Real Academia Española

institución responsable da regulación da lingua castelá

A Real Academia Española (RAE) é o organismo responsable de resgarda-lo bo uso da lingua española. A súa sede está en Madrid (España), pero ten afiliacións coas academias nacionais de 21 países castelanfalantes. O seu director é Santiago Muñoz Machado[1].

Real Academia Española
Tiporegulador lingüístico, academia nacional e organización
Data de fundación1713
Fundador(es)Filipe V de España e Duque de Escalona
PremiosPremio Príncipe de Asturias da Concordia
SedeMadrid e Real Academia Española headquarters
PaísEspaña
40°24′54″N 3°41′27″O / 40.41502, -3.69091
Na rede
https://www.rae.es/
Facebook: rae Twitter: raeinforma Instagram: laraeinforma Youtube: UCsjRherHKvqVj9V2xP_UDHQ BNE: XX111212 Dialnet: 2008590 Editar o valor en Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Historia

editar

O seu emblema está formado por un crisol ó lume. Acompáñao a lenda «Limpa, fixa e dá esplendor». O obxectivo era fixa-lo idioma no estado de plenitude que alcanzara durante o século XVI e que se consolidara no XVII.

A Real Academia Española foi fundada en 1713 por iniciativa de Juan Manuel Fernández Pacheco, marqués de Villena e duque de Escalona, co propósito de «fixa-las voces e vocábulos da lingua castelá na súa maior propiedade, elegancia e pureza».

Tomaron como modelo para a súa creación á Accademia della Crusca italiana (1582) e á Académie française (1635). A súa creación foi aprobada o 3 de outubro de 1714 por Real Cédula de Filipe V, quen a acolleu baixo o seu «amparo e Real Protección». Ó longo da súa historia estivo integrada case exclusivamente por homes, ata o nomeamento de Carmen Conde en 1978, de Elena Quiroga en 1983 e de Ana María Matute en 1995.

Dende 1870 establécense en América e en Filipinas academias correspondentes da lingua española. Estas na actualidade teñen o mesmo rango e condicións cá RAE. Xunto á Asociación de Academias de la Lengua Española, á que pertencen, foron galardoadas co Premio Príncipe de Asturias da Concordia en 2000.

O 20 de outubro de 1993 constituíuse a Fundación Pro Real Academia Española, entidade que ten como finalidade achegar recursos económicos para o financiamento das empresas da Academia. Está rexida por un padroado do que ostenta a presidencia de honor o rei Xoán Carlos I, a presidencia o gobernador do Banco de España e a vicepresidencia o director da Real Academia Española. As vogalías osténtanas outros académicos, os presidentes das comunidades autónomas e de empresas privadas, como socios fundadores.

A Fundación está aberta á participación de particulares mediante a correspondente cota económica, membros benfeitores, e entre as actividades subvencionadas atópanse a realización do banco de datos, o Diccionario del estudiante, o Diccionario panhispánico de dudas e outras obras en proxecto ou desenvolvemento coma a Gramática normativa.

Funcións

editar

O artigo primeiro dos estatutos da RAE di:

«[...] ten como misión principal velar por que as mudanzas que experimente a lingua española na súa constante adaptación ás necesidades dos seus falantes non creben a esencial unidade que mantén en todo o ámbito hispánico. Debe coidar igualmente de que esta evolución conserve o xenio propio da lingua, tal como foi consolidándose co correr dos séculos, así coma de establecer e difundi-los criterios de propiedade e corrección, e de contribuír ó seu esplendor. Para alcanzar ditos fins, estudará e impulsará os estudos sobre a historia e sobre o presente do español, divulgará os escritos literarios, especialmente clásicos, e non literarios, que xulgue importantes para o coñecemento de tales cuestións, e procurará manter vivo a lembranza de quen, en España ou en América, cultivaron con gloria a lingua española. Coma membro da Asociación de Academias de la Lengua Española, manterá especial relación coas Academias Correspondentes e Asociadas.»

A RAE é considerada frecuentemente coma unha organización conservadora, pois entre as súas metas está a preservación da lingua española. Porén caracterízase así mesmo por exercer unha influencia progresista, ó se esforzar en mante-la linguaxe formal en sintonía coa actualidade. Un exemplo disto último aconteceu en 1994 cando ditaminou que os dígrafos ch e ll (que a academia consideraba letras por unha tradición que se remontaba a Nebrija) serían alfabetizadas xunto co c e o l e non como letras separadas, coma no pasado. A RAE segue un proceso formal para a admisión de novas palabras.

Organización e operación

editar

Segundo os seus estatutos a RAE está composta por:

  • Académicos de número (46 en total)
  • Académicos correspondentes españois (ata un máximo de 60)
  • Académicos correspondentes estranxeiros
  • Académicos de número das academias americanas (que por dereito son académicos correspondentes)
  • Académicos honorarios

Unha xunta de goberno rexe a Academia e supervisa tódolos asuntos relativos á súa boa operación, tanto no relacionado co seu funcionamento interno coma coas súas relacións cos organismos do estado, e as demais Academias. Esta xunta é presidida polo director da Academia e está constituída polo vicedirector, o secretario, o censor, o bibliotecario, o tesoureiro, o vicesecretario e dous vogais adxuntos. Todos estes cargos son electivos e, a excepción dos vogais, que se elixen cada dous anos, pódese exercer durante catro anos, prorrogables só unha vez.

A Academia funciona en Pleno e en Comisións que se reúnen semanalmente. As Comisións teñen a misión de elabora-las propostas que posteriormente examinará o Pleno para decidir sobre a súa aprobación. Na actualidade existen as seguintes comisións: Delegada do Pleno, de Dicionario usual, de Dicionario histórico, de Gramática, de Información lingüística, de Vocabulario científico e técnico, de Ciencias humanas, de Publicacións e de Premios. Ademais, existe unha Comisión encargada da conservación da casa do Museo de Lope de Vega.

O Pleno, formado por tódolos académicos, reúnese durante o curso académico os xoves pola tarde. Unha vez aprobada as actas da sesión anterior e de debater calquera tema xeral, os asistentes presentan emendas e adicións ó Dicionario. Acto seguido examínanse as propostas formuladas polas diversas Comisións. As resolucións, no caso de que se produza disparidade de criterio, adóptanse mediante votación.

Ó servizo dos traballos que a Academia desenvolve en pleno ou en comisións, funciona o Instituto de Lexicografía, integrado por filólogos e lexicógrafos que realizan as tarefas de apoio para a elaboración dos dicionarios académicos.

Académicos de número

editar

Os membros da Academia son elixidos de por vida polo resto dos académicos e coñéceselles coma Inmortais. Cada académico ten unha cadeira de brazos asignado á súa persoa, e distinguido cunha letra do alfabeto (tanto maiúsculas coma minúsculas). Os académicos de número son, por orde de ingreso:

Histórico de académicos de número galegos

editar

Histórico de académicos correspondentes galegos

editar

Principais publicacións

editar

Entre as súas principais publicacións destacan:

  • Diccionario de Autoridades (Dicionario da lingua castelá, no que se explica o verdadeiro sentido das voces, a súa natureza e calidade, coas frases ou motivos de falar, os proverbios ou refráns e outras cosas convenientes do uso da lingua, 1726-1793, en 6 volumes)
  • Diccionario de la lengua española (1ª edición 1780, 21ª edición 1992, 22ª edición 2001)
  • Ortografía de la lengua española (1ª edición 1741). A edición máis recente é a de 1999, elaborada entre a RAE e as academias correspondentes, polo cal é considerada unha ortografía panhispánica. Substitúe ás Novas normas de prosodia e ortografía de 1959.
  • Gramática de la lengua española (1ª edición 1771). A súa revisión máis recente é Esbozo de una nueva gramática de la lengua española (1973), aínda que a Academia publicou tamén unha gramática de autor, non propiamente institucional: a de Emilio Alarcos (1994). Existe na actualidade un proxecto entre a RAE e as academias correspondentes en redactar unha nova gramática.
  • Boletín de la Real Academia Española (dende 1914)
  • Diccionario manual e ilustrado de la lengua española (1ª edición 1927, 4ª edición 1989)
  • Diccionario histórico de la lengua española (primeiro volume 1933, incompleto)
  • Diccionario escolar de la RAE (1ª edición 1996, 2ª edición 1997)
  • Diccionario panhispánico de dudas. Elaborado entre a RAE e as academias correspondentes (1ª edición 2005).

Notas

  1. Miguel Ángel Villena (21 de decembro de 2018). "Los académicos se fiaron más de Muñoz Machado que de Cebrián para dirigir la RAE". eldiario.es (en castelán). 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar