Mosteiro de San Salvador de Lérez

construción relixiosa en Lérez, Pontevedra
(Redirección desde «Mosteiro de Lérez»)

O mosteiro de San Salvador de Lérez foi un convento construído na Idade Media na parroquia de Lérez, en Pontevedra. Nel celébrase cada 11 de xullo (día de san Bieito) a romaría de San Benitiño de Lérez.

Mosteiro de San Salvador de Lérez
Mosteiro de San Salvador de Lérez
PaísEspaña
LocalizaciónLérez (Pontevedra)
Coordenadas42°26′57″N 8°37′56″O / 42.44916667, -8.63222222Coordenadas: 42°26′57″N 8°37′56″O / 42.44916667, -8.63222222
EstiloBarroco
editar datos en Wikidata ]

Situación editar

Está situado na beira norte do río Lérez, preto xa da súa desembocadura. O lugar recibe, segundo os documentos, o nome de Espinareto, Espinedelo, Canoso ou A Porta da Coxa.

Historia editar

 
Vista da igrexa.

A primeira mención documental do mosteiro é do ano 915 ou 916, cando Ordoño II e a súa dona Xelvira fan doazón do couto ao abade Guntano[1], así como diversos ornamentos relixiosos, misais e un exemplar da Regra de San Bieito. A fundación do mosteiro foi feita na honra de San Salvador, a Virxe María, San Miguel Arcanxo, Santiago o Maior, San Tirso, San Lourenzo, San Mamede, Martiño de Dumio, Santa María Magdalena e Santa Engracia.

Nunha inscrición na parede sur da igrexa aparece Honore Sancti Salbatoris et Sanctae Marie et Marina, Pelagio, Gontato et Bria fratres.

A doazón feita por Ordoño II foi posteriormente confirmada por Afonso VII, Afonso XI e Sancho IV.

En 1113, debido ás tensións entre o arcebispo Xelmírez e Mauricio, arcebispo de Braga, o convento foi elixido para consagrar a Hugo como bispo de Porto e a Munio Afonso como bispo de Mondoñedo.

No mesmo día en que entrou o bispo de Santiago en Lérez, isto é, o sábado antes do Domingo de Paixón, celebrou misa o Arcebispo e elevou ó grao de presbítero a Hugo, arcediago de Santiago. O día seguinte, o Domingo da Paixón, reuníronse na igrexa de Lérez os cóengos de Santiago, a saber, o Bispo, pai dos cóengos, o cóengo Arcebispo de Braga, os bispos de Ourense e de Tui, os electos de Mondoñedo e de Porto, todos os cales eran cóengos do Santo Apóstolo, e tamén outros cóengos venerables. Oh Deus! E que lumieiras do Cabido Composteláns tan respectables iluminaron entón a igrexa de Lérez, que tanto nome acadou aquel día! Logo o Arcebispo celebrou solemnemente a misa con asistencia de ditos bispos e, tendo indagado suficientemente o referente ao acto, consagrou os electos. O bispo desta sé apostólica, despois de celebrar misa, visitou unha quinta súa, a saber, Guxilde, sita na amenidade dun val xunto a Lérez, e levou consigo ao bispo de Ourense. Na igrexa de Lérez mandou que se obsequiase esplendidamente ao Arcebispo, o mesmo que aos dous bispos recentemente promovidos á dignidade episcopal e a todos cantos quixo, como quen sabía que ao dador alegre ama Deus. Naquel mesmo día, trataron largamente Arcebispo [de Braga] e Bispo da igrexa de Santiago sobre a confederación para a paz, sobre a utilidade das igrexas, e tamén sobre diversos asuntos tocantes ás Dioceses de Ourense e Tui, dos que había disensión entre os bispos de ditas sés.

Dado o valor das rendas obtidas e o bo ambiente respirado no mosteiro, o convento de Lérez foi unha peza cobizada polos abades comendatarios. O Pai Yepes describe a situación:

Pero con auer los Reyes assegurado este Monasterio con tantas mercedes, y libertades, no se pudo defender de Abades comendatarios, y seglares, que fue la langosta, con que permitio nuestro Señor, que la fertil heredad de la Orden de San Benito, se destruyese, porque muchos dellos sin conciencia, y sin temor de Dios, de la Abadía que tenian a su cargo, disponian della, como si fuera propia, gastandola no en servicio del Convento, sino destruyendola entre otros seglares: assi esta casa siendo fundacion Real, y con aversele aficionado tanto el Rey don Ordoño el Segundo, estos Abades camendatarios dieron tan buena cuenta della, que la dexaron en los huessos, y para que no se acabasse de perder, en tiempo que reinaua en España el Emperador don Carlos Quinto, el año de 1540, se vnio este Monasterio a la Congregacion de San Benito el Real de Valladolid, siendo General fray Alonso de Toro, que fue reelecto muchas vezes como en aquel tiempo se vsaua.
Pai Yepes: Crónica General de la Orden de San Benito, Patriarca de Religiosos
 
Detalle da fachada.

No século XVI foi reconvertido en Estudio para os monxes da orde de San Bieito da rexión, trala unión coa congregación de San Benito de Valladolid en 1575. En 1657 converteuse en colexio, e en 1661 en Colexio de Artes para os futuros monxes. Por el pasaron, ben como mestres ben como alumnos, persoeiros como Benito Feijóo, Martín Sarmiento, Diego de Lerma ou Benito de Salazar.

No Trienio Constitucional (1820-1823) foron vendidos os utensilios de cociña e refectorio e os aveños de frades e estudantes. En 1835, coa Desamortización de Mendizábal, os monxes foron exclaustrados de modo definitivo, coa venda das súas posesións. A finais do século XIX o Padre Juan Arribas axudado polos monxes do mosteiro de Samos intentou rehabitalo, así como o arcebispo Quiroga Palacios na década de 1950, pero sen resultado.

Igrexa editar

 
Interior do templo.

A igrexa actual, do século XVIII, é de estilo neoclásico con elementos barrocos. Ten unha soa nave rectangular, abríndose na capela de San Bieito. A fachada, rematada en 1748, ten un corpo central con dúas torres cadradas aos lados, rematadas nun casquete cónico con fiestras semicirculares. Sobre a porta principal hai unha imaxe de San Bieito cun libro, o báculo, unha mitra e un corvo. Tamén está na fachada o escudo de España da época.

No interior a bóveda está sostida por arcos que repousan sobre seis pilastras. O coro está sostido por tres arcos. Á dereita hai un altar coas imaxes de San Roque, Santa Lucía e San Sebastián. Despois da porta que dá ao exterior, hai outro altar coas imaxes do Neno da Bóla, a Virxe do Carme e Santo Antón. No altar maior está o Sagrario, co Salvador e a Asunción de María. Á esquerda deste altar está o de Cristo.

Á capela de San Bieito accédese a través dun arco de medio punto. Ten tres fiestras e dúas portas, que conectan co exterior e coa sancristía. A carón desta capela está o altar do Sagrado Corazón.

Economía editar

O mosteiro recibiu diferentes doazóns, ben de tipo piadoso, ben como exención de impostos. Ademais da doazón de Ordoño II hai documentación de doazóns e confirmacións por parte de Afonso X, Fernando IV, Afonso XI e os Reis Católicos.

En 1338 Afonso XI ordena ao concello de Pontevedra: "Por que vos mandamos [...] que daquí delante que non vayades nin enbiedes a los cotos del dicho monasterio a cortar llena nin madera, nin tomedes nin preyndedes vos nin outros por vos, nin mandedes tomar nin prender a los dichos abbat et conviento, nin a los sus omes nin a los que estudieren en el dicho monesterio e en los sus cotos, las cosas que tienen en el dicho monesterio nin en los sus cotos por las dichas cocharadas et portagens nin por outra rason alguna...".

Ademais das doazóns de bens ou terreos, tamén había doazóns económicas. No século XIV o mosteiro tiña 16 casas en Pontevedra. En 1517 o abade encargou ao prateiro compostelán Lope Muñiz un cáliz de prata de 60 ducados.

Ademais da explotación directa das terras, as rendas dos foros tamén achegaban substanciosos beneficios. Estás rendas podían ser fixas (ben en cartos, ben en cereais, viño ou outros produtos), ou proporcionais (a maioría, que oscilan entre a metade e a terceira parte da colleita). Por exemplo, o foro da parroquia de Dorrón (Sanxenxo) de 1684 estipulaba que se debía pagar cada ano 38 ferrados de pan mediado, 10 de trigo, 11 reais de billón, moeda de billón, un carneiro, dúas galiñas e a loitosa, a pagar na Granxa do mosteiro en Dorrón o día de San Martiño.

Tamén tiñan dereitos sobre a pesca no río Lérez. En 1707 unha confraría pontevedresa solicita ao abade de Lérez autorización para que un mariñeiro pesque no río, e que o peixe recollido sirva para atender as dúas funcións que ía celebrar dita confraría.

Galería de imaxes editar

Notas editar

  1. Copia notarial conservada no Arquivo Histórico Nacional de Madrid

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar