Casto Méndez Núñez
Casto Méndez Núñez, nado en Vigo o 1 de xullo de 1824 e finado en Pontevedra o 21 de agosto de 1869, foi un mariño e militar, contraalmirante da Real Armada Española e heroe da Primeira Guerra do Pacífico. A cuarta fragata da serie F-100 da Armada Española, en servizo desde marzo de 2006, leva o seu nome e no Museo Provincial de Pontevedra pódese visitar unha recreación do seu camarote.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1 de xullo de 1824 Vigo, España |
Morte | 21 de agosto de 1869 (45 anos) Pontevedra, España |
Actividade | |
Ocupación | oficial da armada, político |
Carreira militar | |
Lealdade | España |
Rango militar | almirante |
Traxectoria
editarFormación
editarO 3 de marzo de 1840 logrou praza de gardamariña na compañía do Departamento de Ferrol. No mesmo ano ordenóuselle embarcar no bergantín Nervión. En 1842, embarcado como gardamariña, realizou unha viaxe á illa de Fernando Poo, a actual Illa de Bioko (Guinea Ecuatorial), distinguíndose tanto polo seu bo facer que por orde superior se lle rebaixou nun ano a súa permanencia nese posto, polo que en 1844 foi ascendido ó grao de alférez de navío. Trasbordado ó bergantín Volador polos grandes méritos que atesouraba, nomeóuselle encargado dos gardamariñas.
A expedición ós Estados Pontificios
editarPor aquel tempo, os disturbios producidos en Italia polos intentos de unificación e a proclamación da República Romana, despoxaran o Papa dos seus bens temporais. Narváez, por entón Presidente do Consello de Ministros, ordenou a formación dun exército e despachou unha expedición a Roma, acordando previamente o apoio das principais potencias católicas: Austria, Francia e máis as Dúas Sicilias.
Era a primeira vez en moitos anos que España afrontaba un desprazamento de homes e buques sen apoio directo da península, o que non deixaba de ser un reto importante. A expedición estaba formada polos vapores de rodas Isabel II, Vulcano, Lepanto, Piles, Castilla e Blasco de Garay, a fragata Cortés e as corvetas Villa de Bilbao e Mazarredo, ó mando do brigadier José María de Bustillo. Transportaban a un exército de cinco mil homes ó mando do xeneral Fernando Fernández de Córdova, marqués de Mendigorría.
Despois dunha travesía un pouco molesta polos malos ventos e un temporal chegaron a Gaeta, e o Papa Pío IX pasou revista ás forzas, ás que bendiciu. Puxéronse, pois, en marcha, tomando posicións en Terracina, sen encontraren unha resistencia seria ó seu paso. Ó pouco, e xa co campo despexado, entrou o xeneral francés Nicolas Oudinot en Roma, á fronte de trinta mil homes, polo que se restableceron os Estados Pontificios e a forza expedicionaria española regresou á Península desilusionada. A Méndez Núñez concedéuselle (ó igual que a tódolos integrantes desta expedición) a Cruz de Pío IX concedida polo Papa, máis o recoñecemento polos seus distinguidos servizos, recibindo as Grazas por Real Orde.
Servizo en Ultramar
editarEn 1850 foi ascendido a tenente de navío, outorgándolle o mando da goleta Cruz, do porte de sete canóns. Con este buque realizou, pola urxencia de trasladar uns pregos á Habana, unha viaxe de dificultade extrema, pois a goleta estaba a punto de entrar en carena, pero a premura e a escaseza de buques obrigouno a levalo a cabo. En tan malas condicións ía o buque e os tempos foron tan malos, que durante a viaxe non puideron prender o lume nin un só día, e só a pericia de Méndez Núñez conseguiu que recalase naquel porto sen sufrir graves avarías, facéndose a viaxe moi arriscada e esgotadora, tanto para o mando como para a dotación. Posteriormente, foi transbordando dun buque a outro, todos baixo o seu mando, entre eles o vapor de rodas Narváez, a fragata de hélice Berenguela e a urca Niña.
No ano 1855, ó terminar esta progresión de mandos e polas súas dotes xa demostradas, foi chamado ó Ministerio de Mariña. Como o seu carácter era inquedo, neste posto pouco podía facer, polo que se adicou a aprender procedementos técnicos, por medio da lectura e o estudo, levándoo a traducir do inglés un Tratado de Artilaría Naval, que foi presentado á Raíña, recibindo por isto as Grazas por Real Orde.
Ese mesmo ano recibiu a orde de presentarse nas illas Filipinas, polo que embarcou no vapor de rodas Narváez. Á súa chegada outorgóuselle o mando do vapor de rodas Jorge Juan, que pertencía ás forzas navais do Apostadero de Manila. Nunha das derrotas, que eran rutina, en estado de vixilancia e protección da navegación, fronte á costa de Basilán, enfrontouse a tres “barotos”, un tipo de embarcación case insomerxible, máis dúas bancas piratas xoloanas, que levaban derrota ás illas Visaias e ó mando do príncipe indíxena Datto, Pau-Li-Ma. No enfrontamento tódolos buques piratas fóronse a pique malia que o Jorge Juan só contaba con trinta homes e un único canón en colisa, polo que era moi inferior en número e armamento ós seus inimigos.
En 1861 ascendérono a capitán de fragata e recibiu o mando da goleta Constancia e con ela anexas tódalas forzas sutís do Sur do arquipélago de Filipinas.
Coñecendo que o raxá de Buaián (en Mindanao) se fixera forte na costa de Pagalungán, á beira do Gran Río, nunha fortaleza que se supuña inexpugnable; estaba rodeada dunha muralla de sete metros de altura e seis de espesor, circundada e protexida por un foxo de quince metros de anchura e artillada con canóns de curto alcance, ademais de moi ben gornecida e abasteciada. Malia todo isto decidiu atacar, mandando a aquel lugar a toda a súa división, formada polas goletas Constancia e Valiente e as canoneiras Arayat, Pampanga, Luzón e Toal. Ordenou o desembarco das dúas compañías do exército que transportaban, que intentaron avanzar protexidas polo fogo das goletas, pero o terreo cenagoso impedía un avance rápido, e vendo que así o único que se conseguía era ter baixas innecesarias, ordenou a retirada.
Após unha noite de recuperación de forzas, ó amencer volveu atacar, sendo os xefes o tenente de navío Malcampo e o alférez de navío Pascual Cervera, que ía como segundo da forza. No desembarco foron apoiados polos canoneiros Arayat e Pampanga, e co seu apoio artilleiro lograron alcanzar un terreo moito mellor, pero a unha distancia maior da fortaleza; así mesmo, aínda que con dificultade, lograron posicionar varias pezas de artillaría de desembarco; malia todo a tenaz resistencia dos xoloianos non permitía achegarse máis á Cota; foi cando Méndez Núñez decidiu dar o golpe final. Ordenou sondar algunhas zonas con botes e baixo o fogo inimigo, e ó comunicárselle a profundidade decidiu tomar á abordaxe a Fortaleza como se dun buque se tratase. Elixido o lugar lanzou á súa goleta contra a fortaleza, manobrando con mestría, atinxiu que os seus homes asaltasen a pertinaz Cota, asemade que as forzas desembarcadas se lanzaban sobre a muralla, aínda que no ataque caeu ferido Malcampo, cun balazo que lle atravesou o peito, saíndolle a bala polas costas. A Cota caeu en mans dos españois mercé á decidida e arriscada decisión do seu comandante en xefe.
De Filipinas ao Callao
editarO 30 de xaneiro de 1862[1] o goberno ascendeuno a capitán de navío, o que o obrigou a deixar as illas Filipinas e regresar a España. Ó pouco da súa chegada outorgáronlle o mando do vapor de rodas Isabel II, participando con este buque en diversas comisións, que unha vez máis porían o seu nome como o dos de máis méritos; ó estoupar a insurrección en Venezuela, dirixiuse alí, negouse a recoñecer o bloqueo que practicaban os insurxentes, e con arranxo ó dereito internacional, penetrou en Puerto Cabello e protexeu os bens e vidas dos estranxeiros.
Estando carboneando o seu buque no fondeadoiro de Santiago de Cuba chegáronlle novas do levantamento en Puerto Plata, na illa de Santo Domingo; apresurou o labor que se efectuaba no buque e ordenou o embarco de seiscentos cincuenta homes do exército cunha batería de artillaría de montaña, facéndose ó mar. Aproveitando que era unha noite sen lúa, penetrou no porto sorteando as augas pouco profundas e logrou desembarcar as súas forzas tan sixilosamente que estas lograron chegar ó único forte que aínda quedaba en mans dos españois, sen que os rebeldes atinxisen apercibirse do reforzo chegado.
Ó seu regreso á península outorgóuselle o mando da fragata Princesa de Asturias, coa que participou no bloqueo de Manzanillo e de Monte Cristi, aínda que non por moito tempo, pois sendo ben coñecido dos seus superiores, asignóuselle o mando no Ministerio da Mariña como xefe de persoal.
Durante a guerra entre Bolivia, Chile, Ecuador e o Perú contra España (1864-1866), foi ascendido a vicealmirante[2] e comandante en xefe da escuadra española tras o suicidio de José Manuel Pareja o 28 de novembro de 1865[3], a bordo da fragata Numancia, procedeu a realizar un bloqueo naval á cidade de Valparaíso pero por falta de buques só foi efectivo no porto[4]. O 31 de marzo de 1866 bombardeou a cidade e o porto de Valparaíso, logo dun ultimato presentado o 24 de marzo,; a continuación dirixiuse a El Callao, chegando o 25 de abril e tras un bloqueo atacou as fortificacións do porto de Callao o 2 de maio de 1866. A férrea defensa do Callao e a chegada de máis navíos chilenos[5] fixo que retirase as súas forzas, con dous dos seus cinco buques avariados e ferido no seu camarote. Porén, deu orde de que cese o fogo, suba a xente ás enxarcias e se dean os tres vivas de ordenanza antes de nos retirar ó entender que cumprira o seu propósito. Foi aquí onde pronunciou a súa famosa frase de:
España, a Raíña e máis eu prefiren honra sen barcos que barcos sen honra
En 1868 o goberno provisorio ascendeuno a tenente xeneral e vicepresidente da Xunta de Goberno da Armada[6], pero en carta ao ministro da Mariña, Juan Bautista Topete, rexeitou o nomeamento.
O seu falecemento, aos 45 anos, achacouse ás secuelas das feridas recibidas na batalla de Callao, se ben houbo ruxerruxes relativos a un posible envelenamento, mais as súas irmás non autorizaron a realización dunha autopsia.[7]. Foi soterrado en Pontevedra, e cinco anos despois os seus restos leváronse á capela do pazo do Real, no Con (Tirán, Moaña)[8]. O rei Afonso XII visitou os seus restos o 2 de agosto de 1877 e decretou o seu traslado ao Panteón de Mariños Ilustres de San Fernando, onde foi levado o 9 de xuño de 1883 pola fragata Lealtad, uníndose aos honores a escuadra británica ao mando do almirante William Dowell, que estaba fondeada no peirao de Vigo.
Catro buques da Armada Española levaron o seu nome. Unha fragata blindada, un cruceiro lixeiro, un destrutor e a fragata F-104.
Galería de imaxes
editarNotas
editar- ↑ Estado general de la Armada para el año 1862, Imprenta Nacional, Madrid, 1863
- ↑ Lawrence Sondhaus Naval Warfare, 1815-1914 , 2001, páxina 98, ISBN 0-415-21478-5
- ↑ Salvatore Bizzarro Historical Dictionary of Chile, 2005, ISBN 0-8108-4097-9, páxina 465
- ↑ Robert L. Scheina America's Wars, 2003, páxina 337, ISBN 1-57488-450-6
- ↑ Robert L. Scheina, America's..., páxina 339
- ↑ Decreto do 20 de outubro de 1868 publicado na Gaceta o 21
- ↑ Vázquez Gil, Lalo (2 de agosto de 2011). "Lembrando a don Casto Méndez Núñez". Atlántico Diario (en castelán).
- ↑ Capela do Pazo do Real na páxina web colaborativa Patrimonio Galego.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Casto Méndez Núñez |
Bibliografía
editar- Anónimo. Casto Méndez Núñez, Héroe del Callao, 1824-1924. Libro Homenaje al glorioso marino vigués editado por “La Mundial”. Vigo 1924. (El producto de venta del presente libro se destinará íntegramente a engrosar la suscripción para la bandera de combate, que el pueblo de Vigo regalara al crucero <<Méndez Núñez>>).
- Anónimo. Glorias de España. Combate de El Callao, dos de mayo de 1866. Xunta de Galicia, 2000 (Madrid. Maio de 1898).
- Cervera y Jácome, Juan. El Panteón de Marinos Ilustres. Ministerio de Marina. Madrid. 1926.
- Concas y Palau, Víctor Mª. El Combate naval del Papudo. Ministerio de Marina. Madrid. 1896.
- Fernández Duro, Cesáreo. Disquisiciones Náuticas. Madrid 1996. volumen III.
- Filgueíra Valverde, José. Día de la Hispanidad. En el centenario de Méndez Núñez. Pontevedra. 1969.
- García Martínez, José Ramón. El Combate del 2 de Mayo de 1866 en el Callao (Resultados y conclusiones tácticas y técnicas). Editorial Naval. Madrid, 1994.
- García Martínez, José Ramón. Méndez Núñez (1824-1869) y La Campaña del Pacifico (1862-1869). Xunta de Galicia, 2000.
- González de Canales, Fernando. Catálogo de Pinturas del Museo Naval. Tomo II. Ministerio de Defensa. Madrid, 2000.
- Iriondo, Eduardo. Impresiones del Viaje de Circunnavegación en la fragata blindada Numancia. Madrid, 1868.
- Lledo Calabuig, José. Buques de vapor de la Armada Española, del vapor de ruedas a la fragata acorazada, 1834-1885. Aqualarga, 1998.
- Mendivil, Manuel de. Méndez Núñez o el honor. Madrid, 1930.
- Mendivil, Manuel de. Méndez Núñez, su Marina y la Marina de hoy. Ministerio de Marina. Madrid, 1924.
- Novo Colson, Pedro de. Historia de la Guerra de España en el Pacífico. Madrid, 1882.
- Rodríguez González, Agustín Ramón. La Armada Española, La Campaña del Pacífico, 1862-1871; España frente a Chile y Perú.
- Santa Pola, Conde de. La Vuelta al Mundo en la Numancia y el Ataque del Callao (Apuntes para una biografía del Almirante Antequera). Editorial Naval. Madrid, 1993.
- VV.AA. Méndez Núñez, El Marino y sus buques (1840-1869). (Recompilados e editados por José Lledo Calabuig).