Normalización lingüística
- Véxase tamén: Normalización (sociolingüística).
A normalización lingüística, obxectivo do ecoloxismo lingüístico, é o proceso tendente de converter unha lingua no vehículo normal de comunicación dunha comunidade. Supón a recuperación dun status de normalidade dunha determinada lingua, é dicir, conseguir que o seu uso oral e escrito sexa natural en calquera das situacións da vida cotiá dos falantes. Aínda que ambos os dous conceptos van intimamente ligados, non debe confundirse con normativización, que é o proceso de estandarización ou fixación formal de todo o corpus da lingua. O termo non implica nin unha lingua socialmente ideal nin unha forma de fala culturalmente superior.[1]


Calquera proceso de normalización lingüística dá lugar a unha ortografía relativamente fixa codificada en gramáticas e dicionarios normativos, nos que os usuarios tamén poden atopar ás veces exemplos ilustrativos extraídos de textos literarios, legais ou relixiosos.[2] Tanto se as gramáticas como os dicionarios son creados polo estado ou por cidadáns privados (por exemplo, Webster's Dictionary), algúns usuarios consideran que esas codificacións lingüísticas están autorizadas para corrixir as formas faladas e escritas da lingua.[3] Os efectos de tales codificacións inclúen a desaceleración do ritmo do cambio diacrónico na variedade estandarizada e ofrecer unha base para un maior desenvolvemento lingüístico (Ausbau).[2] Nas prácticas de radiodifusión e de comunicacións oficiais, a norma adoita funcionar como referencia normalizadora da fala e da escritura. En contextos educativos, adoita informar a versión da lingua ensinada a estudantes non nativos.[4]
Factores normalizadores
editarO proceso normalizador depende para o seu avance de tres factores:
- Da acción institucional da comunidade, materializada mediante o poder político, que deberá proporcionar, por medio dunha determinada política lingüística, a lexislación, as medidas e o apoio necesarios tendentes a favorece-lo proceso de normalización lingüística. As institucións públicas teñen a posibilidade de normalizar unha parte moi importante dos ámbitos sociais e de favorece-los procesos de normalización lingüística colectivos e individuais.
- Da acción colectiva non institucional daqueles individuos que posuíndo unha conciencia lingüística se agrupan para pular pola marcha do proceso normalizador.
- Da acción individual, asentada na vontade de ser das persoas que forman a comunidade lingüística. Sen este factor básico o proceso nunca se levará a termo.
Normalización vertical e horizontal do galego
editarA normalización individual (normalización vertical ou do individuo) non se pode acadar sen un proceso consciente e voluntario de galeguización, pois na sociedade galega de hoxe non se dan os condicionantes socioculturais e políticos que permitan ó individuo acceder á expresión completa en galego dunha maneira natural, espontánea e involuntaria.. Así, a normalización lingüística vertical (individual) require un importante esforzo persoal e, aínda que é un fenómeno en aumento, resulta insuficiente, non xa para avanzar no proceso normalizador, senón mesmo para contrarresta-la progresiva perda de usuarios. Na actual situación, a normalización lingüística horizontal, aquela que se produce galeguizando ámbitos, sectores ou áreas da vida social, é a que se presenta como camiño viable e factible de expansión do galego, a que se pode atinxir dunha maneira progresiva no conxunto da sociedade.
Notas
editar- ↑ Charity Hudley & Mallinson (2011).
- ↑ 2,0 2,1 Ammon (2004), p. 275.
- ↑ Ammon (2004), p. 276.
- ↑ Trudgill (2006), p. 119.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Ammon, Ulrich (2004). "Standard variety". En Ammon, Ulrich; Dittmar, Norbert; Mattheier, Klaus J.; Trudgill, Peter. Sociolinguistics 1. Walter de Gruyter. pp. 273–283. ISBN 978-3-11-014189-4.
- Charity Hudley, Anne H.; Mallinson, Christine (2011). Understanding English Language Variation in U.S. Schools. Nova York: Teachers College Press. ISBN 9780807774021.
- Trudgill, Peter (1992). "Ausbau sociolinguistics and the perception of language status in contemporary Europe". International Journal of Applied Linguistics 2 (2): 167–177. doi:10.1111/j.1473-4192.1992.tb00031.x.
- Trudgill, Peter (2004). "Glocalisation and the Ausbau sociolinguistics of modern Europe". En Anna Duszak, Urszula Okulska. Speaking from the margin: global English from a European perspective (en inglés). Frankfurt: Peter Lang. pp. 35–49. ISBN 9783631526637.
- Trudgill, Peter (2006). "Standard and Dialect Vocabulary". En Brown, Keith. Encyclopedia of Language and Linguistics 12 (2nd ed.). Elsevier. pp. 119–121. ISBN 978-0-08-044299-0.
Outros artigos
editar- A Mesa pola Normalización Lingüística
- Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias
- Encontros para a Normalización Lingüística
- Fotolingua
- Normalización (sociolingüística)
- Normativa
Ligazóns externas
editar- Elaboración e difusión da lingua (O proceso de Normalización do idioma galego). Directores: Henrique Monteagudo e Xan M. Bouzada
- Dopazo, L. & Lombao, D. (2006). A normalización lingüística do galego através dos blogs: o caso de Blogaliza. En Prisma 3. CETAC.MEDIA.