Goberno Militar de Pontevedra

edificio ecléctico en Pontevedra

O Goberno Militar de Pontevedra é un edificio de finais do século XIX na cidade de Pontevedra deseñado polo arquitecto Alejandro Sesmero.

Goberno Militar de Pontevedra
Fachada principal á beira do Parque das Palmeiras
Edificio
Nome inicialGrupo Escolar Eduardo Vincenti
EnderezoPaseo de Cervantes, 3
LocalizaciónPontevedra
Coordenadas42°25′46″N 8°38′49″O / 42.429527777778, -8.6468333333333
PropietarioMinisterio de Defensa de España
Uso(s)Sede da Subdelegación de Defensa na provincia de Pontevedra
Construción
Inicio1889
Construción1892
Remate1892
Dimensións
Plantas2 (planta baixa + 1 andar)
Equipo
Arquitecto(s)Alejandro Sesmero
ContratistaJosé Cons Estévez
editar datos en Wikidata ]

Localización

editar

O edificio está situado no límite sueste do Parque das Palmeiras no centro de Pontevedra.

Historia

editar

En 1879 o alcalde de Pontevedra Alejandro Mon Landa propuxo crear unha casa escola para agrupar as escolas de instrución primaria da cidade. En 1882 o arquitecto Alejandro Sesmero presentou o deseño. Debido a que se considerou que o orzamento era demasiado elevado, a execución do proxecto sufriu un importante atraso. A finais de 1885 o alcalde José López Pérez retomou o proxecto e Sesmero retocouno para rebaixar o orzamento. En setembro de 1887 aprobouse a construción do edificio no antigo campo da feira de San Xosé.[1]

As obras adxudicáronse ao construtor José Cons Estévez e empezaron en 1889[2] e concluíron en abril de 1892. O edificio inaugurouse como escola en agosto de 1892. En setembro dese ano iniciouse no edificio, que se denominou Grupo Escolar Eduardo Vincenti (popularmente Grupo Escolar Las Palmeras), o curso académico de todas as escolas graduadas da cidade reunidas.[3]

O edificio funcionou provisionalmente como Hospital de Campaña no período comprendido entre a derriba do Hospital de San Xoán de Deus da praza de Curros Enríquez e a construción do Hospital Provincial de Pontevedra (1896-1897). Desde 1898[4] o edificio acolleu a Brigada Topográfica do Goberno Militar de Pontevedra ata que en 1909 foi devolto ao concello. Con todo, o concello de Pontevedra cedeu definitivamente ao Exército o edificio para uso militar en 1913 como sede do Goberno Militar da provincia de Pontevedra.[3]

O 19 de xuño de 1995 o Goberno Militar de Pontevedra transformouse na Delegación de Defensa da provincia de Pontevedra.[5] Algúns anos despois, por orde do 7 de novembro de 2003 a Delegación de Defensa de Pontevedra converteuse como na maioría das capitais provinciais españolas en Subdelegación de Defensa da provincia.[6]

Descrición

editar

O edificio foi deseñado inicialmente polo arquitecto Alejandro Sesmero cunha soa altura para evitar as caídas dos nenos ao subir e baixar escaleiras.[1]

Trátase dun edificio de planta rectangular e alongada no que predominan as liñas horizontais. Consta de planta baixa e primeiro piso e tres corpos na fachada principal. Os vans teñen recercados planos rematados en arcos rebaixados. O corpo central está lixeiramente máis avanzado e decorado que os laterais. Na entrada principal destaca o balcón de pedra no primeiro piso apoiado en dúas columnas con capiteis de orde toscana que sosteñen un entaboamento liso.[7]

A fachada traseira ten un deseño similar ao da fachada principal pero ten un corpo central saínte no lugar da balconada e da entrada porticada ao edificio. Está rodeada dun espazo con árbores e xardíns de uso privado para o ministerio de Defensa.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Fontoira Surís, Rafael (2009). Pontevedra monumental. Pontevedra: Deputación de Pontevedra. p. 424. ISBN 9788484573272. 

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar