Coordenadas: 25°15′N 55°18′L / 25.250, -55.300

Dubai[4] (en árabe: دبيّ, transliterado Dubayy) é unha metrópole que ocupa aproximadamente o 20% do territorio do Emirato de Dubai[2], un dos sete que integran os Emiratos Árabes Unidos dende 1971. Está localizada ao longo da franxa costeira do emirato e é a cabeceira da área metropolitana Dubai-Sharjah-Ajman. A súa poboación en 2010 ascendía a 1.905.000 habitantes[2] que a converten na cidade máis populosa dos Emiratos. En 2020 vai ser sede da Exposición Universal.

Dubai
دبي
DubaiCollage.jpg
Localización
Dubai en Emiratos Árabes Unidos
Dubai
Dubai
PaísEmiratos Árabes Unidos Emiratos Árabes Unidos
EmiratoDubai
Xeografía
Altitude4[1] msnm
Superficie800[2] km²
Demografía
Poboación2 833 079 hab. (2019)[2][3]
Densidade2.380 hab/km²

Dubai ten emerxido coma cidade global e lugar de negocios no Oriente Medio[5]. É tamén un nó importante de transporte de pasaxeiros e mercadorías, converténdose nunha porta moi importante para Occidente. Na década dos sesenta do século XX a economía de Dubai baseábase nos ingresos proporcionados polo comercio e, en menor medida, polas concesións de explotacións petrolíferas, pero o petróleo non foi descuberto ata 1966. Os beneficios do petróleo comezaron a fluír en 1969[6]. As rendas do petróleo axudaron a acelerar o desenvolvemento temperá da cidade, mais as reservas petrolíferas son limitadas e os niveis de produción baixos: en 2010 menos do 5% dos ingresos do emirato viñan do petróleo[7]. O modelo occidental dos negocios de Dubai levou á súa economía a ter como principais ingresos os derivados da aviación, contando con dous aeroportos internacionais; dos servizos financeiros; do turismo, especialmente o de luxo, confirmándose como sede internacional de congresos, convencións e conferencias; e do negocio inmobiliario, destacando o proxecto das Palm Islands, con tres diferentes actuacións: a primeira en Jumeirah, a segunda en Jebel Ali (50% máis grande) e a terceira en Deira que será tres veces maior cá primeira; destaca así mesmo The World, composto por 300 illas de area artificial formando un mapamundi que serán ocupadas por residencias, centros comerciais e hoteis de cinco estrelas [8]. Recentemente Dubai captou a atención mundial polos grandes proxectos de construcións innovadoras, grandes rañaceos, en particular a construción máis alta do mundo, o Burj Khalifa, e eventos deportivos coma a Dubai World Cup, o encontro internacional de carreiras de cabalos que reparte os maiores premios do mundo. Dubai ten sido criticado pola violación dos dereitos humanos da poboación obreira, maioritariamente procedente do sueste asiático[9]. A crise finaceira de 2007 afectou fondamente ao mercado inmobiliario[10] mais a economía volveu a crecer, agardándose un superávit nos presupostos de 2015[11].

En 2012, Dubai era a vixésimo segunda cidade máis cara do mundo e a máis cara do Oriente Medio[12][13]. En 2014, o prezo das habitacións dos hoteis de Dubai estaban consideradas as segundas máis caras do mundo, despois de Xenebra[14]. A firma americana de consultoría global Mercer ten clasificado a Dubai como un dos mellores lugares para vivir no Oriente Medio[15].

Sobre da cidade e do emiratoEditar

 
Mapa da cidade de Dubai.

A cidade foi crecendo a partir dos núcleos máis antigos de Bur Dubai e Deira situados a ambas marxes do rego de Dubai. Outras entidades importantes da metrópole son Jumeirah e Jebel Ali.

A cidade de Dubai non é un concello ou un groupo de concellos oficialmente constituídos. É frecuente confundir a Municipalidade de Dubai[16] co organismo rexedor da cidade, cando en realidade é un Departamento do Goberno de Dubai[17] con xurisdición sobre todo o territorio do emirato e cunhas competencias específicas entre as que se achan as urbanísticas.

ClimaEditar

Dubai presenta un clima árido cálido. Os veráns na zona son extremadamente calorosos, húmidos e con abundantes refachos de vento, con temperaturas que poden superar os 40 °C, se ben durante a noite descenden por baixo dos 30 °C. A maioría dos días son soleados durante todo o ano. Os invernos son algo quentes, con temperaturas de máis de 20 °C durante o día e de algo menos de 15 °C pola noite.

As precipitacións aumentaron nas últimas décadas, chegando a acumularse até 94,3 mm[18]. A humidade é moi alta durante todo o ano; as moderadas temperaturas no inverno fan deste unha estación agradábel, mentres que o verán pode ser molesto polos altos niveis de humidade e temperatura[19], por esta razón o enclave de Hatta é o lugar tradicional de veraneo da clase dirixente pola súa situación nunha zona montañosa fronteiriza con Omán de clima máis benigno. A temperatura máis alta rexistrada nos EAU foi de 52,1º no mes de xullo de 2002; en xullo de 2013 acadáronse en Dubai 51,2º[20].

ArquitecturaEditar

 

Panorama urbano de Dubai.
 
Burj Khalifa, a estrutura máis alta feita polo ser humano, durante a súa construción.

Dubai ten unha rica colección de edificios e estruturas de varios estilos arquitectónicos. Aquí pódense achar moitas interpretacións modernas da arquitectura islámica, grazas á proliferación das innovacións na construción e na arquitectura no mundo árabe en xeral, e en Dubai en particular, co patrocinio non só de empresas árabes de enxeñería e arquitectura internacional coma Al Hashemi e Aedas, senón tamén de firmas de Nova York e Chicago[21].

Como resultado deste inzamento, a arquitectura islámica, e mundial, acadou niveis antes descoñecidos no deseño e na tecnoloxía da construción de rañaceos. Ningunha outra cidade do mundo ten máis rañaceos que Dubai máis altos ca 2/3, 1/3 ou 1/4 de quilómetro. Os máximos expoñentes disto son o Burj Khalifa, de longo o rañaceos máis alto do mundo; e o hotel Burj al-Arab, situado na costa coa forma dunha gran vela.

Burj KhalifaEditar

 
Panóramica de Dubai co Burj Al Arab á esquerda e o Burj Khalifa á dereita, máis afastado.

O Burj Khalifa (Torre do Califa) foi finalizado o 4 de xaneiro de 2010, é, cos seus 828 metros, a estrutura feita polo ser humano máis alta do mundo[22]. Para a súa construción uníronse 30 compañías de todo o mundo con obreiros de máis de 100 nacionalidades[23].

É, de certo, unha icona global dos edificios e un destino importante do turismo mundial. O observatorio instalado no cumio é unha das atraccións turísticas máis populares de Dubai, que tivo en 2013 case dous millóns de visitantes[24].

Burj al-ArabEditar

O Burj al-Arab (en árabe: برج العرب, Torre dos Árabes) é un hotel de luxo situado na costa de Dubai. O hotel descríbese comunmente coma o único hotel de sete estrelas do mundo aínda que a dirección do hotel nunca utilizou tal denominación[25].

Está construído sobre unha illa artificial a 280 metros da praia de Jumeirah, e está conectado á costa por unha ponte curva. Posúe un heliporto no cumio a 210 metros de altura.

Infraestruturas de transporteEditar

A RTA (Roads and Transport Authority), creada por real decreto en 2005, é a axencia do Goberno de Dubai encargada da xestión e desenvolvemento das infraestruturas de transporte do emirato[26]. A rede de transporte público, enfrontada no pasado a problemas de conxestión e fiabilidade, está sendo transformada cun forte investimento en plans de mellora proxectados para seren completados en 2020, cando se estima que a cidade terá unha poboación de 3,5 millóns. Segundo as estatísticas oficiais, en 2009 había un parque de automóbiles que superaba o millón de unidades[27]. Este gran número de coches particulares fai que se use pouco o transporte público: en xaneiro de 2010 só o usaban o 6% dos residentes[28].

AéreasEditar

 
Vista aérea da pista do Aeroporto Internacional de Dubai.

Dubai conta co Aeroporto Internacional de Dubai (Código IATA:DXB, código OACI: OMDB) que dá servizo á cidade de Dubai e outros emiratos do país. En 2014 foi o sexto aeroporto do mundo por tráfico de pasaxeiros cunha cifra de 70,4 millóns, e o primeiro do mundo por tráfico de pasaxeiros internacionais. Ademais ocupa o sétimo lugar mundial en tráfico de mercadorias con 2,37 millóns de toneladas en 2014[29]. É a sede da compañía aérea nacional Emirates que en 2014 operou con 142 destinos internacionais de 70 países dos seis continentes[30]. A compañía de baixo custo Flydubai tamén ten a súa sede neste aeroporto.

Na actualidade está en construción o Aeroporto Internacional Al Maktoum (Código IATA: DWC, código OACI: OMDW) estando xa operativas unha terminal de pasaxeiros deseñada para dar servizo a cinco millóns de pasaxeiros anuais e unha terminal de mercadorías cunha capacidade anual de 250.000 toneladas[31]. Cando estea rematado será o aeroporto máis grande do planeta con capacidade para 160 millóns de pasaxeiros e 12 millóns de toneladas de carga anuais[32].

MarítimasEditar

 
Unha embarcación abra, método tradicional de transporte entre Deira e Bur Dubai.

Dubai ten dous portos comerciais de importancia, o de Jebel Ali e o de Mina Rashid. O porto de Jebel Ali é a construción portuaria máis grande do mundo e o porto máis grande de Oriente Medio[33]. Os dous portos conxuntamente ocuparon en 2008 a sexta posición mundial en tráfico de contedores[34].

Un dos transportes máis tradicionais para cruzar o Khor Dubai entre Deira e Bur Dubai son os abras, pequenas embarcacións de pasaxeiros que comunican as estacións marítimas de Bastakiya e Baniyas Road[35]. A Axencia do Transporte Marítimo, dependente da RTA, xestiona tamén o Sistema de buses acuáticos de Dubai, embarcacións de pasaxeiros dotadas de aire condicionado que comunican distintos puntos ao longo do Khor Dubai. Unha última incorporación ao sistema de transporte marítimo é o taxi acuático[36].

TerrestresEditar

A cidade de Dubai está atravesada por unha ampla rede de estradas e autoestradas que son usadas por unha completa liña de buses e distintas compañías de taxis. Nos últimos anos estase a construír o metro de Dubai e dúas liñas de tranvías. Tamén funciona un tren monoraíl en Palm Jumeirah. Finalmente, está proxectado un tren de alta velocidade que unirá os distintos emiratos da federación e que pasará pola cidade de Dubai.

Estradas e autoestradasEditar

 
A ruta D85 (Baniyas Road) ao longo do Khor Dubai en Deira.

Cinco rutas estatais, nomeadas coa letra E (Emirates) seguida de dous ou tres números, atravesan a cidade de Dubai. Tres delas atravésana na dirección NE-SO e son, comezando pola máis próxima á costa, a E11 (Sheikh Zayed Road), a E311 (Sheikh Mohammed Bin Zayed Road) e a E611 (Emirates Road), que marca o límite meridional da urbe. Outras dúas rutas principais parten da metrópole para continuar despois pola zona non urbana do emirato. Son estas: a E44, que continúa ata Lahbab e segue polo emirato de Sharjah, e a E66, que partindo de Khor Dubai vai en dirección sur ata Al Ain no emirato de Abu Zabi. Unha sexta ruta estatal, a E77, está no territorio do emirato mais non ten ningún tramo urbano; comunina a E611 con Lahbab.

Seguen en importancia as rutas do emirato, nomeadas coa letra D (Dubai) seguida de dous ou tres números. As que rematan nun díxito par seguen a dirección NE-SO e están máis preto da costa canto maior sexa o número; se o último díxito é impar seguen a dirección NO-SE e están máis próximas á fronteira co emirato de Sharjah canto maior sexa o número. Entre as que teñen percorrido urbano total ou parcialmente destacan: a D94 (Jumeirah Road) de Bur Dubai a Jumeirah, cuxo trazado é en gran parte costeiro; a D92 (Al Wasi/Al Mina Road), paralela á anterior que se prolonga ata a fronteira con Sharjah; a D89 que comunica Deira con Al Kawaneej pasando polo Aeroporto Internacional; a D85 (Baniyas Road), que segue a marxe dereita do Khor Dubai; a D75 (Sheikh Rashid Road); a D73 (Al Dhiyafa Road, renomeada Rúa 2 de Decembro) e a D63, que partindo de Jumeirah continua ata fóra da zona urbana.

Ademais das estradas principais hai unha numerosa rede de estradas locais.

Sobre Khor Dubai hai construído un tunel e catro pontes. Por orde de proximidade ao Golfo son: Al Shindagha Tunnel, Al Maktoum Bridge, Floating Bridge, Al Garhoud Bridge e Business Bay Crossing.

Buses e taxisEditar

O sistema de transporte público de buses depende da RTA. A rede ten 79 rutas que cobren 264.000 km. e úsana diariamente 300.000 pasaxeiros[37].

Os taxis posúen unha licenza expedida pola RTA. Son facilmente recoñecíbeis pola súa cor crema e colores variados no teito que identifican ao operador. A maior frota de taxis é a de Dubai Taxi Corporation, unha división da RTA, co teito de cor vermella. Hai varios operadores privados dos que os máis importantes son: Metro Taxis (teito laranxa), Cars Taxis (teito azul) e Arabia Taxis (teito verde). Ademais, a Dubai Taxi Corporation ten un servizo exclusivo para mulleres con choferes femeninas, Ladies Taxi (teito rosa). A concesión do servizo de taxis do Aeroporto Internacional é explotada pola Dubai Taxi Corporation. A operadora oficial posúe unha frota de máis de 3.000 taxis ademais de 325 que operan no aeroporto. Estes últimos fan unha media de 5.500 viaxes diarias[38].

Metro, tranvía e monorraílEditar

 
Dubai Metro.

O Metro de Dubai (Dubai Metro) foi proxectado cun presuposto de 3.890 millóns de dólares. En 2015 estaban rematadas dúas liñas, a verde e a vermella que pasan polas áreas finaceiras e residenciais máis importantes. A liña verde foi aberta o 9 de setembro de 2009 e o 1 de marzo de 2014 estaban abertas as 18 estacións da liña, se ben está prevista a ampliación da liña ata as 20 estacións. A liña vermella foi completada hai algún tempo coas súas 29 estacións[39]. Durante a primeira metade de 2015, usaron o Metro de Dubai máis de 88 millóns de pasaxeiros[40]. É o primeiro tren metropolitano da Península Arábiga e o metro máis longo que funciona cun sistema de navigacion automática sen condutores[41].

 
Palm Jumeirah Monorail.

Un tranvía (Dubai Tram), localizado na liña costeira terá, cando estea rematado, 14,5 km. ao longo de Sufouh Road desde Dubai Marina ata Burj Al Arab e o Mall dos Emiratos, con dúas conexións coa liña vermella do Metro, estando previstas dúas conexións máis coa liña de metro e outra co monorraíl de Jumeirah. A primeira sección de 10,6 km. e 11 estacións, inaugurouna o 11 de novembro de 2014 o xeque Mohammed bin Rashid Al Maktoum, vicepresidente e primeiro ministro dos EAU e emir de Dubai; estando dispoñíbel para os usuarios a partir das 6 da mañá do día seguinte. Este tranvía é o primeiro do mundo en ter instalado en tódalas estacións o sistema de portas de plataforma e tamén é o primeiro fóra de Europa en ter o sistema de alimentación eléctrica no chan[42]. Na primeira metade de 2015 Dubai Tram tivo case 2 millóns de usuarios[40].

O Palm Jumeirah Monorail é unha liña de xestión privada de monorraíl que discorre ao longo do eixe central de Palm Jumeirah, comunicando a esta coa cidade. Está prevista unha conexión do monorraíl co tranvía, e unha extensión da liña para conectala coa liña vermella do metro. Ademais das estacións terminais, ten outras dúas intermedias[43].

Dereitos humanosEditar

As violacións de dereitos humanos son criticadas duramente por distintas organizacións. Denúncianse, entre outras, as condicións infrahumanas dos traballadores da construción, a detención arbitraria, a tortura policial, a negación de entrada ao país a certas persoas alegando razóns de seguridade, a utilización dunha lei antiterrorista promulgada en 2014 para reprimir persoas críticas co goberno e a situación das mulleres do traballo doméstico[44][45]. Cara a fin de marzo de 2006 o goberno anunciou pasos para permitir a constitución de sindicatos de traballadores da construción. O ministro de traballo dos EAU anunciara daquela: "Permitirase aos traballadores formar sindicatos"[46]. Porén a situación non cambiou nos anos transcorridos, xestos como a sinatura por parte dos EAU da Convención contra a tortura das Nacións Unidas considéranse puros exercicios de relacións públicas[45].

A organización Human Rights Watch publicou en 2006 un amplo documento onde denunciaba a situación dos máis de 250.000 traballadores estranxeiros que traballaban na construción da cidade, describindo a situación destes coma "menos ca humana"[47]. O maltrato dos obreiros estranxeiros é o tema do documental Slaves in Dubai (2009)[48]. O Goberno de Dubai negou reiteradamente as inxustizas laborais denunciadas e asegura que as acusacións son erróneas. Mentres, o autor do documental explicou en entrevistas que foi necesario ocultar a cámara para evitar que fora descuberta polas autoridades, as cales sancionan con altas multas aos periodistan que intentan documentar abusos de dereitos humanos, incluídas as condicións dos traballadores da construción. O que 'Slaves of Dubai' documenta é a difícil situación de millóns de traballadores en todo o mundo forzados a traballar coma escravos para construír rañaceos que logo son vendidos por millóns de dólares á superrica elite global. Sirva coma exemplo o pago de 12,25 millóns de dólares por parte do industrial indio Bavaguthu Raghuram Shetty pola compra do andar 100 do Burj Khalifa[49], edificio construído co esforzo, entre outros, de moitos compatriotas seus menos afortunados.

Cidades irmandadasEditar

NotasEditar

  1. Ciudades y pueblos del mundo (ed.). "Dubai, Dubai, Emiratos Árabes Unidos" (en castelán). Consultado o 13 de xullo de 2015. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Dubai Municipality Planning Department (ed.). "Dubai 2020 Urban Masterplan" (PDF) (en inglés). Consultado o 7 de agosto de 2015. 
  3. Dubai Population. (2019-05-12). Retrieved 2019-05-29, from http://worldpopulationreview.com/world-cities/dubai-population/
  4. "Dubai". Diciopedia do século 21 1. Edicións do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006. p. 731. 
  5. "The 2008 Global Cities Index". Foreign Policy (en inglés). 15/10/2008. Arquivado dende o orixinal o 20/05/2010. Consultado o 27 de xullo de 2015. 
  6. Sampler & Eigner (2008). Sand to Silicon (en inglés). Emiratos Árabes Unidos: Motivate. p. 11. ISBN 9781860632549. 
  7. DiPaola, Anthony (28/9/2010). Bloomberg, ed. "Dubai gets 2% GDP from oil" (en inglés). Consultado o 27 de xullo de 2015. 
  8. ArabianBusiness.com, ed. (3/2/2007). "Dubai economy set treble by 2015" (en inglés). Consultado o 27 de xullo de 2015. 
  9. Davis, Mike (2006). "Fear and Money in Dubai". New Left Review (en inglés) (41): 47–68. Consultado o 27 de xullo de 2015. 
  10. "Job losses hasten property decline in Dubai but medium-long term outlook upbeat". Propertywire.com. 3/12/2008. Consultado o 27 de xullo de 2015. (en inglés)
  11. "Mohammad Bin Rashid approves Dubai’s budget for 2015". gulfnews.com. 3/1/2015. Consultado o 27 de xullo de 2015. (en inglés)
  12. Barnard, Lucy (6/3/2013). "Cost of living in Dubai rising rapidly". Thenational.ae. Arquivado dende o orixinal o 22/01/2013. Consultado o 27 de xullo de 2015. (en inglés)
  13. "Oslo, Zürich and Tokyo are most expensive cities". Thepeninsulaqatar.com. 14/9/2012. Arquivado dende o orixinal o 17/05/2016. Consultado o 27 de xullo de 2015. (en inglés)
  14. "Dubai second-most expensive city to stay in, report says". Thenational.ae. 30/7/2014. Arquivado dende o orixinal o 06 de outubro de 2014. Consultado o 27 de xullo de 2015. (en inglés)
  15. Duncan, Gillian (8/3/2013). "Abu Dhabi and Dubai are best places to live in the Middle East, survey says". Thenational.ae. Arquivado dende o orixinal o 17/01/2013. Consultado o 27 de xullo de 2015. (en inglés)
  16. "Dubai Municipality official webpage" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 05 de setembro de 2015. Consultado o 7 de agosto de 2015. 
  17. "Government of Dubai official webpage" (en inglés). Consultado o 7 de agosto de 2015. 
  18. "Climate in Dubai across the year. Dubai Meteorological office". Dubaiairport.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 14 de maio de 2007. Consultado o 27 de xullo de 2015. 
  19. "Temperature and Humidity in Dubai". Godubai.com. Consultado o 27 de xullo de 2015. (en inglés)
  20. "UAE weather: Temperature soars to near record level". thenational.ae (en inglés). 12/7/2013. Consultado o 27 de xullo de 2015. 
  21. "Modernity and tradition in Dubai architecture by Luiza Karim". alshindagah.com (en inglés). Consultado o 10 de agosto de 2015. 
  22. "Dubai in numbers". go-gulf.ae (en inglés). Consultado o 10 de agosto de 2015. 
  23. "Burj Khalifa". capturedubai.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 11 de abril de 2015. Consultado o 10 de agosto de 2015. 
  24. "Burj Khalifa records over 1.87 million visitors in 2013". khaleejtimes.com (en inglés). Consultado o 10 de agosto de 2015. 
  25. "Hotel star ratings standards long overdue". thenational.ae (en inglés). 14/7/2009. Consultado o 10 de agosto de 2015. 
  26. "RTA official webpage" (en árabe). Consultado o 7 de agosto de 2015. 
  27. "Gulfnews: Public transport regains allure as Car-free Day gets under way". gulfnews.com (en inglés). 17/2/2010. Consultado o 7 de agosto de 2015. 
  28. "Gulfnews: Rta wants 30 of dubai residents on public transport". gulfnews.com. 21/1/2010. Consultado o 7 de agosto de 2015. 
  29. "DXB Takes Over Top Spot for International Passenger Traffic". dubaiairports.ae. Arquivado dende o orixinal o 29 de abril de 2015. Consultado o 28 de xullo de 2015. (en inglés)
  30. "Our Destinations". Emirates.com. Consultado o 27 de xullo de 2015. (en inglés)
  31. "Al Maktoum International airport begins operations". Gulf News. 27/6/2010. Consultado o 27 de xullo de 2015. (en inglés)
  32. "Al Maktoum International airport receives first flight". Gulf News. 21/6/2010. Consultado o 27 de xullo de 2015. (en inglés)
  33. "Port of Jebel Ali: review and history". worldportsource.com. Consultado o 29 xullo 2015. (en inglés)
  34. American Association of Port Authorities, ed. (15/4/2008). "World Port Rankings – 2008" (PDF). Consultado o 29 xullo 2015. (en inglés)
  35. "video Dubai Souk Abra Station". dubai-online.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 17 de agosto de 2010. Consultado o 7 de agosto de 2015. 
  36. "New water taxi service launched in Dubai". ameinfo.com (en inglés). 10/07/2013. Arquivado dende o orixinal o 07/08/2015. Consultado o 07/08/2015. 
  37. "Public Transport Buses". dubai-bus.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 15 de agosto de 2015. Consultado o 8 de agosto de 2015. 
  38. "Dubai-taxi fleet". dubai-bus.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 18 de xullo de 2015. Consultado o 8 de agosto de 2015. 
  39. "Dubai Metro Map". dubai-metro.me (en inglés). Consultado o 9 de agosto de 2015. 
  40. 40,0 40,1 "88m use Dubai Metro, 2m use Dubai Tram in first half of 2015". uaeinteract.com (en inglés). 1/8/2015. Arquivado dende o orixinal o 13/08/2015. Consultado o 9 de agosto de 2015. 
  41. "Will metro change Dubai car culture?". news.bbc.co.uk (en inglés). 11/9/2009. Consultado o 9 de agosto de 2015. 
  42. "About". The Dubai Tram. Arquivado dende o orixinal o 15 de febreiro de 2016. Consultado o 09 de agosto de 2015. 
  43. "Palm Monorail, Dubai". palm-monorail.com (en inglés). Consultado o 9 de agosto de 2015. 
  44. Human Rights Watch (ed.). "United Arab Emirates" (en inglés). Consultado o 11 de agosto de 2015. 
  45. 45,0 45,1 Hanania, Ray (26/2/2014). "UAE criticized by EU for human rights violations". The Arab Daily News (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 05/03/2016. Consultado o 11/08/2015. 
  46. BBC News, ed. (30/3/2006). "UAE to allow construction unions" (en inglés). Consultado o 11 de agosto de 2015. 
  47. Human Rights Watch. Building Towers, Cheating Workers: Exploitation of Migrant Construction Workers in the United Arab Emirates (PDF) (en inglés). 
  48. VICE, ed. (2009). "Slaves in Dubai documentary" (en inglés). Consultado o 11 de agosto de 2015. 
  49. Parag Deulgaonkar (4/2/2015). Emirates 247, ed. "Billionaire Indians spending millions for Burj Khalifa address" (en inglés). Consultado o 11 de agosto de 2015. 

Véxase taménEditar

Outros artigosEditar