Luis Otero Sánchez

futbolista español

Luis Otero Sánchez-Encinas, nado en Pontevedra o 22 de outubro de 1893 e finado na Coruña o 20 de xaneiro de 1955, foi un futbolista galego. Xogaba de defensa e foi internacional coa selección española, participando nos Xogos Olímpicos de 1920.

Luis Otero
Monumentoluisotero.JPG
Escultura na Coruña
Información persoal
Nome Luis Otero Sánchez-Encinas
Nacido 22 de outubro de 1893
Lugar Pontevedra
Falecido 20 de xaneiro de 1955
Lugar A Coruña
Posición Defensa
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1909–1911 Pontevedra Sporting Club
1911–1923 Vigo Sporting
1923–1924 Celta de Vigo
1924–1930 Deportivo da Coruña
Selección nacional
1920–1924 España 4
1920–1924 Galicia
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Tras xogar case unha década no Real Vigo Sporting co que gañou catro Campionatos de Galicia, deixou o club pouco despois de que este se fusionase co Fortuna de Vigo formando o Celta de Vigo, e fichou polo Deportivo da Coruña, o que foi un dos detonantes da histórica rivalidade entre o equipo vigués e o coruñés. Xogou seis tempadas no equipo branquiazul, gañando outros dous Campionatos de Galicia.

Otero está recoñecido como un dos futbolistas galegos máis destacados da historia. Formou parte das primeira aliñacións tanto do Celta de Vigo como da selección española, e foi xunto a Moncho Gil o primeiro medallista olímpico galego.

Na súa memoria, desde 1959 dispútase en Pontevedra o Trofeo Luis Otero.

TraxectoriaEditar

Otero comezou a xogar con 16 anos no Pontevedra Sporting Club en 1909 e dous anos máis tarde pasou ao Vigo Sporting. Con este equipo gañou catro veces o Campionato de Galicia (en 1914, 1919, 1920 e 1923) e chegou dúas veces ás semifinais da Copa do Rei (en 1919 e 1920). Sendo xogador deste club foi convocado para xogar coa Selección española, debutando nos Xogos Olímpicos de 1920, celebrados en Antuerpen.

A súa traxectoria no Vigo Sporting prolongouse até a fusión do club co Fortuna de Vigo, que deu lugar ao nacemento do RC Celta. O 14 de setembro de 1923 disputouse o primeiro partido do Celta, entre dous equipos de xogadores do propio equipo, un deles capitaneado por Balbino Clemente e outro por Luis Otero.

Aínda que parecía chamado a ser un dos puntais do Celta, antes de iniciarse o Campionato de Galicia de 1923 Luis Otero, xunto con outros dous xogadores -Chiarroni e Isidro-, non conformes coa disciplina do novo club, abandonaron a entidade para fichar polo Deportivo da Coruña. O feito foi considerado unha afronta para o club vigués e sería un dos detonantes da histórica rivalidade co equipo coruñés. As protestas do Celta levaron á Federación Galega a inhabilitar aos catro futbolistas "tránsfugas", acusándoos de profesionalismo, mentres que o Deportivo foi descualificado por aliñalos no Campionato de Galicia. A pesar da intervención da Real Federación Española de Fútbol, Otero e os seus tres compañeiros foron inhabilitados pola Federación Galega ata maio de 1924.[1][2]

Ao remate da inhabilitación foi contratado polo Deportivo, no que xogou ata 1930. Co club coruñés gañou outros dous Campionatos de Galicia (en 1926/27 e 1927/28) e xogou as dúas primeiras tempadas do campionato de liga de Segunda División.

Tras a súa retirada afincouse na Coruña, onde rexentou o bar "Derby" na Rúa Olmos ata o seu falecemento en 1955.[3][4]

Selección nacionalEditar

O 28 de agosto de 1920 Luis Otero pasou á historia como un dos once futbolistas que disputaron o primeiro partido da selección española, sendo ademais o primeiro galego en facelo. Foi nos Xogos Olímpicos de Antuerpen fronte á selección de Dinamarca, nun partido disputado no Estadio La Butte de Bruxelas, que acabou con vitoria española por 0-1. Xogou tamén no partido contra Italia e o equipo gañou finalmente a medalla de prata, converténdose Otero e Moncho Gil nos primeiros medallistas olímpicos galegos da historia.

A maiores xogou dous partidos amigábeis máis co combinado español, sendo o último o 21 de decembro de 1924 no Estadio de Les Corts en Barcelona, nun partido España-Austria (2-1), sumando un total de catro presenzas internacionais.

Otero xogou ademais varios partidos coa selección galega dende a súa formación en 1922, sendo o seu maior éxito o subcampionato da Copa Príncipe de Asturias de 1923.

LegadoEditar

Mostra da súa gran popularidade é o feito de que foi un dos primeiros futbolistas utilizados como reclamo publicitario, ao anunciar o viño Sansón.​[5] En 1933 a súa carreira foi recoñecida pola Federación Española de Fútbol con la medalla ao mérito deportivo.​ Así mesmo, catro anos despois da súa morte, en 1959, creouse a modo de homenaxe na súa Pontevedra natal o Trofeo Luis Otero que, dende entón, se disputa anualmente nos meses de verán.​ Pola súa parte, o Real Club Deportivo da Coruña honrou a súa memoria cun monólito nas inmediacións do Estadio de Riazor.

NotasEditar

  1. "El pleito de los clubs Deportivo y Celta y la Federación regional de fútbol". La Voz de Galicia (en castelán). 20 de outubro de 1923. 
  2. "Del pleito gallego". Mundo Deportivo (en castelán). 5 de novembro de 1923. Consultado o 27 de outubro de 2020. 
  3. "En busca de los calamares del Otero". La Voz de Galicia (en castelán). 10 de marzo de 2007. Consultado o 27 de outubro de 2020. 
  4. "En recuerdo de Luis Otero". Mundo Deportivo (en castelán). 22 de xaneiro de 1955. Consultado o 27 de outubro de 2020. 
  5. García, Carlos (28 de xullo de 2009). "Bodas de oro del Luis Otero". La Opinión A Coruña (en castelán). Consultado o 27 de outubro de 2020. 

Véxase taménEditar

Ligazóns externasEditar