Nacionalismo catalán

(Redirección desde «Catalanismo»)

O catalanismo ou nacionalismo catalán é o movemento que propugna o recoñecemento da personalidade política e cultural da Cataluña ou dos Países Cataláns.

Constitucións de Cataluña, compilación das Corts de Montsó do 1585.

Segundo o valenciano e catalanista Joan Fuster, hai catalanistas porque hai españolistas. De feito, o catalanismo xorde como reacción a políticas centralizadoras no Estado Español (como os Decretos de Nueva Planta), avatares históricos (Tratado dos Pireneos) ou imposicións político-culturais (prohibición do catalán na vida pública).

No entanto, o catalanismo non se circunscribe ao ámbito político peninsular, pois nos últimos anos aumentou a súa presenza nas antigas comarcas catalás da Cerdanya Nord, Conflent, Vallespir e Rosselló (actualmente integradas no departamento Francés dos Pireneos Orientais), reivindicando precisamente un maior achegamento coas terras do sur.

Xeralmente, os partidos políticos, entidades ou individuos que se declaran catalanistas ou nacionalistas cataláns, adoitan considerar ben a Cataluña, ben os Países Cataláns, como unha nación. Ese grao de recoñecemento e de defensa dos seus intereses pode abranguer desde un tímido autonomismo á petición da plena independencia (véxase: independentismo).

A nacenza do catalanismo político acostuma datarse nas Bases de Manresa de 1898, momento que é considerado a entrada de Cataluña na Historia Contemporánea.

Na actualidade os partidos ou individuos que se declaran catalanistas consideran que Cataluña, ou os Países Cataláns, son unha nación e que, en consecuencia, teñen dereito a un grao elevado de autogoberno. Porén, as diverxencias aparecen sobre a organización xurídica e territorial que lle convén a Cataluña. Así, mentres unha parte opta pola chegada á soberanía do pobo catalán a través do dereito de autodeterminación, outros optan por unha ampliación do autogoberno no marco autonómico actual ou ben decántanse pola creación dun novo marco federal.

O catalanismo en democracia

editar

O estatuto de Sau

editar

Logo da aprobación da Constitución española de 1978 comezouse a elaborar un novo Estatuto de Autonomía que despois de ser aprobado polo Parlamento de Cataluña foi recortado nas negociacións co goberno español. Posteriormente durante 1979 foi aprobado en referendo, este Estatut definía Cataluña coma a "nacionalidade" e á Generalitat como a "institución na que se organiza politicamente o autogoberno de Cataluña". Ademais recoñecía o catalán como a lingua propia de Cataluña e como idioma oficial xunto co castelán.

O estatuto cedía á Generalitat máis competencias que o de 1932 en materia de ensino, cultura e medios de comunicación, pero menos en asuntos de orde pública e xustiza. Os aspectos de financiamento da autonomía deixáronse nunha situación ambigua, e isto foi un dos motivos da reforma estatutaria de 2006.

No ano 1980 celebráronse as primeiras eleccións ó Parlamento de Cataluña, a forza máis votada foi Convergència i Unió e o presidente elixido Jordi Pujol. Estas eleccións son o disparo de saída da etapa autonómica na que se iniciou un traspaso de competencias do estado á Generalitat. Este proceso perigou tralo intento de golpe de estado de 1981 e ralentizouse coa aprobación da Lei Orgánica de Harmonización do Proceso Autonómico.[1].

O proxecto de CiU tiña a súa base na chamada soberanía compartida[2] na que o estado español mantiña a soberanía e a recoñecía en Cataluña. A aplicación do Estatuto de 1979 dotou á Generalitat dunhas ferramentas de reconstrución nacional que lle foran negadas durante o franquismo. O proceso de normalización lingüística do catalán permitiu un importante avance no coñecemento e o uso social desta lingua entre a poboación de Cataluña. Xurdiron máis xornais e revistas redactados en catalán, se ben cunha difusión limitada. A presenza do catalán nos medios de radiodifusión reforzouse co inicio das emisións nas canles públicas, Catalunya Ràdio e Televisió de Catalunya, e dispúxose novamente dun corpo de policía, os Mossos d'Esquadra. O modelo de soberanía compartida vai durar durante o goberno de Felipe González e o primeiro mandato de José María Aznar.

Terra Lliure

editar

Terra Lliure foi unha organización armada independentista catalá, fundada en 1978 e que se deu a coñecer oficialmente no Camp Nou de Barcelona o 23 de xuño de 1981, no marco da campaña "Som una Nació". A xustiza e as forzas de seguridade do estado español consideraban o grupo como unha "banda terrorista". A organización armada TLL (Terra Lliure) foi creada no ano 1979, malia non publicar o seu primeiro comunicado até o 24 de xuño de 1981, na nomeada Crida de Terra Lliure ("Chamamento de Terra Lliure"), un documento feito público durante o acto multitudinario que organiza a Crida a la Solidaritat no Camp Nou (Estadio do F.C. Barcelona), e que é distribuído de xeito masivo entre os asistentes. Aínda así, no mes de maio un comando actuara contra Federico Jiménez Losantos. Nesta declaración de principios xa se menciona a defensa da terra, da lingua, da soberanía nacional, dos dereitos dos traballadores e contra a españolización da sociedade catalá. Estas bases da organización armada acaban sendo subscritas cos berros Independencia o mort! Visca la lluita armada! Una sola nació, Països Catalans! ("Independencia ou morte! Viva a loita armada! Unha soa nación, Países Cataláns.")

Sindicalismo catalanista

editar

A Confederació Sindical de Treballadors de Catalunya (CSTC) foi un sindicato creado en 1980 a partir da unión de Solidaritat d'Obrers de Catalunya (SOC) e os Col·lectius de Treballadors. En 1983 SOC desapareceu formalmente e a CSTC ocupou o seu espazo. En 1985 a CSCT uniuse a dúas organizacións sindicais e naceu a Confederació Sindical Catalana (CSC). O sindicato entrou en crise en 1986 e en 1987 a CSTC foi formalmente disolta mentres que unha parte da súa militancia, de tendencia esquerdista, fundou a Coordinadora Obrera Sindical (COS). Entre os anos 1987 e 1989 producíronse diferentes escisións principalmente a CCOO e a COS, que en 1990 foi rebautizado como Intersindical-CSC.

O Bloc d'Estudiants Independentistes (BEI) foi un referente na loita polos dereitos dos estudantes, sendo a forza maioritaria durante os anos 90, fusionándose en 1999 con AEN e ACE para formaren a Coordinadora d'Estudiants dels Països Catalans.

O Estatuto de Autonomía de 2006

editar

Logo de 26 anos de vixencia do Estatuto de 1979, o Parlamento de Cataluña presidido por Pasqual Maragall presenta o 30 de setembro de 2005 unha Proposta de Novo Estatuto de Autonomía de Cataluña que recibiu o apoio de tódolos grupos do parlamento agás o Partido Popular de Cataluña. Posteriormente a proposta foi presentada en relatorio no Congreso dos Deputados, un relatorio que remarcou que o Estatuto de 1979 foi aprobado en plena transición e que dende aquela a realidade social do estado e de Cataluña cambiara substancialmente.

 
Manifestación catalanista a favor do dereito a decidir (18 de febreiro de 2006).

Na proposta aprobada no Parlamento catalán definíase a Cataluña como unha nación pero logo dunha longa e crispada negociación entre os partidos presentes no Congreso dos Deputados os artigos van ser moi retocados[3] até chegar a unha nova proposta consensuada que malia perder o apoio de Esquerra Republicana de Catalunya, foi aceptada polas Cortes Xerais españolas. Esta proposta trasladaba a declaración de Cataluña como nación ó preámbulo. De feito os recortes practicados polo Goberno central motivaron a manifestación do 18 de febreiro de 2006, unha manifestación que reclamaba o dereito de Cataluña, so o lema " Som una nació i tenim el dret de decidir ".

Porén, para moitos sectores o novo Estatut seguía a ser un avance no autogoberno [4] e o pobo catalán ratificou este novo estatuto no referendo celebrado o 18 de xuño de 2006.

O desencanto entre algúns sectores catalanistas co novo Estatuto de Autonomía fixo que aparecesen novas plataformas que defenden o dereito á autodeterminación, como a recentemente creada Sobirania i Progrés, sobre a idea de que o benestar da sociedade catalá depende de acadaren a soberanía política plena.

  1. "Històries de Catalunya:El Estatut d'Autonomia". Arquivado dende o orixinal o 26 de xaneiro de 2008. Consultado o 21 de setembro de 2007. 
  2. Lluís Bou: Entre la sociovergència i el Pujolisme, Avui, 2 de setembre de 2007
  3. "Comparació entre l'Estatut presentat al Parlament de Catalunya i l'aprovat al Congrés" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de xuño de 2006. Consultado o 15 de xuño de 2006. 
  4. Comparativa entre l'Estatut de 1979 i el del 2006