Misión Biolóxica de Galicia
A Misión Biolóxica de Galicia é un centro do Consello Superior de Investigacións Científicas situado na parroquia de Salcedo no concello de Pontevedra. Na actualidade conta con 13 científicos e 7 investigadores postdoctorais entre o seu persoal. As súas instalacións constan de tres edificios principais e varios secundarios, dispostos nunha parcela de doce hectáreas propiedade da Deputación de Pontevedra. O financiamento da Misión Biolóxica provén fundamentalmente dos orzamentos xerais do Estado e da Deputación de Pontevedra.
Misión Biolóxica de Galicia | ||||
---|---|---|---|---|
Tipo | instituto de investigación ![]() | |||
Localización | ||||
| ||||
Estado | España | |||
Comunidade autónoma | Galicia | |||
Provincia | provincia de Pontevedra | |||
Concello | Pontevedra | |||
Parroquia | Salcedo ![]() | |||
Datas | ||||
Fundación | 1921 ![]() | |||
Contacto | ||||
Páxina WEB | mbg.csic.es… ![]() | |||
Redes | ![]() ![]() ![]() | |||
[ Wikidata ] |
Placa na entrada á parcela.
Historia
editarA Misión Biolóxica de Galicia foi creada pola Xunta para Ampliación de Estudios e Investigacións Científicas en abril de 1921. A súa primeira sede foi a Escola de Veterinaria de Santiago de Compostela, dirixida por Cruz Gallástegui. A Misión permaneceu en Compostela ata 1926, cando desapareceu a Escola de Veterinaria. En 1927 a Deputación de Pontevedra ofreceulle un novo local á Misión Biolóxica, que se traslada primeiro a Campolongo e máis adiante ó pazo que foi do arcebispo Malvar en Salcedo, onde permaneceu ata hoxe.
Instalacións
editarO edificio orixinal da propiedade era o pazo de Gandarón, que contaba ó comezo cun hórreo, un pombal, dous miradoiros e varios celeiros e cortellos. Para adaptalo ó seu novo uso, o edificio sufriu reformas que o transformaron en oficinas e laboratorios. Posteriormente construíronse naves destinadas para a cría de porcos, que máis adiante foron reconvertidas en laboratorios e oficinas.
- Parcela. Consta de doce hectáreas, das que dez son cultivables. Está dividida en lotes cuxa división e denominación obedecen ó seu uso orixinal. Nun deles consérvase un bosque autóctono e outros están dedicados a xardíns, nos que destaca a colección de camelias. Na parcela hai varias construcións, entre as que destacan un cenador, un estanque e diversos conxuntos de mesas e bancos de pedra. Consérvanse tamén un hórreo e un lagar.
- Pazo da Carballeira de Gandarón. Foi construído polo arcebispo Sebastián Malvar a finais do século XVIII como residencia familiar.
- Edificio Miguel Odriozola. Foi construído na década de 1940 para a cría de porcos, dentro dunha liña de investigación sobre xenética animal iniciada por Miguel Odriozola na anterior década. Ó se extinguir esta investigación en 1987, decidiuse a remodelación do edificio, que foi realizada entre 2002 e 2003 polo arquitecto Mauro Lomba.
- Edificio Cruz Gallástegui. Foi construído na década de 1960 polo arquitecto Alejandro de la Sota, sendo a primeira obra deste arquitecto. A súa construción tiña por obxecto albergar as oficinas que ata o momento estaban no pazo. O edificio foi ocupado en 1969.
Obxectivos
editarO obxectivo xeral da Misión Biolóxica é desenvolver material xenético para a agricultura que teña menores necesidades de abonado e rego, que sexa tolerante ó estrés biótico e abiótico e que teña maior calidade. Paralelamente inténtase profundar no coñecemento daqueles procesos xenéticos que interveñen na adaptación e na evolución, na resistencia ó estrés e na calidade das especies vexetais cultivadas.