Praza de Méndez Núñez
A Praza de Méndez Núñez é unha praza de orixe medieval situada en pleno centro histórico de Pontevedra.
Praza de Méndez Núñez | |
---|---|
A praza, os pazos e a estatua de Valle-Inclán | |
Tipoloxía | praza |
Dimensións | |
Lonxitude | 14 m |
Largura | 30,5 m |
Área | 445 m2 |
Localización | |
Localidade | Pontevedra |
Código postal | 36002 |
Construción | |
Comezo | século XIII |
Orixe do nome
editarA praza debe o seu nome actual ao contraalmirante Casto Méndez Núñez, que viviu no Pazo dos Cru e Montenegro, no lado sur da praza, no século XIX.[1]
Historia
editarA praza forma parte dunha estrutura creada durante a segunda ampliación das murallas da cidade no século XIII.[2]
A praza xurdiu de maneira espontánea, formando unha praza aberta a partir do ensanche dunha rúa principal (a actual rúa Sarmiento) e o cruzamento doutras rúas secundarias como a rúa Don Gonzalo.[3] O seu primeiro nome coñecido foi o de Campo da Herva, que aludía á súa orixe como lugar deshabitado fóra do recinto amurallado, onde se puideron realizar os primeiros trocos na cidade.[4][5]
Máis adiante, a praza pasou a chamarse Praza do Campo Verde e Praza das Galiñas, debido ao mercado de aves que alí se celebraba.[6] A súa actividade principal era a de lugar de transaccións comerciais.
A familia nobre Cru e Montenegro viviu a partir do século XV no pazo situado na parte sur da praza.[7] No século XIX, o contraalmirante Casto Méndez Núñez tamén viviu neste pazo, onde morreu o 21 de agosto de 1869.[8] Por este motivo o 31 de agosto de 1875 á praza déuselle o nome de praza de Méndez Núñez.[5]
A finais do século XIX, os irmáns Andrés e Jesús Muruais convertéronse nos propietarios do Pazo dos Cru e Montenegro, facendo da praza un lugar de referencia grazas á súa gran biblioteca, situada na planta baixa do pazo e que contiña, entre outras, obras da literatura europea (sobre todo francesa), libros de arte e revistas, de grande importancia na época como expoñente do que ocorría nas cidades e nos movementos artísticos.[9]
A finais do século XIX e principios do XX, Valle-Inclán, amigo de Jesús Muruais, visitaba regularmente esta biblioteca e participaba nas famosas reunións que alí se celebraban.[10]
A praza foi reformada en 2002. O seu aspecto actual data desa época.[11]
Descrición
editarA praza ten forma trapezoidal e nela conflúen as rúas Sarmiento, Palma, Don Gonzalo, César Boente e San Xulián. A praza está empedrada e é peonil, como o resto do centro histórico da cidade. Tras a renovación de 2002, os bancos de pedra e os farois que había na praza desapareceron e converteuse nun espazo completamente aberto.[11]
A praza está dominada no seu lado oriental por un gran magnolio centenario, que se atopa no xardín urbano do Pazo dos Cru e Montenegro.[12] Á praza accédese desde o lado sur da rúa Don Gonzalo a través dun arco que forma parte desta casa señorial.
As casas ao lado norte da praza tiñan soportais, dos que quedan algunhas columnas características, así como algunhas arcadas no lado oeste, xa na rúa Sarmiento.
Desde o 26 de xuño de 2003, unha estatua de Valle-Inclán atópase no lado sueste da praza, coma se acabase de saír da casa dos Muruais, onde adoitaba ir á biblioteca e asistir a reunións culturais no despacho de Jesús Muruais.[13]
Edificios destacados
editarNo lado sur da praza atópase o Pazo dos Cru e Montenegro, que atravesa a rúa Don Gonzalo co seu arco apuntado. Este pazo data do século XV, aínda que sufriu numerosas modificacións posteriores, sobre todo nos séculos XVI e XIX. A súa fachada foi reconstruída en estilo barroco e ten un grande escudo de pedra do século XVII, coñecido como o Brasón das Doce Liñaxes,[14] coas armas dos Montenegro, Mariño, Sotomayor e Cru, e fiestras francesas con balcóns no piso superior. O pazo conserva os restos da súa torre con ameas orixinal, sendo substituídas estas por un tellado convencional.[15][16]
O Pazo dos Mosquera está situado ao oeste da praza. A súa construción iniciouse no século XVI e modificouse no século XVIII. A planta superior engadiuse no século XX. Ata entón, só tiña unha planta baixa e un primeiro piso. O escudo da fachada pertence a Luís Mosquera Sotomayor, que viviu nel no século XVI. O interior do pazo foi dividido en vivendas.[2] A principios do século XX, este edificio albergaba a Escola Balmes, onde o escritor vangardista Luís Amado Carballo realizou os seus primeiros estudos. [17]
Cultura
editarNo lado oeste da praza atópase unha das librerías máis antigas de Galicia, a librería Cao, fundada en 1948 e especializada en libros raros, descatalogados e antigos.[18] [19]
Galería
editar-
Magnolia centenaria e arco do pazo dos Cru e Montenegro.
-
Soportais das casas do lado norte da praza.
-
A praza á noite.
-
Pazo dos Cru e Montenegro.
-
Pazo dos Mosquera.
-
Arco do pazo de Cru e Montenegro, na rúa Don Gonzalo.
Notas
editar- ↑ "Pontevedra, a boa vila". Nius Diario (en castelán). 22 de febreiro de 2020.
- ↑ 2,0 2,1 Fontoira Surís, Rafael, 2009, Pontevedra Monumental, Pontevedra, Diputación de Pontevedra, p. 228
- ↑ Armas Castro, José, 1992, Pontevedra en los siglos XII a XV: configuración y desarrollo de una villa marinera en la Galicia medieval, A Coruña, Fundación Pedro Barrié de la Maza, p. 96
- ↑ Juega Puig, Juan, 2000, As rúas de Pontevedra, Pontevedra, Diputación de Pontevedra, p. 94
- ↑ 5,0 5,1 "Ahora las tertulias se celebran en las terrazas". Diario de Pontevedra (en castelán). 2 de abril de 2023.
- ↑ "Pontevedra, el Medievo entre plazas". El Periódico (en castelán). 27 de xullo de 2018.
- ↑ "La asociación de heráldica pide un destino digno para el escudo de la familia Cruu". La Voz de Galicia (en castelán). 15 de setembro de 2003.
- ↑ "Méndez Núñez pasa de héroe a olvidado". La Voz de Galicia (en castelán). 29 de xuño de 2001.
- ↑ "Los 'Lautrec' de Pontevedra". El Progreso (en castelán). 28 de setembro de 2015.
- ↑ "Pontevedra. Un país mágico". RTVE (en castelán). 26 de xaneiro de 2020.
- ↑ 11,0 11,1 "El gobierno local retoma la reforma de la plaza de Méndez Núñez". La Voz de Galicia (en castelán). 23 de xaneiro de 2002.
- ↑ "El magnolio de la plaza de Méndez Núñez, a punto de desplomarse". Diario de Pontevedra (en castelán). 7 de marzo de 2018.
- ↑ "Valle-Inclán presidirá desde esta noche la renovada plaza de Méndez Núñez". La Voz de Galicia (en castelán). 26 de xuño de 2003.
- ↑ Aganzo, Carlos, 2010, Pontevedra. Ciudades con encanto, Madrid, El País-Aguilar, p. 66
- ↑ "La Casa del Arco". Faro (en castelán). 29 de novembro de 2020.
- ↑ "La fachada de la Casa de Muruáis fue restaurada con fondos municipales". La Voz de Galicia (en castelán). 2 de agosto de 2003.
- ↑ Riveiro Tobío, Elvira, 2008, Descubrir Pontevedra, Pontevedra, Edicións do Cumio, p. 41
- ↑ "Alma de libreros desde 1948". La Voz de Galicia (en castelán). 3 de abril de 2011.
- ↑ "Pontevedra en siete plazas y un mercado". El País (en castelán). 3 de decembro de 2021.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Praza de Méndez Núñez |
Bibliografía
editar- Aganzo, Carlos (2010). Pontevedra. Ciudades con encanto (en castelán). Madrid: El País-Aguilar. p. 65-66. ISBN 8403509340
- Armas Castro, José (1992). Pontevedra en los siglos XII a XV: configuración y desarrollo de una marinera villa en la Galicia medieval (en castelán). A Coruña: Fundación Barrié de la Maza. p.96. ISBN 8487819338.
- Fontoira Surís, Rafael (2009). Pontevedra Monumental. Pontevedra: Deputación de Pontevedra. ISBN 8484573273
- Juega Puig, J. (2000). As rúas de Pontevedra. Pontevedra. Pontevedra: Deputación Provincial de Pontevedra, Servizo de Publicacións. p.96. ISBN 8484570444
- Nieto González, Remigio (1980). Guía monumental ilustrada por Pontevedra (en castelán). Pontevedra: Asociación de Comerciantes da Calle Manuel Quiroga. p. 24-26 .
- Riveiro Tobío, Elvira (2008). Descubrir Pontevedra (en castelán). Pontevedra: Edicións do Cumio. p. 41. ISBN 8482890859
Artigos relacionados
editarLigazóns externas
editar- [1] na web de Turismo da Xunta de Galicia
- [2] na web de Turismo Rías Baixas
- [3] na web Visit-Pontevedra.