Estadio Municipal de Riazor

estadio deportivo da cidade da Coruña
(Redirección desde «Estadio de Riazor»)

O Estadio Municipal de Riazor é un estadio público destinado principalmente á práctica de fútbol profesional masculino, situado na cidade da Coruña, inaugurado o 28 de outubro de 1944. Nel, xoga como os seus partidos como local o primeiro equipo masculino do Real Club Deportivo da Coruña.

Estadio Municipal Abanca-Riazor
Riazor en 2008
Datos
Coordenadas43°22′07″N 8°25′03″O / 43.368667, -8.417372
LocalizaciónRúa de Manuel Murguía, s/n 15011
A Coruña, Galicia
Construción
Inauguración28 de outubro de 1944
Renovación1982, 1998, 2018
Arquitecto
Estadio
SuperficieHerba natural
Dimensións105 × 68
Capacidade32.490
PropietarioConcello da Coruña
OperadoraDeportivo da Coruña
LocalíaDeportivo da Coruña (1944–presente)
Eventos
editar datos en Wikidata ]

Ten capacidade para 32.490 espectadores sentados (logo das reformas de 1982, 1998 e 2018) e un terreo de xogo de 105×68 metros.[1] Trátase do estadio con maior capacidade de Galicia. O seu enderezo é Rúa de Manuel Murguía, s/n 15011, A Coruña.

Por motivos de patrocinio, desde 2017 é denominado Abanca-Riazor, mais única e exclusivamente nos partidos que xoga o Deportivo.[2][3]

Historia

editar

Desde 1909 o Deportivo xogaba os seus partidos como equipo local no antigo campo de Riazor, situado nos terreos nos que actualmente se ergue o colexio das Escravas,[4] a escasos metros do lugar onde se levantou o actual estadio inaugurado en 1944.

1.ª Etapa: Proxecto e construción orixinais

editar

Aínda que a idea da construción dun estadio na Coruña levaba anos circulando, esta non se materializou ata a chegada ao concello do responsable de obras públicas José Pérez-Ardá, grande impulsor do proxecto.[5] O concello adquiriu os terreos por unhas 300.000 pesetas, facéndose efectiva a compra o 3 de marzo de 1939.[5]

Así, o proxecto do novo Stadium Municipal foi redactado polo arquitecto Santiago Rey Pedreira en xuño de 1939 e as obras deron comezo o ano seguinte. Durante o proceso de execución, ante a necesidade de resgardar as autoridades das inclemencias atmosféricas, ao proxecto inicial incorporóuselle unha cuberta na zona da tribuna de honra, no ano 1941. A trama urbana que tiña que soportar a construción do estadio correspondíase coa dun trazado de ensanche, en concreto de ampliación do Ensanche, na cal o tamaño dos quinteiros era escaso para aloxar dimensionalmente a instalación deportiva, o que fixo precisa a agregación de tres quinteiros, resultando unha única de formato rectangular. Nela dispúxose un rectángulo de 320 × 130 metros, contornado por unha tapia, co seu eixe principal paralelo á Avenida da Habana, límite norte da Cidade Xardín. No interior do pechamento foran dispostas diversas instalacións deportivas: campo de fútbol, campos de adestramento, campos de hóckey a patíns e tenis, pistas de atletismo, e un frontón descuberto para o xogo de pelota. O Stadium Municipal foi, por tanto, concibido como unha cidade deportiva[6].

A inauguración do novo terreo de xogo produciuse o 29 de outubro de 1944, cun partido entre o Deportivo e o Valencia, no que realizou o saque de honra o directivo e exfutbolista Virgilio, quen disputara como xogador o primeiro partido do vello campo de Riazor en 1909.[5] Os coruñeses caeron derrotados por 2-3, sendo o valenciano Vicente Hernández o autor do primeiro gol no estadio.[7] O enorme tamaño do novo estadio, con capacidade para máis de 60 000 espectadores de pé, permitiu a celebración nas súas instalacións de partidos internacionais, sendo o primeiro deles un España-Portugal celebrado o 6 de maio de 1945, e no que venceu a selección española por 4-2. Do mesmo xeito permitía a celebración de finais de torneos oficiais, sendo a primeira a final da Copa do Xeneralísimo da tempada 1946-47, que enfrontou o Real Madrid e o Espanyol, e que gañaron os primeiros por 2-0.[8]

2.ª Etapa: Reforma para o Mundial '82

editar
 
Estatua conmemorativa do Mundial de 1982.

No ano 1979 o pleno municipal aprobou o encargo da redacción dun proxecto de remodelación, de xeito que servira para abrigar unha das sedes do campionato mundial de 1982. Aínda que no proxecto orixinal a obra afectaba exclusivamente ás bancadas de Tribuna e Marathon, defectos estruturais graves en Preferencia obrigaron tamén ao seu derrubamento e posterior reconstrución, o cal supuxo a remodelación total do complexo. A execución da nova Tribuna foi efectuada nun tempo récord para ser inaugurada co gallo do Trofeo Teresa Herrera en agosto de 1981, comezando as obras en febreiro do mesmo ano[9].

A gran capacidade do campo e as pistas de atletismo que o rodeaban facían de Riazor un campo frío, que nunca se enchía. Con motivo da disputa en España do Mundial de fútbol de 1982 estes problemas paliáronse en parte, debido ás remodelacións necesarias para que o campo puidese aloxar partidos de tan alta competición. Así, a capacidade do estadio viuse reducida a 29 000 localidades, capacidade coa que albergaría tres partidos do Mundial, todos de primeira rolda.

Con motivo de tal evento o recinto foi tamén protagonista dos décimos da lotaría nacional española do 22 de maio de 1982. Curiosamente, a imaxe que del se amosou foi a previa á reforma e non a que aparecería nas cámaras dos media que cubriron aqueles encontros internacionais[10].

Lume en 1991

editar

O 9 de xuño de 1991, poucos minutos despois do comezo do partido de promoción no que o Deportivo se xogaba o ascenso a 1ª división contra o Real Murcia, a cuberta da bancada de Preferencia Superior comezou arder, o que provocou a suspensión temporal do encontro e a evacuación dos seareiros que se atopaban nesa bancada cara ao terreo de xogo. Non houbo que lamentar vítimas e o partido puido ser retomado con vitoria final para o conxunto local. Nos días posteriores, as pescudas sobre o suceso foron incapaces de atopar a bengala que -presuntamente- provocara o lume[11].

Ampliación de Preferencia Superior en 1994

editar

Co ascenso do Deportivo aos primeiros postos da 1ª División a partir do ano 1992 a asistencia de público ao campo aumentou e se fixo necesaria unha urxente ampliación que finalmente se fixo na bancada de Preferencia Superior, foi o que se deu en chamar a bancada dos "exipcios"[12]. Esta bancada sería rapidamente derrubada para acometer as obras de ampliación e peche perimetral das bancadas que se acometerían pouco tempo despois[13].

3ª Etapa: Reforma e ampliación de 1995

editar
 
Vista exterior do estadio.

Na tempada 1995-96, Riazor sofre unha nova remodelación coa finalidade de pechar o recinto polos seus catro costados, pois ata entón tiña forma de ferradura. Primeiramente o terreo de xogo foi recuado ata a bancada de Xeral, a fin de gañar espazo entre o mesmo e o Palacio dos Deportes para poder erguer a bancada que logo se habería chamar de "Pavillón". Unha vez rematado este fondo, procedeuse a derrubar as bancadas de Xeral e Marathon para erguer outra practicamente idéntica en canto estética e dimensións á acabada de construír. Riazor pasaba así a ter todas as súas localidades de asento. Unha vez concluída a obra, o estadio perdería as pistas de atletismo nos fondos, ficando así as dos laterais inutilizadas a pesar de que anos despois as liñas divisorias volverían ser pintadas. Acadáronse 34 600 localidades, todas de asento e foron instalados tamén dous novos e modernos videomarcadores nas cubertas das novas bancadas. Esta obra foi proxectada polo Grupo TAU e executada pola empresa Dragados[14]. Tras o remate desta, do estadio orixinal, conservaríase unicamente a Torre de Maratón[15].

Novo convenio e melloras a comezos do século XXI

editar

O Concello e o Deportivo asinaron no ano 2000 un novo convenio de concesión das instalacións axustado á nova realidade xurídica do club, convertido desde había uns anos en Sociedade Anónima Deportiva. Nel, reflectiuse a posibilidade de que dito acordo podería ser rescindido se o club pasaba a ser controlado por un accionista ou grupo de accionistas maioritarios. Adicionalmente, incluíuse a responsabilidade por parte do RC Deportivo da organización do Trofeo Teresa Herrera, até entón xestionado polo Concello. Os asinantes foron o entón alcalde, Francisco Vázquez, por parte da corporación municipal e Augusto César Lendoiro como máximo responsábel da entidade deportivista[16].

 
DeporTienda.

Coa primeira participación do Deportivo na Liga de Campións da UEFA, chegan tamén as primeiras e (algunhas) obrigadas actualizacións da recente reforma[4]: a construción dos palcos VIP na bancada de Preferencia Inferior, habilitación de zonas especiais para atender os xornalistas tralo remate dos partidos ou substitución dos antigos asentos de plástico de Preferencia Inferior, que carecían de apoio, por outros de maiores dimensións que si o tiñan, foron algunhas das melloras.

En xaneiro de 2001 suprimíronse os valados metálicos que evitaban que os seareiros invadisen o campo[17]. Ese mesmo ano, nos novos locais comerciais resultantes das obras de ampliación na bancada de Tribuna, inaugurouse o 7 de agosto[18] a primeira Deportienda (onde se venden produtos oficiais do conxunto herculino) na esquina máis próxima á praia, e a partir de 2003 un ximnasio coñecido como ZonaFit (xestionado por unha empresa externa, allea a Concello e Deportivo) na esquina oposta da mesma Rúa de Manuel Murguía[19]. Baixo as bancadas de Preferencia Superior e con acceso desde a Avenida da Habana, foron habilitadas oficinas de atención ao socio e de venda de entradas, feito que provocou o abandono das históricas instalacións que para ese fin tiña até entón o club herculino na Avenida da Mariña.

Melloras de 2015 e 2016 e futuro museo

editar

No verán 2015, a directiva acomete melloras parciais das instalacións[20]:

 
Nova faciana após as reformas de 2015.
  • Eliminación das pingueiras nas bancadas que debido a sucesivos temporais danaran a cuberta.
  • Os asentos de Pavillón e Preferencia Inferior foron tratados e repintados «para se amosar como novos» e permitiren a configuración da palabra Dépor e a data 1906, visíbeis co estadio baleiro.
  • Os chanzos de ambas as bancadas foron pintados de gris para mellorar a estética e tratados cun produto antiescorregante para evitar o perigo cando estean mollados.
  • O espazo para discapacitados foi trasladado a Preferencia Inferior, xusto na entrada da porta 27, á que se chega directamente pola rampla da Deportienda.
  • Substitución dos videomarcadores dos fondos por outros máis modernos e de maior tamaño.
  • Instalación de céspede artifical no perímetro do terreo de xogo a fin de ocultar os antiestéticos restos das vellas pistas de atletismo.

O 2 de xullo, pouco despois de ser elixido, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, manifestou tras unha reunión co presidente deportivista Tino Fernández, a súa predisposición a aprobar un hipotético cambio no nome do estadio baixo o patrocinio dunha empresa privada sempre que se respectase ao mesmo tempo o nome orixinal e oficial[21].

O 31 de decembro dese mesmo ano o Deportivo anunciou o peche definitivo do ximnasio ZonaFit (do que asumira tempo atrás a súa xestión) para dedicalo a un futuro museo relacionado coa historia do club[22].

Xa en 2016, foron substituídos todos os asentos das bancadas superiores que formaban franxas brancas e azuis por outros novos, todos eles azuis á semellanza dos das bancadas inferiores. Posteriormente, xa no outono dese ano, foi tamén anovado o sistema de rego e a capa de céspede, obra que non se acometía desde había vinte anos. Unha das razóns que motivou esta obra foi o cumprimento da nova normativa da LFP cara mellorar a calidade das retransmisións televisivas.[23]

Proxecto de 2017 para anovar as cubertas das bancadas

editar

O 3 de xuño de 2017 os concelleiros José Manuel Sande e Xiao Varela presentaron o proxecto de substitución da totalidade das cubertas, logo de que estas padeceran anos de escaso ou nulo mantemento, circunstancia que chegou a provocar o adiamento dun encontro de 1ª División entre o Deportivo e o Real Betis debido a un temporal.[24] O comezo das obras está previsto para maio de 2018.[25]

A anterior corporación local, liderada por Carlos Negreira, xa adxudicara unha obra para unha nova cuberta a Dragados por valor de 2,5 millóns de euros, porén a empresa construtora decidiu renunciar ao contrato por considerar dita cantidade insuficiente.[25]

Patrocinio do nome

editar

O 29 de xullo de 2017, os presidentes da entidade financeira Abanca e máis o RC Deportivo presentaron ante os medios un acordo para a reestruturación da débeda do segundo, que incluía o uso da marca comercial "Abanca" canda a denominación oficial do estadio. O día anterior o alcalde, Xulio Ferreiro, e Tino Fernández deran outra rolda de prensa anunciando os acordos acadados por ambas as partes para continuar coa a xestión da instalación, entre as que se incluía como novidade a posibilidade de agregar un patrocinador.[26]

Eventos futbolísticos

editar

Final da Copa do Xeneralísimo de 1947

editar

En 1947 xogouse a segunda e ata o momento última final da Copa do Rei disputada en Galicia. Os finalistas foron o Real Madrid e o Espanyol, sendo o resultado favorable ao conxunto branco (2-0), que gañou na prórroga.



Mundial de Fútbol de 1982

editar

Con ocasión do Mundial de Fútbol de 1982 organizado en España, Riazor acolleu tres partidos de primeira rolda, especificamente do Grupo A do mundial, a saber: Polonia-Perú, Polonia-Camerún e Perú-Camerún.







Partidos da selección galega

editar

Co renacer da Selección galega de fútbol a comezos do século XXI, o estadio de Riazor converteuse tamén en escenario dalgún dos enfrontamentos da Irmandiña, acollendo os partidos de 2006 e 2008 contra Ecuador e Irán respectivamente. En abril de 2016 o presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, anunciou que a selección había volver aos terreos de xogo cun amigábel fronte a selección de Venezuela en Riazor o 20 de maio dese mesmo ano[27].







Partidos da selección española

editar














Finais da Copa da Raíña de 1984 e 1985

editar

En 1984 xogouse o partido de ida da final a dobre partido da Copa da Raíña. Gañou o Karbo Deportivo fronte ao Añorga Ikastola Amasorrain[28][29]. O Karbo acabaría gañando o torneo malia ser derrotado no partido de volta por 2-1, grazas á vantaxe do partido de ida[29].



Ao ano seguinte volveuse xogar a final en Riazor, pero desta vez a partido único. Gañou o Karbo Deportivo fronte á Peña Barcelonista Barcilona nos penaltis[30][29].



Competicións oficiais europeas de clubs

editar

Eliminatorias da Copa da UEFA

editar

O Deportivo disputou os seus primeiros partidos oficiais como local en competición europea na UEFA Europa League, baixo o anterior formato de eliminatorias coñecido daquela como Copa da UEFA. O primeiro equipo en visitar Riazor sería o danés Aalborg BK. Logo desa histórica tempada 1993-1994 repetiría noutras catro ocasións máis: 1994-1995, 1997-1998, 1999-2000 e 2008-2009.

Eliminatorias da Recopa de Europa 1995-1996

editar

O Deportivo xogou como local as eliminatorias a dobre partido na extinta competición europea. O seu último encontro en Riazor foi nas semifinais, onde caería fronte o futuro campión desa mesma edición, o Paris Saint-Germain FC.

UEFA Champions League

editar

Após a conquista da Liga española na tempada 1999-2000 o Deportivo pasaría xogar durante as cinco tempadas seguintes na máxima competición europea de clubs, usando sempre Riazor como campo local, tanto para as liguiñas como para as eliminatorias a dobre partido.

Liga de Fútbol Profesional e eliminatorias de Copa do Rei

editar

Desde a inauguración de Riazor como campo para abrigar os encontros que o Deportivo xogase como local en competicións oficias, estes tiveron todos carácter profesional agás nas tempadas 1974-1975 e 1980-1981, nas que o conxunto herculino fora descendido a categorías que non gozan de tal consideración, se ben hai que puntualizar que a Liga de Fútbol Profesional non foi constituída xuridicamente como tal até o ano 1984.

A maior goleada encaixada en Riazor en competición ligueira foi un 0-7 contra o Futbol Club Barcelona na tempada 1955-1956 e a maior goleada acadada foi un 10-1 contra a Unió Esportiva Lleida, na 1950-1951[31].

O Deportivo non puido xogar como local en competición oficial en Riazor en febreiro de 1997, despois de que un seareiro lanzara desde a bancada de Pavillón unha moeda que foi impactar na cabeza do árbitro, no final do partido de 1ª división contra o Rayo Vallecano. Este feito provocou que o comité sancionador castigase o Deportivo a celebrar o seu encontro como anfitrión fronte o Club Atlético de Madrid fóra da Coruña. O campo escollido foi o Estadio Multiúsos de San Lázaro.[32]

Presentacións, partidos e torneos amigábeis

editar

Ademais de partidos oficiais, Riazor tamén acolle partidos amigábeis do Deportivo e torneos estivais, como os extintos Conde de Fenosa e Juan Acuña ou o veterano Trofeo Teresa Herrera. Nesa mesma época son tamén habituais as presentacións ante socios e seareiros de novas fichaxes, así como a estrea do primeiro equipo para a tempada entrante[33].

Sede da Copa Mundial de Clubs da FIFA 2001 (cancelada)

editar

A Copa Mundial de Clubs 2001 foi un intento de segunda edición do torneo organizado pola FIFA que foi cancelado. Estaba planeado que se celebrase en España e o Deportivo, como campión da primeira categoría do país organizador sería o equipo convidado e Riazor, por tanto, unha das sedes[34]. O problema foi que se xa na primeira edición o torneo fora acollido con desagrado por un bo número de clubs, o intento de realizar un novo torneo o ano seguinte por parte da FIFA supuxo o golpe definitivo debido á negativa dos clubs a participaren neste campionato. Tras esta cancelación, o 18 de maio de 2001 planeouse pospoñelo para 2003, idea que tamén se desbotou rapidamente[35][36].

Outros eventos

editar

Atletismo

editar

Campionatos galegos

editar

En 1947 disputáronse por primeira vez os campionatos galegos ao aire libre neste recinto. Esta competición volveu en 1948, 1949, 1951, 1952, 1954, 1955, 1957, 1958, 1960 (compartindo sede con Balaídos[37]), 1970, 1973, 1976 e 1978[38].

Campionatos de España

editar

No ano 1946, os campionatos de España de atletismo na categoría xuvenil, entón chamado "Campeonato nacional de atletismo del Frente de Juventudes", foron presididas polo entón xefe do Estado Español, Francisco Franco[39] e celebradas en Riazor. Outros campionatos de España que haberían repetir nestas instalacións, xa en categoría absoluta, serían o de combinadas de 1948 e ao aire libre en 1957, 1958 (sede compartida coas pistas de Anoeta[40]), 1960 (compartidos co Estadi Olímpic Lluís Companys[40]) e 1962[41].

Competicións Internacionais

editar

En 1964, do 6 ao 9 de agosto, celebráronse os XIX Campionatos Mundiais Militares de Atletismo[42].

O 6 de agosto de 1986, nunha Reunión Internacional celebrada nas pistas coruñesas, o marroquí Said Aouita quedou a 47 centésimas de segundo do récord mundial de 5 000 metros que el mesmo ostentaba[43].

De 1987 a 1991 disputáronse cinco edicións do Trofeo Internacional Teresa Herrera, organizado polo Concello coruñés[44][45].

Concertos e actos culturais

editar

Do 20 de xullo ao 10 de agosto de 1967 Riazor foi sede do auditorio itinerante de "Festivales de España", no que se celebrou a "Festa da Cantiga" en lingua galega, correndo o pregón a cargo do entón presidente da Real Academia Galega, Sebastián Martínez-Risco. Tamén se fixeron nese mesmo festival representacións teatrais en castelán, houbo ballet, e interpretouse música folclórica e popular e zarzuelas[46].

O 24 de agosto de 1983, o concerto "El rock de una noche de verano" de Miguel Ríos conseguiu xuntar máis de 18 000 asistentes malia as condicións meteorolóxicas adversas[47], Leño e Luz Casal foran daquela os abreconcertos[48]. Na seguinte semana, o 28 de agosto, un concerto de Julio Iglesias congregaría unhas 15 000 persoas[49].

Os días 9, 10 e 11 de xullo de 1993 tiveron lugar os últimos concertos musicais no estadio. O fondo, que naquel tempo aínda non dispoñía de bancadas para o público, foi ocupado polo escenario no que artistas como Bob Dylan, Neil Young, Sting, Wilson Picket, Robert Plant, Bo Diddley ou The Kinks, entre outros, representaron os seus temas dentro dos actos organizados pola Xunta de Galicia co gallo do Xacobeo, que se estaba a celebrar ese mesmo ano[50].

Afluencia

editar

O Deportivo tivo dúas épocas na súa historia recente de grande afluencia ao estadio de Riazor. A primeira delas, entre os anos 1992–93 e 1996–97, onde a media de entrada se situaba en 25 000 espectadores,[51] para un estadio con capacidade para 29 000. Na segunda etapa, xa cunha capacidade para 35 000 espectadores, o número de socios e de afluencia situábase arredor dos 30 000 espectadores,[52] entre as tempadas 2000–01 e 2003–04.

A asistencia media a Riazor desde 1999 (sen estimacións anteriores) é:[53][54][55]

 
Partido Deportivo-Real Jaén da tempada 2013/14 no que o Deportivo acadou o ascenso á Primeira División.
Tempada Categoría Espectadores Variación en Liga Asistencia máis alta Asistencia total Partidos
1999-2000 Primeira División 27.211 34.600 517.009 19
2000-2001 Primeira División 28.921   6.3% 34.600 549.499 19
Liga de Campións 28.143 - 34.600 197.000 7
2001-2002 Primeira División 29.368   1.5% 34.000 557.992 19
Liga de Campións 28.500 - 34.600 199.500 7
2002-2003 Primeira División 28.079   4.4% 34.600 533.501 19
Liga de Campións 26.127 - 34.600 156.761 6
2003-2004 Primeira División 26.061   7.2% 34.600 495.159 19
Liga de Campións 26.079 - 34.600 156.473 6
2004-2005 Primeira División 21.684   16.8% 34.600 411.996 19
Liga de Campións 17.473 - 28.000 52.418 3
2005-2006 Primeira División 19.105   11.9% 34.000 362.995 19
2006-2007 Primeira División 16.620   13.0% 34.600 315.780 19
2007-2008 Primeira División 17.800   7.1% 34.600 338.200 19
2008-2009 Primeira División 18.316   2.9% 34.600 348.004 19
Copa da UEFA 17.800 - 20.000 71.200 4
2009-2010 Primeira División 18.932   3.4% 34.600 359.708 19
2010-2011 Primeira División 19.984   5.6% 34.600 379.696 19
2011-2012 Segunda División 26.438   32.3% 34.600 555.198 21
2012-2013 Primeira División 29.517   11.6% 34.600 560.823 19

A asistencia a Riazor, xa con datos oficiais facilitados polo club ao remate de cada partido e sobre unha capacidade real de 33.639 espectadores é:

Tempada Categoría Espectadores Asistencia máis alta Asistencia total Partidos
2013-2014 Segunda División 23 871 33 639 417 283 21
2014-2015 Primeira División 21 254 30 334 403 818 19

Proxectos desbotados de novos estadios

editar

Proxecto de Peter Eisenman

editar

En 2003 o presidente Augusto César Lendoiro presentou unha maqueta dun novo estadio de Riazor[56] deseñado polo arquitecto norteamericano Peter Eisenman. O presidente declarou que sería o estadio máis bonito do mundo, de cinco estrelas e que tería unha capacidade de 36 000 espectadores. O proxecto prevía a súa construción enriba do actual estadio, porén as non demasiado boas relacións entre o club e o Concello, así como o alto custo económico fixeron que o proxecto fose deixado de lado.

Proxecto para a candidatura do Mundial de Fútbol de 2018

editar

En 2008, a raíz da candidatura conxunta das federacións española e portuguesa de fútbol para se converteren en sede oficial do mundial de fútbol de 2018, as reivindicacións para a construción dun novo estadio na Coruña víronse avivadas. Deportivo e o Concello presentaron toda a documentación necesaria para postularen A Coruña como unha das sedes do campionato (de feito foi a primeira cidade en facelo) e amosaron o apoio non só do propio Concello senón tamén doutras institucións como a Deputación Provincial e a Xunta de Galicia. Esta candidatura levaba consigo o problema de que Riazor non cumpre os requisitos (por exemplo ter unha capacidade superior aos 40 000 espectadores), o que compromete as institucións a realizaren ben unha remodelación do estadio actual, ou ben a construír un novo estadio,[57][58] tal e como levaba reivindicando Lendoiro nos últimos anos.

O 18 de marzo de 2010, desde o Concello da Coruña presentábase o proxecto de reforma, no suposto de que a cidade fose elixida como sede para o Mundial de fútbol de 2018 ou 2022. O novo estadio tería unha capacidade de 45 000 espectadores e remodelaríase a zona próxima, incluíndo o soterramento das rúas próximas, para crear así unha nova área de lecer na cidade. O custo do proxecto estímase en 170 millóns de euros e o prazo de execución sería dun ano[59]. Finalmente, o fracaso da candidatura e os tempos de crise económica, tanto do país como do propio club, fixeron que esta idea tivese que ser desbotada[60].

Galería de imaxes

editar
  1. "Estadio ABANCA-RIAZOR". Páxina Oficial do R.C. Deportivo da Coruña. Consultado o 2021-03-07. 
  2. "ABANCA financia al Dépor para reestructurar su deuda y construir un proyecto más sólido y competitivo". comunicacion.abanca.com (en castelán). Consultado o 2017-08-04. 
  3. "El Deportivo pide usar el nombre «como un activo más» de Riazor". La Voz de Galicia (en castelán). 6 de marzo de 2023. 
  4. 4,0 4,1 "Riazor: Historia". canaldeportivo.com. Arquivado dende o orixinal o 07 de marzo de 2016. Consultado o 2016-02-26. 
  5. 5,0 5,1 5,2 "El Estadio Municipal de Riazor". El Ideal Gallego (en castelán) (8786). 29 de outubro de 1944. p. 5. Consultado o 6 de abril de 2024. 
  6. López González, Cándido; Carreiro Otero, María. "La identidad del lugar: La manzana del deporte en Riazor". upc.edu. Arquivado dende o orixinal o 04-03-2016. Consultado o 26-02-2016. 
  7. "#ANosaHistoria: #ANosaCasa cumpre 75 anos". 29 de outubro de 2019. Consultado o 6 de abril de 2024. 
  8. "Información deportiva". ABC (en castelán). 24-6-1955. Consultado o 24-5-2016. 
  9. Revista do CSIC: Estadio Municipal de Riazor / La Coruña
  10. "Décimo de Lotería Nacional de 1982 - ESTADIO RIAZOR. LA CORUÑA". nacionalloteria.es. Consultado o 27-02-206. 
  11. M. Piñeiro | La Voz de Galicia (9 de xuño de 2015). "Cando o Deportivo queimou as meigas". Arquivado dende o orixinal o 03-03-2016. Consultado o 26-02-2016. 
  12. "Fútbol / 1994: Toda una Liga en un penalti". Deportes con Historia. Consultado o 27-02-2016. 
  13. C. Fernández. La Voz de Galicia (7 de xuño de 2001). "Riazor, del olimpismo alemán al estilo inglés". Arquivado dende o orixinal o 04-03-2016. Consultado o 27-02-2016. 
  14. "Ampliación Estadio Riazor". Grupo TAU. Consultado o 27-02-2016. 
  15. Concello da Coruña. PXOUM 2013. "Fichas de elementos patrimoniales"
  16. "Texto íntegro del convenio entre el Ayuntamiento y el Club". canaldeportivo.com. Arquivado dende o orixinal o 07-03-2016. Consultado o 26-02-2016. 
  17. Jacobo Mosquera. Vavel (27 de xaneiro de 2014). "13 años sin vallas en Riazor, 13 años sin fútbol en cuadrículas". Consultado o 27-02-2016. 
  18. CanalDeportivo.com (7 de agosto de 2001). "Resumen de prensa: La presentación y la Deportienda". Consultado o 26-02-2016. 
  19. La Voz de Galicia | Hemeroteca Web (7 de xullo de 2003). "El Ayuntamiento paraliza unas obras del Deportivo en los bajos de Riazor". Arquivado dende o orixinal o 04-03-2016. Consultado o 26-02-2016. 
  20. La Voz de Galicia: "Dos enormes videomarcadores destacan en el lavado de cara de Riazor"
  21. La Opinión A Coruña (30 de xullo de 2015). "El Concello, abierto a autorizar un patrocinio para el estadio". Consultado o 28-02-2016. 
  22. La Opinión A Coruña (18 de novembro de 2015). "Cierra Zona Fit, donde el club pretende ubicar un museo histórico". Consultado o 26-02-2016. 
  23. "Comienzan las obras de sustitución del césped y del sistema de riego de Riazor". La Voz de Galicia (en castelán). 2016-10-03. Consultado o 2017-06-04. 
  24. "Temporal.- Suspendido o partido Deportivo-Betis polo desprendemento de parte da cuberta de Riazor". Galicia Confidencial. Consultado o 2019-12-30. 
  25. 25,0 25,1 Gutiérrez, Jose Manuel (03-06-2017). "La prolongación de Preferencia aumentará un 17% el coste de las cubiertas de Riazor". Consultado o 2017-06-04. 
  26. Real Club Deportivo da Coruña (2017-06-28). "Rueda de prensa de Tino Fernández y Xulio Ferreiro. 28.06.2017". Consultado o 4-8-2017. 
  27. "A selección galega volverá en Riazor con Fran e Míchel Salgado de adestradores - Praza Pública". Praza Pública. Consultado o 2016-04-15. 
  28. "La Voz de Galicia". A Coruña. 4 de xuño de 1984. p. 22. 
  29. 29,0 29,1 29,2 El Karbo, pioneras también en Riazor La Opinion A Coruña. 3 de febreiro de 2020
  30. "La Voz de Galicia". A Coruña. 24 de xuño de 1985. p. 20. 
  31. "Palmarés blanquiazul". Canal Deportivo. Arquivado dende o orixinal o 05 de marzo de 2016. Consultado o 27 de febreiro de 2016. 
  32. Xosé Hermida. El País (13 de febreiro de 1997). "Silva promete fútbol ofensivo en el Deportivo". Consultado o 27-02-2016. 
  33. Eugenio Cobas. La Opinión A Coruña (6 de agosto de 2015). "Más de 3.000 aficionados dan la bienvenida a los últimos fichajes". Consultado o 28-02-2016. 
  34. Fernández, Jose M. (6 de marzo de 2001). "El sorteo del Mundial de Clubes premia a Riazor con un Dépor-Boca". La Voz de Galicia. Arquivado dende o orixinal o 05-03-2016. Consultado o 29-02-2016. 
  35. "Copa Mundial de Clubes de la FIFA 2001". Wikipedia en español. Consultado o 29-02-2016. 
  36. Pérez, Juanan (18 de decembro de 2014). "El (no) Mundial de Clubes España 2001". ABC. Arquivado dende o orixinal o 07-03-2016. Consultado o 29-02-2016. 
  37. "CAMPEONES GALLEGO ABSOLUTOS HOMBRES AIRE LIBRE 1960" (PDF). atletismogalego.com. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 13-01-2015. Consultado o 28-02-2016. 
  38. "Información Estatística do Atletismo Galego". atletismogalego.com. Arquivado dende o orixinal o 05-03-2016. Consultado o 28-02-2016. 
  39. Rodríguez Mateos, Araceli (2008). Un franquismo de cine: la imagen política del régimen en el noticiario NO-DO (1943-1959). Rialp S. A. ISBN 978-84-321-3671-9. Arquivado dende o orixinal o 10 de marzo de 2016. Consultado o 26 de febreiro de 2016. 
  40. 40,0 40,1 "Campeonatos de España absolutos al aire libre" (PDF). RFEA.es. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 04-08-2017. Consultado o 28-02-2016. 
  41. "Campionatos nacionais celebrados en Galicia" (PDF). atletismogalego.com. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 07-03-2016. Consultado o 28-02-2016. 
  42. ABC (14 de marzo de 1964). "Los XIX Campeonatos Mundiales Militares de Atletismo, en La Coruña, del 6 al 9 de agosto". Consultado o 27-02-2016. 
  43. Agencias. El País (7 de agosto de 1986). "Said Auita se quedo a 47 centésimas de su récord mundial en la reunión internacional de La Coruña". Consultado o 28-02-2016. 
  44. Atletas de Jaén (10 de xullo de 2012). II Trofeo de Atletismo Internacional Teresa Herrera, A Coruña 1988 Final 1500 (YouTube). 
  45. Trisquel 47. LUIS NOGUEIRA en el V Trofeo Teresa Herrera de Atletismo, Riazor 1991 (Vimeo). 
  46. Hemeroteca do xornal ABC (21 de xullo de 1967). "La Coruña, en fiestas". Consultado o 26-02-2016. 
  47. "Veinte años después del “Concierto de los Mil Años”". diariodearousa.com. Arquivado dende o orixinal o 09-03-2016. Consultado o 26-02-2016. 
  48. Pereira, Nonito. "HISTORIA E HISTERIA DEL "ROCK DE UNA NOCHE DE VERANO" EN EL ESTADIO MUNICIPAL DE RIAZOR DE ACORUÑA". Todo Música & Más. Consultado o 26-02-2016. 
  49. Rivas, Manuel (29 de agosto de 1983). "Julio Iglesias cantará en beneficio de los damnificados del norte de España". Consultado o 26-02-2016. 
  50. "Losada dice que nadie pidió hacer conciertos en el estadio de Riazor". lavozdegalicia.es. 
  51. "O deportivismo, unha afección cos pés no chán". Arquivado dende o orixinal o 11 de novembro de 2009. Consultado o 20 de xuño de 2010. 
  52. A polos 32.000 socios
  53. Asistencia en España
  54. Asistencia en Liga de Campeones
  55. Asistencia en UEFA
  56. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 23 de setembro de 2015. Consultado o 01 de xaneiro de 2009. 
  57. "A CORUÑA. Novo Estadio de Riazor - Page 9 - SkyscraperCity". www.skyscrapercity.com. Consultado o 2019-12-30. 
  58. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 23 de setembro de 2009. Consultado o 16 de setembro de 2009. 
  59. Axencia EFE (18 de marzo de 2010). "La remodelación de Riazor costará 170 millones de euros". Diario Marca. Consultado o 2016-02-26. 
  60. Miranda, C. (8 de decembro de 2010). "Quieren reparar Riazor antes del 9 de enero". Diario As. Consultado o 26-02-2016. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Martínez Suárez, Xosé Luís; Casabella López, Xan (1989). Catálogo arquitectura. A Coruña 1890-1940. COAG. pp. 226–227. ISBN 978-84-85665-09-9. 

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar