A lingua propia é a lingua dun territorio estabelecida historicamente.[1] Como termo xurídico, alude, en distintos Estatutos de autonomía de comunidades autónomas do Reino de España, a linguas que foron declaradas oficiais de dita comunidade autónoma canda o castelán, de acordo co estabelecido no artigo terceiro da Constitución española. O mesmo termo emprégase tamén na Lei de Ordenación do Uso da Lingua Oficial do Principado de Andorra con relación ó catalán, única lingua oficial do Estado andorrano.

Territorios que teñen xuridicamente estabelecida algunha lingua propia.      Autonomías do Reino de España      Principado de Andorra

Historicamente, a afirmación xurídica de que a lingua autóctona ten carácter de lingua propia é un concepto que parte do Estatuto de Réxime Interior de Cataluña de 25 de maio de 1933,[2] e foi posteriormente retomado, a partir da Transición española, coa creación do chamado Estado das Autonomías. En 1996, o Goberno de España, o Congreso dos Deputados e o Senado, unanimemente, adheríronse á proposta de Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos,[1] un texto de carácter institucional que estabelece que «a denominación lingua propia dun territorio fai referencia ó idioma da comunidade historicamente estabelecida neste espazo». Esta declaración foi asinada, entre outras personalidades e organizacións ―tamén de carácter lingüístico―, pola Asociación Internacional da Lingüística Aplicada.

O Dicionario da Real Academia Galega equipara a lingua propia coa vernácula, ó definir esta última como «lingua propia dun país ou lugar».[3] Pola súa banda, o Dicionario da Real Academia Española, na súa voz «lingua morta», fai referencia, desde 1803, á lingua que «non se fala xa como lingua propia e natural dun país ou nación».

Orixe editar

O concepto de lingua propia formulouse nun texto xurídico pola primeira vez no Estatuto de Réxime Interior de Cataluña, aprobado polo Parlamento de Cataluña o 25 de maio de 1933, que no seu artigo terceiro estabelecía: «A lingua propia de Cataluña é a catalá». Foi empregado posteriormente no Estatuto de autonomía de Cataluña de 1979, onde se enuncia que a lingua propia de Cataluña é o catalán.[4] O preámbulo da Lei de Normalización Lingüística catalá de 1983 repite esta mesma afirmación engadindo xenericamente que a lingua propia «é unha ferramenta natural de comunicación, expresión e símbolo dunha unidade cultural con profundas raíces históricas». O termo, por outra banda, non aparece na Constitución española de 1978, que define o castelán como «lingua española oficial do Estado» e dispón simplemente que «as demais linguas españolas»[a] sexan «tamén oficiais nas respectivas Comunidades Autónomas», sen alusión ningunha a linguas propias distintas das oficiais.

Os estatutos citados consagran a existencia de varias linguas oficiais, das cales a cualificada como «propia» adoita ser aquela lingua distinta do castelán; as excepcións son os réximes xurídicos do aranés no Val de Arán e do castelán en Navarra. O Estatuto de Autonomía de Cataluña cualifica como propia do Val de Arán a lingua occitana denominada aranés, non o castelán nin o catalán; mentres a Lei foral do éuscaro cualifica como linguas propias tanto o castelán como o éuscaro. A Constitución Española no seu artigo 3 estabelece que o castelán é a única lingua oficial de todo o país declarando que «Tódolos españois teñen o deber de a coñecer e o dereito de a usar», mais abstense de designar nin o castelán nin o resto de linguas do Estado como lingua propia, concepto este que só sería introducido na lexislación autonómica.

Unido ó de normalización lingüística, este novo concepto foi básico para lexitimar o deseño de políticas de recuperación da lingua propia no senso xurídico do termo, que, segundo os territorios e a conxuntura política, flutuou da acción positiva ou a chamada inmersión lingüística[6] até o que algúns[7] cualifican como promoción de monolingüismo institucional.[8]

Tipo de categorización xurídica no dereito lingüístico comparado editar

Na categorización xurídica das linguas nos Estados europeos, lingua propia ten un valor semellante ó concepto de lingua principal, o cal, nas leis que regulan as autonomías das Illas Feroe e Groenlandia, pertencentes a Dinamarca, fai referencia ás linguas orixinarias de ámbolos territorios.

Presenza lexislativa editar

O termo aparece na práctica totalidade dos Estatutos de autonomía das comunidades autónomas de España con máis dun idioma oficial, así como na Lei de Ordenación do Uso da Lingua Oficial de Andorra.

España editar

Aragón editar

A Lei de Linguas de Aragón de 2009[9] define que os idiomas aragonés e catalán son «linguas propias orixinais e históricas» de Aragón. Así e todo, esta lei non declara explicitamente a oficialidade destes idiomas, tal como prevía que o faría a lei de linguas, segundo dispuña a Lei de Patrimonio Cultural Aragonés de 1999.[10] Para un dos partidos políticos (CHA) que co seu voto a favor permitiu a aprobación desta lei no parlamento aragonés, a mesma «estabelece de facto un réxime de cooficialidade» nas zonas de utilización histórica predominante[11] e un primeiro paso para unha futura cooficialidade.

Cataluña editar

No Estatuto de autonomía de Cataluña de 1979, o catalán é definido como lingua propia de Cataluña (art. 3.1). No Estatuto de autonomía de Cataluña de 2006 mantense tal denominación (art. 6.1), incluíndose algunhas das consecuencias xurídicas xa derivadas deste status desde o restabelecemento da Xeneralidade de Cataluña, coa Lei de Normalización Lingüística de 1983 e a Lei de Política Lingüística de 1998, como son que o catalán sexa o idioma de uso normal e preferente das Administracións públicas e dos medios de comunicación públicos de Cataluña, sendo tamén a lingua normalmente empregada como vehicular e de aprendizaxe na ensinanza. Nel defínese tamén o occitano como lingua propia do Val de Arán e oficial en todo o territorio de Cataluña (art. 6.5).

Galiza editar

No Estatuto de autonomía de Galiza de 1981 (art. 5.1), así como na Lei de Normalización Lingüística de 1983, o galego é definido como lingua propia de Galiza.

Illas Baleares editar

No caso das Illas Baleares o actual Estatuto de Autonomía no seu artigo 4.1 estabelece que «A lingua catalá, propia das Illes Balears, terá, xunto coa castelá, o carácter de idioma oficial».

Navarra editar

En Navarra, a Lei de amelloramento do foro de 1982 (art. 9.2) non recoñece a lingua ningunha o carácter de lingua propia de Navarra; mais a posterior Lei foral do éuscaro de 1986 outorga o carácter de linguas propias de Navarra tanto ó castelán como ó éuscaro (art. 2.1).

País Valenciano editar

O Estatuto de autonomía do País Valenciano tamén inclúe a definición do valenciano, variedade do catalán falada no País Valenciano, como lingua propia (art. 6.1). Tal definición non se elevou a rango estatutario até a súa reforma en 2006, malia que xa a estabelecía a Lei de uso e ensinanza do valenciano de 1983 (art. 2 e 7.1).

País Vasco editar

O Estatuto de autonomía do País Vasco de 1979, recoñece o éuscaro como lingua propia do pobo vasco (art. 6.1). A proposta de reforma do Estatuto, coñecida como Plan Ibarretxe, mantiña dito carácter (art. 8.1).

Asturias editar

A Lei de uso e promoción do asturiano, variedade do asturleonés falada en Asturias, aprobada pola Xunta Xeral do Principado de Asturias en 1998, no seu artigo primeiro, recoñece esta lingua como «tradicional» de Asturias, sen a definir como propia.

Castela e León editar

O Estatuto de Autonomía de Castela e León[12] estabelece que o dialecto leonés, variedade do asturleonés falada na rexión de León, será obxecto de protección por parte das institucións autonómicas. A súa protección, uso e promoción han ser obxecto de regulación. Á súa vez, recóllese o respecto e a protección da lingua galega. Ambas non son estabelecidas como linguas propias.

Andorra editar

O termo transcendeu o ámbito autonómico español xa que a Lei de Ordenación da Lingua Oficial de Andorra (decembro de 1999) incorporouno na súa exposición de motivos: «A lingua catalá é a lingua propia do pobo andorrano».[13]

Dereito internacional editar

A xurista e romanista austríaca Ursula Wurl[14] considera como precedentes xurídicos do termo a alusión ó «idioma propio» ou «propio idioma» referido ás minorías nacionais (étnicas, relixiosas ou lingüísticas), que se realiza:

Notas editar

  1. Algúns especialistas rexeitan o termo linguas españolas ó consideralo «absolutamente equívoco e inconveniente», pois a única lingua española que pode haber, na estrita significación filolóxica, é o castelán. As demais linguas do Estado español son xustamente linguas de España ou linguas que se falan en España.[5]
Referencias
  1. 1,0 1,1 "Declaración Universal de Derechos Lingüísticos". Unesco (en castelán). 1996. Arquivado dende o orixinal o 03 de agosto de 2016. Consultado o 28 de novembro de 2020. 
  2. Puig i Salellas, J. M. (2009) [1983]. "La doble oficialitat lingüística com a problema jurídic". Doble oficialitat i llengua pròpia: dues llengües i un territori (en catalán). Barcelona: Marcial Pons; Fundació Noguera. pp. 43–74. 
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para lingua.
  4. Pla, Anna M.ª (2005). "L'ordenació de la qüestió lingüística a Catalunya de 1982 a 1936". Revista de llengua i dret (en catalán) (Generalitat de Catalunya) (43): 179–212. ISSN 0212-5056. 
  5. Gargallo Gil, José Enrique. "Recorrido por la diversidad lingüística de las tierras de España". Universidade de Barcelona (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 07 de xaneiro de 2006. Consultado o 28 de novembro de 2020. 
  6. «O catalán como lingua propia de Cataluña éo tamén da ensinanza. Empregarase normalmente como lingua vehicular e de aprendizaxe da educación infantil, da educación primaria, e a secundaria obrigatoria.» (Decreto 75/1992)
  7. Santamaría, Antonio (2004) [1998]. "Lengua propia, cultura impropia". BiblioWeb de SinDominio (en castelán). 
  8. A lei do catalán de 1/1998 proclama (art. 2) a lingua propia como lingua «de tódalas institucións de Cataluña».
  9. “LEY 10/2009, de 22 de diciembre, de uso, protección y promoción de las lenguas propias de Aragón” Arquivado 28 de marzo de 2010 en Wayback Machine. (en castelán). Boletín Oficial de Aragón núm. 252, de 30 de decembro de 2009.
  10. “Ley 3/1999, de 10 de marzo, del Patrimonio Cultural Aragonés” (en castelán). Boletín Oficial de Aragón núm. 36, de 29 de marzo de 1999.
  11. “Documento informativo Ley de Lenguas: un primer paso decisivo/Lei de Luengas: un primer trango dezisibo/Llei de Llengües: un primer pas decisiu. Ley de uso, protección y promoción de las lenguas propias de Aragón”. Chunta Aragonesista. Decembro de 2009.
  12. Estatuto de Autonomía (en castelán). Administración Pública de Castilla y León.
  13. "Llei d’ordenació de l’ús de la llengua oficial" (PDF). Butlletí Oficial del Principat d’Andorra (BOPA) (en catalán) (Goberno de Andorra) 12 (2): 66–72, en 66. 12 de xaneiro de 2000. La llengua catalana és la llengua pròpia del poble andorrà 
  14. Wurl, Ursula M. (2011). "El concepte jurídic de llengua pròpia" (PDF). Revista de Llengua i Dret (en catalán) (Generalitat de Catalunya) (56): 37–64, en 54. ISSN 0212-5056. 
  15. Ley 17.724 - Convención relativa a la Lucha contra las Discriminaciones en la Esfera de la Enseñanza, adoptada en el marco de la UNESCO. Aprobación. El Derecho Digital (en castelán). 
  16. Pacto Internacional de Derechos Civiles y Políticos. Oficina del Alto Comisionado de las Naciones Unidas para los Derechos Humanos (OHCHR) (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 30 de marzo de 2013. Consultado o 28 de novembro de 2020. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar