Rúa Real (Pontevedra)
Coordenadas: 42°25′59″N 8°38′43″O / 42.433083333333, -8.6451944444444
A rúa Real é unha rúa da cidade de Pontevedra, situada no centro histórico da cidade.
Rúa Real | |
---|---|
A fonte dos Tornos no medio do trazado da rúa | |
Tipoloxía | rúa |
Dimensións | |
Lonxitude | 0,20 km |
Formato | peonil |
Localización | |
Inicio | Praza de Celso García de la Riega |
Fin | Praza de Curros Enríquez |
Localización
editarA rúa Real discorre de norte a sur entre a praza de Celso García de la Riega, preto da ponte do Burgo, e a praza de Curros Enríquez.[1]
Historia
editarAs orixes da rúa sitúanse no trazado da antiga vía romana XIX do Itinerario de Antonino, cuxos vestixios se atopan baixo a actual calzada.[2] Séculos máis tarde, na Idade Media, a rúa converteuse en paso do camiño portugués a Santiago de Compostela, cando comezaron as peregrinacións.[2][3]
A partir de 1397 e durante os séculos seguintes a rúa foi coñecida como Rúa do Rego, debido a que recollía nunha canle central abundantes augas, entre elas as que manaban do lugar en que está a fonte dos Tornos.[4] En 1840 a rúa denominábase xa Rúa Real. En 1843 denominouse rúa Padilla.[4] Foi unha das primeiras rúas de Pontevedra en ser empedradas entre as décadas de 1850 e 1860[5] e en 1872 instalouse a fonte piramidal dos Tornos no medio do seu trazado.[6]
A principios do século XX a rúa Real era unha das principais da cidade polo tránsito de persoas xa que era lugar de paso obrigado para saír da cidade polo norte e pola súa vida mercantil e numerosos comercios.[7] En 1931 denominouse rúa Pi y Margall antes de retomar a súa denominación tradicional.[4]
Descrición
editarÉ unha rúa peonil empedrada de 200 metros de lonxitude, en pendente descendente cara ao norte, en pleno centro do casco antigo de Pontevedra, que conecta a praza de Celso García de la Riega, pasando polo lateral este da praza do Teucro, coa praza de Curros Enríquez. A súa anchura media é de 3,70 metros.
O centro do pavimento da rúa Real está delimitado por unha liña de pequenas luces azuis que indican o itinerario do Camiño Portugués.[8] No punto central do trazado da rúa atópase a Fonte dos Tornos. É unha fonte neoclásica de forma piramidal que foi construída en granito en 1872. A fonte substituíu a outra do século XVI que tiña forma de pera e remataba en piña.[7]
Na parte oeste da praza do Teucro, enfronte ao Pazo do Marqués de Aranda áchase unha fonte monumental construída en 1970 encostada ao muro de peche da praza que salva o desnivel coa rúa Real.
A rúa Real é unha das máis comerciais do centro histórico da cidade e punto de referencia do comercio tradicional. Nela atópanse establecementos con soleira como a Ferretería Gallega (Ferraxería Galega) aberta en 1947, a cestería Cestigar, a tenda de marroquinería Casa Bravo, Ultramarinos Diego Lores (aberto nos anos 1920) ou a xastrería Tres Rías aberta en 1972.[9][10][11][6][12][13] Outros moi populares acabaron pechando como Ultramarinos El Cisne (fundado en marzo de 1941 e pechado en outubro de 2021).[14][15]
Na rúa tamén se localizan locais de hostalería emblemáticos como a crepería Cre-Cottê ou o hotel con encanto Boa Vila, que abriu as súas portas en 2009.[16][17][18]
Edificios destacados
editarNo número 1 e 3 da rúa Real atópase formando parte das casas actuais o que que queda do antigo Pazo dos Condes de San Román do século XVII, que foi o pazo máis grande da cidade e cuxa fachada principal daba á praza de Curros Enríquez.
No número 10 con fronte á praza do Teucro sitúase o Pazo do Marqués de Aranda (alcalde do Reino de Galicia).[19] Data de principios do século XVIII, e conta cunha torre con ameas (ao principio tiña dúas torres ameadas nos seus extremos) e un escudo na súa gran fachada coas únicas figuras de dous tenantes a cada lado nun escudo de armas da cidade.[20]
No número 28 da rúa atópase o antigo Palacete dos duques de Oleiros. Con orixes no século XII, é o terceiro inmoble máis antigo da cidade. Foi propiedade dos duques de Oleiros e posteriormente da familia Castiñeira. A planta baixa foi adega e zona de servizo para os criados e ademais albergou antigas cortes. Conserva as reixas que a separaban do patio de luces do que se aproveitaba a luz xa que só contaba cunha xanela. No primeiro piso situábase a capela e no segundo a vivenda da familia nobre. Na actualidade no seu baixo áchase a crepería Cre-Cottê.[21]
No número 30 atópase a chamada Casa dos Ozores, que pertenceu inicialmente ao fillo de D. Pedro Barbeito e Padrón da familia nobre Barbeito. É de arquitectura barroca con dous balcóns na primeira planta, pero de orixe renacentista. Conta con dez bustos ou caras na súa fachada, do mesmo xeito que os que ten a Casa das Caras da mesma familia nobre na praza da Estrela, anexa á praza da Ferrería.[7] Posúe un escudo de armas do século XVII entre os dous balcóns con lambrequíns e con casco e penacho. Nel están representadas nove liñaxes: Barbeito (castelo con can saíndo), Padrón (gran columna ou pedrón e dúas cunchas de vieira), Vega de León (torre), Falcón (brazo cuxa man suxeita un falcón), Montenegro (M con coroa), Cru (árbore e dous cordeiros), Navarro ou Lera (pezas a modo de campás aliñadas), Mariño (tres ondas cunha cuncha de vieira encima) e Salazar (trece estrelas).[22] No baixo da casa atópase a coñecida Ferraxería Galega.
Ao final da rúa na súa parte baixa, facendo esquina coa praza de Celso García de la Riega e moi preto da ponte do Burgo áchase a Casa do Correo Vello de orixe gótica, que destaca pola súa fachada principal con entrada cun arco carpanel, un alfiz ao longo da fachada e un escudo coas armas dos Ibaizábal, Villegas, Aldao e Salazar e outro escudo máis pequeno cadrado na fachada lateral da rúa Real coas armas dos Murga. É unha das casas máis antigas da cidade e pertenceu ás familias Ibaizábal e Murga. A casa usouse como oficina para distribuír o correo en Pontevedra.[23][24]
Galería
editar-
Rúa Real
-
Palacete dos Duques de Oleiros
-
Fonte dos Tornos
-
Casa dos Ozores
-
Fonte monumental
-
Escudo de armas con tenantes do pazo do Marqués de Aranda
-
Escudo de armas da Casa do Correo Vello na rúa Real
-
Escudo de armas da Casa dos Ozores
-
Bustos renacentistas con caras na Casa dos Ozores
-
Restos do Pazo dos Condes de San Román
Notas
editar- ↑ Aganzo 2010, p. 82.
- ↑ 2,0 2,1 "Un recorrido a pie por la historia de una urbe ligada al Camino". La Voz de Galicia (en castelán). 25 de setembro de 2004.
- ↑ "Luz verde para armonizar la rúa Real con el camino portugués". La Voz de Galicia (en castelán). 30 de abril de 2002.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 Juega Puig 2000, p. 106.
- ↑ Fortes Bouzán 2011, p. 387.
- ↑ 6,0 6,1 "Interrogantes al marquesado de los Arandas. Memorando civitatem duo pontes.". Pontevedra Viva (en castelán). 14 de maio de 2022.
- ↑ 7,0 7,1 7,2 Nieto González 1980, p. 30.
- ↑ Aganzo 2010, p. 67.
- ↑ "Los mostradores que han visto crecer a la ciudad de Pontevedra". La Voz de Galicia (en castelán). 5 de febreiro de 2016.
- ↑ "Ferretería Gallega, 76 años de historia en la calle Real". Pontevedra Viva (en castelán). 11 de agosto de 2023.
- ↑ "Negocios... ¿en vías de extinción?". Diario de Pontevedra (en castelán). 27 de febreiro de 2023.
- ↑ "Cuatro generaciones tras el mostrador". Faro (en castelán). 26 de maio de 2019.
- ↑ "La resistencia comercial de Pontevedra; oficios vivos pese a todo". La Voz de Galicia (en castelán). 14 de xullo de 2019.
- ↑ "El casco histórico recupera la cifra de vecinos de hace una década y supera los 2.100 “entremuros”". Faro (en castelán). 28 de agosto de 2022.
- ↑ "Aquellos maravillosos locales con solera". Diario de Pontevedra (en castelán). 11 de setembro de 2022.
- ↑ "A comida internacional triunfa en Pontevedra". Diario de Pontevedra. 8 de agosto de 2023.
- ↑ "Los 10 menús del día que más gustan de Pontevedra". El Español (en castelán). 3 de novembro de 2020.
- ↑ "«A pesar del mal momento el hotel con encanto tiene éxito»". La Voz de Galicia (en castelán). 8 de novembro de 2009.
- ↑ "El pazo de los marqueses de Aranda". Diario de Pontevedra (en castelán). 9 de setembro de 2018.
- ↑ Fontoira Surís 2009, p. 284.
- ↑ "«Como» en el siglo pasado". La Voz de Galicia (en castelán). 19 de agosto de 2017.
- ↑ Messia de la Cerda y Pita 1989, p. 236-238.
- ↑ Fontoira Surís 2009, p. 221.
- ↑ Riveiro Tobío 2008, p. 24.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Rúa Real |
Bibliografía
editar- Aganzo, Carlos (2010). Pontevedra. Ciudades con encanto (en castelán). Madrid: El País-Aguilar. p. 67; 82. ISBN 978-8403509344.
- Fontoira Surís, Rafael (2009). Pontevedra monumental. Pontevedra: Deputación de Pontevedra. p. 221; 284. ISBN 9788484573272.
- Fortes Bouzán, Xosé (2011). Pontevedra. Burgo, villa, capital (en castelán). Brión (La Coruña): Giverny. p. 387. ISBN 978-84-939449-1-9.
- Juega Puig, Juan (2000). As rúas de Pontevedra. Pontevedra: Deputación de Pontevedra. p. 106. ISBN 84-8457-044-4.
- Messia de la Cerda y Pita, Luis F. (1989). Heráldica, escudos de armas labrados en piedra existentes en la zona de Pontevedra. Pontevedra: Deputación de Pontevedra. p. 236-238. ISBN 848684522X.
- Nieto González, Remigio (1980). Pontevedra. Guía monumental ilustrada (en castelán). Pontevedra: Asociación de comerciantes de la calle Manuel Quiroga. p. 30.
- Riveiro Tobío, Elvira (2008). Descubrir Pontevedra (en castelán). Pontevedra: Edicións do Cumio. p. 224. ISBN 9788482890852.