmajor e Manuel Urgellès. Do apartado gráfico, baseado en caricaturas, se ocupaban Joan Llaverías i Labró,[1] Junceda, Ricard Opisso i Sala,[2] Feliu Elias i Bracons Apa,[2] Lluís Bagaria, Smith e Lola Anglada. A súa mascota era un catalán cabezudo cunha barretina, creado por Gaietà Cornet.

Traxectoria

editar
Véxase tamén: Feitos do ¡Cu-Cut!.

Creación

editar

A revista tirou o primeiro número o 2 de xaneiro de 1902, editada por José Baguñà e impresa por Mariano Galve. Daquel primeiro número realizáronse 20.000 exemplares, e pouco despois chegaría aos 30.000, e de cando en vez aos 60.000, unha cifra moi elevada para a época. O derradeiro número foi o 518, que se editou o 25 de abril de 1912.

Durante toda a vida do semanario, cada exemplar custaba dez céntimos de peseta. Igualmente, tampouco variou o formato que contaba con dezaseis páxinas de 275 mm x 195 mm, a dúas columnas e cubertas con dúas tintas, negra e vermella (ocasionalmente empregaron o amarelo e a cor violeta).

O director literario foi Manuel Folch i Torres; o director artístico, Cayetano Cornet e o director Ramon Pruna quen, en realidade, exercía de boi de palla encargado de recibi-los paus da xustiza pola que foi encarcerado en varias ocasións.[3]

Os feitos do ¡Cu-Cut!

editar
 
A caricatura que provocou a reacción dos militares e o asalto á redacción.

A súa existencia condicionou unha serie de feitos que comezaron co ataque á redacción o 25 de novembro de 1905. Ese día a súa redacción, xunto coa de La Veu de Catalunya, foi asaltada por un centenar de militares, como reacción a unha caricatura antimilitarista de Joan Junceda, publicada o día 23.

Os incidentes teñen orixe cando trala vitoria da Lliga Regionalista nas eleccións municipais, deciden realizar un banquete de celebracións que se denominou o "Banquete da Vitoria".[1] Trala celebración do banquete, no Frontón Central, produciuse unha manifestación que marchaba cantado "Els Segadors" e ao achegarse a un local republicano lerrouxista chamado Fratenidad Republicana, produciuse unha pelexa.

Pouco despois, o día 23, publícase a caricatura na que se aludía ás derrotas do exército español fronte a Estados Unidos na Guerra de Cuba, o que anoxou aos oficiais da gornición barcelonesa que decidiron planear algunha acción. O día 25, pola noite, un grupo de oficiais asaltou e esnaquizou a redacción do semanario e, despois, tamén se dirixiron á redacción de La Veu de Catalunya, con idéntico resultado.[4] O gobernador civil de Barcelona, o xeneral Fuentes, adoptou unha postura contemplativa e pasiva que provocou, á súa vez, a ira do catalanismo. Nese confrontamento, a alta oficialidade do exército fixo presión en Madrid no Ministerio, polo que os responsables quedaron sen culpa e para evitar ataques á unidade de España ou á institución militar conseguiron a aprobación, en marzo de 1906, da chamada Lei de Xurisdicións que entregaba todos os delitos "contra a patria ou o exército" á xustiza militar.

Foi unha proba da debilidade do réxime da Restauración que provocou a dimisión do xefe de goberno, Eugenio Montero Ríos e, como rexeitamento á aprobación da Lei de Xurisdicións, que case tódolos partidos cataláns dende o carlismo ao republicanismo federal e o catalanismo se unisen no que sería Solidaritat Catalana.[4][5][6] Dende entón o mapa electoral catalán mudou substancialmente: foi a fin dos partidos dinásticos da Restauración e o triunfo dos partidos de oposición ao réxime e o catalanismo deixou de ser un feito case que exclusivamente barcelonés para ser catalán.[7] O xogo político en Cataluña repartiuse entre a Lliga Regionalista e os partidos republicanos quedando os partidos da quenda fóra do mapa político catalán.[7]

Relevancia

editar

¡Cu-Cut! é imprescindible para comprender o conxunto de publicacións satíricas en Cataluña na primeira metade do século XX porque a súa influencia impregna decisivamente as posteriores iniciativas editoriais do mesmo tipo. A prensa de principios do século XX era un instrumento para facer política e a sátira e o humor de ¡Cu-cut! propiciaron a creación de novas revistas cun estilo semellante baseado na sátira de carácter catalanista. Aos poucos apareceron La Tralla (1903-1907), La Barretina (1903), La Tralla del Carreter (1903 a 1904), Or i Grana (1906-1907) ou Metralla (1907 a 1909). En troques, outras publicacións xa existentes víronse na obriga de revisar a liña editorial como foi o caso de La Campana de Gracia (1870-1934) e L'Esquella de la Torratxa (1879-1938) que incorporaron novos debuxantes e viraron cara ao catalanismo. Tamén influíu noutras publicacións como L'Hereu (1913-14), La Piula (1916), Cuca Fera (1917), L'Estevet (1921-23), El Borinot (1923-1927) ou Papitu (1908-1936).

  1. 1,0 1,1 Romero (2000), p. 113
  2. 2,0 2,1 Casas (2012), p. 35
  3. Solà i Dachs (1967)
  4. 4,0 4,1 Jiménez-Landi (1996), p. 597
  5. Anguera (1998), p. 292
  6. Tusell (1990), p. 61
  7. 7,0 7,1 Tusell (1990), p. 63

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar