Enrique Campo

pintor galego (1890-1911)

Enrique Campo Sobrino, nado en Pontevedra o 21 de setembro de 1890 e finado prematuramente na mesma cidade, o 2 de xuño de 1911, foi un pintor e debuxante que destacou polos seus traballos para a Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra.

Enrique Campo
Autorretrato a acuarela
NomeEnrique Campo Sobrino
Nacemento21 de setembro de 1890
 Pontevedra
Falecemento2 de xuño de 1911
 Pontevedra
Nacionalidadeespañola
EidoPintura e debuxo
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Na súa familia, acomodada e vinculada coa arte a a cultura, cómpre recordar a Carlos Sobrino Buhigas e Fernando Campo Sobrino, curmán e irmán de Enrique, respectivamente. O pai de Carlos Sobrino, o médico Luís Sobrino Rivas, foi membro fundador da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra e a el debeuse a relación destes tres artistas (Carlos Sobrino e mais Enrique e Fernando Campo) con Casto Sampedro Folgar.

 
Busto de Enrique Campo obra de Carmen Alcoverro, no Museo de Pontevedra

Sendo aínda un rapaz entrou xa en relación con Casto Sampedro, que en 1894 fundara a Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra. Casto Sampedro apreciou axiña a calidade dos debuxos de Enrique e a súa capacidade de traballo e de observación, ata o punto de nomealo socio de mérito da Sociedade o 28 de decembro de 1906, con só 16 anos. Desde ese momento converteuse en debuxante oficial e colaborador habitual da mesma.

Enrique Campo debuxou centos de edificios, monumentos, petróglifos, escudos e distintas pezas de arte, ó longo das continuas viaxes que realizou por terras de Pontevedra, só ou acompañando os membros da Sociedade. Especialmente produtiva foi a viaxe que realizou desde maio a outono de 1909, xunto o gravador compostelán Enrique Mayer, co propósito de recoller material para a Exposición Rexional Galega que Antonio López Ferreiro, entre outros, organizou en Santiago de Compostela a finais dese mesmo ano, e na que Enrique Campo foi designado delegado da sección arqueolóxica. Durante o percorrido escribiu un Diario no que detallaba os itinerarios seguidos: O Morrazo, Vigo, Tui, Baiona, Gondomar, O Porriño, Ponteareas, Salvaterra de Miño, Ribadavia, Melón, O Carballiño e San Cristovo de Cea, para regresar por terras do Deza e o Ulla ata rematar en Santiago. No diario engadiu comentarios artísticos, topográficos e etnográficos, que publicou Xosé Filgueira Valverde en 1944.

Rematada esta xeira e a montaxe da exposición, en outubro de 1909 marchou a Madrid para cursar estudos artísticos cunha bolsa concedida pola Deputación de Pontevedra, que simultaneaba cun traballo de administrativo na Compañía de Tabacos. Como mantén o seu interese pola arqueoloxía, decide organizar pequenas viaxes polas proximidades de Madrid e na primeira que fai descobre, o 8 de decembro, unha ara romana nas proximidades da Ponte dos Franceses, a primeira ara romana que se atopaba en Madrid e que hoxe se conserva no Museo Arqueolóxico Nacional. O achado serviulle para ser nomeado membro correspondente da Real Academia de la Historia en 1910.

Meses despois cae enfermo e non consegue recuperarse.[1] Ante a inminencia da súa morte trasládano a Pontevedra, onde morre o 2 de xuño de 1911, sen cumprir aínda os 21.

Foi o mellor e máis importante dos debuxantes da "Arqueológica" malia ó breve espacio de tempo, apenas catro anos, que durou a súa vida artística

O Museo Provincial de Pontevedra conserva máis de 500 debuxos e acuarelas, procedentes dos fondos da Sociedade Arqueolóxica e da colección Sampedro. Ó valor artístico das obras únese o valor técnico e documental ó testemuñar monumentos, edificios ou elementos artísticos hoxe desaparecidos ou profundamente modificados.

Galería de imaxes editar

Notas editar

  1. As autoras das biografías contidas no Catálogo da exposición Os debuxantes da Sociedad Arqueológica de Pontevedra non especifican nada: "comezou a padece-los síntomas dunha terrible enfermidade". Cabe supoñer que se estean referindo á tuberculose, que naquelas datas causaba estragos.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar