A Moureira, Pontevedra

barrio de Pontevedra

A Moureira é o antigo barrio mariñeiro da cidade de Pontevedra onde residía o Gremio de Mareantes á beira do río Lérez, da ría de Pontevedra e do río Gafos. Hoxe está integrado no núcleo urbano.

A Moureira
Rúa Xan Guillermo na Moureira de Arriba
ConcelloPontevedra
ProvinciaPontevedra
Coordenadas42°25′47″N 8°39′13″O / 42.429666666667, -8.6535833333333Coordenadas: 42°25′47″N 8°39′13″O / 42.429666666667, -8.6535833333333
editar datos en Wikidata ]

Localización editar

O antigo arrabalde mariñeiro da Moureira estaba situado extra muros, entre a vila amurallada e o litoral e estendíase en arco seguindo a liña de costa desde a ponte do Burgo ata a desembocadura do río Gafos.[1]

Na actualidade corresponde a amplas zonas urbanas ribeiregas do oeste da cidade como a Leira do Teucro[2][3] e os arredores das rúas Xan Guillermo, Fonte da Moureira, Campo do Boi, Benito Soto[4] e a praza Cornielles de Holanda, e a rúa da Barca máis ao norte; e as rúas Monteleón, Almirantes Matos, Juan Villaverde Barcala, Irmáns Nodales, San Roque de Abaixo, Ribeira dos Peiraos e as prazas do Campo da Torre e do Gremio de Mareantes máis ao sur.[5]

Historia editar

A Moureira formouse como arrabalde mariñeiro onde residía o Gremio de Mareantes da cidade. O nome procede de moira, do latín muria, a salmoira, sale muria empregada na salgadura da sardiña, xa que o sal era un produto esencial para a conservación do peixe.[6] Durante a Idade Media e gran parte da Moderna, o porto de Pontevedra foi o máis importante das Rías Baixas. Nesa época a cidade tivo varios privilexios reais. En 1229, Afonso VIII de León e Galicia outorgoulle un privilexio exclusivo para a elaboración e distribución de peixe en todo o reino, e en 1238, Fernando III de Castela concedeulle a fabricación de graxa de saín.[7] En 1452, Xoán II de Castela concedeu a Pontevedra o título de porto de carga e descarga de Galicia, situado nos tres grandes peiraos da Moureira de Arriba, onde se cargaban e descargaban as mercadorías de Galicia.[8][9][10] No século XV construíuse nos estaleiros de Pontevedra a carabela Santa María, chamada a Galega, que levou en 1492 a Cristovo Colón a descubrir América.[11][12][13]

O barrio da Moureira tivo a súa maior importancia no século XVI, asociado á arte da salgadura e á exportación do peixe. O barrio acubillaba os equipamentos necesarios para o desenvolvemento das actividades marítimas e portuarias, así como as vivendas dos mariñeiros. Nese século o gran volume de pesca de sardiña que se obtiña da ría de Pontevedra e a facilidade para o seu secado e salgadura no barrio fixeron que Pontevedra fose un dos portos máis activos e ricos da Península Ibérica, no que recalaban barcos procedentes de toda Europa.[14][15][16][17][18] En 1517 como símbolo deste esplendor da cidade empezouse a construír baixo o auspicio do Gremio de Mareantes a basílica de Santa María a Maior, sendo a súa portada unha das primeiras cousas que vían de Pontevedra os mariñeiros cando chegaban de faenar no mar.[19][20]

Dos peiraos da Moureira saían barcos para os enclaves comerciais máis importantes como Inglaterra ou Flandres e nas rúas da vila no século XVI, o ambiente urbano era marcadamente cosmopolita con cidadáns tan dispares como bretóns, flamengos ou portugueses.[21][22] En 1557 unhas ordenanzas da Vila prohibían a residencia no barrio da Moureira a aqueles moradores que non realizasen unha función directamente relacionada co mar.[23]

 
Retrato de Pontevedra e A Moureira en 1595

En 1835 aínda había 17 destes peiraos de pedra na Moureira.[6] A gran modificación da fachada litoral de Pontevedra, onde estaban os antigos peiraos da Moureira empezou en 1900 facéndoos desaparecer[17][6] coa construción dun dique en 1905[24] e recheos a partir de 1910 desde a ponte do Burgo á da Barca e logo ata a desembocadura do río Gafos, xunto ao que se creou a nova dársena portuaria de Corvaceiras a inicios da década de 1910 e a praza Gremio de Mareantes en terreos gañados á ría que ata entón non eran terra firme. Os recheos conduciron á urbanización da actual avenida das Corvaceiras na década de 1960 que terminaría por funcionar como unha vía de circunvalación da cidade á beira da ría e do río. A partir da explosión inmobiliaria dos anos 60 a maioría das casas tradicionais das Moureiras foron substituídas por edificios modernos.[24][25] En 1989 empezaron as obras para converter a ribeira nunha avenida de catro carrís[26] e na década de 1990 grandes edificios substituíron as poucas casiñas tradicionais que quedaban.

Descrición editar

O antigo barrio da Moureira estaba divido en tres tramos correspondentes a tres Moureiras: a de Arriba, a da Barca e a de Abaixo.[22][21]

  • A Moureira de Arriba era a zona portuaria de mercadorías de onde saían embarcacións cargadas de viño do Ribeiro, de peixes en salgadura ou ferramentas de ferro. Nesa zona atracaban os barcos no grande estuario do río Rons.[27] Estendíase desde as inmediacións da ponte do Burgo ata os arredores da ponte da Barca, onde se situaban os estaleiros e talleres relacionados co mar. A salgadura dos pescadores e o resto de produtos de Galicia como viño do Ribeiro ou madeira distribuíanse a outros países como Inglaterra ou Flandres.

Na rúa Xan Guillermo, a principal vía de comunicación da Moureira de Arriba coa cidade amurallada, quedan actualmente casas do século XVI con columnas de orde toscana.[4]

Na praza do Peirao na beira norte do centro histórico de Pontevedra no límite da Moureira de Arriba, estaba situado un dos peiraos máis importantes da cidade. Na actualidade a praza está rodeada de laranxeiras e ten unha fonte de pedra neoclásica no seu centro, realizada por Alejandro Sesmero en 1876, coroada pola deusa romana Fama.[28]

  • A Moureira da Barca, localizábase nas inmediacións do peirao onde se atopaba a barca que comunicaba coa outra beira da ría e que deu máis tarde lugar á ponte de madeira e á actual ponte da Barca. Estendíase ata o lateral norte da praza de touros, onde se desenvolvía a actividade comercial.[21] Nela atopábanse a maioría dos peiraos e os estaleiros.[29] No seu estaleiro construíanse os barcos de maior eslora e tonelaxe como as galeras e carabelas.[21] O cruceiro situado á beira da ponte da Barca está datado no século XVI.[30]
  • A Moureira de Abaixo era pescadora e autosuficiente. Estendíase desde as proximidades da ponte da Barca e a praza de touros ata a desembocadura do río Gafos. Nela atopábanse os peiraos coas fábricas de salgadura de peixe, alfolíes e un hospital de leprosos. Era A Moureira pesqueira, con edificacións orixinarias dos séculos XV e XVI.[21][1]
 
Plano de Pontevedra en 1856 co barrio da Moureira ao oeste da cidade.

Na Moureira de Abaixo a rúa máis típica é a rúa Juan Villaverde Barcala. Mantense case como hai dous séculos con casiñas típicas e conservando as escaleiras da rúa talladas na roca.[31]

No Campo da Torre, onde os mariñeiros traballaban e arranxaban e secaban os aparellos de pesca atópase dende 1900 a praza de touros de San Roque, e un pouco máis abaixo a Capela de San Roque que foi construída nunha zona moi próxima aos peiraos en honra a San Roque, protector contra a peste, para protexer aos veciños da cidade dos efectos mortais dos barcos que chegaban infectados. É de estilo neoclásico e no seu exterior incorporáronse canzorros románicos.[32] Na rúa Irmáns Nodales estaban algúns dos almacéns de sal para conservar as sardiñas. Tamén na Moureira de Abaixo, na rúa Ribeira dos Peiraos atopábanse os peiraos situados na desembocadura do río Gafos. Destaca na rúa o antigo Hospital de San Lázaro do século XV con patín pechado e altas pilastras cuadrangulares. O edificio foi testemuña das distintas epidemias que sufriu Pontevedra ata o século XIX. [33][34]

Os peiraos das Moureiras compoñíanse dunha escaleira central de pedra e dúas plataformas laterais que avanzaban cara á auga facilitando a carga e descarga dos barcos e cada un tiña nome propio. O barrio estaba formado por centenares de pequenas casas mariñeiras de varias modalidades, antigas residencias de pescadores, moitas compostas dos seus correspondentes peiraos e patíns, outras con sobrado e outras rematadas en forma de mitra, que no século XV recibían o nome de casas de outón. Apenas existían rúas na estrutura tradicional do barrio. O conxunto de camiños que comunicaban os peiraos, as vivendas e os campos estaba sen pavimentar. A ocupación do terreo era de modo non aliñado e disperso, excepto as rúas que enlazaban co camiño que rodeaba a muralla.[6]

Algúns nomes de rúas e ruelas actuais das Moureiras gardan relación coa arquitectura mariñeira do barrio, como a praza do Peirao, as rúas Xan Guillermo (propietario dun dos peiraos do Lérez), Sardiña, Irmáns Nodales, Almirantes Matos, Milano dos Mares ou Juan Villaverde Barcala (antigo presidente do Gremio de Mareantes).[4]

Galería editar

Notas editar

  1. 1,0 1,1 "Las mujeres del barrio marinero de A Moureira hacen historia". La Voz de Galicia (en castelán). 8 de maio de 2014. 
  2. "Cinco mil metros cuadrados bajo una plaza pública". La Voz de Galicia (en castelán). 29 de novembro de 2003. 
  3. "Una promotora reactiva el interés por el proyecto para urbanizar la finca del Teucro". La Voz de Galicia (en castelán). 31 de xullo de 2019. 
  4. 4,0 4,1 4,2 "¿Cómo se vive en una casa de 600 años de historia?". Diario de Pontevedra (en castelán). 19 de decembro de 2021. 
  5. Riveiro Tobío 2008, p. 54-59
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 "La Moureira. Parte segunda y última". Pontevedra Viva (en castelán). 29 de decembro de 2017. 
  7. "Os foros do Portus Apostoli no medievo". La Voz de Galicia. 23 de marzo de 2018. 
  8. Fontoira Surís 2009, p. 484
  9. Aganzo 2010, p. 19;122
  10. Durán Villa 2000, p. 76
  11. Aganzo 2010, p. 19;122
  12. Riveiro Tobío 2008, p. 54-55
  13. "Casi ocho siglos después". Diario de Pontevedra (en castelán). 23 de xuño de 2019. 
  14. Aganzo 2010, p. 19;122
  15. "Fortes describe la Pontevedra del siglo XVI como «abierta y divertida»" (en castelán). 24 de agosto de 2005. 
  16. "Sin impuestos en la Pontevedra bendecida por Enrique IV". El Mundo (en castelán). 3 de setembro de 2011. 
  17. 17,0 17,1 "Recordando la ciudad que fue puerto". Faro (en castelán). 25 de agosto de 2007. 
  18. Pereira Fernández 1999, p. 33-38;45-51
  19. Aganzo 2010, p. 19;122
  20. "Cuanto más sé de los Mareantes, más fascinante me parece»". La Voz de Galicia (en castelán). 6 de xuño de 2011. 
  21. 21,0 21,1 21,2 21,3 21,4 "La Moureira. Parte primera". Pontevedra Viva (en castelán). 22 de decembro de 2017. 
  22. 22,0 22,1 "Barrio de piratas, héroes, marineros...". Faro (en castelán). 6 de febreiro de 2011. 
  23. Durán Villa 2000, p. 84
  24. 24,0 24,1 "La Moureira que desaparece". Faro (en castelán). 26 de febreiro de 2016. 
  25. Riveiro Tobío 2008, p. 54-55
  26. "La Xunta aprovechará las fiestas para iniciar las obras en el puente de A Barca". Diario de Pontevedra (en castelán). 1 de agosto de 2018. 
  27. "Un libro de fotografías antiguas recupera la memoria del barrio de la Moureira". Pontevedra Viva (en castelán). 28 de decembro de 2015. 
  28. "Retales de monumentos salpicados por la ciudad". Pontevedra Viva (en castelán). 10 de xuño de 2016. 
  29. Fernández Martínez 2016, p. 351
  30. Riveiro Tobío 2008, p. 58
  31. Aganzo 2010, p. 88
  32. Aganzo 2010, p. 89-90
  33. Aganzo 2010, p. 87
  34. "La leprosería del Gafos". Diario de Pontevedra (en castelán). 8 de xuño de 2015. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Aganzo, Carlos (2010). Pontevedra. Ciudades con encanto (en castelán). Madrid: El País-Aguilar. p. 19; 86-90; 122. ISBN 978-8403509344. 
  • Durán Villa, Francisco (2000). Provincia de Pontevedra (en castelán). Madrid: Mediterráneo. p. 76-78;84;92. ISBN 8471563371. 
  • Fernández Martínez, Carla (2016). Pontevedra. La memoria rescatada: Vistas y visiones de una ciudad atlántica (en castelán). Pontevedra: Deputación de Pontevedra. p. 347-373. ISBN 8484574407. 
  • Fontoira Surís, Rafael (2009). Pontevedra monumental. Pontevedra: Deputación de Pontevedra. p. 484;502;532-547. ISBN 9788484573272. 
  • García Iglesias, José Benito (2017). Donde la salmuera. A Moureira y sus gentes. (en castelán). Pontevedra: Alfil. ISBN 978-84-697-7628-5. 
  • Riveiro Tobío, Elvira (2008). Descubrir Pontevedra (en castelán). Pontevedra: Edicións do Cumio. p. 8;54-59. ISBN 9788482890852. 
  • Pereira Fernández, José Manuel (1999). "Pontevedra y el mar en tiempos de Carlos I" (PDF). Cuadernos Monográficos del Instituto de Historia y Cultura Naval (Madrid: Ministerio de Defensa) (34): 29–52. ISSN 0212-467X. 

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar