A Liga de Campións da UEFA 2001-02 foi a edición número 47 na historia desta competición. Disputouse entre xullo de 2001 e maio de 2002, coa participación inicial de 72 equipos, representantes de 48 federacións nacionais diferentes.
A primeira fase de grupos da competición deu comezo en setembro de 2001, con 32 equipos, e a segunda fase de grupos comezou en novembro de 2001 con 16 equipos. O campión final do torneo foi o Real Madrid, que bateu por 2 goles a 1 ó Bayer Leverkusen alemán. A final disputouse no estadio Hampdem Park de Glasgow o 15 de maio de 2002. Era a 3ª ocasión na que a final da máxima competición continental se disputaba neste recinto, tralas finais de 1960 e 1976. Para o Real Madrid esta vitoria supuxo a súa novena conquista da máxima competición europea.
Nesta primeira fase de grupos competiron 32 equipos. A metade deles xa estaban clasificados directamente para esta fase polas boas participacións nas súas competicións nacionais na anterior tempada. Os outros 16 equipos participantes nesta primeira fase de grupos tiveron que pasar polas roldas previas de clasificación, (entre 1 e 3 roldas previas segundo o nivel da liga de cada equipo). Algúns dos equipos que tiveron que pasar polas roldas previas foron o FC Barcelona, o FC Porto, o Bayer Leverkusen, o Liverpool FC, o Borussia Dortmund, o SS Lazio, o Panathinaikos, o RSC Anderlecht, o Celtic FC ou o Mallorca. Esta fase disputouse entre setembro e outubro.
No grupo C houbo un empate a puntos entre o Arsenal FC e o RCD Mallorca que se desfixo polos enfrontamentos particulares entre os dous equipos: Mallorca 1-0 Arsenal; e Arsenal 3-1 Mallorca; favorecendo ó conxunto inglés. No grupo B Boavista FC e Borussia Dortmund empataron a puntos, e nos seus enfrontamentos particulares cada equipo gañou ó outro por 2-1 na súa casa, así que o desempate fíxose pola diferenza total de goles no grupo.
A esta segunda fase de grupos pasaron os 2 primeiros equipos de cada grupo da primeira fase. Esta fase, chamada fase de oitavos de final, foi o chanzo previo ás eliminatorias finais polo título, en concreto ós cuartos de final. Os primeiros encontros foron en novembro, e os derradeiros en marzo.
No caso do grupo B, Liverpool FC e AS Roma remataron empatados a puntos, e o equipo que se clasificou para disputar os cuartos de final foi o Liverpool FC xa que non seus enfrontamentos particulares o club inglés venceu na súa casa por 2-0, e no encontro disputado en Roma os dous equipos empataron a 0.
Os equipos que a disputaron foron o Real Madrid e o Bayer Leverkusen. Para o Real Madrid esta era a súa 12ª presenza na final da máxima competición continental, mentres que para o Bayer Leverkusen esta era a primeira. O feito de que o Real Madrid fose o club máis laureado da historia das competicións europeas, e de que o Bayer Leverkusen fose un club que nin tiña unha soa Bundesliga no seu palmarés, facía que esta final tivese de antemán un favorito moi claro.
O colexiado que arbitrou a final foi o suízo Urs Meier.
Na primeira metade, o dominio do balón correspondeulle ó Real Madrid cun 54% do tempo, aínda que o conxunto branco fixo 5 disparos á portería contraria, os mesmos que fixo o Bayer Leverkusen. O primeiro gol non se fixo agardar. No minuto 8 o Real Madrid abriu o taboleiro da man de Raúl González, e o Bayer Leverkusen fixo a igualada tan só 5 minutos despois cando o defensa brasileiro Lúcio rematou un balón de cabeza. Cando semellaba que o encontro chegaba co empate ó descanso, unha xogada do Real Madrid acabou cun remate acrobático do francés Zinedine Zidane que entrou na portería de Butt facendo o 2-1.
Na segunda metade do encontro o Bayer Leverkusen tivo un 58% de posesión do balón, e fixo 8 disparos por 2 do Real Madrid, pero non acadou o gol que precisaban. No minuto 68 o porteiro do conxunto español César lesionouse nunha perna, e Vicente del Bosque tivo que facer o troco de porteiro, dándolle entrada a Iker Casillas, que nos minutos restantes tivo que facer numerosas paradas para salva-lo encontro.
A final rematou co 2 a 1 da primeira metade.
Era a novena vez que o Real Madrid gañaba o título de campión de Europa.