Pazo de Castro Monteagudo

pazo barroco en Pontevedra

O Pazo de Castro Monteagudo, é un pazo barroco do século XVIII situado na rúa Pasantería, xunto á Praza da Leña da cidade de Pontevedra, en pleno casco antigo.

Pazo de Castro Monteagudo
ConcelloPontevedra
ProvinciaPontevedra
ComunidadeGalicia
Coordenadas42°25′57″N 8°38′35″O / 42.432527777778, -8.6430277777778Coordenadas: 42°25′57″N 8°38′35″O / 42.432527777778, -8.6430277777778
Estilo arquitectónico
Estilo orixinal(Barroco, 1760)
Estilo actual(Barroco, século XVIII)
Estado actualen bo estado
Véxase tamén
Pazos de Galicia
editar datos en Wikidata ]

Historia editar

O pazo de Castro Monteagudo construíuse en 1760, como indica un documento en latín atopado durante a súa reforma.[1] O seu promotor e propietario foi José de Castro Monteagudo, primeiro interventor da provincia marítima de Pontevedra.

Máis adiante, a escola masculina instalouse no piso superior, e a tenda La Imperial, o restaurante La Flor e un taller de carpintería situáronse no piso inferior.[2]

En 1928, o Museo de Pontevedra comprouno ao seu propietario Casimiro Gómez Cobas por 52.000 pesetas para instalar o museo. Este pazo converteuse na súa primeira sede.[3] Castelao, mecenas fundador do museo, participou nas ideas para a súa remodelación e adaptación para converterse en museo: debuxou varios deseños para a distribución interior e para o balcón superior, que aínda se conservan.[4] O edificio abriuse ao público como museo o 10 de agosto de 1929.[5]

As obras de ampliación do pazo comezaron en abril de 1936. A parte co arco que o conecta co pazo de García Flórez engadiuse en 1943, segundo o proxecto do arquitecto Robustiano Fernández Cochón, que tamén se encargou de incorporar unha torre ao pazo.[6]

Descrición editar

Este pazo urbano ten unha fachada principal na rúa Pasantería de características austeras, con dúas fiestras e unha porta central con balcón na planta superior e unha porta de entrada no centro e outras dúas ventás na planta baixa.

Na fachada sur destaca un balcón sostido por grandes modillóns sobre os que hai tres columnas de pedra que sosteñen o tellado. Ao final desta fachada, o pazo ten unha torre con varias xanelas e un balcón que foi engadido no século XX, así como un escudo de pedra de Pontevedra. Na fachada que dá ao xardín interior tamén se pode ver o escudo de Pontevedra. O pazo ten 739 metros cadrados de superficie construída.[7]

O edificio alberga coleccións de arqueoloxía, ourivaría prerromana e romana e pintura gótica, renacentista e barroca española, italiana e flamenga dos séculos XV ao XVIII. Expóñense cadros de Pedro Berruguete, Juan Correa de Vivar, Eugenio Cajés e Juan Pantoja de la Cruz, entre outros.[1][8]

Tras a súa reforma aprobada en 2022 os espazos interiores serán diáfanos e libres de obstáculos, quedando só as paredes mestras orixinais que lle darán un aspecto unificado. O pazo terá tamén unha ancha conexión subterránea co pazo de García Flórez.[9]

Galería editar

Notas editar

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar