Comisións Obreiras

sindicato español
(Redirección desde «CCOO»)

A Confederación Sindical de Comisións Obreiras (CCOO) é un sindicato español, primeiro en número de persoas afiliadas e por delegados elixidos nas eleccións sindicais.

Comisións Obreiras (CC.OO.)
Sindicato Traballador
Dirixentes e organización
LíderUnai Sordo
Filiación internacionalConfederación Europea de Sindicatos
Confederación Sindical Internacional
Historia
Fundación1976
Posicións políticas
IdeoloxíaComunismo
Socialismo democrático
Republicanismo
Internacionalismo
Outros datos
SedeC/Fernández de la Hoz, 12. 28010 Madrid España España
Na rede
ccoo.es
Twitter: CCOO Editar o valor em Wikidata
1 Vinculado orixinariamente ao PCE

Fundouse en 1976 como confederación das diferentes Comisións Obreiras que existían na clandestinidade. Nas súas orixes o sindicato estaba profundamente ligado ao Partido Comunista de España, sendo moi habitual a dupla militancia no PCE e nas Comisións Obreiras clandestinas. Porén, nos estatutos a Confederación Sindical de CCOO defínese como independente de calquera partido. Actualmente o seu secretario xeral é Unai Sordo.

Tras rematar o ciclo electoral en decembro de 2019, aparece como a primeira central sindical de España.[1]

En Galiza traballa coa denominación Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia, fundado en 1978, e o seu secretario xeral é Xosé Manuel Sánchez Aguión.

Historia editar

 
Sedes de CC.OO. e outros sindicatos en Tarragona.

Após a guerra civil española (1936-1939), prohibíronse os partidos políticos e disolvéronse os sindicatos, cuxos militantes foron vítimas da represión do novo réxime ditatorial. Porén, os problemas laborais non desapareceron xunto cos sindicatos, e en 1947 tivo lugar en Biscaia a primeira folga do franquismo.

Poucos anos despois, na década dos 50, os sindicatos comezaron a organizarse na clandestinidade, e naceron as primeiras 'comisións' de traballadores e traballadoras. Tiñan carácter 'espontáneo' e estaban impulsadas polo PCE, movementos cristiáns obreiros e outros colectivos antifranquistas, constituíndo os xermolos das Comisións Obreiras.

Nos anos 60 as CCOO eran xa un movemento con certa organización e comezaron a infiltrarse no Sindicato Vertical, o único permitido no réxime. Así, traballadoras e traballadores que clandestinamente militaban nas Comisións Obreiras formaban parte das listas 'oficiais' ás eleccións sindicais, logrando importantes triunfos nas de 1966.

Porén, o ano seguinte as CCOO foron declaradas "subversivas e ilícitas", polo que os seus membros foron perseguidos e represaliados, con preto de 9.000 condenas ditadas no período 1966-1977 polo Tribunal de Orde Pública. Ademais, diferentes declaracións de estado de excepción, sobre todo entre 1969 e 1971, acabarían na detención e tortura de moitos dirixentes obreiros. Cabe sinalar tamén o Proceso 1001, mercé ao cal foron condenados a varios anos de cárcere os membros da Coordinadora Nacional de CCOO.[2]

En 1975, coa morte de Francisco Franco, o réxime ditatorial comeza a desintegrarse e xorden presións para lograr a legalización dos diferentes partidos e das centrais sindicais. O Secretariado da Coordinadora Xeral de CCOO decidiu celebrar a Asemblea Xeral de CCOO en Madrid os días 27, 28 e 29 de xuño de 1976, pero as autoridades prohibírono.

Con todo, a dirección do sindicato decidiu celebrar clandestinamente a asemblea en Barcelona o 11 de xullo do mesmo ano. Constatada a imposibilidade de crear un sindicato unitario, decidiuse a creación da Confederación Sindical de Comisións Obreiras. O 27 de abril de 1977, logo da legalización dos partidos políticos, legalizáronse os sindicatos, co que CCOO puido constituírse xuridicamente. O primeiro congreso do sindicato foi en xuño de 1978 e Marcelino Camacho resultou electo secretario xeral.

Notas editar

  1. González Navarro, Javier (16 de xuño de 2020). "CC.OO. gana las elecciones sindicales por séptima vez consecutiva con el 35,43% de los delegados". abc.es (en castelán). Consultado o 12 de maio de 2021. 
  2. El final de la dictadura, de Alberto Sabio e Nicolás Sartorius. Consultado o 6 de febreiro de 2010.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar


 
 Este artigo sobre política é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.