Estadio Municipal de Pasarón

campo de fútbol en Pontevedra

Coordenadas: 42°26′16″N 8°38′27″O / 42.43778, -8.64083

O Estadio Municipal de Pasarón é o campo de fútbol principal da cidade de Pontevedra, servindo de feudo local ó Pontevedra CF. Ten unha medida de 105 x 66 metros, e unha capacidade de 12 000 persoas, todas elas sentadas. Está situado na rúa Luis Otero, no barrio do Burgo.

Pasarón
Pasarón.jpg
Datos
LocalizaciónPontevedra Flag of Galicia.svg
Construción
Inauguración1965 (estadio actual en 2010)
Estadio
Superficieherba
Dimensións105 x 66
Capacidade12 000
PropietarioConcello de Pontevedra
LocalíaPontevedra CF
Eventos
Trofeo Luis Otero

HistoriaEditar

 
Encontro de liga da segunda división B 2016/17 entre o Pontevedra CF e o Racing de Santander.

Nos terreos de Pasarón xogáronse partidos desde a década de 1920, cando xogaba alá o Pontevedra Athletic Club. En 1931 era feudo do Eiriña CF, e foi sede do Pontevedra CF desde a súa fundación en 1941.

Tralo ascenso do equipo granate a segunda división na tempada 1959-60, o concello, presidido polo alcalde José Filgueira Valverde, mercoulle os terreos á familia de Valentín Paz Andrade por 1.900.000 pesetas a pagar a prazos durante cinco anos. O campo foi deseñado polos arquitectos municipais, Emilio Quiroga Losada e Alfonso Barreiro Buján, en colaboración co enxeñeiro José María García-Morán Lima. Foi inaugurado en 1965.

O 7 de xaneiro de 1973, nun partido entre o Pontevedra e o Sevilla FC, faleceu o xogador hispalense Pedro Berruezo, ao sufrir un paro cardíaco.

Malia as reformas do ano 1982 co gallo da Copa do Mundo, o estadio estaba demasiado vello despois de 50 anos, polo que tralo ascenso do Pontevedra CF á segunda división en 2004, acometeuse unha reforma integral, derruíndo e construíndo o novo estadio por sectores (fondo norte, fondo sur, tribuna e preferencia).

 
Obras de reforma.

Tralas reformas acometidas entre 2004 e 2010, reduciuse a capacidade de 16.500 persoas a 12.500, dado que antes os fondos estaban deseñados para estar de pé. A reforma do estadio, financiada polo concello, a deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, viu como o orzamento inicial ascendía mesmo até o dobre, e como o tempo previsto de execución se atrasaba.

O 28 de decembro de 2008 acolleu un encontro da selección galega de fútbol feminino contra a selección das Illes Balears. O 7 de setembro de 2012 a selección española de fútbol xogou un amigable contra o combinado de Arabia Saudita, gañando 5-0.

Outros usosEditar

Dispón de servizo de gardería, salas VIP e modernas salas de prensa. Foi sede do Corpo Municipal de Bombeiros entre 1968 e 1987, e do Club Ciclista de Pontevedra nos anos 80. Entre maio de 1987 e xullo de 1998 acolleu parte do arquivo municipal mentres se acondicionaba outro baixo. En 1994 pasou a acoller a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil.

Ao longo da súa historia acolleu diversos concertos e actuacións, como o do grupo Depeche Mode en 1993 ou o do cantante Julio Iglesias en 1995.

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

  • López Torre, Rafael (2015): Filgueira Valverde. Crónica de una alcaldía (1959-1968), Concello de Pontevedra e Faro de Vigo, D.L.: PO 314-2015 (en castelán).